Venres, 13 Decembro de 2024

Digna Rivas contesta ao PP lembrando que o Goberno amplía o prazo de exposición pública do PXOM “ata o máximo que nos permite a Lei”

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, rexeitou as críticas do PP nas que o grupo da oposición demandaba a ampliación do prazo de alegacións do PXOM “porque non teñen ningún sentido”, asegurou. A rexedora lémbralle aos populares que “a Lei do Solo de Galicia establece un prazo de dous meses de información pública, e o goberno local de Redondela decidiu amplialo ata os tres meses, que é o máximo que permite a lei, e o señor Bas debería sabelo”.

Rivas sinala que foi o anterior goberno popular de Javier Bas o que realizou os pregos para a contratación de redacción do PXOM en 2015. Nese contrato “só se establecían dous meses de exposición pública, e información á cidadanía na oficina técnica só dous días á semana”.

Porén, co obxectivo de mellorar a información á veciñanza, o actual goberno de Digna Rivas realizou un novo contrato para ampliar a atención ao público na oficina técnica “que presta asesoramento os cinco días da semana, cunha xornada de atención tamén pola tarde”. A cita pode solicitarse de xeito telemático na páxina web do Concello de Redondela, e para facilitarlle o trámite aos veciños que o necesiten pode facerse tamén de xeito presencial nas dependencias do Concello ou vía telefónica.

A maiores están a realizarse reunións informativas en todas as parroquias, que non estaban contempladas no anterior contrato, “onde se informa aos veciños en liñas xerais de como o PXOM afecta a cada parroquia”, sinala Rivas. Para facilitar o acceso a toda a información relativa ao plan urbanístico tamén está dispoñible na web do Concello un visor dixital onde buscar as parcelas “dun xeito cómodo e cun funcionamento sinxelo e intuitivo”.

A rexedora insiste en que a prioridade do goberno local é “facilitar todos os medios posibles á veciñanza para que coñezan o plan, que teñan toda a información e poidan facer as súas alegacións” .