Xoves, 8 Maio de 2025

A Deputación aconsella manter a vixilancia ante o mildio nas viñas por mor dos prognósticos meteorolóxicos contraditorios dos próximos días

A Deputación de Pontevedra aconsella a través do boletín fitosanitario de Areeiro desta semana manter un elevado nivel de vixilancia nos viñedos ante o mildio, revisándoos periodicamente para detectar a tempo posibles manchas novas, zonas de avance nas antigas ou tamén danos en acio. A Estación Fitopatolóxica de Areeiro sinala que as previsións meteorolóxicas indican, en principio, tempo seco a curto prazo, con temperaturas máximas e mínimas elevadas, seguidas de precipitacións acompañadas dun descenso das temperaturas.

Malia iso, os prognósticos varían segundo a axencia consultada, e tendo en conta ademais os episodios de choivas da pasada semana e mais a fenoloxía actual das plantas, que se atopan nun momento moi sensible a este patóxeno, estes outros factores tamén inciden na vixilancia extrema que aconsella o persoal da Deputación. Desde o centro sinalan que a maioría das viñas recibiron xa o tratamento preceptivo e atopáronse síntomas novos do patóxeno en novas plantas, mesmo algunhas manchas curadas que na inspección anterior aínda non o estaban. No caso das plantas abandonadas víronse síntomas illados pero non alarmantes, sen que se recollesen moitos esporanxios no captador de esporas do que dispón Areeiro na zona do Salnés.

Brotes partidos por vento

No caso do oídio, non se observaron síntomas do fungo, polo que tampouco foi preciso realizar tratamentos en ningún predio. De todos os xeitos, o persoal de Areeiro lembra que a viña entra agora nun período de maior sensibilidade, polo que é preciso incrementar a vixilancia especialmente nas plantas peor aireadas ou as de variedades que xa sexan por si mesmas máis sensibles a el. Ademais das temperaturas entre 25º e 30º e a humidade relativa entre o 40% e o 100%, as néboas costeiras que se anuncian nalgunha das previsións meteorolóxicas destes próximos días tamén son propicias para a aparición do oídio.

En canto ao black rot, non se detectaron avances nin na viña do Condado onde apareceron os primeiros síntomas na inspección anterior nin tampouco noutros predios, pero si se atoparon os primeiros en pampo nas plantas abandonadas. Esta semana o persoal de Areeiro aconsella que o tratamento fronte ao oídio (do mesmo xeito que o fixo contra o mildio no aviso fitosanitario da semana pasada) se realice con funxicidas que teñan efecto sobre ambos os dous patóxenos.

Á marxe das viñas, Areeiro tamén aconsella protexer a futura floración dos kiwis fronte ás enfermidades máis habituais deste cultivo. Para iso, o persoal sinala a conveniencia de aplicar un tratamento tras o novo episodio de precipitacións da próxima semana.

Gondomar continúa co seu ciclo de teatro infantil e familiar e programa tres novos espectáculos durante o mes de maio

0

Esta segunda parte do ciclo de teatro infantil e familiar, no que xa se representaron catro obras durante o mes de abril cun gran éxito de público, arrincará o domingo 12 de maio ás 19:00 h da man da compañía Assircópatas co seu espectáculo ‘Abracadaver’.

Click para ampliar

Abracadaver é un espectáculo de circo terroríficamente divertido. Unha terapia de choque para partirse de risa e desfacerse dos medos, unha oportunidade para vivir a experiencia do teatro en familia. En definitiva, un divertidísimo show de rúa para todos os públicos. A través de Rogelio, un entrañable personaxe de ficción ao que dá vida o actor Dani Blanco, AsSircópatas preséntannos esta delirante proposta chea de sustos e bo humor. Clown, malabares, escapismo, rulo, acordeón, serrucho… todo á disposición dun actor preparado para levar a cabo o seu Abracadaver.

A segunda cita do mes de maio será o xoves 16 ás 20:00 h coa obra Cinema Marabillas da man de Raquel Queizás.

Gozaremos vendo as primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas nos contos marabillosos e nos libros clásicos da literatura.

O obxectivo é facerlles ver ás crianzas e as súas familias que esas historias que coñecen poden contarse de diferentes maneiras. Que descubran que o cine mudo é unha expresión que pode resultar moi divertida.

Non faltará aventura, humor, misterio, tenrura, maxia, fantasía e sobre todo moita imaxinación. A literatura é e sempre será unha gran fonte de inspiración para o cine. O cinema tamén se le.

Alicia no pais das Marabillas, Peter Pan, O Mago de Oz, Polgariño, as protagonistas destas historias son nenas e nenos que teñen preocupacións e reflexionan sobre o mundo no que viven. Son fortes, sensatas e pensan por si mesmas.

Reflexan as etapas evolutivas das espectadoras máis cativas. Axudan a formar o seu pensamento crítico, e a súa capacidade reflexiva sobre temas como a amizade, o amor, a igualdade de xénero, o respecto polo diferente…

Estas historias nacen dentro de nós cando somos crianzas. A unha nena, a un neno gústalle vivir aventuras, explorar diferentes lugares, xogar a ser piratas…

A última das obras programadas deste ciclo chegará ás táboas do auditorio municipal o domingo 26 de maio ás 19:00 h coa representación a cargo de Os monicreques de Kukas da súa obra Xan Perillán e a Maleta Máxica.

Xan Perillán e a maleta máxica’ é un espectáculo dirixido a público familiar e nenos a partir de 3 anos, que mestura o clown e a pantomima coa maxia e a manipulación de monicreques. Interpretado por Marcelino de Santiago (Kukas), está dirixido por Isabel Rei.

Xan Perillán é un home con sorte, tocoulle nunha rifa unha viaxe a Pernambuco… Pero, onde está Pernambuco? No hemisferio Norte ou no Sur? Cun pouco de maxia e a axuda dos nenos seguro que o pescudará.

Reúne todas as súas cousas e vai meténdoas nunha maleta que non é unha maleta calquera. É unha maleta máxica, xa que todo o que aquí se mete, convértese nun truco de maxia.

As entradas están dispoñibles na taquilla electrónica do concello nesta ligazón a un prezo de 2,50 euros.

O alcalde Paco Ferreira destacou “a gran calidade destas obras e a súa variedade de xéneros que xunto coas xa representadas durante o mes de abril converten a Gondomar nun referente do teatro infantil e familiar e demostra a nosa firme aposta pola promoción e divulgación da cultura dende as idades máis temperás”

‘Quere o teu mercado’ volve a praza de abastos de Arbo

0

O Concello de Arbo, únese á campaña Quere o teu mercado, promovida pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia en colaboración cos Concellos e as Prazas de Abastos, co obxectivo de destacar o papel dos mercados e potenciar a compra do produto local, ademáis de ensalzar a profesionalidade dos nosos praceiros e praceiras.

Por outra banda, no afán de dinamizar o mercado, ofrecendo novos servizos, e tendo en conta que Arbo representa na súa contorna un concello moi relevante en canto á importancia do produto agroalimentario, e para preservar tanto a produción como a súa comercialización, o Concello de Arbo e a Conselleria de Economía, Industria e Innovación asinaban en setembro de 2023 un convenio de Colaboración, para a reparación do pavimento do Mercado, non sendo esta a única obra realizada nos últimos anos.

A campaña “Quere o Teu Mercado” deu comezo ó 10 de maio e se prolonga ata ó 15 de xuño co concurso Ven a Praza e Gaña, no que se sortea entre os compradores e compradoras do Mercado, tres vales de compra.

Click para ampliar

Para o goberno arbense, as actuacións desenvolvidas nas prazas de abastos, tanto de obras como de promoción, resultan imprescindibles para  xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría – Informa o alcalde Horacio Gil.

Pola súa proximidade e situación estratéxica nas nosas vilas e cidades, os mercados municipais xogan un valioso papel dinamizador e revitalizador dos centros urbanos onde se asentan e facilitan, ademais, a compra completa de alimentos frescos con toda a comodidade e sen necesidade de grandes desprazamentos. Mercar neles é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada así como garantía de boa compra.

O remate da campaña será o 16 de xuño coa apertura da urna e a posterior entrega dos Vales de Compra na Praza. O reparto de material promocional da campaña terá lugar no Mercado ó 25 de maio.

Dende o Concello animan a toda a veciñanza arbense e dos concellos da comarca a achegarse a Praza do Mercado de Martes a Sábado para mercar productos de calidade e recordan que todos ós mercores ten lugar o Mercado Semanal, no que ademaís de venta de alimentos, productos da horta, calzado, roupa, menaxe, prantas….. Tamén hai pulpo a Feira

Quere o Teu Mercado os 365 días do Ano!!! Esperamosvos en Arbo

A CIG denuncia un novo accidente laboral grave na área de Vigo, en Chapela, “por falta de seguridade”

0

A FGAMT-CIG de Vigo deu conta onte dun novo accidente laboral grave acontecido o martes na parroquia redondelá de Chapela no que resultou ferido un traballador da empresa Cesmar que se atopaba facendo labores de descarga nas instalacións de Frialia (antiga Frioya). A central sindical trasladoulle o acontecido á Inspección de Traballo para que abra unha investigación e se garanta o cumprimento da lexislación en materia de seguridade.

O suceso tivo lugar entre ás 11:30 horas e ás 12:00 horas, cando o operario precipitouse dende unha altura de 4-5 metros no interior da adega do barco Frío Marathon cando facía uso dunha escaleira inadecuada, polo que dende a CIG consideran que o accidente puidose evitar se se contasen coas medidas de seguridade oportunas. O afectado tivo que ser trasladado en ambulancia ao hospital Álvaro Cunqueiro debido á gravidade das feridas que presentaba, atopándose dende onte ingresado na UCI.

A central sindical procedeu na mesma tarde do accidente a presentar unha denuncia na Inspección esixindo a apertura dunha investigación para esclarecer o ocorrido e esixir o cumprimento da lexislación en materia de seguridade laboral. “É preciso diante da gravidade da problemática dos accidentes laborais, que xa se cobraron 13 vidas no que vai de ano no conxunto do país, 11 delas na provincia de Pontevedra”, sinalan.

Ademais consideran imprescindíbel que se depuren responsabilidades, xa que “os accidentes laborais teñen responsábeis: por unha parte a patronal, ao non aplicar a lexislación vixente nin cumprir as normas de seguridade e mantendo unhas condicións de precariedade co único obxectivo de aumentar o beneficio das súas empresas”. E pola outra a propia Administración pública, “que mira para outro lado”; como é o caso da autoridade laboral, “xa que a pesar de que é certo que conta con menos medios para desenvolver o seu labor con eficacia, os que ten tampouco os utiliza”.

