Domingo, 8 Xuño de 2025

Gondomar presenta o seu ciclo de teatro de outono

0

O Concello de Gondomar presentou o seu ciclo de outono de teatro dentro da súa programación Gondocultura Outono 2022.

Este ciclo que consta de cinco representacións teatrais, terá lugar no Auditorio Municipal Lois Tobío.

A primeira das obras representadas, o 15 de outubro ás 21:00 horas, será “Que mujer prodigio soy”, da compañía “Dramaturgas de oro”, e toca parte da vida e obra de Sor Juana Inés de la Cruz, María de Zayas Sotomayor e Ana Caro Mallén, no marco dunha competencia por ser as mellores e a elexida para escribir unha peza encargo da coroa.

O 5 de novembro ás 21 horas será o turno da peza “Papagena” unha ópera electrónica nacida a partir da figura da personaxe homónima da Frauta Máxica de Wolfgang Amadeus Mozart. Unha produción para analizar e re-escribir esta personaxe dende unha mirada actual e en base a dun dos maiores procesos de avance político-social dos últimos tempos: a loita contra o sexismo.

O 13 de novembro ás 12:00 horas a compañía catalá Xiriquitela Teatre coa sua obra “Laika” nos sumerxe na Moscova durante a Guerra Fría e en plena carreira espacial. A cadeliña Laika sobrevive polas rúas da xeada cidade. Nada lle fai sospeitar que o seu destino levaraa ao espazo dentro do Sputnik ll e pasará á historia da humanidade. Será o primeiro ser vivo en orbitar ao redor da Terra pero tamén unha vítima máis das loitas de poder doutros.

Un espectáculo para todos os públicos, recomendado a partir dos 4 anos, que nos fala das marabillas do ceo pero tamén das inxustizas da Terra.

A compañía Mevadeus fará parada en Gondomar o 18 de novembro ás 21:00 horas coa peza titulada “Outrora nós”, na que catro xoves, pertencentes á xeración Z, fan unha viaxe entre pasado e presente coa premisa de saber: Quen seríamos nós outrora nós?

O amor e a tradición son o fío condutor desta experiencia escénica que se pregunta de que maneira o desexo de amar e ser amados nos forma, nos conforma ou nos deforma.

“Backup, a resurrección de Nuno” entrará en escea o 19 de novembro ás 21:00 horas da man de Ste Xeito Produccións. A Resurrección de Nuno é unha “Comedia post Mortem” que nos amosa, a través dun humor acedo, unha posibilidade propia da ciencia ficción pero que sen embargo xa está a tocar a nosa porta na actualidade.

Que sucedería se puidésemos resucitar a alguén amado? Canto tempo pasará ata que os segredos enterrados co finado saian á luz? Que cambios provocará saber toda a verdade? Serán quen de saír reforzados como familia ao aceptar as súas imperfeccións e disfuncionalidades?

Por último o 27 de novembro ás 20:00 horas e pechando este ciclo de outono, Artesacía presentará a sua peza teatral “Illas Desertas”, que nace como resposta a un mundo competitivo que só sabe camiñar nunha única dirección: a de facernos produtivas. O espectáculo propón unha travesía cara a nada, ancorada na narrativa e na poesía audiovisual onde o público é parte activa da peza. Illas Desertas é unha experiencia inútil, unha viaxe cara á nada, un canto ao fracaso, unha conquista do inútil, unha viaxe interior. É habitar, abrir, reencontrarse con eses territorios ignotos que nos habitan interiormente e que buscan saír á boia cando a vida nos sacude, cando nace ese baleiro que o material non pode encher. Por que non roubarlle tempo á morte con esta aventura?

As entradas, que oscilan entre os 2,50 e os 3,50 euros poderán adquirirse dende mañá mércores 12 de outubro na taquilla electrónica do Concello de Gondomar: www.taquilla.concellodegondomar.gal.

As sesións dos dias 5 e 19 de novembro serán gratuítas, previa retirada de invitación na mesma taquilla electrónica.

Na presentación do ciclo o rexedor local, Paco Ferreira destacou que “Gondomar e xa un referente cultural a nivel nacional, e no caso do teatro e das artes escénicas en xeral, hai moi poucos concellos en Galicia e España que poidan presumir de ter unha programación estable tan ampla e variada como a que ten Gondomar”. O alcalde quixo aproveitar a ocasión para salientar “a calidade excepcional das obras que se van representar durante estes máis de dous meses”.

Comeza a actividade extraescolar de Inglés para a obtención do Trinity financiada por Mos

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, acompañaron ao alumnado do colexio de Petelos no seu primeiro día da actividade extraescolar de Inglés financiada polo Concello de Mos que comeza esta semana nos 5 CEIPs públicos do municipio.

No CEIP de Atín-Cela participan da iniciativa un total de catro grupos; 1º, 2º, 3º e 4º, 5º e 6º cursos (total 50 nenos). No CEIP de Petelos, 3 grupos; 1º e 2º, 3º e 4º, 5º e 6º (total 42 nenos). No CEIP Mestre Martínez Alonso, 4 grupos; 1º, 2º, 3º e 4, 5º e 6º (total 44 nenos), no CEIP Pena de Francia son 4 grupos; 1º, 2º, 3º e 4º, 5º e 6º (total 54 nenos) e no CEIP Mestre Valverde Mayo son 3 grupos de 1º e 2º, 3º e 4º, 5º e 6º (total 43 nenos). Entre os 5 colexios suman un total de 233 beneficiarios/as desta actividade.

Deste xeito Mos prepara aos seus escolares para o Certificado Trinity e para elo a administración local inviste preto de 27.000 euros. Esta iniciativa promovida polo Concello de Mos faise en colaboración coas ANPAs dos 5 colexios públicos mosenses: CEIPs Atín-Cela, Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda, Pena de Francia e Petelos. Trátase do Programa Municipal de Inglés curso 2022-2023.

O programa impartirase durante todo o presente curso escolar dentro das actividades extraescolares organizadas polas ANPAs que se realizan nos centros educativos. As clases teñen lugar un día á semana (en horario de tarde), de luns a venres, en cada CEIP, xa que son 5 colexios. O curso finánciao ao 100 % o Concello de Mos investindo un orzamento total de preto de 27.000 euros asumindo o custe total dos profesores. Polo que as familias beneficiarias non terán que pagar nada por cada neno/a participante.

Durante o curso prepararase ao alumnado participante para a obtención do Certificado Trinity. Os exames Trinity son probas que outorgan títulos oficiais de inglés recoñecidos mundialmente mediante o Trinity College London.

O programa estructurarase dividindo ao alumnado en grupos en función dos seus cursos.

Tanto as representantes municipais, Arévalo e Loureiro, como as membros das ANPAs mosenses destacan “a importancia que o inglés ten para o futuro académico e laboral dos nosos nenos e mozos, é unha das claves para o éxito profesional e fundamental para desenvolverse en países do estranxeiro. É una ferramenta imprescindible para eles, da que queremos dotalos para que o futuro de Mos estea o mellor preparado posible”, declararon.

A OMIX de Tomiño prepara un outono cheo de novidades

0

Aproveitar o outono nunca foi tan doado nin divertido. A OMIX de Tomiño ten preparada para esta nova tempada un amplo programa de cursos novidosos e innovadores que buscan achegar a mozos e mozas a actividades actuais que espertan grande interese entre eles e elas.

“Temos unha mocidade moi dinámica con ganas de facer cousas e seguir aprendendo, polo que dende o Concello debemos adaptar os nosos programas, actualizalos constantemente e modernizalos para brindarlle novas oportunidades en campos que agora están en boga”, explica a alcaldesa, Sandra González.

O primeiro curso da tempada de outono comezará o vindeiro 22 de outubro e estará centrado na caracterización. Con Samaín á volta da esquina e tamén pensando no Entroido, a OMIX de Tomiño organiza un obradoiro práctico no que as persoas participantes aprenderán diferentes técnicas de caracterización para crear personaxes de cine ou teatro empregando maquillaxe artística e efectos especiais para facer realidade todo o que poidan imaxinar. O curso, aberto rapazas e rapaces a partir de 12 anos, impartirase os sábados 22 e 29 de outubro de 12.00 a 13.30 horas en Goián e terá un custo de 10 euros.

As novas tecnoloxías e formas de comunicación tamén teñen oco na programación de outono da OMIX. O sábado 29 de outubro celebrarase un obradoiro sobre podcast e podcasting, un curso no que as e os participantes recibirán formación sobre este novo formato como vía de información, divertimento ou aprendizaxe que aumentou de forma considerable o seu consumo nos últimos tempos. O obradoiro será impartido por David Gesteira, creador do podcast ‘Descifrando a historia’, que ten máis dun ano de traxectoria e foi un dos gañadores dos V Premios Xuventude da Deputación de Pontevedra en 2021. Dirixido preferentemente a mocidade ata os 35 anos, o curso desenvolverase de 09.00 a 13.00 horas en Goián.

No mes de novembro o gran protagonista será o obradoiro de conservación de alimentos, dúas xornadas nas que o alumnado aprenderá a elaborar conservas de alimentos seguras e se concienciará sobre a necesidade de aplicar boas prácticas na súa manufactura. Este curso vai dirixido ás persoas con inquedanzas particulares e a aquelas e aqueles profesionais relacionados coas conservas artesanais. Será os sábados 5 e 12 de novembro de 10.00 a 14.00 horas no Mercado de Tomiño. O curso terá un prezo de 10 euros por persoa.

As persoas interesadas en participar en calquera destes obradoiros poden inscribirse xa a través da páxina web do Concello de Tomiño.

Baiona informa da apertura do prazo para o programa “Benestar en Balnearios”

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Servizos Sociais, informa da apertura do prazo para solicitar o programa “Benestar en Balnearios” para maiores de 60 anos ou pensionistas maiores de 55 anos e acompañante, se se desexa (pódense solicitar 2 prazas máximo por persoa).

