19.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Xullo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación aconsella manter a vixilancia ante o mildio nas viñas por...

    A Deputación aconsella manter a vixilancia ante o mildio nas viñas por mor dos prognósticos meteorolóxicos contraditorios dos próximos días

    Areeiro recomenda que os funxicidas que se apliquen contra o oídio teñan efecto contra o black rot xa que as plantas entran nun período de maior sensibilidade aos patóxenos

    A Deputación de Pontevedra aconsella a través do boletín fitosanitario de Areeiro desta semana manter un elevado nivel de vixilancia nos viñedos ante o mildio, revisándoos periodicamente para detectar a tempo posibles manchas novas, zonas de avance nas antigas ou tamén danos en acio. A Estación Fitopatolóxica de Areeiro sinala que as previsións meteorolóxicas indican, en principio, tempo seco a curto prazo, con temperaturas máximas e mínimas elevadas, seguidas de precipitacións acompañadas dun descenso das temperaturas.

    Malia iso, os prognósticos varían segundo a axencia consultada, e tendo en conta ademais os episodios de choivas da pasada semana e mais a fenoloxía actual das plantas, que se atopan nun momento moi sensible a este patóxeno, estes outros factores tamén inciden na vixilancia extrema que aconsella o persoal da Deputación. Desde o centro sinalan que a maioría das viñas recibiron xa o tratamento preceptivo e atopáronse síntomas novos do patóxeno en novas plantas, mesmo algunhas manchas curadas que na inspección anterior aínda non o estaban. No caso das plantas abandonadas víronse síntomas illados pero non alarmantes, sen que se recollesen moitos esporanxios no captador de esporas do que dispón Areeiro na zona do Salnés.

    Brotes partidos por vento

    No caso do oídio, non se observaron síntomas do fungo, polo que tampouco foi preciso realizar tratamentos en ningún predio. De todos os xeitos, o persoal de Areeiro lembra que a viña entra agora nun período de maior sensibilidade, polo que é preciso incrementar a vixilancia especialmente nas plantas peor aireadas ou as de variedades que xa sexan por si mesmas máis sensibles a el. Ademais das temperaturas entre 25º e 30º e a humidade relativa entre o 40% e o 100%, as néboas costeiras que se anuncian nalgunha das previsións meteorolóxicas destes próximos días tamén son propicias para a aparición do oídio.

    En canto ao black rot, non se detectaron avances nin na viña do Condado onde apareceron os primeiros síntomas na inspección anterior nin tampouco noutros predios, pero si se atoparon os primeiros en pampo nas plantas abandonadas. Esta semana o persoal de Areeiro aconsella que o tratamento fronte ao oídio (do mesmo xeito que o fixo contra o mildio no aviso fitosanitario da semana pasada) se realice con funxicidas que teñan efecto sobre ambos os dous patóxenos.

    Á marxe das viñas, Areeiro tamén aconsella protexer a futura floración dos kiwis fronte ás enfermidades máis habituais deste cultivo. Para iso, o persoal sinala a conveniencia de aplicar un tratamento tras o novo episodio de precipitacións da próxima semana.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.