Os escolares do Porriño surfean ‘a súa primeira onda’ na praia de Patos

Desde o pasado luns, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria dos centros educativos do Porriño están a disfrutar das actividades do programa Bautismo de Surf, organizado polo Concello do Porriño a través da Concellería de Educación e a OMIX.

Repartidos en distintos grupos, os estudantes do CEIP Antonio Palacios, CPR Santo Tomás, CEIP Budiño, CEIP Xoxé Fernández López, CPR Hermanos Quiroga e CEIP da Ribeira, viven esta experiencia que ten por obxectivo promocionar o deporte e as actividades na natureza para ocupar o tempo libre, como alternativa saúdable ás as pantallas.

“Practicar actividade física leva consigo múltiples beneficios e recoméndase facelo en todas as idades. En concreto, nesta etapa e con este programa pretendemos que as persoas participantes reflexionen sobre a forma que teñen de ocupar o seu tempo libre, valoren a importancia que ten o lecer para o seu desenvolvemento persoal e social, e sexan conscientes das alternativas das que dispoñen”, sinala Carolina González, concelleira de Educación do Porriño.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salienta que “desde o Concello apoiamos este tipo de actividades que axudan a traballar a tolerancia e cooperación entre a rapazada, fomentando o deporte e a diversión. E que mellor escenario que a Praia de Patos, para que descubran o surf e o poidan seguir practicando durante todo o ano”.

Luis López avanza un apoio de máis de 410.000 euros ás obras de mellora da mobilidade peonil en Cabeiras, Arbo

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou ao alcalde de Arbo, Horacio Gil, investimentos por preto dun millón de euros neste concello por parte do goberno provincial ao abeiro de programas como o +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ou convenios de colaboración. Nunha reunión de traballo mantida o mércores entre ambos os dirixentes no despacho presidencial do Pazo provincial, López e Gil repasaron os proxectos nos que participa a Deputación, abordaron temas de interese mutuo para as dúas administracións e estudaron posibles vías de colaboración para atender as necesidades da veciñanza.

Neste sentido, o presidente avanzou ao rexedor de Arbo, que a Xunta de Goberno aprobará este venres o convenio de colaboración asinado entre as dúas administracións a través do cal o goberno provincial achega 416.000 euros para a execución da primeira fase do proxecto de mellora da mobilidade peonil no treito antigo da EP 5201 Arbo-Cabeiras-Barcela, na contorna da Igrexa de San Sebastián de Cabeiras. Unha obra que será financiada na súa totalidade polo organismo provincial, que achega o 80 % do orzamento, mentres que o 20 % que debería aportar o Concello será cuberto cunha subvención de 83.200 euros ao abeiro da Liña 1 de Investimentos do Programa + Provincia.

Do mesmo xeito, López trasladoulle o rexedor de Arbo que xa están aprobadas outras subvencións correspondentes ao +Provincia, como o ensanche e pavimentación no lugar de Casanova – Mourentán, cifrada en 83.200 euros ou a achega de 98.000 euros para a contratación de trece persoas ao abeiro da Liña 3 de Fomento de Emprego do +Provincia. Tamén están solicitados por parte do Concello, ao abeiro da liña de investimentos, actuacións para a subministración de equipamento de salón e cociña para o centro social por 53.000 euros, a reposición do viario e execución dun muro no Lugar de Vilar por 51.600 euros, o subministro de varandas no Camiño Fonte da Igrexa e peche do parque de San Antonio por 18.000 euros e a reparación da rede de pluviais danado por un incendio no parque empresarial de Arbo por 28.000 euros, unha actuación que conta cunha subvención nominativa adicional doutros 28.000 euros para financiar a totalidade da obra.

Ademais destes investimentos, a Deputación pon a disposición de Arbo un total de 12.800 euros para a redacción de proxectos transformadores, cos que propoñen deseñar o proxecto de humanización da rúa Vázquez Estévez; e 42.400 euros para o apoio ao gasto corrente, que piden destinar a afrontar os pagos a Sogama pola xestión dos residuos.

Con respecto ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, a Deputación aprobou unha axuda de 33.200 euros para a reforma dos vestiarios do campo de fútbol municipal.

Así mesmo, Deputación de Pontevedra e Concello de Arbo teñen vixente un acordo de colaboración valorado en 405.500 euros para a mellora da mobilidade peonil na contorna da Capela de San Xoán de Barcela, dos que a Deputación financia o 90 %, uns 370.000 euros ao abeiro do plan PON2030. O 10 % restante, uns 30.000 euros, achegaraos tamén o ente provincial a través dunha subvención con cargo ao +Provincia.

Este encontro institucional entre o alcalde Horacio Gil e o presidente provincial, Luis López, transcorreu nun clima de cordialidade no que o presidente reafirmou o compromiso da Deputación co municipalismo, co apoio aos concellos e coa escoita aos alcaldes, que son os que coñecen de primeira man as necesidades da veciñanza.

A Axenda Urbana do Porriño avanza no seu marco estratéxico tras identificar os principais retos do municipio

A Axenda Urbana e Rural do Porriño avanza na definición do seu marco estratéxico logo da identificación dos principais retos do municipio. “O proceso participativo concluíu coa cunha ampla participación da veciñanza na enquisa e coa celebración de cinco mesas nas que participaron os técnicos e traballadores municipais, grupos políticos, axentes sociais, medioambientais e económicos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Entramos xa na seguinte fase, na que se elaborará o marco estratéxico e o conseguinte Plan de Acción de maneira participada con todos os axentes do territorio, asegurando desta maneira que o documento final sexa un reflexo das capacidades e necesidades colectivas do Porriño”.

O rexedor mostrouse agradecido do alto grado de participación dos/as porriñeses/as, que mostraron a súa opinión a través do cuestionario online que estivo dispoñible na páxina web da Axenda Urbana. “Demostra o compromiso da veciñanza co seu pobo, algo clave para alcanzar os obxectivos que nos propostos e construír entre todos un Porriño máis cohesionado e cun futuro sostible”, concluíu Lorenzo.

A veciñanza define os retos do Porriño

O fomento da mobilidade peonil e ciclista entre O Porriño e Torneiros e a reducción do impacto do paso do tren polo centro urbano, son algunhas das necesidades que os/as porriñeses/as consideran prioritarias, segundo conclúe o proceso participativo, impulsado polo Concello do Porriño, vencellado ao deseño do documento.

A fase de Diagnóstico detectou outros retos priorizados pola veciñanza, como a necesidade de impulsar o uso do transporte colectivo nos desprazamentos coa área metropolitana, que inclúa a conexión dos núcleos rurais, ou a rexeneración ambiental das Gándaras de Budiño e dos ríos Louro e Couso para poñer en valor o patrimonio natural do Porriño.

Outra das prioridades destacadas pola cidadanía é a consolidación dunha rede de saneamento e abastecemento que dea cobertura a todo o municipio.

A ollada da diagnose tamén se centrou no eido social, e neste ámbito os/as porriñeses/as poñen o foco na reducción da vulnerabilidade da poboación e das desigualdades sociais.

No tocante ao desenvolvemento industrial concluíuse que un dos retos a fixar é impulsar a competitividade exterior e innovación apoiándose nos centros tecnolóxicos como o CTAG; AIMEN e o Centro Tecnolóxico do Granito.

Axenda Urbana e Rural do Porriño

A Axenda Urbana e Rural do municipio inclúe tres fases: o diagnóstico, o marco estratéxico e o plan de acción. Ademais van acompañadas dun proceso transversal de participación cidadá.

A finalización da primeira fase conclúe cun conxunto de retos que foron priorizados no proceso participativo.

Agora estáse a traballar na definición do marco estratéxico que vai definir as liñas estratéxicas e as accións. Este proceso vai permitir dar resposta ás necesidades identificadas para lograr un Porriño inclusivo, integrado, resiliente e sustentable.

O Concello de Tui desenvolve seións informativas nos centros educativas dando a coñecer o grupo de participación ParTUIcipando

0

Tui conta dende o ano pasado cun grupo de participación infantil e xuvenil, ParTUIcipando, cuxo obxectivo é dar voz á poboación infantil e xuvenil, coñecer as súas inquedanzas, suxestións,… e logo trasladalas ao goberno local. Co obxectivo de seguir dando a coñecer este grupo a semana pasada comezaron unha serie de sesións informativas nos centros escolares tudenses para trasladar ao alumnado a posibilidade de formar parte deste grupo no que se abordan as temáticas que elas e eles mesmos deciden. As propostas de mellora elaboradas no grupo son logo trasladadas ao Concello.

As primeiras sesións informativas tiveron lugar xa nos CEIP’s de Guillarei e de Pazos de Reis, e continuarán o próximo luns no CEIP de Randufe. O obxectivo é ir visitando todos os centros educativos tudenses para recordar a existencia deste grupo de participación convidando así ao alumnado a formar parte do mesmo.

As reunións comezaron precisamente por aqueles centros educativos que arestora non teñen a ningún representante en ParTUIcipando, e proseguirán nas próximas semanas nos outros centros educativos de Primaria e nos institutos. As persoas con idades entre os 10 e os 17 anos que desexen formar parte deste grupo de participación poden contactar co 604 086 970.

O grupo de participación infantil e xuvenil, ParTUIcipando, reúnese unha vez ao mes, en horario de tarde, dando voz así aos nenos e nenas, mozos e mozas.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, convida á poboación nova de Tui a sumarse a ParTUIcipando, un grupo co que se garante o dereito a participación infantil que recolle a Convención sobre os Dereitos do Neno. Sinala que co mesmo ábrese un espazo no que escoitar o parecer dos nenos e nenas e adolescentes sobre os temas que lles afectan para ter en conta a súa visión dende a administración local. Lembra amais Sonsoles Vicente que que o grupo tudenses está representando no CAIA, Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, un órgano de carácter consultivo que ten por obxectivo achegar as súas propostas ao goberno da Xunta de Galicia.

Concello de Mos e Medio Rural acordan colaborar nas vindeiras Xornadas Micolóxicas e Forestais do municipio

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse en Santiago de Compostela coa conselleira de Medio Rural, María José Gómez nunha xuntanza na que, entre outras cousas, acordouse a colaboración autonómica na organización das vindeiras Xornadas Mocolóxicas e Forestais do Concello de Mos, que se celebran cada outono.

