Luns, 17 Novembro de 2025

O Grupo Socialista urxe á Xunta a construir unha estación depuradora en Oia

Leticia Gallego lamenta que o goberno galego non faga “absolutamente nada” para resolver un problema de primeira orde nun Concello atendido por instalacións de tratamento primario que “non serve de nada”

A parlamentaria socialista Leticia Gallego visitou o Concello de Oia, onde mantivo un encontro co portavoz socialista, Gerardo Rodríguez, e membros do grupo municipal socialista, para reclamarlle á Xunta que constrúa de urxencia unha depuradora para frear os constantes vertidos rexistrados no Concello.

Lamentou que o goberno galego “non faga absolutamente nada” para atender unha reivindicación histórica no Concello, atendido polas minidepuradoras instaladas en Punta Orelluda para o tratamento primario que se teñen demostrado “absolutamente insuficientes”, ademais de que levan “dez anos sen funcionar correctamente”.

Lembrou que os veciños e veciñas “levan máis de dez anos soportando malos cheiros, ruído e vertidos das augas residuais xunto ás casas” e “están fartos dunha situación insoportable que está a levar por diante os espazos naturais da costa”.

Leticia Gallego levará ao Parlamento as queixas dos veciños e veciñas de Oia, que afirman que “as filtracións e vertidos de augas fecais son constantes e van directamente ao mar porque o sistema de depuración non funciona, ou ben a través das arquetas situadas xunto á estrada PO-552, onde se observan os residuos orgánicos fedorentos tan pronto como se levanta a tapa”.