Domingo, 10 Novembro de 2024

Esta fin de semana chegan as Andainas Ponteareas

Natureza, medioambiente, deporte e solidariedade volven darse a man en Ponteareas esta fin de semana. O Concello organiza en colaboración co Club de Montaña Xistra as ‘Andainas Ponteareas 25km e 12km’, unha marcha de media distancia e outra de carácter popular coas que se busca “achegar a todas e todos os participantes á nosa contorna, a desfrutar do río, da vexetación de ribeira, a camiñar polos nosos montes e parques forestais e, ao mesmo tempo, achegar o noso gran de area reunindo alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene que se lle entregarán ao Centro de Reparto de Alimentos da vila”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

As proba sairán o vindeiro domingo 16 de outubro do parque da Feira Vella e percorrerán espazos de gran valor natural e paisaxístico como o río Uma ou A Picaraña para rematar no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino. Ambos os dous percorridos estarán sinalizados con frechas e cintas.

Ás 09.00 horas será a saída da andaina Ponteareas25km, unha proba de dificultade media-alta que forma parte do Open de Andainas de 25km e do calendario da Copa Galega de Andainas de 25km. Este roteiro está calculado para facerse nun tempo de entre 4 e 6 horas con puntos de control e pequenos avituallamentos. Pola súa banda, ás 09:30 horas comezará o percorrido de Ponteareas12km, cunha dificultade media-baixa.

A andaina está aberta a todas a persoas adultas e nenos e nenas maiores de 14 anos acompañados dun adulto responsábel. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse ata este martes 11 de outubro ás 23:59 horas a través da páxina web do Club de Montaña Xistra. Ata o momento xa hai máis dun cento de persoas de toda Galicia rexistradas.

Para máis información pódese enviar un correo electrónico a [email protected], chamar ao 644 58 32 50 ou entrar na web do Club de Montaña Xistra.