Ademais Arévalo e Gómez afondaron noutras posibles vías de colaboración con esta localidade, abordando asuntos de interese e importancia para o municipio. Tal é o caso da mellora da seguridade viaria en camiños municipais rurais ou en tarefas de prevención de incendios forestais; así como na campaña municipal de loita contra a Vespa Velutina, ‘Stop Velutinas’.

A titular da Consellería do Medio Rural adiantoulle á rexedora local mosense ao remate da reunión que a Xunta de Galicia colaborará co Concello na organización das Xornadas Micolóxicas e Forestais, anuncio recibido con gran satisfacción pola alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo.

Máis de 250 deportistas danse cita en Ponteareas na fin de semana coa final da Liga Galega de Clubs e a Liga Galega de Natación Máster

Esta fin de semana, a piscina do Complexo Deportivo Álvaro Pino verá desfilar a máis de 250 nadadores e nadadoras en dous eventos multitudinarios que foron presentados onte pola alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; o director técnico do Club Natación Ponteareas, Andrés Carrera e o concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez.

Por unha banda, o sábado dispútase a final da liga galega de clubs da Primeira División. Nela, o CN Ponteareas, o CN Carballo e o CN Galaico pelexarán por conseguir unha das dúas prazas que darán dereito ao ascenso á división de Honra galega, a máxima categoría autonómica.

De forma simultánea, outros tres equipos, CN Vigo Rías Baixas, CN Coruña e CN Boiro farano por evitar o descenso á 2ª división e obter a única praza que asegura a permanencia na actual categoría.

A final estrutúrase en dobre sesión, mañá e tarde, e será unha competición moi emocionante, non só polo premio que se pon en xogo, senón tamén polo nivel dos equipos, que traerán aos seus mellores deportistas a Ponteareas, e polo feito de coñecer –grazas ao cronometro electrónico– en directo todos os resultados. De conseguir o triunfo, sería un título inédito ata o de agora para as filas do CN Ponteareas, que se proclamaría campión galego da 1ª división da natación galega.

Doutra banda, o domingo en sesión de tarde, dispútase a última xornada da liga galega de natación máster, co equipo da vila do Tea ocupando a primeira posición provisional e con moitas posibilidades de proclamarse campión, revalidando o título que leva conseguindo as tres últimas edicións.

A Deputación ofrece aos concellos ‘Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta’, un contacontos para festexar as Letras Galegas

A Deputación ofrece aos concellos da provincia ‘Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta’, un contacontos dinámico e participativo para festexar as Letras Galegas e divulgar a traxectoria da autora homenaxeada neste 2024. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de remitir unha carta aos 61 concellos da provincia para ofrecer 35 sesións desta actividade, que será totalmente de balde para os municipios. Os concellos interesados nalgunha das sesións deberán presentar unha instancia a través da Sede electrónica no Rexistro da Deputación a partir das 8:00 horas do vindeiro luns, 13 de maio.

A actividade, realizada por Polo Correo do Vento, consistirá na narración da vida de Luísa Villalta e na creación dunha ilustración da autora. Ademais, abrangue a interpretación de distintas pezas musicais e pecharase cun pequeno coloquio adaptado á idade da rapazada participante. Completarase a sesión cun obradoiro no que cada asistente realizará a súa propia caricatura de Villalta.

A partir do 8:00 horas do luns os concellos poderán solicitar algunha das 35 actividades a través dunha instancia na que deberán indicar o interese en acoller a actividade e tamén tres posibles datas de realización, en semanas diferentes, entre o 15 de maio e o 31 de xullo. Se a primeira opción quedase descartada, pasarase á segunda, e así sucesivamente. En caso de que as tres datas escollidas non estivesen dispoñibles, consensuaranse outras novas co concello.

Pola súa banda, aqueles concellos que presenten a solicitude con anterioridade á data e hora de apertura do prazo de inscrición, quedarán automaticamente excluídos. Ademais, se houbese máis de 35 solicitudes, abrirase unha lista de agarda á que se acudirá no caso de renuncia dalgún concello adxudicatario.

A Real Academia Galega (RAG) dedícalle o Día das Letra Galegas 2024 á escritora, filóloga e violinista galega Luísa Villalta. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, artigos xornalísticos e traducións, e a RAG destaca dela que foi “creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90”.

A Deputación abre este venres o prazo para que confrarías e agrupacións de mariscadoras soliciten axudas

A Deputación de Pontevedra abre este venres, 10 de maio, o prazo para que confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras poidan solicitar as subvencións para afrontar novos investimentos e gastos correntes. As axudas, dotadas cun orzamento de 250.000 euros, divídense en dúas liñas: a de investimentos, con 75.000 euros, e a de gastos correntes, que contará con 175.000 euros para afrontar gasto corrente, atendendo así ás necesidades e demandas formuladas polo sector.

Deste xeito, con estes 175.000 euros de gasto corrente, as confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras poderán facer fronte ás facturas de combustible e electricidade, á adquisición de semente de moluscos bivalvos e ao gasto de persoal. Por outra banda, o importe restante desta liña de axudas da Deputación ata completar os 250.000 euros, 75.000 euros, permitirá que estas entidades poidan impulsar novos investimentos como elementos de transporte, construcións, mobiliario, formación técnico ou material de vixilancia.

Cabe destacar que a porcentaxe máxima subvencionable será do 80% do orzamento total, ata un máximo de do orzamento de gastos de 40.000 € e un importe da subvención mínimo de 600 € e máximo de 20.000 €. As solicitudes poden presentarse a través da Sede electrónica da Deputación ata o 7 de xuño, e nas bases da convocatoria pode consultarse a documentación que é preciso achegar en cada unha das liñas.

Arbo inviste preto de 150.000 euros no saneamento a PonteCabaleiros e Urzal, na parroquia de Barcela

0

O Concello de Arbo, da por rematadas as obras de ‘Rede de saneamento en Ponte Cabaleiros (Estrada Autonómica PO 400 ente o P.Q. 16+810 e o P.Q. 17+315)’, obras de interese público relacionadas co medio ambiente na contorna do Concello, dotando así aos barrios de PonteCabaleiros e Urzal da parroquia de Barcela, de este servizo do que carecian.

O Concello de Arbo e Sogama asinaban un Convenio de Colaboración con data data 17.02.2023 por importe de 150.000,00 € (impostos engadidos), para a realización das devanditas obras que deron comezo a principios do ano 2023 despois de acadar todos os permisos das administracións afectadas.

“Desde a nosa chegada ao goberno, comprometímonos a investir en todos os barrios de Arbo, mellorando o abastecemento de auga e o saneamento” lembra o alcalde Horacio Gil, para quen “dotar de saneamento a estes barrios de Barcela, era un compromiso adquirido cos veciños e veciñas da parroquia”.

O orzamento base de licitación ascendeu á cantidade de 149.945,86 € (IVE do 21 % incluído que ascende a 26.023,66 €) e as obras incluídas no proxecto resolveron os problemas para dar un servizo digno a unha serie de vivendas situadas no lugar de Ponte Cabaleiros e Urzal.

Coa aceptación da obra, o Concello de Arbo, da por rematada esta actuación na parroquia de Barcela.

Luis López reafirma o compromiso da Deputación co galego nun encontro co presidente da Real Academia Galega

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reforzou os lazos que unen ao organismo provincial coa Real Academia Galega nun encontro institucional co presidente Víctor Freixanes; e a tesoureira, Fina Casalderrei. A reunión serviu para abordar asuntos de interese mutuo e coñecer os proxectos que a RAG ten en marcha e os seus principais retos de futuro.

Neste sentido, o presidente provincial informou aos dirixentes da Real Academia da vontade de seguir colaborando coa institución; unha senda que ten como obxectivo avanzar na protección e difusión do galego a través do apoio a diferentes proxectos, moitos deles centrados na toponimia e na onomástica, así como a dar a coñecer a obra de autores que destacaron polos seus traballos feitos en galego.

Ao mesmo tempo, o encontro serviu para remarcar a importancia que o goberno da Deputación de Pontevedra lle outorga á normalización lingüística a través de medidas como subvencións a entidades sen ánimo de lucro para promover publicacións en lingua galega.

Unha andaina interpretativa pola Senda dos Pescadores permitirá coñecer O Rosal “recuncho a recuncho”

0

O Concello do Rosal continúa coas súas andainas interpretativas, pequenos percorridos pola contorna do municipio para descubrir e poñer en valor o patrimonio histórico, cultural, paisaxístico e natural dun xeito ameno, sinxelo e divertido. O domingo 19 de maio será a quenda da segunda saída, un percorrido pola Senda dos Pescadores do río Carballas (Tamuxe) totalmente balizado e plano que levará ás e aos participantes pola beira do río.

Trátase dunha andaina cunha distancia de 8 km e unha duración aproximada de 3 horas que ofrece un percorrido lineal sen desnivel e cunha dificultade baixa-moderada, accesible para todas as idades e condicións físicas.

O prazo de inscrición para participar nesta nova ruta abrirse a partir deste mércores 8 de maio a través dun formulario habilitado na web municipal e deberá realizarse un rexistro por cada persoa participante. O número de prazas estará limitado a un máximo de 30 persoas e abrirase unha lista de agarda unha vez superado o aforo.

É importante lembrar que todas aquelas inscricións realizadas antes do 8 de maio non serán válidas e que é necesario volver a rexistrarse a través do procedemento establecido. Comunicarase ás persoas participantes a hora e o lugar de encontro para a realización da actividade.

José Carlos Martínez Crespo, concelleiro de Turismo e Deportes, subliña a importancia da posta en marcha de iniciativas turísticas e de lecer como as andainas interpretativas, “xa que non só ofrecen a veciñanza e visitantes unha forma divertida de conectar coa nosa historia e natureza, senón que tamén contribúe á dinamización da nosa economía local, promovendo un turismo sostible”.

A horta urbana do Concello de Nigrán na Ramallosa cumpre dous anos de funcionamento activo

0

O Concello de Nigrán festexa o segundo aniversario do seu horto urbano comunitario situado na da Ramallosa, na Praza Carlos Casares (ao carón do parking municipal) e nas vindeiras semanas tamén o do parque Vazquez Grela, no centro de Nigrán. Ambos son municipais e funcionan baixo a coordinación da cooperativa local ‘SomosTerra’ (contratada tamén polo Concello para dirixir os cultivos nos centros escolares de Nigrán). Grazas a ambas iniciativas, actualmente preto de 40 persoas das contornas máis urbanas do municipio cultivan e colleitan os seus propios froitos (quedan prazas dispoñibles para veciñanza que se queira sumar). O seu funcionamento é mediante o traballo en equipo e de xeito colaborativo con obradoiros semanais (as tardes dos mércores en Nigrán e os luns na Ramallosa).

