Esta segunda parte do ciclo de teatro infantil e familiar, no que xa se representaron catro obras durante o mes de abril cun gran éxito de público, arrincará o domingo 12 de maio ás 19:00 h da man da compañía Assircópatas co seu espectáculo ‘Abracadaver’.
Abracadaver é un espectáculo de circo terroríficamente divertido. Unha terapia de choque para partirse de risa e desfacerse dos medos, unha oportunidade para vivir a experiencia do teatro en familia. En definitiva, un divertidísimo show de rúa para todos os públicos. A través de Rogelio, un entrañable personaxe de ficción ao que dá vida o actor Dani Blanco, AsSircópatas preséntannos esta delirante proposta chea de sustos e bo humor. Clown, malabares, escapismo, rulo, acordeón, serrucho… todo á disposición dun actor preparado para levar a cabo o seu Abracadaver.
A segunda cita do mes de maio será o xoves 16 ás 20:00 h coa obra Cinema Marabillas da man de Raquel Queizás.
Gozaremos vendo as primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas nos contos marabillosos e nos libros clásicos da literatura.
O obxectivo é facerlles ver ás crianzas e as súas familias que esas historias que coñecen poden contarse de diferentes maneiras. Que descubran que o cine mudo é unha expresión que pode resultar moi divertida.
Non faltará aventura, humor, misterio, tenrura, maxia, fantasía e sobre todo moita imaxinación. A literatura é e sempre será unha gran fonte de inspiración para o cine. O cinema tamén se le.
Alicia no pais das Marabillas, Peter Pan, O Mago de Oz, Polgariño, as protagonistas destas historias son nenas e nenos que teñen preocupacións e reflexionan sobre o mundo no que viven. Son fortes, sensatas e pensan por si mesmas.
Reflexan as etapas evolutivas das espectadoras máis cativas. Axudan a formar o seu pensamento crítico, e a súa capacidade reflexiva sobre temas como a amizade, o amor, a igualdade de xénero, o respecto polo diferente…
Estas historias nacen dentro de nós cando somos crianzas. A unha nena, a un neno gústalle vivir aventuras, explorar diferentes lugares, xogar a ser piratas…
A última das obras programadas deste ciclo chegará ás táboas do auditorio municipal o domingo 26 de maio ás 19:00 h coa representación a cargo de Os monicreques de Kukas da súa obra Xan Perillán e a Maleta Máxica.
Xan Perillán e a maleta máxica’ é un espectáculo dirixido a público familiar e nenos a partir de 3 anos, que mestura o clown e a pantomima coa maxia e a manipulación de monicreques. Interpretado por Marcelino de Santiago (Kukas), está dirixido por Isabel Rei.
Xan Perillán é un home con sorte, tocoulle nunha rifa unha viaxe a Pernambuco… Pero, onde está Pernambuco? No hemisferio Norte ou no Sur? Cun pouco de maxia e a axuda dos nenos seguro que o pescudará.
Reúne todas as súas cousas e vai meténdoas nunha maleta que non é unha maleta calquera. É unha maleta máxica, xa que todo o que aquí se mete, convértese nun truco de maxia.
As entradas están dispoñibles na taquilla electrónica do concello nesta ligazón a un prezo de 2,50 euros.
O alcalde Paco Ferreira destacou “a gran calidade destas obras e a súa variedade de xéneros que xunto coas xa representadas durante o mes de abril converten a Gondomar nun referente do teatro infantil e familiar e demostra a nosa firme aposta pola promoción e divulgación da cultura dende as idades máis temperás”