10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorGondomarGondomar presenta o seu ciclo de teatro de outono

    Gondomar presenta o seu ciclo de teatro de outono

    O Concello de Gondomar presentou o seu ciclo de outono de teatro dentro da súa programación Gondocultura Outono 2022.

    Este ciclo que consta de cinco representacións teatrais, terá lugar no Auditorio Municipal Lois Tobío.

    A primeira das obras representadas, o 15 de outubro ás 21:00 horas, será “Que mujer prodigio soy”, da compañía “Dramaturgas de oro”, e toca parte da vida e obra de Sor Juana Inés de la Cruz, María de Zayas Sotomayor e Ana Caro Mallén, no marco dunha competencia por ser as mellores e a elexida para escribir unha peza encargo da coroa.

    O 5 de novembro ás 21 horas será o turno da peza “Papagena” unha ópera electrónica nacida a partir da figura da personaxe homónima da Frauta Máxica de Wolfgang Amadeus Mozart. Unha produción para analizar e re-escribir esta personaxe dende unha mirada actual e en base a dun dos maiores procesos de avance político-social dos últimos tempos: a loita contra o sexismo.

    O 13 de novembro ás 12:00 horas a compañía catalá Xiriquitela Teatre coa sua obra “Laika” nos sumerxe na Moscova durante a Guerra Fría e en plena carreira espacial. A cadeliña Laika sobrevive polas rúas da xeada cidade. Nada lle fai sospeitar que o seu destino levaraa ao espazo dentro do Sputnik ll e pasará á historia da humanidade. Será o primeiro ser vivo en orbitar ao redor da Terra pero tamén unha vítima máis das loitas de poder doutros.

    Un espectáculo para todos os públicos, recomendado a partir dos 4 anos, que nos fala das marabillas do ceo pero tamén das inxustizas da Terra.

    A compañía Mevadeus fará parada en Gondomar o 18 de novembro ás 21:00 horas coa peza titulada “Outrora nós”, na que catro xoves, pertencentes á xeración Z, fan unha viaxe entre pasado e presente coa premisa de saber: Quen seríamos nós outrora nós?

    O amor e a tradición son o fío condutor desta experiencia escénica que se pregunta de que maneira o desexo de amar e ser amados nos forma, nos conforma ou nos deforma.

    “Backup, a resurrección de Nuno” entrará en escea o 19 de novembro ás 21:00 horas da man de Ste Xeito Produccións. A Resurrección de Nuno é unha “Comedia post Mortem” que nos amosa, a través dun humor acedo, unha posibilidade propia da ciencia ficción pero que sen embargo xa está a tocar a nosa porta na actualidade.

    Que sucedería se puidésemos resucitar a alguén amado? Canto tempo pasará ata que os segredos enterrados co finado saian á luz? Que cambios provocará saber toda a verdade? Serán quen de saír reforzados como familia ao aceptar as súas imperfeccións e disfuncionalidades?

    Por último o 27 de novembro ás 20:00 horas e pechando este ciclo de outono, Artesacía presentará a sua peza teatral “Illas Desertas”, que nace como resposta a un mundo competitivo que só sabe camiñar nunha única dirección: a de facernos produtivas. O espectáculo propón unha travesía cara a nada, ancorada na narrativa e na poesía audiovisual onde o público é parte activa da peza. Illas Desertas é unha experiencia inútil, unha viaxe cara á nada, un canto ao fracaso, unha conquista do inútil, unha viaxe interior. É habitar, abrir, reencontrarse con eses territorios ignotos que nos habitan interiormente e que buscan saír á boia cando a vida nos sacude, cando nace ese baleiro que o material non pode encher. Por que non roubarlle tempo á morte con esta aventura?

    As entradas, que oscilan entre os 2,50 e os 3,50 euros poderán adquirirse dende mañá mércores 12 de outubro na taquilla electrónica do Concello de Gondomar: www.taquilla.concellodegondomar.gal.

    As sesións dos dias 5 e 19 de novembro serán gratuítas, previa retirada de invitación na mesma taquilla electrónica.

    Na presentación do ciclo o rexedor local, Paco Ferreira destacou que “Gondomar e xa un referente cultural a nivel nacional, e no caso do teatro e das artes escénicas en xeral, hai moi poucos concellos en Galicia e España que poidan presumir de ter unha programación estable tan ampla e variada como a que ten Gondomar”. O alcalde quixo aproveitar a ocasión para salientar “a calidade excepcional das obras que se van representar durante estes máis de dous meses”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.