“Queremos promover o autocultivo en contornas onde dificilmente a veciñanza dispón de terreo e, a través disto, fomentar hábitos saudables e potenciar a sensibilidade ambiental, a socialización e o espíritu colaborativo. Supón un aforro nos petos dos usuarios e unha aposta pola sostibilidade”, explica o alcalde, Juan González.

“Son puntos de encontro no que, ademais, aprenden sobre restauración e recuperación de solos, cultivo ecolóxico, asociacións de cultivos, compostaxe e sostibilidade… En Nigrán empezamos de cero, delimitando e preparando entre todos o terreo; na Ramallosa foi diferente porque traballamos en grandes maceteiros con sustrato xa preparado”, explican Raquel Gómez e Diana Muñoz desde Somos Terra. En ambos o resultado é espectacular, tendo producido pementos, tomates, berenxenas, cabaciños, xudías, boniatos, amorodos, sandías… Nas vindeiras semanas comezarán a sementar cabazas e a recoller os primeiros arandos cultivados na Ramallosa.

O sistema deseñado para o Concello por Somos Terra implica que todos os usuarios realizan os traballos conxuntamente polo ben común, distribuíndose a posteriori a colleita de xeito equitativo entre todos. Para elo, establécese un calendario de tarefas que os inscritos deben seguir e semanalmente se realizan obradoiros específicos sobre determinados temas hortícolas (compostaxe, rego, especies aormáticas, hortos verticais…) ademais de contar con asesoramente presencial.

“A zona verde da Praza Carlos Casares da Ramallosa, que non se empregaba para nada e pasaba totalmente desapercibida, transformouse nun punto de encontro onde florecen os mellores valores e dos que como goberno nos sentimos máis orgullosos de promover. Esta mesma filosofía se aplicou ao parque Vázquez Grela de Nigrán, descoñecido para unha boa parte da veciñanza e que cada vez gaña máis usuarios”, explica o alcalde.

A música, gran protagonista na fin de semana de Xinzo, Ponteareas, cos Festivais de Bandas Infantil e Xuvenil

A parroquia ponteareá de Xinzo presenta unha fin de semana cargada de música con dúas das súas citas anuais máis importantes. Ao longo das tardes do sábado e o domingo, as dúas bandas musicais da parroquia celebran os seus respectivos festivais, ambos no torreiro de festas de Xinzo.

A Banda da Escola de Música de Xinzo será a encargada de inaugurar a fin de semana. O sábado 11 de maio ás 18:00 h, celebra o seu V Festival de Bandas Infantís, no que contará coa presenza dobre das bandas cativas de Salceda de Caselas como convidadas, a Banda Infantil da Escola de Música e a Banda Xuvenil da Escola de Música. Os músicos máis pequenos volverán ser os protagonistas do evento que, unha vez máis, reunirá ao público para gozar da música novel. Ademais, terá lugar por primeira vez ao aire libre, unha nova experiencia tanto para os membros da banda como para o público, o que marcará esta quinta edición do festival.

Con moitas máis edicións xa tras de si, ao día seguinte, o domingo 12 de maio, levarase a cabo o XXVIII Festival de Bandas de Xinzo, do que a Banda de Música Xuvenil da parroquia é a anfitrioa. Nesta ocasión, dará comezo ás 17:00 h, igualmente baixo a carpa exterior do torreiro, e acompañarana dúas bandas de dilatada experiencia: a Agrupación Musical Atlántida de Matamá e a Unión Musical de Coruxo.

Xa habitual nas últimas edicións, o Festival conmemorará nesta data unha figura destacada. Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas o próximo 17 de maio, a Banda homenaxeará a Luísa Villalta Gómez. Poetisa, escritora, tradutora e ensaísta, a autora tivo por igual na música unha das súas paixóns como recoñecida violinista, unha faceta musical que rememorar neste Festival.

A Feira do Libro arranca este xoves co pregón a cargo do Club de Lectura do Porriño

Este xoves volve ao Porriño a Feira do Libro de Galicia, que ata o domingo aglutinará diferentes actividades culturais no barrio de San Bieito e contará coa participación de diversos escritores de renome, coma o porriñés Xulio Teixeira (o programa pódese descargar dende esta ligazón). A feira, organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Concello do Porriño, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, comezará na tarde do xoves co pregón do Club de Lectura de Biblioteca do Porriño e a actuación musical do Grupo Fonteliño, na carpa de actividades. Seguidamente, Xulio Teixeira presentará o seu libro As vidas do río acompañado polo tamén porriñés Diego Giráldez, con quen conversará sobre novela negra.

Os cativos/as poderán disfrutar ata o domingo de diversas actividades dirixidas especialmente para eles/as, como espectáculos musicais, teatro infantil, contacontos e un obradoiro. A carpa tamén será escenario de recitais poéticos, e presentación dos libros A rede Branca, de Paco Morgan, e Contos de Buxo, de Raquel Fernández.

A estas actividades hai que engadir as sinaturas de libros organizadas polas librerías participantes, que contarán con autores/as coma Raquel Castro, Samuel Merino, Andrea Martínez Balandrón ou María Olga Alonso, entre outros. As librarías Paz, Pedreira, Copi-Rey, Porto, Uróboros e Galo Azul terán as súas casetas correspondentes e ofrecerán un desconto do 10% en tódolos títulos.

Ana Abad de Larriva, coordinadora do Club de Lectura, declara que “estamos moi agradecidas por esta oportunidade, é un orgullo falar de libros e lectura neste evento literario tan importante para O Porriño. Ademais é un recoñecemento ao club e ao labor que facemos”. Eva González, membro do Club, confesa “eu aprendín a ler con outros ollos, non só a través dos meus. Cada lector intrepreta á súa maneira e se fixa en detalles concretos, ao compartir as distintas interpretacións tes unha visión máis ampla”.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, convidou “a toda a veciñanza a achegarse ao Porriño e disfrutar desta festa da literatura que tanto nos aporta cada ano”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, puxo en valor este evento cultural que “non só sirve para sacar a literatura ás rúas e ofrecer o noso apoio ao sector editorial, tamén para render unha merecida homenaxe aos/ás nosos/as libreiros/as, escritores/as e lectores/as. Ninguén mellor que o Club de Lectura da nosa Biblioteca para representalos a todos e o amor pola literatura”.

O Centro Cultural de Mougás, Oia, acollerá unha charla informativa sobre alimentación e fibromialxia

0

O Centro Cultural de Mougás, no concello de Oia, acolle este venres 10 de maio ás 19.30 horas unha charla informativa sobre alimentación e fibriomialxia, conferencia que será impartida polo dietista e nutricionista Adrián Martíns Salinas baixo o título A importancia da alimentación na fibromialxia. Trátase dunha actividade aberta dirixida a todas as personas interesadas no tema.

Esta charla enmárcase dentro das inciativas organizadas pola Asociación de Afectados de Fibromialxia do Baixo Miño, FIBROMIÑO, e para a súa realización conta coa colaboración do Concello de Oia.

O Concello do Rosal programa unha trintena de actividades para desfrutar da primavera

0

O Rosal prepárase para desfrutar da primavera cunha morea de actividades para todos os gustos, idades e públicos. Durante os meses de maio e xuño, o concello acollerá unha trintena de propostas nas que literatura, música, andainas, teatro, deporte ou festas tradicionais camiñarán da man para ofrecer “unha ampla programación que amosa o noso compromiso por contar cunha experiencia cultural e de lecer rica e diversa para toda a veciñanza”, como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Tras as Festas de San Xosé Obreiro organizadas a pasada semana pola Comisión de Festas de Novás, a programación arrancou este mesmo luns 6 de maio cunha representación musicalizada de O violino de Luísa, unha homenaxe á protagonista do Día das Letras Galegas 2024, Luísa Villalta, presentando a súa biografía desde nena nunha aventura polas rúas da Coruña na procura de poesía e de música perdidas. O alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier e do CRA María Zambrano desfrutaron desta obra no auditorio municipal e recibiron o libro de Verónica Santalices como agasallo.

Click para ampliar

A axenda cultural continuará esta semana coa presentación do libro Galicia para debutantes de Juan Carlos González este venres 10 de maio ás 20.00 horas na biblioteca municipal, co concerto de Abraham Cupeiro organizado pola Agrupación Musical do Rosal o sábado 11 ás 20.30 horas no auditorio e a celebración o domingo 12 da primeira edición de Rula Roupa Rosal, un novidoso mercado de roupa e complementos de segunda man.

O Día das Letras Galegas celebrarase por todo o alto no Rosal cunha morea de actividades: ás 10.00 horas andaina e churrascada en Martín organizada pola Comisión de Festas de San Xoán, durante toda a xornada Torneo Memorial de Fútbol Iago Ameal no campo da Mata organizado pola UD Ribera e concerto do 17 de maio con Los Jinetes del Trópico ás 21.00 horas na Praza do Calvario.

O 19 de maio chega unha nova ruta das andainas interpretativas pola Senda dos Pescadores do río Carballas e o mes de maio rematará cunha fin de semana cargada de actividade: a Festa da Crianza Xoaniñas organizada pola Asociación Xoaniñas o día 25 a partir das 11.00 horas na Área recreativa das Aceñas e a presentación do libro de Xoán Gándara Memoria dunha aldea da man da Asociación Ghorghalado na Abadía das Eiras ás 20.00 h e o día 26 Festa da ACOR cunha morea de propostas na Praza do Calvario dende as 09.00 horas.

Xuño chegará tamén ao Rosal con moitas e moi variadas actividades para ir dando a benvida ao verán. O 6 de xuño chega con Culturactiva e Pallasos en rebeldía a obra de teatro Vía morta para o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier pola mañá e para o público xeral a partir das 20.30 horas no Centro Social Polivalente. Esa mesma fin de semana, o sábado 8, celebrarase o XVI Encontro Galaico Portugués de Asociacións de Espondilite no auditorio municipal de 10.00 a 14.00 horas.

