11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia"Aquí e agora" é a nova campaña da Deputación para apoiar ao...

    “Aquí e agora” é a nova campaña da Deputación para apoiar ao comercio local

    Os tres grandes eixos de “Comercio local aquí e agora” son a sostibilidade, o seu peso dentro da nosa economía e a seguridade dos establecementos

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou hoxe a nova campaña coa que a institución provincial volve amosar unha vez máis o seu constante apoio aos comercios locais e de proximidade, especialmente nuns tempos tan duros para o sector. Carmela Silva asegurou que “incidimos na importancia de incentivar o consumo nos nosos comercios para revitalizar a nosa economía e así xerar riqueza e emprego”. O lema da campaña é “Comercio local aquí e agora”, e con ela a Deputación “anima a veciñanza e persoas que nos visitan a que merquen nas tendas de proximidade, prazas e mercados das nosas vilas e cidades, e a que aposten polo produto e polas marcas locais”. A campaña, ademais, pon en valor a atención próxima e trato afable que ofrecen os nosos establecementos.

    A nova acción de apoio ao comercio local está baseada en tres eixos fundamentais: a sostibilidade, a importancia e a seguridade. En canto ao primeiro punto, Carmela Silva lembrou que “apostar polo comercio local é apostar polo consumo responsable e a conservación do noso territorio, xa que mercando nas tendas dos nosos barrios velamos polo medio ambiente ao evitar desprazamentos prexudiciais para o medio ou envíos desde outras zonas do planeta”. No que ten que ver coa importancia destes comercios, a presidenta lembrou a existencia na provincia de “5 denominacións de orixe, unha ducia de indicacións xeográficas protexidas, e tamén a extraordinaria calidade dos nosos produtos do mar e da terra e de industrias como o téxtil”, así como o feito de que na provincia está “o 36% dos pequenos e medianos negocios de toda Galicia, 11.000, polo que teñen un enorme peso. A súa recuperación precisa do compromiso de todas e todos”. Do mesmo xeito, a campaña pon o foco na seguridade dos comercios, “que tomaron todas as medidas para garantila e agora somos nós quen nos poñemos do seu lado”.

    Comercio local aquí e agora”, que se difundirá a partir deste venres a través das canles institucionais da Deputación de Pontevedra así como en medios impresos, dixitais e radiofónicos, está composta por unha serie de mensaxes nas que se incide nos conceptos aquí (o que mercas xera riqueza aquí, aquí é onde podes atopar os produtos locais, telo aquí sen necesidade de desprazamentos prexudiciais para o medio, aquí atoparás o trato afable da nosa xente) e agora (agora é o momento de apoiar o noso comercio, o que mercas gózalo agora sen necesidade de esperar envíos, agora podes gozar da experiencia de percorrer os nosos locais e gozar dos produtos de proximidade).

    Esta nova iniciativa da Deputación é a continuación doutras accións de apoio ao comercio local, que como valorou a presidenta provincial “vén de lonxe”. Entre elas están as campañas “Pontevedra provincia na túa cesta”,  “Elixe comercio local”, “Agora máis que nunca non perdas a proximidade” ou as accións anuais de apoio ás mulleres que desenvolven traballos no sector primario “Elas son a forza do Nadal”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.