Mércores, 11 Decembro de 2024

O PP de Salceda alerta da perda de preto de 90 prazas de aparcamento no centro urbano coas novas humanizacións

O PP afirma estar a favor destas obras “sempre que só se elimine unha marxe de aparcamentos, como se viña facendo dende sempre”

O grupo municipal do PP de Salceda de Caselas vén de alertar da perda de preto de 90 prazas de aparcamento no centro da localidade cos novos proxectos do que cualifican de “humanizacións radicais” nas rúas Coruña, Victoriano Pérez Vidal e as que hai que sumarlle as de Rafael Tilve e Ador, nas que o Grupo Popular abstivérase “xa que mantiña aparcamento en Rafael Tilve pero no na rúa Ador” explican os populares.

Segundo explicaron os populares, o proxecto de reforma da rúa Victoriano Pérez Vidal, suporá a supresión de todo o seu aparcamento, cifrado nunhas 10 prazas, as que hai que sumarlle as que había no Carreiro do Rollo, e á mesma deberán engadirse as 35 que se eliminarán na rúa Coruña tras saír adiante no pleno, nun segundo intento, o seu proxecto de humanización.

O voceiro municipal do PP, Santiago Davila, indicou que a remodelación da rúa Coruña foi rexeitada nun pleno anterior co voto contrario dos populares e do BNG e lamentou que a formación nacionalista “mudara o seu posicionamento no último pleno sen dar ningunha explicación nin esixir ningún cambio malia que iso prexudicará moito aos veciños e aos comerciantes”, afirma.

Deste xeito, ás 55 prazas que se suprimirán nestas dúas novas actuación (Carreiro do Rollo e Victoriano Pérez Vidal), hai que engadir as case 35 que se eliminan en actuacións similares levadas a cabo nas rúas Rafael Tilve e Ador, polo que a cifra final roldará as 90 prezas.

Davila deixou claro que o PP está a prol destas obras de mellora, humanización e modernización das rúas de Salceda, como sempre dixeron e apoiaron pero non da concepción urbana do goberno local actual que, afirman, “actúa dun xeito radical”, porque consideran que sería viable a supresión dunha soa fila de estacionamentos para gañar espazo para os peóns” sen necesidade de eliminar todas as prazas que segundo os populares “xerará graves prexuízos á economía local e á mobilidade dos cidadáns”.

Dende o Partido Popular de Salceda de Caselas lembra que no ano 2011 o seu programa electoral contemplaba a creación dun sistema de aparcamento por tempo de 45 minutos, multiplicando así por dous o número de vehículos a estacionar na mesma zona.

Por último, recalcou Santiago Rodríguez Davila que sempre foron partidarios de humanizacións que compatibilicen a circulación de peóns e a necesidade da movilidade ao mesmo tempo que chama a atención sobre o feito de que “non todas as rúas son iguais nin as zonas do casco urbano” xa que non os servizos e establecementos “son os mesmos en todas as rúas”.