Á semana seguinte as charlas, a música, as festas e as camiñadas serán as protagonistas. O día 13 arrancan os Faladoiros no Xardín, unha serie de charlas sobre diversidade afectivo sexual e protección á infancia que se celebrarán nos xardíns do Concello ás 20.30 horas tamén os días 20 e 27 de xuño. O sábado 15 o alumnado da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal subiranse ao escenario do auditorio ás 12. 00 horas para unha audición e, ese mesmo día, comezan tamén as Festas de San Xoán de Martín organizadas pola Comisión de Festas e que terán lugar os días 15, 22 e 23 de xuño. O domingo 16 haberá dobrete coa andaina interpretativa polo Niño do Corvo e o Festival Musical do Coro Infantil e Combo da Agrupación Musical do Rosal ás 12.00 horas no auditorio municipal.

O mes de xuño encara a recta final coa graduación do alumnado de 4º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier o día 19 ás 16.30 horas no auditorio municipal e co festival de fin de curso da Escola da Agrupación Musical do Rosal o día 22 ás 19.30 horas. A última fin de semana será a quenda da representación da obra Vila Marabilla a cargo da Escola Municipal de Teatro do Rosal o venres 28 ás 20.00 horas no auditorio municipal e o sábado 29 de xuño do X Concerto Coral Ecos do Verán de Ecos do Folón ás 20.30 horas tamén no auditorio do Rosal.

Salceda e Salvaterra poñen en marcha un novidoso pioneiro sobre corresponsabilidade e conciliación que beneficiará a máis de 60 familias

Os Concellos de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, a través das súas respectivas Concellarías de Igualdade, veñen de botar a andar unha iniciativa conxunta orientada á corresponsabilidade de pais e nais e á promoción da conciliación, que arrancará o vindeiro 15 de maio.

A Xunta de Galicia vén de concederlle unha axuda de 10.586,27 € a este programa conxunto que acadou a mellor puntuación da convocatoria. Acompañando á infancia e adolescencia dende a coeducación é un proxecto que busca promover a corresponsabilidade na educación e a conciliación familiar servindo de apoio e acompañamento ás familias e á cativada nos seus procesos e en diferentes situacións vitais. Atende ás familias e á comunidade educativa por unha banda a través da súa escola de familias e pola outra a través de diferentes iniciativas que garantan os coidados de calidade de 60 menores.

O novidoso programa cumpre, segundo a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, un dobre obxectivo “por unha banda aténdese a demanda social de conciliación das familias coa creación de 60 prazas gratuítas de coidados directos de menores, e doutra banda colabórase coa comunidade educativa na implicación dos homes nos coidados dos seus fillos e fillas”.

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel expresaba a súa ledicia por botar a andar “unha iniciativa pioneira na contorna, e que vemos cada vez máis necesaria”. “Moitas veces como pais e nais –apunta Valcárcel– vémonos desbordadas ante diversas etapas e situacións que viven os nosos fillos e fillas. Coa escola de familias queremos dar resposta a esta situación”.

As estratexias de comunicación efectiva na familia, a prevención e detección de relacións tóxicas, a importancia da igualdade de xénero no ámbito familiar, a resolución de conflitos ou o impacto da pornografía nas relacións e na educación sexual dos e das menores serán algúns dos puntos a tratar nas diferentes sesións. As persoas interesadas poderán participar indistintamente en calquera das formacións ofertadas nos dous Concellos, que terán carácter práctico dotando de ferramentas educativas para o día a día. Para favorecer a asistencia a estas formacións, a iniciativa prestará un servizo gratuíto de atención e ocio da cativada de entre 4 e 16 anos durante as sesións.

Dentro deste mesmo programa, un total de sesenta menores de ámbolos dous Concellos participarán en actividades que favorezan e posibiliten a conciliación e promovan a igualdade de xénero e as relacións sanas e iguais. Esta iniciativa cubrirá un total de 260 horas de atencións. Serán os servizos sociais dos dous Concellos os encargados de seleccionar os e as menores participantes.

A Guarda prepara unha gran festa para celebrar o Día das Letras Galegas

0

Neste 2024 A Guarda quere festexar o Día das Letras Galegas, facendo unha festa en torno á lingua, destacando a súa riqueza e importancia como lingua viva e de creación, co obxectivo de amosar a riqueza das manifestacións culturais que se están a facer actualmente en galego, falando da nosa idiosincrasia e das nosas costumes. Por iso deseñou para o domingo 19 de maio unha xornada na Praza do Reló da Guarda, na que concentrar actividades lúdicas e festivas para tódolos públicos, gustos e idades.

Blues do País

A xornada abrirá ás 11.30 h pensando nas familias, coa apertura da zona de Xogos na que Brazolinda e OZOCO GZ, traerán as súas propostas orixinais de Xogos de mesa. A partir das 12.30 h chegará o momento musical, coa nota divertida e retranqueira de Blues do País, un grupo formado por Brais das Hortas e Iseo Agilda, que traducen e adaptan as clásicas composicións de Otis Redding, Etta James, B.B. King ou Eric Clapton, dunha forma moi propia.

Magín Blanco nunha das súas actuacións

Despois do merecido descanso para o xantar dominical, esta festa terá unha nova sesión de tarde coa presenza de Magín Blanco e o seu espectáculo Caderno de Cores e Cancións, un concerto participativo no que en compañía do músico Pablo Vidal, ás crianzas xogarán cos diferentes elementos das cancións: as melodías, as harmonías e a poética das rimas. E tras este concerto daremos paso ao prato forte da xornada, cunha proposta que quere fusionar a tradición oral e literaria co folclore tradicional. Os versos de Rosalía serán os encargados de dar fío a esta proposta guiada por María Faltri na narración, recitando e cantado; estará acompañada co grupo de baile tradicional guardés Vento Mareiro, quen interpretará varias pezas de baile e pandeireta. Esta proposta que busca ser o prato forte da nosa festa, quere convidar a tódolos amantes do folclore da Guarda e comarca a unirse no baile, pandeireta ou tamboril para entre tódolos asistentes facer unha foliada como broche fin de festa.

O mércores 8 de maio comezarán os traballos de pintado e sinalización no Paseo de Cardona en Chapela

0

O Concello de Redondela informa que desde o mércores día 8 ata o venres día 10 de maio realizaranse traballos de sinalización horizontal e pintado no Paseo de Cardona, en Chapela. A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, informa que o tramo afectado vai desde o Centro de Deportes Acuáticos de Chapela ata o CEIP Laredo.

Na xornada do mércores día 8 estará prohibido o estacionamento en toda esta área para realizar traballos de limpeza, mentres que o xoves día 9 e o venres día 10 irase limitando o estacionamento por zonas. Nas proximidades do colexio o pintado realizarase o venres.

Os traballos consistirán no pintado das prazas de aparcadoiro, pasos de peóns e liñas da estrada. Roberto Villar sinala que esta sinalización xa estaba previsto realizala con anterioridade, pero tivo que pospoñerse ata esta semana por mor das chuvias.

Villar explica que estas labores realizaranse “reducindo en todo o posible os prexuízos que se poidan causar aos condutores e usuarios da vía”.

O PP de Tui denuncia que no se ofrezan alternativas aos praceiros ante o peche do mercado municipal por máis de 5 semanas

0

O mercado municipal de Tui pechará as súas portas e cesará toda a súa actividade comercial durante alomenos 5 semanas, a partir deste luns, día 6 de maio, como así llo comunicou o alcalde, Enrique Cabaleiro, ós praceiros e praceiras o pasado luns. Esta medida, segundo os populares, incumpre directamente a palabra e o compromiso do alcalde e da concelleira de comercio, Ana Núñez, cando ó inicio das obras, para sortear o forte rexeitamento a esta intervención, lles asegurou aos traballadores, que durante as labores de remodelación do mercado municipal poderían continuar coa súa actividade comercial ó ser estas levadas a cabo en dúas fases.

Os pupulares subliñan que apenas uns meses despois, “cambian radicalmente de opinión e deciden de xeito unilateral pechar este espazo sen ofrecer unha alternativa”. O voceiro do Partido Popular, Nico Montes, lamenta que “a falta de xestión e de previsión” do equipo de goberno supoña aos praceiros “o peche dos seus establecementos durante polo menos mes e medio sen ofrecer unha alternativa adecuada as súas necesidades”, e indica que “non hai que ir lonxe para atopar unha solución” facendo alusión ó concello do Porriño, que na remodelación da súa praza optou por ubicar os negocios nunha carpa no exterior do mercado municipal mentres tiñan lugar as obras, para intentar mitigar ó máximo os inconvintes xerados por esa intervención.

Para rematar, os populares salientaban que “as perdas económicas e os prexuízos que lles suporá ós praceiros o peche da praza de abastos durante este período, poden ser significativos, ata o punto de por en risco a continuidade de moitos negocios, froito unha vez máis, da falta de planificación e da improvisación á que nos ten acostumados o equipo de goberno.”

Tomiño abre case que 500 expedientes para a limpeza de fincas intensificando a loita contra os lumes forestais

0

O Concello de Tomiño redobra os seus esforzos na loita continua contra os incendios forestais, unha ameaza constante na contorna forestal máis urbana e máis próxima aos núcleos habitados. Co obxectivo de garantir a seguridade e a preservación dos espazos naturais, o Concello tramitou no 2023 un total de 174 denuncias, 48 delas de oficio, e abriu 497 expedientes por incumprimento das labores de xestión da biomasa. Estes expedientes iniciáronse co envío dunha notificación ás propietarias e propietarios das parcelas afectadas para que efectuaran os labores de limpeza nas fincas correspondentes, labores de obrigado cumprimento segundo a lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais e a Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa.

“O noso compromiso coa protección do medio ambiente e a seguridade da nosa veciñanza é firme, porque os incendios forestais supoñen unha grave ameaza que non podemos ignorar, especialmente no actual escenario de cambio climático que estamos a vivir. Precisamos incidir en todas as medidas de prevención que teñamos na nosa man para reducir o risco dos lumes”, salientou a alcaldesa, Sandra González.

Para evitar que estas limpezas e deforestacións sexan masivas e sen control, o Concello ten en marcha un programa único na comarca, o ‘Rodéate de vida’, unha iniciativa coa que xa se repartiron máis de 4.400 plantas forestais autóctonas coas que repoboar as franxas secundarias e blindar o municipio ante posibles incendios forestais creando verdadeiros cortalumes naturais.

O ano pasado en cifras

Das 497 parcelas denunciadas durante o ano 2023, o Concello de Tomiño tramitou 444 expedientes, mentres que 38 foron desestimados (o 8 %). De todos os expedientes tramitados, 46 parcelas son de titularidade descoñecida ou están en proceso de investigación, mentres que das que teñen propietarios ou propietarias identificados 76 non foron localizados. Neste caso, tras o envío de dúas notificacións ao dono ou dona sen obter resposta, publicouse o anuncio no Boletín Oficial do Estado. Ademais, ao longo do ano pasado procedeuse á execución subsidiaria de 10 parcelas con expedientes abertos en 2022, o que supuxo un custe de case 5.200 euros.

