10.4 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelCarmen PG Granxeiro, «Estranxeiras»

    Carmen PG Granxeiro, «Estranxeiras»

    Carmen Granxeiro é coñecida polas súas contribucións ao audiovisual e, en xeral, ás artes plásticas derivadas da sétima arte, como a videocreación. Agora dá un paso máis nas súas arelas artísticas adentrándose no eido da narrativa con esta novela, que resultou gañadora do II Premio Pinto e Maragota, un galardón enfocado á diversidade de sexo e xénero. A proposta desta nova autora é un achegamento reivindicativo á necesidade de recoñecérmonos individualmente nas nosas propias querencias, un canto ao respecto e á convivencia á marxe das nosas condicións.

    A historia desenvólvese maioritariamente no ambiente rural, na vila ficticia de Santa Mariña das Augas Novas. Ata alí chega a misteriosa B, unha rapaza alemana para quen o lugar non é máis que un punto de descanso nunha fuxida da que ignoramos os detalles. Ao tempo, tamén chega á vila Mara, acompañada do seu fillo Antón, para pasar o verán na casa da súa tía, Maruxa. Entre B e Mara establécese unha relación de amizade que induce á fuxitiva a quedar durante un tempo máis longo do previsto, e que non tardará en derivar nunha paixón que se verá alimentada pola descuberta de que Antón, en realidade, é unha nena nun corpo de neno que anda á procura da súa propia identidade.

    O feito de que todas estas circunstancias se produzan nun entorno rural fai presaxiar, de primeiras, problemas serios de convivencia. Mais ao adentrármonos na lectura descubrimos que nada de iso acontece e que, maioritariamente, o respecto cara ás novas realidades sexuais e de xénero é asumido de maneira natural pola maioría dos veciños e veciñas. Prantéxase deste xeito un diálogo interxeracional que impregna todo o relato, sobre todo no entorno de Mara, fío condutor da narración, un tanto peculiar. E iso é tanto como prantexar que outra realidade é posible, malia que a herdanza patriarcal estea presente, se somos capaces de asumir e aceptar realidades diferentes á nosa. Nada máis. E nada menos!

    Malia a abundancia de personaxes secundarias non podemos chegar a falar dunha novela coral, pois o centro da narración é, como dicimos, Mara, xunto a B e a Antón/Antía. Mais técense ao longo da novela unha serie de historias paralelas entre as que cabe destacar a protagonizada pola simpar Herminia, compañeira de andanzas de Maruxa e personaxe ben peculiar, que dalgún xeito representa o empoderamento da muller labrega, sometida por ese patriarcado do que falabamos máis arriba.

    A linguaxe é simple e directa, fresca e con abundancia de recursos contemporáneos. Entre eles quizais sexa o máis salientable o emprego esporádico do pronome neutro para se referir a determinadas realidades de xénero que non encaixan nos usos habituais. Velaí como, mesmo no emprego dunha linguaxe, podemos asistir tamén a un acto reivindicativo como parte activa do espírito da novela.

    Carmen PG Granxeiro

    «Estranxeiras»

    Xerais