A parroquia ponteareá de Xinzo presenta unha fin de semana cargada de música con dúas das súas citas anuais máis importantes. Ao longo das tardes do sábado e o domingo, as dúas bandas musicais da parroquia celebran os seus respectivos festivais, ambos no torreiro de festas de Xinzo.

A Banda da Escola de Música de Xinzo será a encargada de inaugurar a fin de semana. O sábado 11 de maio ás 18:00 h, celebra o seu V Festival de Bandas Infantís, no que contará coa presenza dobre das bandas cativas de Salceda de Caselas como convidadas, a Banda Infantil da Escola de Música e a Banda Xuvenil da Escola de Música. Os músicos máis pequenos volverán ser os protagonistas do evento que, unha vez máis, reunirá ao público para gozar da música novel. Ademais, terá lugar por primeira vez ao aire libre, unha nova experiencia tanto para os membros da banda como para o público, o que marcará esta quinta edición do festival.
Con moitas máis edicións xa tras de si, ao día seguinte, o domingo 12 de maio, levarase a cabo o XXVIII Festival de Bandas de Xinzo, do que a Banda de Música Xuvenil da parroquia é a anfitrioa. Nesta ocasión, dará comezo ás 17:00 h, igualmente baixo a carpa exterior do torreiro, e acompañarana dúas bandas de dilatada experiencia: a Agrupación Musical Atlántida de Matamá e a Unión Musical de Coruxo.
Xa habitual nas últimas edicións, o Festival conmemorará nesta data unha figura destacada. Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas o próximo 17 de maio, a Banda homenaxeará a Luísa Villalta Gómez. Poetisa, escritora, tradutora e ensaísta, a autora tivo por igual na música unha das súas paixóns como recoñecida violinista, unha faceta musical que rememorar neste Festival.