Tendo en conta os motivos das denuncias, o 54 % destas 497 parcelas, un total de 266, foron denunciadas por non cumprir co artigo 7 da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa. Por outro lado, 206 expedientes (41 %) foron tramitados pola Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galicia e os 25 restantes (5 %) por incumprimento das distancias no caso de camiños públicos.

Por parroquias, Tomiño é a que ten un maior número de expedientes abertos, cun total de 144, seguida de Currás (84), Amorín (61), Forcadela (50), Goián (36) e Barrantes (33). As parroquias cun menor número de expedientes son a de Piñeiro (2), Pinzás (4) e Tebra (6).

Dende o Concello faise un chamamento a toda a cidadanía a cumprir coa normativa e a consultar calquera dúbida ao respecto no departamento de Medio Ambiente, que ademais de xestionar as denuncias ten a disposición dos veciños e veciñas a información necesaria sobre os distintos regulamentos e obrigas de xestión de biomasa. “É fundamental que todas e todos contribuamos á prevención dos incendios forestais. Por iso apelamos á responsabilidade das e dos propietarios e á colaboración cidadá para garantir a protección e seguridade da nosa contorna natural”, recalcou a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

Redondela gaña un novo espazo para a convivencia veciñal coa peonalización da rúa Padre Sarmiento

0

Redondela gaña un no novo espazo para o uso peonil no centro da vila. A rúa Padre Sarmiento, que une o Paseo da Xunqueira coa rúa José Regojo, será peonil a partires do próximo 16 de maio. A partir desa data só se permitirá a circulación por esta rúa para operacións de carga e descarga nos lugares habilitados para tal fin.

A concelleira de Interior, Rita Pérez, explica que este cambio vai na liña que o goberno local mantén “para crer espazos máis amables para a cidadanía, dando prioridade aos peóns nos lugares onde é posible”. A rúa Padre Sarmiento, que ten unha lonxitude duns 50 metros, non conta con entradas para garaxes “polo que esta medida non supón ningún prexuízo para os residentes, que gañarán en seguridade e tranquilidade ao retirar o tráfico da rúa”.

A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade, que dirixe Roberto Villar, acometerá os traballos de humanización a partires do día 16 de maio para mellorar a accesibilidade na rúa.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que este cambio “permite continuar coa transformación iniciada polo goberno local no marco da mobilidade sostible e da recuperación de espazos públicos para a cidadanía”. Facer unha vila con menos tráfico nos lugares onde é posible “supón reducir a contaminación e o ruído, o que redunda nunha maior calidade de vida para a veciñanza”, conclúe Rivas.

O Concello de Baiona honra a José Trigo Pereira ‘Seso’ no seu 102 aniversario

0

José Trigo Pereira, coñecido cariñosamente como ‘Seso’, recibiu a homenaxe do municipio con motivo dos seus 102 anos cumpridos o pasado día 1 de maio. O Concello de Baiona quixo mostrarlle o seu recoñecemento organizando un acto no Salón de Plenos para facerlle entrega dunha placa conmemorativa e, desta maneira, agradecerlle a súa dedicación e a súa vida na vila.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado de varios concelleiros do seu equipo participaron no acto no que se quería plasmar o afecto a un dos seus veciños máis lonxevos. Os representantes do consistorio felicitaron e agasallaron ‘Seso’ en nome de toda a cidadanía baionesa nun evento que foi unha oportunidade para recoñecer a vida e o legado de ‘Seso’.

Nacido o 1 de maio de 1922, ‘Seso, que residiu no casco antigo de Baiona preto da igrexa, foi testemuña de innumerables cambios ao longo dos anos, e o Concello de Baiona comprácese en recoñecer a súa longa vida.

O PP de Salceda alerta da perda de preto de 90 prazas de aparcamento no centro urbano coas novas humanizacións

O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de alertar da perda de preto de 90 prazas de aparcamento no centro da localidade cos novos proxectos do que cualifican de “humanizacións radicais” nas rúas Coruña, Victoriano Pérez Vidal e as que hai que sumarlle as de Rafael Tilve e Ador, nas que o Grupo Popular abstivérase “xa que mantiña aparcamento en Rafael Tilve pero no na rúa Ador” explican os populares.

Segundo explicaron os populares, o proxecto de reforma da rúa Victoriano Pérez Vidal, suporá a supresión de todo o seu aparcamento, cifrado nunhas 10 prazas, as que hai que sumarlle as que había no Carreiro do Rollo, e á mesma deberán engadirse as 35 que se eliminarán na rúa Coruña tras saír adiante no pleno, nun segundo intento, o seu proxecto de humanización.

O voceiro municipal do PP, Santiago Davila, indicou que a remodelación da rúa Coruña foi rexeitada nun pleno anterior co voto contrario dos populares e do BNG e lamentou que a formación nacionalista “mudara o seu posicionamento no último pleno sen dar ningunha explicación nin esixir ningún cambio malia que iso prexudicará moito aos veciños e aos comerciantes”, afirma.

Deste xeito, ás 55 prazas que se suprimirán nestas dúas novas actuación (Carreiro do Rollo e Victoriano Pérez Vidal), hai que engadir as case 35 que se eliminan en actuacións similares levadas a cabo nas rúas Rafael Tilve e Ador, polo que a cifra final roldará as 90 prezas.

Davila deixou claro que o PP está a prol destas obras de mellora, humanización e modernización das rúas de Salceda, como sempre dixeron e apoiaron pero non da concepción urbana do goberno local actual que, afirman, “actúa dun xeito radical”, porque consideran que sería viable a supresión dunha soa fila de estacionamentos para gañar espazo para os peóns” sen necesidade de eliminar todas as prazas que segundo os populares “xerará graves prexuízos á economía local e á mobilidade dos cidadáns”.

Dende o Partido Popular de Salceda de Caselas lembra que no ano 2011 o seu programa electoral contemplaba a creación dun sistema de aparcamento por tempo de 45 minutos, multiplicando así por dous o número de vehículos a estacionar na mesma zona.

Por último, recalcou Santiago Rodríguez Davila que sempre foron partidarios de humanizacións que compatibilicen a circulación de peóns e a necesidade da movilidade ao mesmo tempo que chama a atención sobre o feito de que “non todas as rúas son iguais nin as zonas do casco urbano” xa que non os servizos e establecementos “son os mesmos en todas as rúas”.

O Concello de Nigrán construirá un campo de fútbol 7 homologado no terreo ao carón do Centro Cultural A Camoesa, na parroquia de Camos

0

O Concello de Nigrán disporá dun campo de fútbol nos terreos onde se ubica o Centro Cultural A Camoesa, respondendo así a unha vella demanda da asociación de veciños da parroquia de Camos. Con este obxectivo, dispón xa do proxecto aprobado e dun orzamento de 287.646 € a cargo do ‘Plan + Provincia’ da Deputación de Pontevedra, polo que as obras sairán a licitación nas vindeiras semanas.

“A veciñanza pediunos habilitar un lugar en Camos onde a rapazada poida practicar este deporte e consideramos todos que este é o mellor sitio posible polas súas condicións topográficas e, sobre todo, por ser un centro de reunión xa establecido, por iso temos que agradecer á Comunidade de Montes a cesión do terreo para este fin”, explica o alcalde, Juan González, sobre esta superficie ao carón do Centro Cultural (rúa dos Pazos, 121) e onde xa existía un campo de fútbol 11 en condicións impracticables desde hai anos.

Así, o proxecto consiste en empregar ese terreo para habilitar coa mesma orientación, e no seu estremo Este, un novo campo de fútbol 7 de 50×30 metros acorde na súa totalidade coa normativa NIDE do Consejo Superior de Deportes, polo que será un campo de fútbol 7 homologado. O terreo de xogo será céspede sintético de última xeración, de 60 mm de espesor, e co mesmo pavimento disporá de bandas exteriores de 1,5 metros e lonxitudinais de 2,5 metros. Esta ubicación do campo de fútbol permite que o espazo de xogo de bolos se manteña na mesma ubicación sen ningún tipo de afección, así coma a pista deportiva valada e o parque infantil (a parcela total onde se ubica o Centro Cultural A Camoesa é de 12.504 m² e a superficie de actuación aproximada non supera os 3.000 m²). Ademais, a instalación será iluminada mediante 8 grandes focos de tecnoloxía LED en aras da mellora da eficiencia enerxética.

“O campo de fútbol 7 complementará as instalacións existentes, polo que este lugar vai a ser un polo de atracción tamén para a mocidade da parroquia, un espazo realmente interxeracional dentro do Nigrán para todos que sempre buscamos”, resume o alcalde.

Mondariz recoñece o “traballo e valentía” das primeiras mulleres concelleiras

0

Das súas ganas de aportar e mellorar o mundo, de introducir a perspectiva da muller nos asuntos dun Concello e dos sabores e sinsabores da política local falaron as primeiras mulleres concelleiras do Concello de Mondariz no día no que o seu concello quixo renderlles homenaxe e recoñecer a súa importante aportación no eido da política e da igualdade.

Argentina Sousa, Marina Alfaro, María Luz González, Mati Barros, Mónica Peralba, Silvia Montero e Tina Durán subiron ao escenario do auditorio municipal de Mondariz para recibir o abrazo do público asistente e de parte da Corporación de Mondariz. Con este acto o grupo de goberno liderado por Calis Montes pon en marcha unha cita anual que recoñecerá o traballo das mulleres en distintos eidos.

A través dos ollos destas mulleres coñecemos a chegada da muller á política en Mondariz e decatámonos de que non foi hai tanto tempo e de que non foi doado. Eran os anos 90 cando Marina Alfaro e Argentina Sousa irrumpían na política local para “mellorar a situación das parroquias e da vila en xeral porque eu acababa de chegar de Cataluña e sentía que a vida nas aldeas era aínda dura e carente de moitos servizos básicos”, explica Argentina Sousa, primeira muller concelleira nunha Corporación de homes. Mentres Marina Alfaro xa era secretaria comarcal do PSOE e asumía responsabilidades na executiva galega do seu partido. Pola súa banda, María Luz González comezaba en política no ano 2007 converténdose a primeira muller concelleira nun equipo de goberno.