Estancias de 10 días en réxime de pensión completa (aloxamento, almorzo, comida e cea) a escoller entre 15 balnearios de Galicia en varias quendas, nos meses de novembro e decembro de 2022.

O prazo para solicitalo estará aberto ata o próximo 24 de outubro. As persoas interesadas en participar poderán recoller os impresos da súa solicitude no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona, de luns a venres en horario de 9 a 14 horas. Deberán rexistrar dita solicitude por rexistro de entrada do Concello de Baiona, horario de atención ao público, de 9 a 14 horas. Máis información chamando ao teléfono 986 38 59 26.

Tamén se pode tramitar directamente a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS607A

Aumenta o orzamento destinado ao Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento

O Consorcio Provincial Contra Incendios e de Salvamento, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50 % coa Xunta de Galicia, disporá en 2023 dun orzamento de 3,9 millóns de euros para a prestación do servizo, (3.913.300 €), cun 0,45 % de incremento respecto ao ano 2022, trala aprobación provisional do pleno extraordinario celebrado hoxe no Pazo Provincial e cuxo expediente se incorporará para ser tramitado co orzamento xeral da Deputación no pleno do vindeiro día 21 de outubro.

O pleno, presidido pola presidenta provincial, Carmela Silva, e coa asistencia do Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, deu luz verde ás contas do vindeiro ano, as segundas desde o cambio de modelo co pase do servizo provincial á xestión cen por cen pública. Trátase dun orzamento equilibrado, que dá continuidade ao do pasado ano e cunha variación á alza, nos ingresos, produto do incremento da recadación pola contribución especial de UNESPA.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que o orzamento “contempla todo o que é necesario para o bo funcionamento do Consorcio” e destacou a “boa relación” e “colaboración exemplar” entre Xunta e Deputación de Pontevedra, “sempre aprobamos todo por unanimidade e tomamos decisións, algunhas complexas como pasar da xestión indirecta á directa, de mutuo acordo”. “Á xente, dixo, satisfaille escoitar que podemos estar de acordo, que compartimos ao 50% un consorcio e que as cousas funcionan ben”. Subliñou tamén que “estamos a piques de que remate todo o procedemento para tomar decisións de cara ao futuro” e enxalzou “a relación sindical que nos permite que tamén as traballadoras/es formen parte do proceso”.

As palabras da presidenta foron ratificadas polo Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, quen destacou “que todo se fai por consenso, sempre a partes iguais as dúas administracións” e cualificou de “fundamental garantir este servizo público en toda a provincia, tanto en momentos ordinarios como nos extraordinarios, como foi neste verán cos incendios forestais onde o Consorcio funcionou moi ben. Isto tense que ver reflexado nos acordos entre Xunta e Deputación e hoxe aprobamos un orzamento de case catro millóns de euros sen ningún tipo de obxección”. Villanueva amosou a vontade de “seguir traballando así, xuntos para dar este servizo ao conxunto da provincia sen ningún tipo de problema”.

No orzamento de 2023 as achegas da Deputación e Xunta de Galicia serán de 963.500 € cada unha das administracións, sendo o Capítulo 1 o principal gasto do Consorcio, o 79 %. No capítulo de investimentos, a solvencia económica do Consorcio permitirá enfrontar sen maiores dificultades calquera contratación do servizo de mantemento e xestión xa que, segundo o avance da liquidación de 2022, ten actualmente un remanente de tesourería para gastos xerais de 4.744.139 euros, equivalente a 1,21 veces o orzamento que se aproba para o ano 2023. Con cargo a este remanente poderán realizarse as modificacións e suplementos de crédito para financiar os investimentos que resulten necesarios ao longo do exercicio.

O Concello de Arbo convoca, un ano máis, as becas universitarias

0

O Concello de Arbo, en colaboración coa Fundación “ Segundo Gil Davila”, convoca as becas de axuda de estudos de 500,00 € cada unha.

Poderán solicitar esta axuda aqueles mozos que realicen estudos universitarios no presente curso 2022/2023 e que cumpran os seguintes requisitos:

  1. Estar empadroado no Concello cun ano de anterioridade ao momento en que se solicita a beca.
  2. Non estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dun título do mesmo ou superior nivel ao correspondente ao dos estudos para os que se solicita a beca. A estes efectos, non poderán ser beneficiarios de beca aqueles estudantes aos que unicamente lles reste, para a obtención do título, a acreditación dun determinado nivel de coñecemento dun idioma estranxeiro.
  3. Estar matriculado nalgunha das ensinanzas universitarias do sistema educativo español para obter un título universitario oficial.
  4. No caso do Master, só se Terán en conta aqueles que habilitan para o exercicio profesional.
  5. Non atoparse incurso nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

A instancia de solicitude dirixirase ao alcalde do Concello de Arbo, acompañada da documentación establecida nas Bases da convocatoria (a disposición dos solicitantes nas Oficinas Municipais e na páxina Web).

O prazo de presentación estará aberto dende o día 6 de outubro ata ó 6 de novembro de 2022.

Catro actas por tenencia de droga e un condutor que triplicaba a taxa de alcoholemia a golpe de luns en Redondela

0

Axentes da policia local de Redondela, xunto cun indicativo zeta da Policía Nacional, realizaron este pasado luns diferentes dispositivos de control de vehículos e persoas en diferentes puntos do concello.

Así, na mañanciña do luns, os axentes procederon a intervir e propoñer para sanción ante a Subdelegación de Goberno, a catro persoas por tenza de sustancias estupefacientes, infrinxindo a Lei de seguridade cidadá 4/15.

Do mesmo xeito tamén se procedería a sancionar a un condutor que, logo de ser parado pola patrulla da Policía Local ao circular sen luces e facendo zigzag a saída do casco urbano de Redondela, arroxaría un resultado positivo nas probas de alcoholemia de 0,63 e 0,64mg/l de aire espirado.

O PSOE tomiñés esixe á Xunta a vacinación contra a COVID para as persoas maiores nos centros de saúde

0

As concelleiras do Grupo Municipal Socialista no Concello de Tomiño, Violeta de Santiago e Mirta Misa, presentaron unha moción no Concello para esixir á Xunta de Galicia que o proceso de vacinación contra a Covid-19 das persoas maiores “fágase no Centro de Saúde da localidade a través dos equipos de Atención Primaria, tanto por cercanía coma polo contacto permanente para seguimento de patoloxías crónicas”.

As socialistas critican a medida adoptada pola Xunta de Galicia de vacinar ás persoas maiores de Tomiño no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, xa que “supón un trastorno innecesario ademais de implantar, na práctica, un copago para poder recibir a vacina xa que están obrigados a pagar o custe do longo desprazamento e aparcadoiro do hospital, co que a gratuidade da prestación deixa de ser tal”.

A todo isto engádese que estanse a rexistrar “longas colas de usuarios e usuarias tanto nos aparcadoiros como no propio hospital, o que supón unha dificultade engadida para as persoas usuarias así como a familiares e/ou acompañantes”, explican.

Violeta de Santiago, voceira do Grupo Municipal Socialista, cualifica esta medida de “novo castigo da Xunta de Galicia á cidadanía”, porque “afasta dos veciños e veciñas de Tomiño dun servizo básico dificultándolles gravemente o acceso a unha prestación á que teñen dereito de maneira gratuita”, e recalca que “non se pode xogar coa saúde dos nosos veciños e veciñas dende a improvisación e a frivolidade” afirma con rotundidade.

Por todo isto o grupo municipal do PSdeG de Tomiño ven de solicitar ó Pleno do Concello, instar á Xunta de Galicia a que modifique o modelo e todas as persoas maiores sexan vacinadas no seu Centro de Saúde ou PAC de referencia.

Digna Rivas reafírmase no peche do centro da vila aos vehículos pesados

0

O Concello de Redondela pechou o tráfico pesado en tránsito polo centro da vila a mediados de agosto. Unha medida que, segundo a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “permite axilizar ao máximo a circulación de vehículos no centro da Vila e que non afectará o tránsito de autobuses de liñas regulares”.

Esta actuación provocou queixas por parte dos empresarios e veciños das parroquias de Amoedo, Cepeda e Nespereira (en Pazos de Borbén). Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén, respondeu pasando a responsabilidade destas queixas directamente ao Concello de Redondela.

Segundo Iglesias, o peche ao tráfico pesado a través de Redondela e a PO-250 supón “unha decisión catastrófica para o polígono de Amoedo xa que pon en risco a viabilidade das empresas e en consecuencia a estabilidade laboral de moitos veciños de Pazos de Borbén”.

En resposta a estas acusacións, Digna Rivas mantense firme na súa decisión xa que considera que “a vila non ten por qué sufrir as consecuencias de que grandes camións circulen polo Casco Urbano para dirixirse a un polígono doutro municipio”.

A alcaldesa quixo engadir que “a responsabilidade do acceso aos polígonos industriais é do Concello de Pazos de Borbén. Este tivo máis de 3 anos para actuar, dende que a Deputación de Pontevedra presentou un proxecto alternativo que resolvería o problema de entrada os polígonos industriais e polo tanto, é responsabilidade do alcalde de Pazos responder ante a situación”.

Rivas quere aclarar que a decisión tomada polo Concello de Redondela está pensada en defensa dos veciños do municipio que “sofren este tipo de tráfico diariamente e que non teñen porque convivir cunha práctica que está sendo freada na maioría das cidades europeas”. Nesa liña, o Concello de Redondela segue as pautas marcadas pola Unión Europea no proxecto Ciudades 2030 “de facer urbes máis amables coas persoas”.

A sinalización que reflicte claramente a prohibición do paso de tráfico pesado en tránsito polo casco urbano xa está colocada nos puntos precisos, así como na contorna da Praza de Ponteareas.

