Luns, 9 Decembro de 2024

A Axenda Urbana do Porriño avanza no seu marco estratéxico tras identificar os principais retos do municipio

O proceso participativo estivo formado por diversas mesas de traballo de técnicos municipais, grupos políticos, e axentes sociais e económicos, ademais dunha enquisa entre a cidadanía

A Axenda Urbana e Rural do Porriño avanza na definición do seu marco estratéxico logo da identificación dos principais retos do municipio. “O proceso participativo concluíu coa cunha ampla participación da veciñanza na enquisa e coa celebración de cinco mesas nas que participaron os técnicos e traballadores municipais, grupos políticos, axentes sociais, medioambientais e económicos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Entramos xa na seguinte fase, na que se elaborará o marco estratéxico e o conseguinte Plan de Acción de maneira participada con todos os axentes do territorio, asegurando desta maneira que o documento final sexa un reflexo das capacidades e necesidades colectivas do Porriño”.

O rexedor mostrouse agradecido do alto grado de participación dos/as porriñeses/as, que mostraron a súa opinión a través do cuestionario online que estivo dispoñible na páxina web da Axenda Urbana. “Demostra o compromiso da veciñanza co seu pobo, algo clave para alcanzar os obxectivos que nos propostos e construír entre todos un Porriño máis cohesionado e cun futuro sostible”, concluíu Lorenzo.

A veciñanza define os retos do Porriño

O fomento da mobilidade peonil e ciclista entre O Porriño e Torneiros e a reducción do impacto do paso do tren polo centro urbano, son algunhas das necesidades que os/as porriñeses/as consideran prioritarias, segundo conclúe o proceso participativo, impulsado polo Concello do Porriño, vencellado ao deseño do documento.

A fase de Diagnóstico detectou outros retos priorizados pola veciñanza, como a necesidade de impulsar o uso do transporte colectivo nos desprazamentos coa área metropolitana, que inclúa a conexión dos núcleos rurais, ou a rexeneración ambiental das Gándaras de Budiño e dos ríos Louro e Couso para poñer en valor o patrimonio natural do Porriño.

Outra das prioridades destacadas pola cidadanía é a consolidación dunha rede de saneamento e abastecemento que dea cobertura a todo o municipio.

A ollada da diagnose tamén se centrou no eido social, e neste ámbito os/as porriñeses/as poñen o foco na reducción da vulnerabilidade da poboación e das desigualdades sociais.

No tocante ao desenvolvemento industrial concluíuse que un dos retos a fixar é impulsar a competitividade exterior e innovación apoiándose nos centros tecnolóxicos como o CTAG; AIMEN e o Centro Tecnolóxico do Granito.

Axenda Urbana e Rural do Porriño

A Axenda Urbana e Rural do municipio inclúe tres fases: o diagnóstico, o marco estratéxico e o plan de acción. Ademais van acompañadas dun proceso transversal de participación cidadá.

A finalización da primeira fase conclúe cun conxunto de retos que foron priorizados no proceso participativo.

Agora estáse a traballar na definición do marco estratéxico que vai definir as liñas estratéxicas e as accións. Este proceso vai permitir dar resposta ás necesidades identificadas para lograr un Porriño inclusivo, integrado, resiliente e sustentable.