Esta fin de semana, a piscina do Complexo Deportivo Álvaro Pino verá desfilar a máis de 250 nadadores e nadadoras en dous eventos multitudinarios que foron presentados onte pola alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; o director técnico do Club Natación Ponteareas, Andrés Carrera e o concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez.
Por unha banda, o sábado dispútase a final da liga galega de clubs da Primeira División. Nela, o CN Ponteareas, o CN Carballo e o CN Galaico pelexarán por conseguir unha das dúas prazas que darán dereito ao ascenso á división de Honra galega, a máxima categoría autonómica.
De forma simultánea, outros tres equipos, CN Vigo Rías Baixas, CN Coruña e CN Boiro farano por evitar o descenso á 2ª división e obter a única praza que asegura a permanencia na actual categoría.
A final estrutúrase en dobre sesión, mañá e tarde, e será unha competición moi emocionante, non só polo premio que se pon en xogo, senón tamén polo nivel dos equipos, que traerán aos seus mellores deportistas a Ponteareas, e polo feito de coñecer –grazas ao cronometro electrónico– en directo todos os resultados. De conseguir o triunfo, sería un título inédito ata o de agora para as filas do CN Ponteareas, que se proclamaría campión galego da 1ª división da natación galega.
Doutra banda, o domingo en sesión de tarde, dispútase a última xornada da liga galega de natación máster, co equipo da vila do Tea ocupando a primeira posición provisional e con moitas posibilidades de proclamarse campión, revalidando o título que leva conseguindo as tres últimas edicións.