Esta fin de semana chegan as Andainas Ponteareas

Natureza, medioambiente, deporte e solidariedade volven darse a man en Ponteareas esta fin de semana. O Concello organiza en colaboración co Club de Montaña Xistra as ‘Andainas Ponteareas 25km e 12km’, unha marcha de media distancia e outra de carácter popular coas que se busca “achegar a todas e todos os participantes á nosa contorna, a desfrutar do río, da vexetación de ribeira, a camiñar polos nosos montes e parques forestais e, ao mesmo tempo, achegar o noso gran de area reunindo alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene que se lle entregarán ao Centro de Reparto de Alimentos da vila”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

As proba sairán o vindeiro domingo 16 de outubro do parque da Feira Vella e percorrerán espazos de gran valor natural e paisaxístico como o río Uma ou A Picaraña para rematar no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino. Ambos os dous percorridos estarán sinalizados con frechas e cintas.

Ás 09.00 horas será a saída da andaina Ponteareas25km, unha proba de dificultade media-alta que forma parte do Open de Andainas de 25km e do calendario da Copa Galega de Andainas de 25km. Este roteiro está calculado para facerse nun tempo de entre 4 e 6 horas con puntos de control e pequenos avituallamentos. Pola súa banda, ás 09:30 horas comezará o percorrido de Ponteareas12km, cunha dificultade media-baixa.

A andaina está aberta a todas a persoas adultas e nenos e nenas maiores de 14 anos acompañados dun adulto responsábel. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse ata este martes 11 de outubro ás 23:59 horas a través da páxina web do Club de Montaña Xistra. Ata o momento xa hai máis dun cento de persoas de toda Galicia rexistradas.

Para máis información pódese enviar un correo electrónico a [email protected], chamar ao 644 58 32 50 ou entrar na web do Club de Montaña Xistra.

Roberto Mera presentará o seu libro ‘Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos’ en Nigrán

0

O Concello de Nigrán e o Instituto de Estudos Miñoranos ofrecen este mércores 12 de outubro ás 19:00 horas no auditorio municipal a presentación do libro ‘Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos’ coa presenza do seu autor Roberto Mera, sobriño-bisneto ademais do protagonista. No acto intervirá tamén Juan González como alcalde de Nigrán e como historiador especializado na Guerra Civil.

Na Europa ocupada polos nazis miles de exiliados republicanos españois devecían por chegara América para salvar as súas vidas. Entre eles atopábase Alejandro Viana Esperón (Ponteareas, 1877 – México DF, 1952), deputado republicano de esquerdas ao que ben se podería alcumar como o Schindler galego. Á fronte de varias organizacións humanitarias, entre elas o Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles, Alejandro Viana organizou dende Francia a saída de miles de refuxiados nunha trintena de expedicións marítimas colectivas a distintos países de América, na súa maioría a México. Cos alemáns en Francia, Viana arriscou a súa vida para continuar axudando aos exiliados até que, acosado pola Falange e a Gestapo, emprendeu en 1941 unha desesperada fuxida. Logo de once meses de anguriante viaxe por África, logrou chegar a México. Alí reencontrouse tempo despois coa súa dona, tras once anos de separación, e viviu coa certeza de que xamais podería retornar á súa terra. Roberto Mera narra neste libro a extraordinaria odisea iniciada o 18 de xullo de 1936 polo seu tío bisavó.

Comezan as segundas xornadas de patrimonio do Rosal

0

O Rosal bota unha ollada ao seu pasado co celebración das II Xornadas de Patrimonio, unha serie de actividades para todos os públicos que se levarán a cabo durante os meses de outubro e novembro para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio rosaleiro e do Baixo Miño en todas as súas manifestacións, dende o material ao inmaterial, representado en gran parte polos cabaqueiros do Rosal. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida á veciñanza a participar nestas xornadas “nos que se achegarán a rosaleiros e rosaleiras aspectos fundamentais para entender O Rosal de hoxe e para valorar o traballo das nosas e nosos antepasados”.

As xornadas comezarán este mesmo martes 11 ás 20.00 horas no Centro Social Polivalente coa charla de Susana González Amado sobre ‘Cerámica para vivir e vivir da cerámica’. A ceramista, ceramóloga, divulgadora e docente achegará ao público a súa paixón por producir e ensinar, mais tamén por poñer en valor, estudar e investigar todo o referente a esta arte e ciencia, tanto na súa vertente artesanal e artística como na industrial e histórica.

González participa dende 2001 na implantación en Galicia dos primeiros estudos de Formación Profesional de Cerámica Técnica e colabora habitualmente na dinamización de museos como o de Oleiros e Brañas de Valga ou en eventos para poñer en valor os oficios do barro. De feito, será ela a pregoeira das Festas do Outono do Pilar o mércores 12 de outubro ás 18.00 horas.

Será precisamente dentro das Festas do Outono do Pilar que se celebrarán os días 11 e 12 de outubro onde O Rosal contará cunha ampla programación con xornadas de exposicións, música, monicreques, a I Feria de Produtos do Rosal, o Memorial Irmáns Flores ou a demostración do traballo dos cabaqueiros, que terá lugar o mércores a partir das 18.00 horas na renovada Praza do Calvario.

A Guarda imparte un obradoiro de creación de filtros de realidade aumentada

0

A actividade está orientada a un público xeral a partir dos 12 anos. Esta iniciativa forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

O taller levarase a cabo nun aula municipal no Concello da Guarda o vindeiro día 25 de Outubro, ás 19:30 horas. O proxecto forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia e estará impartida por monitores de Ceo Aberto Divulgación.

Nestas sesións prácticas procurarase familiarizar as/os usuarias/os das principais redes sociais (Facebook, Instagram, TikTok) coas ferramentas de creación de filtros de Realidade Aumentada e a súa posterior incorporación aos propios perfís. Asemade, falarase dos riscos de seguridades das redes sociais e daranse pequenas claves de como protexer os nosos contidos ao tempo que optimizamos o rendemento e impacto das nosas publicacións.

Na actividade, que é de balde,  poderase incribir calquera persoa interesada a partir dos 12 anos de idade no mail de OMIX A Guarda [email protected].

Domigo de moito traballo para a Policía Local de Redondela

0

A Policía Lodal de Redondela tivo un intenso domingo de traballo que se saldou coa recuperación dun ciclomotor substraído, a actuación no incendio dun turismo en Chapela e na axuda dun accidente duhna motocicleta cuxo condutor tivo que ser trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

A primeira das intervencións dos axentes da Policía Local redondelá tivo lugar o domingo pola mañá nunha actuación conxunta coa Garda Civil de Tráfico, asistindo un accidente por saída da vía dunha motocicleta tipo ‘cross’ na zona de Fixón, en Negros. Todo apunta a que a moto circulaba por unha pista forestal e, logo de chochar cunha pedra, o piloto perdeu o control goleándose contra unha árbore e sufrindo unha lesión na clavícula, polo que foi precisa a súa evacuación ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

As patrullas da Policía Local redondelá intervirían, xa pola tarde, na recuperación dun ciclomotor denunciado como substraído e que foi localizado na parroquia do Viso, logo de ser alertados por un veciño que daba conta do acádego nunha zona de monte próxima ao campo de fútbol. O ciclomotor, da marca Yamaha, é o segundo que se recupera por parte da Policía Local de Redondela en apenas 15 días.

Así mesmo e tamén pola tarde, a patrulla da policia local tivo que intervir na Avenida de Redondela, en Chapela, onde un vehículo que circulaba dirección Vigo-Redondela, cun matrimonio e fillos no interior, comezaba a arder na zona dianteira. Afortunadamente todo quedou nun susto saíndo ilesos todos os ocupantes do vehículo e sendo sofocadas as lapas polos Bombeiros de Vigo.

Comeza a rehabilitación dos vestiarios do pavillón da Cañiza

0

O Concello da Cañiza adxudica á empresa DESARROLLOS URBANISTICOS JARMA SLU, por un importe de 45.980,00 €, as obras de rehabilitación da zona de vestiarios, duchas e pasillos do Pavillón Deportivo Carballo do Marco da Cañiza que faltaba por reformar.

Unhas obras que, segundo manifestou o alcalde, Luis Piña “manteñen a liña seguida pola política do Goberno municipal de rehabilitación e mantemento dos bens municipais existentes, aplicando rigor orzamentario, ao non ter que aportar o Concello ningún recurso propio para esta obra” . Ademais, “esta mellora permite ofrecer un servizo de calidade aos usuarios e dotar ao pavillón dunha apariencia actual e moderna”.

As obras están subvencionadas ao 100 % pola Liña 1 do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra e se corresponde coa mellora do outro 50 % da zona destinada a vestiarios, duchas e pasillos do pavillón.

Como xa comentou o alcalde o pasado 26 de outubro, na inauguración da reforma dun ala dos vestiarios, “o Concello tiña unha débeda con esta instalación deportiva, construida no ano 1983 e que actualmente é unha das máis utilizadas polos clubes da Cañiza, onde se desenvolven diariamente varias actividades e disputan importantes encontros e competicións deportivas. Durante os seus 37 anos de vida  os vestiarios apenas foron reformados polo que actualmente presentaban importantes deterioros estructurais acumulados ao longo do tempo”. 

Esta obra de rehabilitación está encamiñada a mellorar as condicións de salubridade e ventilación dos vestiarios másculino, feminino e dos árbitros

A obra consistirá na renovación das instalacións de electricidade e fontanería; execución de novos revestimentos en paredes da zona de duchas de todos os vestiarios  e pintado do resto de paredes; colocación dun novo pavimento vinílico antiescorregadizo no chan dos vestiarios e do corredor de acceso aos mesmos e sustitución do falso teito  de madeira por aluminio.

Ponteareas reclamaralle á Xunta os gastos asumidos polo Concello na Estación de Autobuses

O alcalde en funcións de Ponteareas, Roberto Mera, ditou hoxe unha providencia para que os servizos municipais cuantifiquen con exactitude o déficit asumido polo Concello pola xestión da Estación de Autobuses entre o ano 2011 e o 2022, coa intención de reclamarllo formalmente á Xunta de Galicia “á vista da súa negativa a asumir voluntariamente a súa obriga de compensar os gastos soportados por Ponteareas durante 11 anos”, sinalou.