Xuntas recordaron os bos momentos pero tamén as moitas decisións que quedan pendentes de tomar para que a igualdade sexa parte da normalidade. Todas coincidiron en salientar que se debe insistir nos ámbitos educativos para construír unha sociedade sen barreiras para as mulleres. No seu relato atopamos momentos de desalento nos que se viron obrigadas a elexir fronte a imposibilidade de conciliar vida laboral, familiar e política. As represalias no traballo, na súa vida persoal e social foron numerosas pero aínda así estas mulleres primeiras concelleiras de Mondariz confían na política como un instrumento que debe cambiar o rumbo.

Acompañadas de Rosi Reboreda, primeira persoa en escribir e interesarse sobre estas mulleres pioneiras, compartiron como viviron aquel momento no que descolgan o teléfono e ao outro lado descobren que hai alguén disposto a relatar o seu paso pola política. Lembra Rosi Reboreda o moito que lle sorprendeu esa chegada tan tardía da muller á política de Mondariz.

A través das palabras de Mati Barros, Mónica Peralba ou Tina Duarte puidemos coñecer a diícil conxunción de atender ao traballo, aos compromisos políticos e a familia. Argumentos compartidos polo resto das compañeiras que viviron situacións semellantes. A sensación de ter deixado moitas cousas no tinteiro coñecémola da man de Silvia Montero, outro feito no que concordaron todas ellas.

Agradecidas polo acto organizado deron unha lección de enerxía, ganas e ilusión que non foron quen de desgastar nin os avatares políticos nin o desgaste diario de coidar da familia e ser boas profesionais no seu sector.

O grupo de goberno de Mondariz agradece a colaboración de todas elas e salienta que “grazas a elas coñecemos unha parte da historia de Mondariz descoñecida para moitas veciñas e veciños”.

Redondela oferta preto de 500 prazas para a rapazada nos campamentos de conciliación de verán

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela organiza un ano máis o Programa municipal de conciliación para o verán. Deste xeito o departamento que dirixe Iria Vilaboa ofrece un servizo ás familias “que favorece a conciliación de responsabilidades familiares e laborais, ao tempo que permite a nenos e nenas participar en actividades lúdicas”.

O servizo, que é totalmente gratuíto para as familias, prestarase durante os meses de xullo e de agosto, en horario de 09:00 a 14:00 horas, de luns a venres. Está dirixido aos menores con idades comprendidas de 3 a 12 anos. O número de prazas ofertadas para esta convocatoria son 300 no mes de xullo e 180 no mes de agosto. As prazas estarán distribuídas en sete emprazamentos diferentes: CEIP Porto Cabeiro, CEIP de Cedeira, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Quintela, Pavillón de Reboreda e Conservatorio Municipal ‘Víctor Ureña’ de Redondela. Deste xeito o Concello “aposta por achegar os servizos a toda a veciñanza, tanto na vila como nas parroquias, para facilitar o acceso aos campamentos e reducir os desprazamentos das familias”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

A prestación do programa distribuirase en quincenas, con dúas quendas en xullo e dúas en agosto. Toda a documentación necesaria publicarase na páxina web do Concello, e tamén poderá solicitarse na casa do Concello ou nas oficinas do Centro de información á muller (CIM). As solicitudes deberán presentarse no Rexistro xeral do Concello de Redondela do 7 ao 21 de maio de 2024.

O concello de Nigrán contrata a través do ‘plan + provincia’ da Deputación a 15 peóns forestais e 3 conserxes para os colexios

0

O Concello de Nigrán incorporou hoxe a través da liña 3 do ‘Plan + Provincia’ da Deputación de Pontevedra a 15 peóns forestais por 8 meses e 3 conserxes durante 7 meses, todos a xornada completa. Trátase de veciños do municipio que se atopaban en situación de desemprego.

“Son postos de traballo moi necesarios para manter en boas condicións os camiños e viais públicos e o normal funcionamento dos colexios” sinala o alcalde, Juan González, quen engade que hoxe mesmo comezaron a desenvolver o seu traballo. Así, as brigadas están atendendo xa necesidades urxentes en Camiño da Fonte en Patos, Leiras, Pateira e Nespereira en Nigrán, Raña en Priegue, Campo Grande en Camos ou Casas en Nigrán antes de organizar un cronograma por parroquias e os conserxes nos colexios de Mallón, Camos (CEIP da Cruz) e Vilariño (CEIP Carlos Casares).

O proceso selectivo, que se levou a cabo a través da oficina de emprego Baiona dentro da máis absoluta transparencia, foi acorde ás bases establecidas, dándose prioridade ás vítimas da violencia de xénero, maiores de 45 anos, mulleres con baixa cualificación, persoas con familia monoparental con fillos ao seu cargo, persoas cos niveis de renda máis baixas ou ás que teñen cargas familiares…

Entre as labores que desenvolverán os peóns forestais a xornada completa atópase a conservación dos bens municipais, o mantemento das estradas, camiños e roteiros en perfecto estado, poda de árbores ou arbustos, a protección do medio ambiente ou a preservación das instalación escolares ou zonas verdes. Pola súa banda, os conserxes ocuparanse de fotocopias, control de acceso á escola e ás actividades, preparación do Auditorio, colaboración no desenvolvemento de actividades…

A elección destes dous perfís profesionais fundaméntase na necesidade do Concello de manter axeitadamente os servizos municipais nun tipo de áreas no que o persoal fixo do Concello resulta insuficiente. O obxectivo pararelo é que os beneficiarios melloren a súa capacitación e, con elo, as posibilidades de incorporarse ao mercado de traballo ordinario tras rematar no Concello.

O sábado comezan as finais do certame ‘Talento Xove’ de Ponteareas no que participaron máis de 300 mozos e mozas

Logo do éxito de participación do certame Talento Xove, organizado pola concellería de Xuventude do Concello de Ponteareas no que participaron más de 300 mozos e mozas nas diferentes categorías, mañá dia 4 de maio dan inicio as finais en dúas das categorías, cociña e música.

A primeira arrancará ás 10:00 horas en Mercatea, a antiga nave de Aceros del Tea, coa visita previa da directora Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses, ás 09:30 horas. Cada un dos nove finalistas contará con dez minutos para empratar e explicar a súa receita, e desta última proba sairán os gañadores finais.

Xa pola tarde, cambia a escenario e muda ao Auditorio Reveriano Soutullo onde os nove finalistas mostrarán a súa arte desde as 19:00 horas. Trátase de tres grupos, un dueto e cinco solistas de diversos estilos os que se poderán escoitar ata as 21:00 horas.

Logo deste sábado intenso quedarán aínda dúas citas co Talento Xove de Ponteareas xa que o vindeiro sábado 11 de maio, a cita é coa final de danza entre as 18:00 e as 21:00 horas e o 18 de maio, gran gala coa entrega de premios ás 19:00 horas.

«Lectura na rúa» reunirá a máis dun milleiro de persoas na Alameda Castelao de Redondela

0

O vindeiro 8 de maio a Alameda Castelao acollerá a cuarta edición da actividade «Lectura na rúa», unha iniciativa que xurdiu en maio de 2017 a iniciativa do CEP Plurilingüe Santa Mariña. O obxectivo deste evento é fomentar a lectura “compartindo a maxia dos libros e da música, nunha contorna atractiva e diferente, rodeados de toda a comunidade educativa, así como da veciñanza do municipio”.

Nas primeiras edicións formaron parte desta festa da lectura, ademais do CEP Plurilingüe Santa Mariña, os seus centros de referencia: EEI A Marisma e IES Illa de San Simón. Ao resultar a experiencia tan positiva, tomouse a decisión de estendela a outras bibliotecas escolares de Redondela, co apoio e financiamento do Concello de Redondela e a colaboración da Biblioteca Municipal e a ANPA Ernestina Otero.

Este curso escolar celebrarase a IV edición de «Lectura na rúa» o 8 de maio organizado polo CEP Santa Mariña xunto co Concello de Redondela, e coa colaboración da Biblioteca Municipal e a ANPA Ernestina Otero. Neste acto participarán todos os centros educativos de Educación Infantil, Primaria e IES de Redondela, ademais de 5 centros de día do concello, sumando preto dun millar de persoas, que se xuntarán na Alameda Castelao de Redondela para gozar dunha mañá de lectura e cultura en compañía.

O evento, que se estenderá dende as 10:30 h ata as 13:00 horas, contará cun intercambio de marcadores de libros, lectura compartida, desfile de contos, cancións, bailes e a actuación de “Barafunda”.

O concelleiro de Ensino, Iván Valles, confía en que a iniciativa sexa “un éxito” como en edicións anteriores, e agradece ao CEP Santa Mariña e o resto de centros a súa implicación. A alcaldesa, Digna Rivas, afirma que desde o Concello “estaremos sempre apoiando iniciativas como esta, na que a cidadanía, tanto a infancia como os maiores, son protagonistas”.

O BNG denuncia a negativa de PP, ACIP e IP a solicitar máis médicos para Ponteareas

O BNG vén de amosar a súa preocupación ante a negativa de PP, ACIP e IP a debater unha moción para solicitar á Xunta que dote de máis médicos a Ponteareas, mantendo aberta a quenda de tarde, e a que reforce a Unidade de Saúde Mental para reducir as listas de agarda que alcanzan até un ano.

“Mentres consideraron urxente debater a aprobación definitiva da modificación da RPT para consolidar a recolocación do cuñado da alcaldesa, non lles pareceu urxente tratar un asunto tan importante como a falta de profesionais sanitarios en Ponteareas, que provoca que teñamos miles de veciñas e veciños sen unha atención sanitaria digna e que agora se suprima tamén a quenda de tarde”, denunciou o portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó.

O Bloque denuncia a “actitude antidemocrática de Nava Castro, que, coa complicidade de Juan Carlos González e Mingos Freitas, non quería nin que se sometese a votación nin que se motivase a urxencia da iniciativa, o que provocou que o secretario tivese que intervir para aclarar o procedemento que establece o regulamento. A continuación, tras explicar o portavoz nacionalista a urxencia da iniciativa, o tripartito (PP, ACIP e IP) decidiu impedir o debate, non considerando urxente a situación crítica na que se atopa o centro de saúde”.

“É moi preocupante que nun asunto no que toda a Corporación Municipal debía amosar unidade na defensa da veciñanza, o tripartito de Castro, do que forma parte a coordinadora do Centro de Saúde, Raquel Plana, prefira gardar lealdade ao Partido Popular na Xunta. Pretenden ocultar así a súa nefasta política de desmantelamento da sanidade pública en vez de reclamarlle o que é de xustiza para as veciñas e veciños de Ponteareas”, lamenta o BNG.

