Martes, 10 Decembro de 2024

Comezan as viaxes do Tren Turístico de Redondela dende o centro da vila ata a praia de Cesantes

Un ano máis o Concello de Redondela pon en marcha as viaxes do tren turístico, un transporte que esperta moito interese tanto entre a veciñanza como nos turistas e peregrinos. O convoi fai o percorrido entre o centro da vila de Redondela ata a praia da Punta, en Cesantes, con viaxes de ida e volta. O punto de saída é na Fonte de Santiago, na rúa Ribeira todos os días, de martes a domingo. As viaxes comezarán mañá sábado.

O horario pola mañá para as saídas desde a vila é ás 12.00 h e ás 13.00 horas. Pola tarde cada hora desde as 15.30 h ata as 19.30 horas. O regreso dende a praia pola mañá é ás 12.30 h e ás 13.30 horas. Pola tarde cada hora desde as 16.00 h ata as 20.00 horas

O percorrido do convoi faise pola rúa Mendiño até ao porto de Cesantes, para dirixirse logo pola rúa Catapeixe ata a praia da Punta.

O Concello de Redondela repite esta iniciativa un ano máis, “coa finalidade de potenciar as actividades turísticas coas que conta, xa que permite coñecer algúns dos puntos máis destacados de Redondela”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. Este transporte permite que tanto os visitantes como a propia veciñanza “descubran a súa vila con outros ollos, cunha viaxe tranquila, nun percorrido polo centro urbano ata o peirao e a praia de Cesantes”.

O prezo da viaxe é de 5 euros, ida e volta, 3 euros para nenos dos 3 a 12 anos, e os menores de 3 anos viaxan de balde.