Na providencia relátanse con detalle e de forma documentada todas as vicisitudes acontecidas na xestión da Estación de Autobuses dende que en 2011 venceu o contrato de explotación en virtude do cal o Concello xestionara a estación dende 1991. O daquela alcalde, Salvador González, comunicou á Xunta que o Concello non quería continuar coa explotación da Estación porque lle supuña un déficit anual de máis de 40.000 euros. A Xunta comprometeuse entón a dar unha solución antes de finalizar 2011, pedindo ao alcalde González Solla “a colaboración dese Concello para que siga garantindo a xestión dos servizos na estación”.

Dende entón sucedéronse diversos intentos por parte da Xunta de adxudicar a explotación, o que non logrou até finais do pasado ano 2021, mantendo o Concello durante case 11 anos a xestión en precario, de favor e como colaboración coa administración autonómica, e asumindo as perdas do servizo. En 2012, o alcalde González Solla solicitou a compensación dos gastos que carrexaba ao Concello esa situación e no 2013 a Xunta, a través dun oficio do 23 de setembro, atendeu a petición nos seguintes termos:  “unha vez se produza o cese efectivo na prestación do servizo público por ese concello, a Xunta de Galicia procedería a concertar con esa administración a compensación económica que corresponda polo déficit económico da explotación que se está a producir nesta situación de prolongación do servizo”.

Dende entón, tanto as reclamacións de compensación económica feitas polo exalcalde González Solla como as posteriores baixo a presidencia de Xosé Represas e agora con Cristina Fernández Davila “non só non foron atendidas senón que a Xunta, faltando á súa palabra e compromisos documentados, transmitiu ao Concello este ano a súa negativa a pagar a súa débeda con Ponteareas”, sinala Roberto Mera.

O alcalde en funcións lembra que a propia Xunta cualificou a xestión do Concello como unha “colaboración, pois nin tan sequera existiu contrato nin concesión algunha e os propios servizos xurídicos municipais cualificaron en 2015 a xestión da Estación como altruísta até que se adxudicase a un novo concesionario e sometida ao pagamento do déficit asumido polo Concello”.

Mera sinalou que “o goberno local vai defender os intereses de Ponteareas e non vai permitir que a Xunta incumpra as súas obrigas e non pague as súas débedas co Concello”.

O Grupo Socialista urxe á Xunta a construir unha estación depuradora en Oia

0

A parlamentaria socialista Leticia Gallego visitou o Concello de Oia, onde mantivo un encontro co portavoz socialista, Gerardo Rodríguez, e membros do grupo municipal socialista, para reclamarlle á Xunta que constrúa de urxencia unha depuradora para frear os constantes vertidos rexistrados no Concello.

Lamentou que o goberno galego “non faga absolutamente nada” para atender unha reivindicación histórica no Concello, atendido polas minidepuradoras instaladas en Punta Orelluda para o tratamento primario que se teñen demostrado “absolutamente insuficientes”, ademais de que levan “dez anos sen funcionar correctamente”.

Lembrou que os veciños e veciñas “levan máis de dez anos soportando malos cheiros, ruído e vertidos das augas residuais xunto ás casas” e “están fartos dunha situación insoportable que está a levar por diante os espazos naturais da costa”.

Leticia Gallego levará ao Parlamento as queixas dos veciños e veciñas de Oia, que afirman que “as filtracións e vertidos de augas fecais son constantes e van directamente ao mar porque o sistema de depuración non funciona, ou ben a través das arquetas situadas xunto á estrada PO-552, onde se observan os residuos orgánicos fedorentos tan pronto como se levanta a tapa”.

A Guarda, anfitrioa do curso de formación ACMIT

0

20 participantes de 8 países distintos se reúnen no concello da Guarda no curso de formación ACMIT organizado pola asociación guardesa FOCO. Neste curso, os participantes de España, Albania, Alemaña, Bulgaria, Xeorxia, Italia, Portugal, Polonia e Turquía reúnense para explorar como aplicar a teoría das intelixencias múltiples combinada con actividades teatrais para facilitar a avaliación de competencias.

Howard Gardner creou esta teoría nos anos 80 do século XX. Distingue oito tipos de intelixencia (lingüística, espacial, lóxico-matemática, naturalista, corporal-kinestésica, musical, intrapersonal, interpersoal). O novo punto crave no concepto de intelixencia é que todos os tipos de intelixencia son equivalentes e participan na construción da imaxe intelectual xeneral do individuo.

O tipo de intelixencia vén determinado polo conxunto de habilidades biolóxicas do individuo para resolver problemas que non están directamente relacionados, é dicir, unha persoa pode ser moi capaz nun tipo e completamente incapaz noutro tipo de intelixencia.

Este curso está cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Erasmus+ e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello da Guarda. Durante este curso, ademais de realizar actividades teatrais para cada unha das intelixencias, visitaron o castro do monte Santa Trega e recibiron a visita do alcalde Antonio Lomba e o resto do equipo de goberno, quen lles deu a benvida á Guarda.

SmartPeme comeza hoxe cos obradoiros desta semana

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como o uso da VPN en ciberseguridade, o aproveitamento de Google Analytics e programación con Arduino.

Hoxe luns Manuel Freire, experto en Robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o obradoiro “Ciberseguridade, uso da VPN”. Este curso ten como obxectivo fomentar o uso das VPN, por que debemos usar unha VPN, de que forma nos protexe o uso de VPN.

O martes terá lugar “Google Analytics para a toma de decisións” un taller centrado na importancia e o funcionamento desta ferramenta para poder aproveitar correctamente todas as funcións das que se pode facer uso. O obradoiro estará impartido por Esther Garcinuño, Diplomada en Ciencias Empresariais, coa especialidade de márketing.

O peche da semana de obradoiros será o xoves 13 de outubro, co taller “Programación con Arduino I. Teórico I”. O obxectivo do itinerario é o de iniciarse e adquirir soltura cunha das linguaxes de programación máis populares actualmente como é Arduino, cunha serie de serie de talleres teóricos en liña e talleres prácticos para experimentar o aprendido. Esta formación componse de 4 talleres, 3 deles teóricos online e un cuarto taller práctico presencial de 4 horas. O curso será impartido, de novo, por Manuel Freire.

O asturiano Bullbox, novo campión de España de Cruceiros

0

O equipo asturiano Bullbox alzouse co título de mellor equipo no Campionato de España de Cruceiros – Trofeo Loterías e Apostas do Estado que se disputou esta fin de semana no Monte Real Club de Iates en Baiona. Durante tres días de competición, 18 equipos de 12 federacións autonómicas puxéronse a proba en regatas de monotipo con arbitraxe directa. A emoción e a igualdade foron a tónica dominante, deixando en albas a vitoria final ata a última proba.

“Seguro, nós?”, preguntaba a tripulación do Bullbox con certo asombro nada máis terminar a regata. Acto seguido, tras a confirmación oficial, estalaron en aclamacións e abrazos. Así concluía para este equipo un reto que foi maiúsculo. “Aínda teño moita adrenalina. Foron tres días de regata moi bos cunha frota moi competitiva; e o formato monotipo encantounos”, aseguraba Sebastiano Nápoli, patrón do Bulbox.

A última xornada de competición disputouse, como os días previos, cun vento suave que oscilou entre os 5 e 7 nós. Con estas condicións, o grupo dos finalistas, composto por seis equipos, enfrontábase a un serie de tres probas que comezaba coas marcadoras de todo o mundo a cero. Finalmente, o Bullbox facíase coa vitoria, seguido polo valenciano Team Tac, segundo, e co menorquín Alba III na terceira posición.

Javier Sanz, presidente da Real Federación Española de Vela, mostrouse moi satisfeito coa organización deste campionato. “Queriamos ofrecer ás tripulacións unha final de festa, unha regata polo título nacional atractiva e moi competitiva e conseguímolo co apoio inestimable do Monte Real Club de Iates”. Sanz tamén quixo poñer en valor o “bo traballo dos equipos de regatas así como das federacións autonómicas e os clubs náuticos, principais impulsores e valedores da vela”.

Saída dunha das probas do día. Foto © RFEV

Pola súa banda, José Luis Álvarez, presidente do MRCY, cualificou este campionato de “moi positivo”. “A fórmula proposta pola Federación foi un gran acerto. Estou seguro que este será un formato que vai callar a longo prazo”. Así mesmo, destacou a importancia para o seu club de que veñan tripulacións de tantas autonomías para coñecer as súas instalacións e o campo de regatas que ofrece Baiona.

A entrega de trofeos serviu para despedir ás tripulacións e agradecerlles a súa participación na competición. Ao acto asistiron Óscar Martínez, primeiro tenente de alcalde de Baiona, José Luis Álvarez, presidente do MRCY, Manuel Villaverde, presidente da RFGV e Javier Sanz, presidente da RFEV. Os integrantes do podio foron premiados cunha placa en recoñecemento dos seus resultados e unha botella de viño Terras Gauda. Ademais, todos os tripulantes do equipo gañador han recibido un reloxo personalizado da Real Federación Española de Vela.

O Campionato de España de Cruceiros – Trofeo Loterías e Apostas do Estado reuniu no Monte Real Club de Iates en Baiona a máis de 100 regatistas de 18 equipos en representación de 12 federacións autonómicas. A competición disputouse en monotipos Figaro e con arbitraxe directa no mar. Ao longo de tres días de competición completáronse 23 probas tras as que o Bullbox, en representación da Federación de Vela do Principado de Asturias, alzouse co título de mellor equipo de España.

O Rosal disfruta da Feira do Viño

0

Este pasado venres daba comezo a 30ª edición da Feira do Viño do Rosal. Unha edición excepcional por moitos motivos: porque celebra o seu 30 aniversario, porque o fai estreando por primeira vez unha renovada Praza do Calvario, e porque, tras dous anos nos que se celebraron edicións irremediablemente condicionadas polas limitacións sanitarias, este ano volve sen limitacións, sen distancias e con moitas ganas de desfrutar.