A proposta, amparada por todos os grupos da oposición (BNG, PSOE e PC), denunciaba que o Centro de Saúde de Ponteareas volverá quedar sen quenda de tarde a partir do vindeiro 1 de maio, cancelando as citas a persoas que levaban semanas agardando ser atendidas pola súa médica de familia. Ademais, miles de ponteareáns e ponteareás continúan sen persoal médico asignado, e as que o teñen soportan esperas de até cinco semanas.

Así mesmo, a iniciativa sinalaba que nas últimas semanas estanse cancelando citas na Unidade de Saúde Mental, que perdeu unha das dúas psiquiatras e conta cun único psicólogo de referencia para as 50.000 persoas que dependen do PAC de Ponteareas.

O Porriño redobra a súa aposta pola industria e a actividade empresarial coa distinción de ‘Concello Emprendedor’

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada polo alcalde, Alejandro Lorenzo, presentou hoxe a adhesión do Porriño á Rede de Concellos Emprendedor. Foi nun acto que se desenvolveu na casa consistorial e que contou tamén coa presencia do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; a directora do IGAPE, Covadonga Toca, e unha nutrida representación do tecido empresarial do municipio. 

O Porriño conta desde febreiro deste ano con esta distinción, sendo un dos 156 Concellos Emprendedores de Galicia, e un dos 25 que hai na provincia de Pontevedra. 

Esta condición outorga preferencia á hora de optar a ordes de axuda da Xunta de Galicia que teñan que ver coa industria, o comercio ou o impulso ao emprego, entre outras. Se se trata de convocatorias de subvencións en réxime de concorrencia competitiva dirixidas a empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro asentadas nun espazo específico, que no baremo de puntuación, supoña entre o 5% e o 10% do total. 

Por outra banda, con respecto dos compromisos que adquire O Porriño como Concello Emprendedor son, entre outros: resolver as licenzas de obra no prazo máximo de 30 días naturais, unha vez que se dispoña de toda a documentación e informes; establecer bonificación saos presos das parcelas de titularidade municipal; ofrecer ás empresas a posibilidade de acudir ao dereito de superficie; dar tramitación urxente aos procedementos relacionados coas iniciativas empresariais prioritarias; e aprobar bonificacións fiscais de ata o 95% en impostos municipais como sono IBI, o IAE e o ICIO. 

En palabras de Lorenzana, pertencer a esta rede supón un compromiso por parte do Concello e da Xunta por impulsar a axilización administrativa. Nese sentido, salientou que a Administración autonómica está traballando a través da Oficina Económica do Igape en axilizar os trámites para calquera empresa. Tamén en fomentar a implantación de nova industria co plan de aceleración de proxectos industriais estratéxicos, que compromete un prazo de tramitación de menos dun ano. E, en terceiro lugar, en poñer solo industrial de maneira áxil para todas as empresas.

A conselleira concluíu convidando ao resto de concellos galegos que aínda non o fixeron, a sumarse á rede de Concellos Emprendedores. “Ese pacto pola industria e a enerxía que o presidente Rueda ofreceu a todos os partidos e administracións pódese facer realidade dando pasos coma este, onde todos teñamos claro que para continuar avanzando na industria e no emprego é necesario a colaboración entre administracións e a colaboración público-privada”, remarcou.

Pola súa banda, o alcalde destacou a importancia deste fito para O Porriño “era algo moi necesario para este Concello, para o seu tecido industrial e empresarial e para a veciñanza en xeral”. “Aínda que somos o Concello cos impostos máis baixos de toda Galicia, nós non apostamos por subir os impostos senón por bonificalos. E é unha aposta que temos claro que queremos facer polo desenvolvemento, polo emprendemento e pola xeración de emprego”, continuou Lorenzo, “Ninguén podía entender que O Porriño non fora un Concello emprendedor, contando con máis de 2200 empresas, 3,5 M de metros cadrados de solo industrial, catro polígonos industriais ocupados ao 100% , outros tres parciais ocupados ao 100% e un ao 50%, e o PIB máis alto de toda a provincia de Pontevedra. Somos un pulmón da industria de Galicia”. O rexedor concluíu  agradecendo á Xunta de Galicia a súa man tendida a colaborar e aos empresarios e empresarias dos polígonos que fan do Porriño o gran polo industrial do sur de Galicia.

A Valedora do Pobo admite a trámite a queixa dunha estudante pola falta de transporte público en Redondela

0

Unha estudante do IES Pedro Floriani de Redondela farta de que todos os anos se repita o problema da falta de autobús escolar e falta de transporte público para os estudantes de estudos non obrigatorios, presentou ante a Valedora do Pobo unha queixa pola situación, queixa admitida a trámite ao entender a valedora “que reúne todos os requisitos formais recollidos no artigo 18 da lei do valedor do Pobo, e en consecuencia que atopa cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución, facendo referencia a que as institucións públicas deben garantir este dereito”.

A rapaza mostra no escrito o desacougo ante a situación que se repite ano tras ano e que incluso leva a que compañeiros e compañeiras teñan que marchar a outros centros de outros concellos ao non ter sitio no transporte escolar, nin ter alternativas de transporte público para acudir aos Institutos, que se atopan todos eles no centro de Redondela e Chapela.

A estudante trasládalle a valedora como as familias tentan buscar solucións, aínda que non sexan gratuítas, pero que non conseguen que as administracións aporten solucións. Fala tamén da odisea de moitos rapaces e rapazas para poder chegar a clase, como teñen que madrugar e facer largas esperas ata o comezo das clases.

A Federación de Anpas de Redondela vén poñendo enriba da mesa un problema que consideran “primordial e que debe resolverse de maneira urxente para que os nenos e nenas de Redondela poidan estudar no seu concello e non se vexan abocados a ter que marchar e abandonar aos seus compañeiros e compañeiras”.

Lembra a Federación que Redondela é o cuarto concello da Provincia, na área metropolitana da maior cidade de Galicia pero sen transporte. O alumnado de estudos non obrigatorios de Redondela non dispón de transporte escolar pero tampouco dispón de transporte público.

“Nestes últimos –sinala a Federación de ANPAS–anos trasladóusenos o compromiso de resolver o problema para que a nosa rapazada poida seguir estudando en Redondela pero a día de hoxe o problema continúa”.

A Federación insta ás diferentes administracións que resolvan o problema de mobilidade no concello, pero de maneira urxente atendan a demanda das familias “xa que en xogo está o futuro de estes rapaces e rapazas, pero tamén está en xogo o futuro de Redondela”, aseguran.

Salvaterra Milenaria contará este ano cun mercado e actividades no recinto amurallado

O vindeiro 24 de maio Salvaterra de Miño celebra os máis de mil anos de historia xa que o primeiro documento escrito que fai referencia a esta localidade foi asinado o 24 de maio do ano 991.

Con motivo desta celebración, o Concello de Salvaterra de Miño prepara un día de actividades no recinto amurallado pensada para todas as idades.

Nesta ocasión dende a Concellería de Cultura organízase un mercado-exposición onde comercios, artesáns ou asociacións interesados poderán participar deste evento que terá lugar o sábado 25 de maio durante todo o día.

Ademais o Concello de Salvaterra tamén ten programadas actividades para a infancia pola mañá con xogos populares e contos sobre a historia de Salvaterra e pola tarde unha actividade familiar con acertixos e probas.

Aqueles interesados en participar no mercado-exposición deberán enviar os seus datos a seguinte dirección de correo electrónico comunicacion@concellodesalvaterra.org

O PP de Tui oporase a todo incremento de impostos “ata que non haxa un plan económico no Concello”

0

O grupo municipal do PP de Tui vén de anunciar que presentarán alegacións contra a suba do Imposto de BensInmobles (IBI) que foi aprobada no pleno do pasado 1 de abril cos votos do goberno socialista e do BNG, o que repercutirá directamente na cidadanía ó incrementarse case nun 20 % o importe do recibo deste imposto.

O voceiro municipal do PP, Nico Montes, reiterou que asúa formación opoñerase a calquera incremento fiscal que propoña o executivo de Enrique Cabaleiro ata que non se elabore un plan económico e se aproben uns orzamentos, “porque non podemos seguir nunha dinámica de absoluta improvisación cando hai que afrontar os pagos xerados pola mala xestión económica do equipo de goberno, que se caracteriza por un gasto corrente desorbitado sen que se encaren os problemas reais da cidade”.

Os populares, que van perfilar nestas datas o contido das alegacións, xa teñen deseñada a súa liña central, xa que cren que, no caso do IBI de urbana, o Concello debíacentrar o seu traballo en reducir a morosidade existente no pago por parte dos actuais contribuíntes en vez de subir o imposto e, paralelamente, no establecemento e aprobación de rebaixas e bonificacións deste tributo para axudar ás familias e ás PEMES.

Nico Montes engadiu que a presentación de alegacións orientarase exclusivamente “para por un pouco de sentido a esta situación e evitar que o goberno local continúe por uns derroteiros, que de seguir así, poden levar ao noso concello a unha situación de quebra técnica”.

A guardesa Bárbara Domínguez González, nova secretaria de Galeguidade e Emigración da executiva nacional galega do PSdeG

0

Este pasado domingo tivo lugar o congreso extraordinario do PSdeG en Santiago de Compostela onde foi proclamado José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral e o resto de compoñentes que conforman a comisión executiva nacional galega. A executiva está conformada por 40 persoas entre as que se atopa a guardesa Bárbara Domínguez González, que ocupará a Secretaría de Galeguidade e Emigración. 

“Asumo con moita responsabilidade e ilusión esta nova andadura sendo consciente da importancia de traballar, para que coma min, moitas máis mozas e mozos poidan retornar a Galicia despois de ter que marchar a traballar fora”, declarou Bárbara Domínguez González.

A nova secretaria de Galeguidade e Emigración do PSdeG subliñou que “hai moito traballo que facer nas duas áreas, sobre todo pola desidia do Partido Popular nas políticas destes últimos anos.” 

“Estamos moi satisfeitos despois de coñecer que a nosa compañeira da Agrupación Socialista da Guarda forma parte desta nova executiva”, comenta Montserrat Magallanes, Secretaria Xeral das e dos socialistas guardeses. “A agrupación afronta esta nova etapa con gran ilusión, e sabemos que traballará arreo no proxecto que lidera Besteiro para que a nosa vila e a comarca estén presente na toma de decisións”, conclúe Magallanes.