A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela organiza un ano máis o Programa municipal de conciliación para o verán. Deste xeito o departamento que dirixe Iria Vilaboa ofrece un servizo ás familias “que favorece a conciliación de responsabilidades familiares e laborais, ao tempo que permite a nenos e nenas participar en actividades lúdicas”.
O servizo, que é totalmente gratuíto para as familias, prestarase durante os meses de xullo e de agosto, en horario de 09:00 a 14:00 horas, de luns a venres. Está dirixido aos menores con idades comprendidas de 3 a 12 anos. O número de prazas ofertadas para esta convocatoria son 300 no mes de xullo e 180 no mes de agosto. As prazas estarán distribuídas en sete emprazamentos diferentes: CEIP Porto Cabeiro, CEIP de Cedeira, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP Quintela, Pavillón de Reboreda e Conservatorio Municipal ‘Víctor Ureña’ de Redondela. Deste xeito o Concello “aposta por achegar os servizos a toda a veciñanza, tanto na vila como nas parroquias, para facilitar o acceso aos campamentos e reducir os desprazamentos das familias”, explica a alcaldesa Digna Rivas.
A prestación do programa distribuirase en quincenas, con dúas quendas en xullo e dúas en agosto. Toda a documentación necesaria publicarase na páxina web do Concello, e tamén poderá solicitarse na casa do Concello ou nas oficinas do Centro de información á muller (CIM). As solicitudes deberán presentarse no Rexistro xeral do Concello de Redondela do 7 ao 21 de maio de 2024.