A edición deste 2022 conxuga o mellor da feira tradicional que se viña celebrando na última década, co formato renovado que se implantou nestes anos de pandemia, resultando así unha edición máis completa, que combina o mellor da experiencia da degustación dos viños nas casetas, cunha programación de música, xogos e oferta cultural de calidade. “O mellor xeito de gozar duns viños tan excepcionais como os viños do Rosal, é facelo rodeados de familia e amigos, desfrutando dun concerto, charlando e compartindo o momento e a experiencia”, destaca a alcaldesa.

Durante o acto inaugural a alcaldesa quixo destacar que “a Feira é para os rosaleiros e rosaleiras o escaparate no que celebramos e gozamos de xeito lúdico do valor do excelente viño elaborado polas nosas adegas”. “O sector vitivinícola para nós é estratéxico. Non só imprime marca, calidade e emprego ao Rosal, senón que xera riqueza cun tamaño empresarial e de exportación arredor do mundo moi importante. Trátase dun sector que está vencellado ao gran valor climatolóxico e de riqueza do noso territorio no sector primario”, salientou Fernández Callís.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, confesou que se trataba para ela dun día moi especial “no que imos vivir con alegría e orgullo as nosas tradicións, a nosa historia e un paraíso natural como é O Rosal”. “Estamos ante un lugar único tanto en patrimonio como en intelixencia e capacidade para crear. Moitas grazas a todas as adegueiras e adegueiros que amosan o que fan e o territorio nun produto que logo comercializamos polo mundo e, por suposto, grazas pola paixón coa que mantedes esa actividade económica que nos identifica”, rematou.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarca, resaltou que “os viños que imos probar amosan todo o esplendor das últimas colleitas. Falamos de máis de 4.000 hectáreas de DO Rías Baixas que nos deixan máis de 44 millóns de quilos de uva, pero tamén falamos viticultores e viticultoras que converten a súa paixón en calidade nos nosos viños”. 

O presidente da Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal, Enrique Costas, quixo resaltar a boa saúde da actividade vitivinícola no Baixo Miño e, sobre todo, no Rosal. “É un orgullo ter tantas e tan boas adegas DO no territorio que fan viños únicos, con identidade, que se exportan a todo o mundo pero que soamente poden cultivarse e realizarse aquí”, asegurou.

O Master of wine Pedro Ballesteros no seu pregón nesta XXX edición da Feira do Viño do Rosal quixo lanza unha mensaxe de “profunda admiración polo permanente no Rosal, como é a paisaxe, pero tamén polo que non se ve, por saber conservar a beleza co desenvolvemento das persoas, co compromiso medioambiental e con entusiasmo para preservar o bo que existe aquí mentres se desenvolven novas oportunidades”.

O pregón dePedro Ballesteros, e o concerto de Moon Cresta dan o pistoletazo de saída a unha feira que durante a fin de semana celebrará un programa moi completo que inclúe o Showcooking do Programa “EuroChef” de EuRural, Sesións vermú onde o vermú cederá o seu protagonismo ao viño do Rosal, amenizados coa música de “Blues do País” o sábado a mediodía no marco do Programa “Música e Viño no teu Camiño”, tamen de Eu rural, e a medio día do domingo co concerto de “Pandereteiras Tremelique”. A cita máis destacada correrá a cargo do Grupo “Broken Peach” que dará un concerto por todo o alto á noitiña do sábado. O domingo pola mañá haberá ocasión de xogar en familia cos “Xogos da empatía” e, para rematar a programación, o dúo Awen porá o broche final a esta edición cun concerto no que recorrerán as cancións máis destacadas dos 70, 80 e 90.

A aula UNED do Porriño a piques de abrir as súas portas

A aula UNED do Porriño xa é unha realidade e abrirá as súas portas nos próximos días. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o director do campus noroeste e centro asociado da UNED en Pontevedra, Víctor González,  asinaron o convenio para o inicio da actividade desta sede universitaria no municipio o presente curso 2022/2023. Convenio que foi ratificado esta mesma semana pola Xunta Rectora da Universidade Nacional de Educación a Distancia.

As novas instalacións da UNED no Porriño están ubicadas na primeira planta do Multiusos de Torneiros, aglutinando en seis aulas todas as actividades.

Dende que no ano 2017 se anunciara a posta en marcha desta sede universitaria no municipio, tras un acordo plenario unánime para solicitar a súa apertura, non se fixera realidade ao non aportar o Concello as instalacións requeridas.  No ano 2020 o goberno municipal, e tras un ano de abonar aluguer, afrontou un desembolso de máis de preto de 300.000 euros na adquisición dun local que requería unha dotación económica a maiores de 250.000 euros para acondicionalo, algo que non permitiu poñer en marcha a aula UNED ao non ser o lugar adecuado e que, a día de hoxe, permanece lóbrego.

Cabe destacar que a actual ubicación no Multicentro de Torneiros foi proposta en pleno por aquel entonces polo hoxe alcalde, Alejandro Lorenzo, e desestimada polo anterior goberno municipal alegando que a UNED non aprobaba esa ubicación. Hoxe é unha realidade.

“A apertura destas instalacións no Porriño non podía dilatarse máis tempo por falta de xestión, trátase de permitir á nosa veciñanza acceder á educación superior sen ter que saír do seu pobo e que poida ampliar a súa formación, coa flexibilidade que a universidade a distancia permite pero contando cun equipo importante de persoas que os acompañen no proceso formativo”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo. O rexedor puxo en valor a boa disposición “da UNED para a apertura da súa sede no Porriño” e tamén o traballo da concelleira de Educación, Carolina González, que “dende un principio priorizou esta xestión para que puidera estar en marcha este curso”.

Lorenzo reitera a súa aposta e a do seu equipo pola educación. “Se algo teño claro é que a nosa veciñanza debe contar coas mesmas opcións que a das grandes cidades e cunha oferta formativa de calidade en todas as etapas educativas, dende os máis pequenos aos maiores que queiran seguir formándose”, explicou, “Por iso non escatimarei xamais neste eido”.

Responde o rexedor con feitos ás informacións verquidas recentemente acusando ao goberno municipal de gastar en festas a partida da UNED. “Eu débome á veciñanza e non vou dar xogo xamais a acusacións infundadas e interesadas”, asegurou, “Os feitos falan por si mesmos e con feitos, sen alimentar polémicas e confrontacións, responderei aos meus veciños e veciñas”.

Cabe destacar que nos últimos anos a partida de educación da Aula UNED foi destinada a través de modificacións de crédito a festexos, e o proxecto quedou parado ata este ano. “Eu non vou malgastar nin un só euro de cuestións tan vitais como a educación ou atención social”, concluíu o rexedor, “A veciñanza ten que saber que o groso da partida de festas a destinamos a licitar servizos de vital importancia nos centros educativos, piscina municipal e limpeza xa que, traballamos cun orzamento de 2018, con partidas xenéricas e vinculadas que imos xestionando para dar resposta ás necesidades reais. En definitiva, cadramos as contas con xestión para salvar a falta de medios e responder ás necesidades da veciñanza do Porriño”.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carolina González, destacou que “a apertura destas instalacións é un gran logro para O Porriño no ámbito educativo, xa que a nosa veciñanza dispoñerá no noso concello de todos os niveis para alcanzar unha formación plena sen necesidade de trasladarse a outros destinos. É unha gran oportunidade para as persoas que por diferentes motivos non puideran ir á universidade. Agora poderán facelo no seu pobo”. Nos próximos días farase pública a oferta educativa da Aula UNED do Porriño que ademais de cursos de formación e capacitación, servizos de titoría de grados ou biblioteca, contemplará o curso de acceso á universidade a maiores de 25 anos. Na súa páxina web colgarase a semana que vén a oferta formativa da Universidade a Distancia no Porriño.

Tui abre a inscrición ao Club de Lectura da Biblioteca

0

A Biblioteca Pública Municipal de Tui ten aberto, ata o vindeiro sábado, 15 de outubro, o prazo para a inscrición das persoas interesadas no Club de Lectura de adultos.

Un club de lectura é un grupo de persoas que se reúnen periodicamente para comentar un mesmo libro. Cada un le de xeito individual na súa casa e despois, nas reunións do Club, comparten opinións e debaten os distintos aspectos do texto: as personaxes, o seu significado, o estilo literario, etc. Os libros son aportados pola Biblioteca Municipal de Tui. O persoal da Biblioteca actuará  como coordinador e moderador do club.

Non é necesario sen un gran lector ou lectora, simplemente ter ganas de ler e animarse a participar nas reunións do club que se establecen cunha periodicidade quincenal.

As persoas interesadas poden inscribirse en liña no formulario dispoñible na web da biblioteca municipal tudense https://www.bibliotecaspublicas.es/tui/Servicios/Club-de-lectura.html ou enviando un correo a [email protected] ou persoalmente na propia biblioteca.

A concelleira de Ensino e Cultura do concello tudense, Sonsoles Vicente Solla, sinala que esta convocatoria se enmarca dentro das actividades de promoción da lectura que desenvolve a Biblioteca Municipal tudense para facilitar o acceso á lectura da cidadanía e dinamizar este centro bibliotecario.

Nigrán culmina hoxe o trasdalo de libros á nova biblioteca

0

O Concello de Nigrán finalizará hoxe o traslado de libros da vella biblioteca municipal no Ceán á nova en Estrada pola Vía. Os 50.000 exemplares xa ocupan os novos andeis tras contratar o Concello á mudanza a unha empresa especializada neste traballo.

O goberno local calcula dúas semanas máis de traballo no interior para poder abrir as portas ao público de xeito normalizado. Paralelamente, o obxectivo é que as clases da escola municipal de Música empecen antes xa no edificio da vella biblioteca como sede permanente desta actividade cultural do Concello.

A infraestrutura de Estrada pola Vía foi xa amoblado e dotada de equipamento informático as pasadas semanas pola empresa adxudicataria Sutega tras investir o Concello a tal efecto 169.158 €  do Remanente de Tesourería. A caixa de correos para devolución de libros permanecerá operativa no Ceán mentres dure o traslado.

