16.8 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas reclamaralle á Xunta os gastos asumidos polo Concello na Estación de...

    Ponteareas reclamaralle á Xunta os gastos asumidos polo Concello na Estación de Autobuses

    O alcalde en funcións de Ponteareas, Roberto Mera, ditou hoxe unha providencia para que os servizos municipais cuantifiquen con exactitude o déficit asumido polo Concello pola xestión da Estación de Autobuses entre o ano 2011 e o 2022, coa intención de reclamarllo formalmente á Xunta de Galicia “á vista da súa negativa a asumir voluntariamente a súa obriga de compensar os gastos soportados por Ponteareas durante 11 anos”, sinalou.

    Na providencia relátanse con detalle e de forma documentada todas as vicisitudes acontecidas na xestión da Estación de Autobuses dende que en 2011 venceu o contrato de explotación en virtude do cal o Concello xestionara a estación dende 1991. O daquela alcalde, Salvador González, comunicou á Xunta que o Concello non quería continuar coa explotación da Estación porque lle supuña un déficit anual de máis de 40.000 euros. A Xunta comprometeuse entón a dar unha solución antes de finalizar 2011, pedindo ao alcalde González Solla “a colaboración dese Concello para que siga garantindo a xestión dos servizos na estación”.

    Dende entón sucedéronse diversos intentos por parte da Xunta de adxudicar a explotación, o que non logrou até finais do pasado ano 2021, mantendo o Concello durante case 11 anos a xestión en precario, de favor e como colaboración coa administración autonómica, e asumindo as perdas do servizo. En 2012, o alcalde González Solla solicitou a compensación dos gastos que carrexaba ao Concello esa situación e no 2013 a Xunta, a través dun oficio do 23 de setembro, atendeu a petición nos seguintes termos:  “unha vez se produza o cese efectivo na prestación do servizo público por ese concello, a Xunta de Galicia procedería a concertar con esa administración a compensación económica que corresponda polo déficit económico da explotación que se está a producir nesta situación de prolongación do servizo”.

    Dende entón, tanto as reclamacións de compensación económica feitas polo exalcalde González Solla como as posteriores baixo a presidencia de Xosé Represas e agora con Cristina Fernández Davila “non só non foron atendidas senón que a Xunta, faltando á súa palabra e compromisos documentados, transmitiu ao Concello este ano a súa negativa a pagar a súa débeda con Ponteareas”, sinala Roberto Mera.

    O alcalde en funcións lembra que a propia Xunta cualificou a xestión do Concello como unha “colaboración, pois nin tan sequera existiu contrato nin concesión algunha e os propios servizos xurídicos municipais cualificaron en 2015 a xestión da Estación como altruísta até que se adxudicase a un novo concesionario e sometida ao pagamento do déficit asumido polo Concello”.

    Mera sinalou que “o goberno local vai defender os intereses de Ponteareas e non vai permitir que a Xunta incumpra as súas obrigas e non pague as súas débedas co Concello”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.