O Concello de Nigrán disporá dun campo de fútbol nos terreos onde se ubica o Centro Cultural A Camoesa, respondendo así a unha vella demanda da asociación de veciños da parroquia de Camos. Con este obxectivo, dispón xa do proxecto aprobado e dun orzamento de 287.646 € a cargo do ‘Plan + Provincia’ da Deputación de Pontevedra, polo que as obras sairán a licitación nas vindeiras semanas.
“A veciñanza pediunos habilitar un lugar en Camos onde a rapazada poida practicar este deporte e consideramos todos que este é o mellor sitio posible polas súas condicións topográficas e, sobre todo, por ser un centro de reunión xa establecido, por iso temos que agradecer á Comunidade de Montes a cesión do terreo para este fin”, explica o alcalde, Juan González, sobre esta superficie ao carón do Centro Cultural (rúa dos Pazos, 121) e onde xa existía un campo de fútbol 11 en condicións impracticables desde hai anos.
Así, o proxecto consiste en empregar ese terreo para habilitar coa mesma orientación, e no seu estremo Este, un novo campo de fútbol 7 de 50×30 metros acorde na súa totalidade coa normativa NIDE do Consejo Superior de Deportes, polo que será un campo de fútbol 7 homologado. O terreo de xogo será céspede sintético de última xeración, de 60 mm de espesor, e co mesmo pavimento disporá de bandas exteriores de 1,5 metros e lonxitudinais de 2,5 metros. Esta ubicación do campo de fútbol permite que o espazo de xogo de bolos se manteña na mesma ubicación sen ningún tipo de afección, así coma a pista deportiva valada e o parque infantil (a parcela total onde se ubica o Centro Cultural A Camoesa é de 12.504 m² e a superficie de actuación aproximada non supera os 3.000 m²). Ademais, a instalación será iluminada mediante 8 grandes focos de tecnoloxía LED en aras da mellora da eficiencia enerxética.
“O campo de fútbol 7 complementará as instalacións existentes, polo que este lugar vai a ser un polo de atracción tamén para a mocidade da parroquia, un espazo realmente interxeracional dentro do Nigrán para todos que sempre buscamos”, resume o alcalde.