Carmen PG Granxeiro, «Estranxeiras»

Carmen Granxeiro é coñecida polas súas contribucións ao audiovisual e, en xeral, ás artes plásticas derivadas da sétima arte, como a videocreación. Agora dá un paso máis nas súas arelas artísticas adentrándose no eido da narrativa con esta novela, que resultou gañadora do II Premio Pinto e Maragota, un galardón enfocado á diversidade de sexo e xénero. A proposta desta nova autora é un achegamento reivindicativo á necesidade de recoñecérmonos individualmente nas nosas propias querencias, un canto ao respecto e á convivencia á marxe das nosas condicións.

A historia desenvólvese maioritariamente no ambiente rural, na vila ficticia de Santa Mariña das Augas Novas. Ata alí chega a misteriosa B, unha rapaza alemana para quen o lugar non é máis que un punto de descanso nunha fuxida da que ignoramos os detalles. Ao tempo, tamén chega á vila Mara, acompañada do seu fillo Antón, para pasar o verán na casa da súa tía, Maruxa. Entre B e Mara establécese unha relación de amizade que induce á fuxitiva a quedar durante un tempo máis longo do previsto, e que non tardará en derivar nunha paixón que se verá alimentada pola descuberta de que Antón, en realidade, é unha nena nun corpo de neno que anda á procura da súa propia identidade.

O feito de que todas estas circunstancias se produzan nun entorno rural fai presaxiar, de primeiras, problemas serios de convivencia. Mais ao adentrármonos na lectura descubrimos que nada de iso acontece e que, maioritariamente, o respecto cara ás novas realidades sexuais e de xénero é asumido de maneira natural pola maioría dos veciños e veciñas. Prantéxase deste xeito un diálogo interxeracional que impregna todo o relato, sobre todo no entorno de Mara, fío condutor da narración, un tanto peculiar. E iso é tanto como prantexar que outra realidade é posible, malia que a herdanza patriarcal estea presente, se somos capaces de asumir e aceptar realidades diferentes á nosa. Nada máis. E nada menos!

Malia a abundancia de personaxes secundarias non podemos chegar a falar dunha novela coral, pois o centro da narración é, como dicimos, Mara, xunto a B e a Antón/Antía. Mais técense ao longo da novela unha serie de historias paralelas entre as que cabe destacar a protagonizada pola simpar Herminia, compañeira de andanzas de Maruxa e personaxe ben peculiar, que dalgún xeito representa o empoderamento da muller labrega, sometida por ese patriarcado do que falabamos máis arriba.

A linguaxe é simple e directa, fresca e con abundancia de recursos contemporáneos. Entre eles quizais sexa o máis salientable o emprego esporádico do pronome neutro para se referir a determinadas realidades de xénero que non encaixan nos usos habituais. Velaí como, mesmo no emprego dunha linguaxe, podemos asistir tamén a un acto reivindicativo como parte activa do espírito da novela.

Carmen PG Granxeiro

«Estranxeiras»

Xerais

Femupo activa o Plan Corresponsables para dignificar o sector dos coidados en Baiona

0

A presidenta de Femupo, Raquel Touriño, xunto coa concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira, mantiveron unha reunión con mulleres de Baiona para informalas da posta en marcha do Plan Corresponsables na localidade, un proxecto para favorecer a conciliación de familias con menores dende un enfoque de igualdade entre mulleres e homes.

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona colabora con a  Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) que  activará a finais de este mes a primera acción do Plan Corresponsables en Baiona.

Esta primeira acción será a posta en marcha da acción formativa de manipulación de alimentos. Tamén levaránse  a cabo outras accións de formación encamiñadas a un futuro recoñecemento da experiencia laboral das mulleres, como por exemplo; primeiros auxilios, competencias básicas ou competencias dixitais.

“Para Femupo supón un gran impulso como federación xa que nos converte na agrupación social e feminista referente do Plan Corresponsables na provincia de Pontevedra,” declara Raquel Touriño, presidenta de Femupo. “Isto vainos facilitar medios para levar a cabo multitude de accións por toda a provincia e así expandir a nosa filosofía de traballo co obxectivo de acadar a igualdade das mulleres.”

Un dos principais eixes do Plan Corresponsables Femupo é a formación gratuíta para que as mulleres poidan acceder ao Certificado de profesionalidade no coidado de menores de ata 16 anos. O Plan contempla ademais a creación dun censo laboral que se porá a disposición de empresas e administracións que busquen persoas dispostas a traballar no coidado de menores

Con esta iniciativa, búscase favorecer que mulleres poidan acceder a empregos de calidade nos seus lugares de residencia ou exercer profesionalmente unha actividade que viñan desempeñando de maneira non formal.

“Temos que ser conscientes de que hoxe en día conciliar o traballo cos coidados familiares supón facer malabares. Hai que investir e educar para facer real a corresponsabilidade de maneira que os coidados se compartan e deixen de ser cargas na vida familiar,” comenta Touriño.

O acordo enmárcase na aposta da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona pola conciliación e a corresponsabilidade e a creación de emprego de calidade.

As persoas que desexen participar neste programa formativo poden anotarse chamando ao Centro de Información á Muller de Baiona (CIM) no 986 35 75 54.

O luns 10 de outubro estará en Oia a unidade móbil de doazón de sangue

0

A unidade móbil de doazón de sangue visitará Oia o próximo luns 10 de outubro. Permanecerá aparcada diante do Concello de 16:00 a 21:00 horas, a disposición de todas as persoas que queiran achegarse a doar.

O servizo traballa con cita previa, que pode solicitarse no teléfono 900 100 828.

Os requisitos xerais para doar sangue son ter máis de 18 anos de idade e pesar máis de 50kg. Á hora de presentarse é necesario levar a tarxeta de doante, DNI ou documento similar.

Outras cuestións a ter en conta  á hora de doar sangue é a necesidade de almorzar pola mañá. Despois do xantar ao mediodía recoméndase agardar 2 horas antes de acudir.

Para consultar calquera información relacionada con estes temas, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS)  ten habilitadas varias vías de comunicación: o teléfono 900 100 828, o correo electrónico [email protected] e a web https://ados.sergas.gal.

Acto solidario

A doazón de sangue é un sinxelo acto solidario que non leva máis de 10 minutos e grazas ao cal pódese salvar a vida doutras persoas.

En Galicia, os hospitais atenden unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos. Por iso, cada día son necesarias entre 400 e 500 doazóns de sangue. Para facilitar as doazóns, a Axencia conta con locais nas sete grandes cidades, así como 10 unidades móbiles que percorren toda a comunidade autónoma.

Two in the Mirror en concerto en Baiona

0

Concerto de Two in the Mirror en Baiona, o próximo 11 de outubro, ás 19:00 horas, nos xardíns da Casa da Navegación. Este evento forma parte dunha serie de concertos dentro da iniciativa “Música e Viño non Camiño” do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

A actuación é gratuíta e nela poderase gozar dos viños D.Ou. Rías Baixas e da gastronomía local nos establecementos hostaleiros da zona. Con esta iniciativa EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño organizan unha serie de concertos por todo o territorio nos que o público poderá gozar da maridaxe de música, veu e gastronomía á vez que se potencia a hostalería e o comercio local.

Mondariz proxecta filmes de Charles Chaplin, Buster Keaton e dos irmáns Marx no ciclo de cinema clásico de outubro

0

Despois dunha programación de verán caracterizada pola recuperación do formato tradicional das Festas Patronais da Peña de Francia e San Roque e a participación veciñal na organización de actividades socioculturais, o Concello de Mondariz mantén a mesma filosofía na programación de outono, que se presentará de mes en mes.

Coa chegada do frío, este mes de outubro regresan as proxeccións cinematográficas no auditorio municipal de Mondariz, que en 2020 foi habilitado cunha pantalla móbil de grandes dimensións e un moderno equipamento audiovisual para cumprir a función de sala de cinema. Onte venres 7 e o 21 de outubro están programadas noites de cinema clásico, coa proxección de comedias míticas de Charles Chaplin (“O circo”, 1928), Buster Keaton (“O moderno Sherlock Holmes”, 1924) e dos irmáns Marx (“Unha noite en Casabranca”, 1946). A entrada, como de costume, será libre e gratuíta até completar a cabida. Estas proxeccións están baixo licenza Umbrella MPLC.

Espectáculos familiares

Durante este mes tamén están programados tres espectáculos familiares, dous deles nos marcos dos programas FalaRedes e Ler Conta Moito. O día 15, a Praza de Abastos de Mondariz acollerá o espectáculo lúdico e musical “Xogar e aprender en galego mola” (20:00 horas). O día 22, Mago Paco presentará o seu espectáculo “Maxia Divertida: Contamaxias” no mesmo lugar (20:00 horas). E o día 31, o Concello de Mondariz anima aos máis cativos a celebrar o Samaín co espectáculo “Esqueteles bailade”, de Animar-T, no auditorio municipal (18:00 horas).

Actividades lúdicas e deportivas

A participación veciñal, a través de colectivos e asociacións da localidade, está detrás doutras das actividades programadas no mes de outubro. É o caso da V Marcha BTT “Montes de Mondariz”, organizada pola Asociación Deportiva Mondariz co apoio do Concello de Mondariz, e que aspira a atraer decenas de participantes o 12 de outubro.

O 23 de outubro, o Mondariz FC organiza a súa tradicional Festa dos Callos xunto á igrexa de Mondariz. E o 29 deste mes, a Comisión das Festas de Mondariz 2022-2023 recadará fondos cunha festa na Praza de Abastos inspirada nos anos 60, 70 e 80.

Avelaíña conmemora o Día Mundial da Saúde Mental baixo o lema “Dalle like á saúde mental”

O 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS) e que este ano centra a súa temática na saúde mental na infancia e na mocidade, unha materia pendente a nivel sanitario, social e educativo. Cabe sinalar que a metade dos trastornos mentais presentan síntomas antes dos 14 anos, e tres cuartos deles comezan antes dos 24.

Segundo a OMS, unha de cada sete persoas mozas de 10 a 19 anos ten algún problema de saúde mental en todo o mundo. A pandemia agravou problemas existentes aos que non se lles prestou a atención necesaria, á vez que foi causante de novos problemas, provocando un aumento do 47% nos trastornos de saúde mental en menores de idade.

Mesas informativas en Gondomar e Nigrán e Baiona

Con motivo desta celebración, Avelaíña instalou mesas informativas en Gondomar e Nigrán este xoves e venres, respectivamente e o luns, 10 de outubre estará en Baiona.

O obxetivo é sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e onde a poboación poderá coñecer máis sobre a saúde mental e o traballo que realiza a Asociación e os recursos da Contorna.

Nas meses informativas, realizouse a  lectura do Manifesto, onde acudiron os responsables locais, Xunta directiva, familiares e usuarios da Entidade.

Sete axentes da Policía Local do Porriño reciben a medalla ao mérito policial

Sete axentes da Policía Local do Porriño recibiron onte a Medalla ao Mérito Policial en recoñecemento ás actuacións excepcionais en acto de servizo pola súa intervención na explosión da pirotecnia da parroquia tudense de Paramos, en maio do ano 2018, na que faleceron dúas persoas e provocou numerosos danos persoais.

O inspector xefe, Daniel Rodríguez, os axentes Brais Roca, Benjamín Blanco, Francisco Javier Rodríguez e Sergio García, e os oficiais Antonio Pereira, Adolfo Suárez, recibiron o máximo recoñecemento nun acto celebrado na Academia Galega de Seguridade.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o “labor fundamental que desenvolven os nosos axentes da Policía Local, traballando sempre en primeira fila e estando aí sempre que se lles necesita. Eles son esa man que se tende nos momentos máis duros, como o que aconteceu en Paramos. A nosa admiración a todos eles”.

Estes sete axentes acudiron ao municipio veciño tras a explosión de Paramos tan pronto se recibiu a alerta do 112 para cooperar nas primeiras tarefas de asistencia aos feridos, revisar as vivendas afectadas pola deflagración e axudar na evacuación dos feridos.

Os “Coidados porta a porta” chegarán a Oia os días 28 de outubro e 2 e 3 de novembro

0

A unidade móbil do programa “Coidados porta a porta” da Xunta de Galicia visitará Oia nas próximas semanas para ofrecer consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación de memoria. O vehículo situarase diante do campo de fútbol de Santa María de Oia os días 28 de outubro e 2 e 3 de novembro.

Este servizo gratuíto está dirixido a persoas maiores de 55 anos. Funciona con cita previa, que xa se pode solicitar chamando aos teléfonos 622 748 283/623 546 992 ou ben a través do correo electrónico [email protected]. A inscrición previa tamén pode facerse no teléfono do Concello de Oia: 986 36 21 25.

O programa “Coidados porta a porta” inclúe tres tipos diferentes de servizos: podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. Cada sesión concertada pode ter unha duración de ata 45 minutos. Segundo a especializade, as actuacións serán as seguintes:

-Servizo de podoloxía con consulta básica, onde se fará unha valoración do estado xeral do pé, un corte e limpeza de unllas e se procederá a eliminación de durezas, calos e helomas.

-Servizo de audioloxía, no que se fará unha valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva.

-Servizo de estimulación da memoria, cun profesional que realizará una valoración cognitiva e proporcionará pautas para previr e minorar posibles deterioros.

Programa dirixido a maiores do rural

“Coidados porta a porta” achega servizos asistenciais a maiores que viven no rural co obxectivo de previr a dependencia. Percorre os distintos concellos de Galicia para que as persoas usuarias poidan permanecer coidadas na súa contorna.

Esta será a segunda das paradas en Oia deste programa sociosanitario galego, que xa estivo presente na localidade os pasados 25, 26, 27 e 28 de abril.

Redondela estreará unha nova oficina de Turismo e Cultura de Redondela

0

O Concello de Redondela rehabilitará as antigas dependencias do conservatorio de música, na rúa Isidoro Queimaliños, dentro dun plan global de rehabilitación e recuperación do patrimonio histórico do municipio. As obras, que contan cun orzamento de preto dos 300.000 euros, inclúese nas liñas establecidas para a rehabilitación e mellora do patrimonio histórico e cultural e a creación de novos eventos culturais (Plan EDUSI 2020).

Cómpre salientar que pola rúa Isidoro Queimaliños, onde se atopa o edificio, discorre o Camiño de Santiago e que, o turismo de peregrinos supón, no caso de Redondela, preto do 90 % do fluxo turístico do municipio.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembra que a Vila “conta cun importante patrimonio cultural, que é necesario poñer en valor”. Esa revalorización do patrimonio cultural redondelán, engade Rivas “sirve para que tanto o turismo como a veciñanza, coñezan mellor a historia do seu municipio e xerar sinerxias que atraian a un maior número de visitantes”.

Programa de renovación

A empresa adxudicataria da obra, Santorio Arquitectos, explica o programa de renovación integral. Esta xa leva catro meses de proceso nos que foron collendo forma a antedita Oficina de Turismo e as instalacións de servizos de Cultura e Normalización Lingüística.

A planta inferior contará, cun acceso desde a plazuela de Reveriano Soutullo, albergando dependencias para usos municipais como despachos e salas de coloquios ou reunións, almacéns, etc.

A planta superior, con acceso desde Isidoro Queimaliños, alberga a oficina de turismo e un espazo polivalente e de exposicións.

O edificio contará cunha plataforma elevadora que garantirá a accesibilidade de persoas con mobilidade reducida, e con baños accesibles en ambas as plantas.

A actuación contempla a mellora da eficiencia enerxética, dispoñendo illamento térmico na cuberta e trasdosados de fachadas, reparando ou substituíndo carpinterías existentes deterioradas, incorporando iluminación Led tanto no interior como no exterior e procedendo á substitución de todas as redes de servizos e instalacións do inmoble.

Doutra banda, Rivas, sinala que a través deste programa “estanse a poñer en marcha un conxunto de actuacións que recuperen e rehabiliten o patrimonio histórico de Redondela”, un patrimonio, recalca, “que corre un grave perigo de deterioro e, polo tanto de desaparición e que inclúe xacementos arqueolóxicos, casas históricas ou cemiterios de alto valor histórico e patrimonial”. Neste último caso subliña a alcaldesa a importancia da recuperación do Cemiterio de Eidos, “que permite facer un percorrido pola historia de Redondela e das persoas que contribuíron a que o municipio sexa hoxe o que é”.

Baiona celebrará o Día da Hispanidade cunha amplia programación

0

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona deseñou unha programación con motivo da celebración do día da Hispanidade: “Ritmos da Hispanidade”.

A Concellaría de Cultura deu un paso máis na celebración desta efeméride e programou un concerto na praza de Concello ás 19:30h o propio día 12 de outubro, tras o acto institucional que se celebrará na Vila con motivo de tal efeméride.

O  12 de outubro celebrarase ás 18:00h o acto protocolario na praza do Concello para despois gozar do concerto “A Viaxe”  facendo unha viaxe musical polos ritmos dente Arxentina a Galicia. A biografía de Juan Carlos Cambas, contada en primeira persoa, nunha viaxe integradora e enriquecedero a través do mellor da música de ambas beiras atlánticas.

O rexedor baionés, Carlos Gómez Prado explica “que esta programación está diseñeda para achegar a celebración da hispanidade a toda a cidadanía. Quixemos dar un cambio aos eventos que organiza o concello co obxectivo de que os gocen todos os veciños e veciñas da vila. Para que todo o pobo participe deles. Por iso o día 12 organizamos un acto aberto no que toda a cuidadanía poida gozar. O obxectivo é gozar da  Hispanidade todos xuntos. O Concello de Baiona leva celebrando o acto 21 anos e había que darlle unha volta para que todo o pobo puidese participar deste evento, sempre respectando o protocolo,  a celebración do  día da Hispanidade deixou de ser un acto encorsetado no que participaban uns poucos para pasar a ser un acto para todos e todas”. 

O acto de celebración do día da Hispanidade está subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra. Este día leva celebrándose na Vila  desde fai vinteún anos , en colaboración coa institución provincial, debido á relación que Baiona ten con América e coa comunidade  colombina, ademais do feito histórico de que Baiona foi o primeiro porto de Europa en ser coñecedor do Descubrimento de América cando chegou ao seu porto a Carabela Pinta ao mando de MartÍn Alonso Pinzón.

Todo iso terán lugar na Praza do Concello.

O Concello de Ponteareas oferta 6 prazas de emprego público

O Concello de Ponteareas vén de aprobar a Oferta de Emprego Pública Ordinaria correspondente ao ano 2022. O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, con data de 19 de setembro, recolle a relación de prazas de persoal laboral e persoal funcionario que se convocarán proximamente no Concello ponteareán.

A administración local ponteareá convocará 2 prazas de persoal laboral de quenda libre. Deste xeito, buscará a incorporación dun condutor ou condutora de emerxencias e dun peón. Convocaranse tamén catro prazas de persoal funcionario, todas de quenda libre: tres postos serán para oficiais administrativos e haberá unha vacante para os servizos especiais da Policía Local.

O concelleiro de Persoal, Benito Márquez, celebra este anuncio que “supón un primeiro paso para que a veciñanza ponteareá acade a estabilidade laboral, tan necesaria nestes tempos de incertidume global”. Márquez sinala tamén que a oferta por quenda libre ofrece unha oportunidade laboral en igualdade de condicións: “conxúgase o dereito dos funcionarios a promocionar e mellorar na súa carreira administrativa e ao mesmo tempo ofrécese emprego a todas as persoas que busquen acceder a unha praza pública”.

A Guarda avanza no seu plan de acción polo clima e a enerxía sostible

0

O Concello da Guarda celebrou esta semana unha sesión de traballo para a elaboración do informe de seguimento do PACES (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible).

Entre os principais obxectivos do PACES está o de reducir as emisións de CO2 un 40 % para 2030, minimizar o consumo enerxético no municipio, incrementar o nivel de implantación das enerxías renovables, elaborar un Inventario de Emisións de Referencia (IER) e aumentar a capacidade de resiliencia mediante a adaptación ao cambio climático.

Nesta sesión de traballo explicáronse os avances realizados polo Concello da Guarda dende o ano 2014 para a redución das emisións contaminantes á atmosfera, analizando en detalle cales son as principais fontes de emisións, como poden ser os edificios e equipamentos municipais, edificios residenciais, alumeado público, frota municipal, transporte público, transporte privado e comercial, xestión de residuos ou xestión de augas residuais.

Deste xeito o maior consumo enerxético na Guarda dáse nos edificios residenciais e no transporte privado e comercial, rexistrándose un descenso no consumo entre o ano 2014 e 2022 de 2119 MWh no caso de edificios residenciais e de 1551 MWs no caso do transporte privado e comercial. Tamén no caso de emisións de CO2 verificouse un descenso de 1528t CO2 no caso de edificios residenciais e de 1794t CO2 no caso do transporte privado e comercial.

A nivel municipal o consumo enerxético céntrase nos edificios e equipamento/instalacións

Municipais cun 65 %, no Alumeado público cun 26% e na Frota de vehículos municipais cun 9 %. Neste senso rexistrouse un descenso do consumo entre o 2014 e o 2022 dun 592MHw en edificios e equipamento/instalacións Municipais, 371MHw no alumeado público e de 33MHw na frota de vehículos municipais.

O obxectivo final do PACES é a redución dun 40% das emisións de CO2 con 9390t CO2, acadando arestora unha redución dun 14,64% das emisións de CO2 con 3438t CO2.

O Concello da Guarda continúa co compromiso e a aposta decidida contra o cambio climático mediante o seguimento do PACES en toda a política municipal, sendo un obxectivo que se ten en conta como prioritario á hora da realización de novos proxectos, obras, infraestruturas, entre outras accións.

Nigrán abre o ‘Mes da Memoria’ cunha proxección o domingo

0

O Concello de Nigrán abre a programación especial polo ‘Mes da Memoria’ este domingo 9 de Outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal coa proxección de ‘La trinchera infinita’, a través do cineclub Val Miñor Alice Guy. O filme de Jon Garaño, Aitor Arregi e José Mari Goenaga, protagonizado por Antonio de la Torre e Belén Cuesta, retrata a vida dun home escondido na súa propia casa durante 30 anos por medo á represión franquista (desgraciadamente estes casos non foron anecdóticos en España e os seus protagonistas foron coñecidos como ‘topos’). O cine regresa o domingo 16 de outubro á mesma hora e lugar con ‘Mientras dure la guerra’, película de Alejandro Amenabar que reflexa a postura do célebre escritor Miguel de Unamuno (Karra Elejalde) que pasa de apoiar públicamente a rebelión militar do 36 a cuestionala e rechazala ante a deriva sanguiñolenta da mesma. En todos os casos a entrada é de balde ata completar aforo.

Unha parte importante da programación do Concello consiste na presentación de novos libros de investigación que abordan a represión e a sublevación na provincia, polo que estarán presentes os seus autores e se establecerá un coloquio posterior. Así, a través do Instituto de Estudos Miñoranos, o mércores 12 ás 19:00 horas será o turno de ‘Alejandro Viana, un galego á fronte do rescate de refuxiados republicanos’, de Roberto Mera. O domingo 23 ás 19:00 José Antonio Uris e Víctor Manuel Santidrián presentan ‘A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos’ que se acompañará da proxección do documental de Antonio Caeiro ‘Aillados. A memoria dos presos de 1936 na illa de San Simón’. A programación a pechará o mércores 26 ás 20:00 horas ‘Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)’ de Xosé Álvarez Castro, tamén en colaboración co IEM. Paralelamente, o Concello ofrecerá no IES Val Miñor e IES Proval unha charla de Carlos Meixome sobre o seu libro ‘Catas na Memoria’, agasallando a ambos centros con diversos exemplares.

Un dos actos estrela será a proxección o xoves 20 de ‘La carcel de curas’, documental vasco de 2021 de Oier Aranzabal, Ritxi Lizartza e David Pallarés que narra a historia da viaxe real ao que foron sometidos 53 relixiosos de Madrid, Galicia, Cataluña e País Vasco no seu traslado forzoso ao devandito penal de Zamora, que foi o único cárcere de curas do mundo. Á proxección acudirán os seus directores e algún dos relixiosos represaliados co fin de establecer un coloquio posterior.

Igualmente, o Concello colaborará con Lucenza-Ateneo para ofrecer o venres 14 de outubro no Auditorio Municipal un acto en homenaxe ao 70 aniversario da publicación de ‘Longa noite de pedra’ de Celso Emilio Ferreiro, libro clave para comprender a literatura galega contemporánea. Este título e o conxunto da obra fan referencia á prisión padecida polo autor no Mosteiro de Celanova no 1937, porén, alén da dimensión anecdótica ou persoal, esta longa noite de pedra tense identificado repetidamente coa longa ditadura franquista.

O 15 de outubro, como cada ano, o Concello participará nos actos en homenaxe aos asasinados na ‘Volta dos 9’ en Baiona e celebrará o seu particular ás 12:00 horas no Xardín da Memoria (ao carón do Pavillón de Panxón). O suceso tivo lugar o 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes, a súa asistenta Dolores Samuelle e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños de todo o Val Miñor detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e como vinganza, os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquelo que sucedeu.

O Porriño alberga a exposición fotográfica da AECC “50 anos cambiando a historia do cancro”

Desde a Fundación Científica da Asociación Española Contra o Cancro levan 50 anos mellorando a vida das persoas con cancro con máis investigación. Sen dúbida a AECC converteuse nun axente social clave na loita contra esta enfermidade.

A exposición fotográfica “50 anos cambiando a historia do cancro” #investigandoencáncer, chega ao Porriño para conmemorar este medio século de actividade, dando a oportunidade á veciñanza de descubrir como é un laboratorio, a través das imaxes realizadas polo fotógrafo Míchelo Toro, e os resultados de investigación sobre o cancro máis destacados dos últimos anos contaron co apoio da AECC.  En total recolle 12 fitos nacionais, xunto con dous pertencentes á provincia de Pontevedra, entre os que se atopan o Dr. Joao M Fernandes e a súa investigación sobre o cancro de colon e a Dra. Mónica Martínez no caso do de pulmón.

“O noso obxectivo é alcanzar o 70% de supervivencia”, explicou Mari Palacín en nome da delegación local da AECC no Porriño, “A investigación evolucionou moitísimo na súa maneira de entender esta enfermidade, de abordar os verdadeiros retos aos que se enfrentan os investigadores e, sobre todo, nos últimos anos os avances tecnolóxicos supuxeron unha verdadeira revolución na investigación do cancro. Para entender como podemos prevelo, detectalo de forma precoz, tratar a enfermidade e comprender as recaídas”.

“O cancro é un inimigo común ao que só podemos plantar cara xuntos e por iso convídovos a todos e todas a visitar esta exposición na praza Arquitecto Antonio Palacios e coñecer un pouquiño máis sobre todo o que conseguimos en 50 anos de loita conxunta e, con iso, saber todo o que podemos conseguir”, afirmou o alcalde, “O meu agradecemento a Chelo Conde, presidenta delegación no Porriño e a todas e todos os súas integrantes, así como ao coordinador da xunta provincial, Telmo Crespo, por contar con nós. Reiterar a man tendida do Concello para concienciar e visibilizar esta enfermidade”.

Súmate á XI Limpeza Simultánea de Praias o sábado 15 de outubro na praia do Codesal

0

ADEGA convoca un ano máis a Limpeza Simultánea de Praias, que desta volta acada a súa XI edición, e terá lugar na fin de semana do 14 e 15 de outubro. Esta xornada de voluntariado ambiental ten o propósito de concienciar a sociedade na loita contra a contaminación mariña.

Foron chamados a participar nesta limpeza simultánea de praias e denunciar esta problemática ambiental os centros de ensino, escolas de surf e mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos do litoral, e entidades de todo tipo de Galiza, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares, este ano o Concello da Guarda adheriuse a esta limpeza e acollerá este evento na xornada do sábado día 15 de outubro a partires das 11:00h na Praia do Codesal.

As limpezas serán ecolóxicas, non mecanizadas, e tratarán de eliminar boa parte dos residuos que están nas praias coa idea de chamar a atención da sociedade sobre a súa contaminación procedente nomeadamente de terra adentro. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no modelo “usar e tirar”, a deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso provoca que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedentes en parte da industria do mar (pesca, extraccións…), pero tamén dos nosos fogares.

Podes realizar a túa inscrición chamando ao Concello da Guarda ao 986 61 00 00.

Este outubro a aula CeMIT de Ponteareas camiña en dixital

A aula CeMIT de Ponteareas céntrase este outubro en camiñar en dixital. Durante todo o mes o centro organizará un curso destinado a persoas con menores habilidades tecnolóxicas para que poidan aprender a manexar o teléfono móbil e os reloxos intelixentes ao tempo que se fomenta que camiñen de forma saudable.

Un curso de balde con un total de 17 sesións de dúas horas e media de duración ao longo de todo outubro que, como sinala o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, “busca achegar ás novas tecnoloxías a sectores que normalmente non as empregan, promovendo a inclusión e proporcionando ferramentas para facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades, acabando coa fenda tecnolóxica”.

Ademais deste curso mensual, aula estará aberta ao público os luns a venres en horario de 19.30 a 21.00 horas, agás o xoves 27 (de 20.00 a 21.00 h), o venres 28 (de 16:00 a 21:00 h) e o luns 31 de outubro (de 16:00 a 21:00 h).

As persoas interesadas en realizar estes cursos ou calquera dos outros obradoiros que se ofertan mensualmente deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico [email protected] ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula.