Xoves, 31 Xullo de 2025

Pamela Pérez e Daniel Pazó, primeiros líderes da recen creada ‘Pontevedra Trail League’

0

Tras a disputa do ‘III Trail Muíños do Folón’, Pamela Pérez e Daniel Pazó convértense nos primeiros líderes da ‘Pontevedra Trail League’, unha competición que se estrea dentro da modalidade de trail. Ademais da proba do Rosal, tamén puntuará a do ‘Románico’ e o ‘Trail do Tegra’ que se celebrarán ao longo da tempada. A liga constitúe un novo aliciente para os deportistas e conta co apoio da Deputación de Pontevedra.

Daniel Pazó Giráldez, na modalidade de advance e José Antonio Losada, na de adventure, foron os gañadores do III Trail Muiños do Folón que se disputou no Rosal. A eles uníuselles Alina Cimpeán, na categoría feminina en Advance, e Lorena Ferrer, na de adventure.

A proba resultou un gran éxito de participación, con case 800 deportistas na liña de saída entre os que se inclúen tamén os que tomaron parte no roteiro de senderimos. Daniel Pazó e Pamela Pérez convertéronse nos primeiros líderes da recentemente creada I Pontevedra Trail League, que incluirá outras dúas probas ao longo da tempada.

A pesar da choiva e o vento, os participantes no Rosal gozaron dunha xornada que xuntou a máis de 1.500 persoas. O percorrido, de gran valor paisaxístico e simbólico, foi un dos grandes alicientes. Á cita acudiron numerosos deportistas de toda Galicia e unha ampla representación de Portugal.

[su_image_carousel source=”media: 12794,12803,12802,12801,12800,12799,12798,12797,12796,12795″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Foi Daniel Pazó o que repetiu triunfo por segundo ano consecutivo na modalidade de advance. O seu esforzo e tenacidade tivo recompensa despois de afrontar os 21 quilómetros cun perfil que presentaba algunha dificultade en varias zonas. O ano pasado foi tamén un dos grandes protagonistas, ao entrar xunto a Marcos Fernández collido da man na liña de chegada, nun xesto de gran deportividade. Déuselle gañador a Daniel Pazó, que na presente edición logrou a vitoria en solitario. A pouco máis de vinte segundos entrou Luís Enrique Martínez Comesaña, que ocupou a segunda posición, mentres o terceiro foi César Santos Barciela.

Na categoría feminina, a triunfadora foi Alina Cimpeán, que superou a todas as súas rivais e realizar o percorrido en dúas horas e media. Sandra Fernández ocupou a segunda posición, mentres Loreto Rodríguez Martínez foi a terceira. O cuarto lugar correspondeu a Nuria Romero, que quedou a vinte segundos de estar no podio despois de case tres horas de esforzo.

Na categoría de adventure, que tiña 12 quilómetros de percorrido, o gañador foi José Antonio Losada. En pouco máis dunha hora completou o traxecto, aínda que tivo que empregarse a fondo para ser o primeiro na liña de chegada. Ricardo Estévez, que foi segundo, só cedeu 19 segundos ao seu rival. Luís Miguel Becerro foi o terceiro no podio. Precisamente Ricardo Estévez foi o primeiro en sénior, mentres Lorena Freire triunfo na categoría feminina. A segunda na clasificación foi Elena Pérez e a terceira Maru Fernández.

O éxito da terceira edición do Trail Muiños do Folón obrigou aos organizadores para ampliar o número de prazas dispoñibles ata chegar ás 800, o que supón un rexistro histórico. Cada participante recibiu unha medalla, tamén unha camiseta, podían visitar a Adega Valmiñor Ebano e os mellores levaron o trofeo deseñado por José Luis Rodríguez, un recoñecido escultor. A organización tamén realizou unha emotiva homenaxe a Nemesio Castro Alvarez, que a pesar da súa avanzada idade aínda coida e utiliza os emblemáticos muíños situados no Rosal.

Luís Bará: “O BNG é a ferramenta máis valiosa para liderar o cambio que Galiza precisa”

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, asegurou en Tomiño que “o BNG é a ferramenta máis valiosa para liderar o cambio que Galiza precisa”. Así o manifestou na inauguración do novo local do BNG en Tomiño, onde estivo acompañado pola alcaldesa Sandra González e outros membros do goberno local, afiliados e simpatizantes.

Bará subliñou que o BNG, reforzado coa experiencia e bagaxe de gobernos locais prósperos e con programas exitosos como o de Tomiño, encara o camiño cara ao 5A de maneira animosa e con moita enerxía, convencido de que será a alternativa galega para dar un tempo novo ao país. “Galiza non precisa cambios cosméticos, precisa cambios de fondo para saír desta década escura, e o BNG e o mellor antídoto e antítese contra o voto do PP”, dixo.

O nacionalista fixo fincapé en que o Bloque ten un proxecto de futuro para Galiza e unha candidata que será a mellor presidenta: “O 5A temos a opción de que Galiza sexa gobernada dende aquí, da man da única forza política coas mans libres, e coa mellor candidata, Ana Pontón, que entrará na historia por ser a primeira muller, feminista e nacionalista, que goberna na Xunta de Galiza”.

O cabeza de lista animou á mobilización e puxo sobre a mesa a importancia de que se active o voto da xente moza e das persoas rebeldes e descontentas coa situación de parálise que está a vivir Galiza. “Todas as persoas que lle queren a este país saben que poden poñer as súas esperanzas en nós para que este país teña un futuro mellor”, afirmou.

Abrirse á veciñanza

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, manifestou que o Bloque abre unha nova sede local para abrirse aínda máis á veciñanza e facer das novas instalacións un lugar de debate e encontro con vocación de permanencia. Salientou que é preciso fortalecer o espazo do BNG non só no Concello a nivel institucional, senón tamén apostando pola organización nacionalista como tal, xa que é a que define o modelo a seguir para aumentar a calidade de vida da cidadanía con propostas claras como a recuperación do espazo público.

A rexedora salientou que o BNG de Tomiño participará de maneira activa na campaña de cara ás eleccións galegas do 5A e instou á veciñanza do concello a subirse con ilusión, optimismo e confianza ao proxecto do BNG “propio, xenuíno, diferente e beneficioso para o país”.

A internacionalización da ‘XXIX Feira do Requeixo e o Mel’ das Neves

0

A Escola Profesional do Alto Miño Interior (EPRAMI) de Monção acolleu, onte sábado, a presentación oficial da que será a vixésimo novena edición da ‘Feira do Requeixo e o Mel’ das neves que se desenvolverá os días 11 e 12 de abril, e que contará cun amplo abano de actividades. O acto de presentación contou coa presenza do alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez; o vereador de Acción Social, Cultura e Turismo de Monção, João Oliveira; a concelleira de Cultura das Neves, Rocío Barreiro e o presidente da Cooperativa do Requeixo das Neves, Alejandro Martínez.

Xosé Manuel Rodríguez Méndez, que na presentación subliñaba a importancia de “dar valor ao noso produto e ás persoas que se involucran con él”, facía especial fincapé na presentación desta festa ao outro lado da raia xa que, asegurou, “somos un espacio internacional que sabe e debe aprender a convivir e a potenciar todas as cousas que temos en común”.

O alcalde das Neves, subliñaba o traballo que realizaban os profesionais da hostalaría, “para incidir intelixentemente” sobre un produto extraordinario e destacaba a importancia de incorporar, a unha festa gastronómica, “elementos que teñen que ver cos nosos sentimentos, coa nosa capacidade de sentir a música, de sentir a gastronomía… Trátase non só de facer unha festa senón de involucrar mesmo emocionalmente, a toda a sociedade”.

“Estamos de noraboa, por unha banda, por ter a capacidade de facer este acto aquí, –afirmaba Rodríguez Méndez– de ter a capacidade de ser positivos e construír o territorio que queremos e, por outra temos que estar moi felices porque somos capaces de espertar o interese da cidadanía, dos medios de comunicación que observan a celebración desta Festa como algo máis que gastronomía”.

O rexedor local nevense remataba sinalando que para o Concello das Neves, esta Festa é “un día grande” non só pola potenciación da mel e o requeixo como produtos de calidade, senón como labor “para colocarnos no foco de visión da xente que nos rodea” e, nesa liña, explicaba que as actividades que se desenvolven, “non só teñen a finalidade festiva, senón que teñen moito que ver co valor que lle damos ao produto e o valor que lle damos a todas e cada unha das persoas que se involucran na potenciación do mesmo”.

Unha unión aínda máis estreita entre As Neves e Monção

Pechou o acto oficial de presentación o concelleiro de Acción Social de Monção quen asegurou que “hoxe estamos todos na casa” e que amosou o seu orgullo porque o lar desta cita fose a Escola de Monção que “é unha referencia, no eido gastronómico, dentro e tamén fora da nosa vila”.

João Oliveira, asegurou que “quen vai As Neves á Feira do Requeixo e do Mel acaba sendo cliente dos seus produtos”, anunciou que Monção e As Neves traballan nun proxecto conxunto que vai a estreitar máis a relación entre os dous pobos e concluiu asegurando que “cando un camiña so vai máis rápido, pero quen camiña acompañado chega máis lonxe”.

Un amplo programa de actividades

As actividades do programa desre ano empezarán xa  domingo 15 de marzo, coma explicou Rocío Barreiro, concelleira de Cultura do Concello das Neves, coa ‘IX Ruta BTT O Requeixo’, organizada pola ACD Sanomedio, dende as 08:30 h.

O xoves, 2 de abril ás 15:00 h, será o día do III Concurso de Receitas con Requeixo de As Neves, no Obradoiro da EFA A Cancela; o día 3, dende as 11:00 h, celébrase o ‘Requeixo Miúdo’, actividade educativa con requeixo e mel, no CEIP Marquesa do pazo da Mercé e o día 4, ás 10:00 h, a disputa do Campionato de Badminton IITTR As Neves Vila do Requeixo e Mel, no Pavillón Municipal. Ás 19:30 h, na Casa da Xuventude, apertura da Exposición Fotográfica do GDR COndado-Paradanta, ‘Visións do Territorio’, que estará aberta ata o día 19.

O martes, día 7, dende as 17:00 h, no Centro Social,  Xornada técnica sobre ‘O requeixo como produto galego con indicativo de calidade’, impartida por técnicos da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, e cata comentada por técnicos de Taste-Lab. O mércores, día 8, ás 20:00 h., no Auditorio Municipal, actuación da Banda Xuvenil da Banda de Música Municipal de Rubiós.

[su_image_carousel source=”media: 12776,12774,12773,12772,12771″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Días de feira venres e sábado santos

Os actos do primeiro día da Feira do Requeixo comezarán o Venres santo, día 10 de abril, ás 11:00 h. coa apertura da Feira; seguida da Recepción na Casad do Concello; ás 12:00h., o Pregón Gastronómico, a cargo do Chef Iñaki Bretal, integrante do Grupo Nove, do Restaurante O Eirado de Leña, galardoado cun Sol Repsol no ano 2020.

De seguida entrega de premios do III Concurso de Receitas con Requeixo das Neves. Ás 12:30h. Animación musical a cargo de Cé Orquestra; ás 16:30h. Radio Bulebule, actuación infantil a cargo de Paco Nogueiras e ás 20:30h., na Praza Maior, concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

O segundo día da feira, o sábado, 11, a apertura será ás 12:00h. que dará paso, ás 13:00h, ao Vermú, amenizado por Os Monifates e ás 18:00h. Blues do País en concerto na Praza Maior.

De xeito permanente, durante os dous días da Feira haberá unha carpa de alimentación, carpa de artesanía e espazo infantil.

A presentación deu paso a unha degustación, na zona exterior da Escola, de pratos doces e salgados, elaborados polos chefs Fran Soteliño e Rui Ribeiro, cociñados na mesma escola e maridados con viños de Monçao.

O campo do Alivio, en Tomiño, luce o mural de Genma Marqués dedicado á veciña máis lonxeva da vila

0

O Concello de Tomiño celebra, coma cada ano, o Día Internacional da Muller (8 de marzo), cunha serie de actos. Estes comezaron xa este pasado venres coa inauguración dun mural no exterior do Campo de fútbol do Alivio, obra da artista guardesa Gemma Marqués sobre unha imaxe de Sara Rodríguez Salvador ‘Sara da Pisca’, tomada pola fotógrafa Pily Reñones.

O acto tivo lugar ao pé do mural ás 13.30 horas, coa presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, as dúas artistas implicadas no proxecto, concelleiros e usuarios do Centro de Día.

Tanto a autora do mural, licenciada en Belas Artes e veciña da Guarda, coma a fotógrafa Pily Reñones, tomiñesa e distinguida con varios premios de fotografía nacionais e internacionais, amosáronse contentas co resultado final da obra.

Sara Rodríguez Salvador, retratada no mural, é a veciña tomiñesa de maior idade e pertence a familia ‘dos piscos’; alcume que vén duns bois pequenos que tiña a súa familia.

Afeccionada ao fútbol, ía até os 90 anos ou máis, a ver o Tomiño F.C. O Concello quere facer un pequeno homenaxe en agradecemento a Sara, un muller que, desafiando as  normas que relegan á muller ao espazo privado e as apartan de aqueles eidos tradicionalmente masculinos, acudía a o campo de fútbol do seu equipo, o Tomiño FC , como a afeccionada incondicional.

Onte sábado, continuaban os actos do Día da Muller coa representación, no Auditorio de Goián de ‘1879. Casa de Bonecas’, a innovadora proposta dos actores galegos Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, que revisa o clásico do autor Henrik Ibsen. A compañía ‘Estudo Momento’ achegaba a Tomiño esta adaptación do clásico do dramaturgo noruegués, predecesor dos movementos feministas. Nesta versión, Iria e Mejuto, dan vida ao matrimonio Helmer, nunha proposta na que os actores realizan unha disección do matrimonio, das relacións de autoridade e da liberdade.

Ás 12 do mediodía de hoxe domingo, tiña lugar unha concentración no Mercado Municipal, com música, poemas e lectura dun Manifesto.

Por último, o día venres 27 de marzo ás 19 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello e organizado pola Oficina Municipal de Igualdade, terá lugar unha charla-coloquio de Rosa Cobo Bedía, baixo o título A cuarta ola feminista e a violencia sexual. A autora realizará un percorrido pola historia do feminismo ata chegar á gran vindicación desta chamada Cuarta ola; falando da violencia sexual como mecanismo de control que impide ás mulleres a apropiación igualitaria do espazo público e acadar a súa autonomía e liberdade, así como a análise crítica de prácticas historicamente naturalizadas , como a prostitución.

Ponteareas garante a continuidade do comedor escolar do ‘Fermín Bouza Brey’

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a Concelleira de Educación, Cristina Fernández, veñen de comunicarlle á Consellería de Educación da Xunta de Galicia que, unha vez máis, están na disposición de asumir a xestión do comedor escolar do colexio público Fermín Bouza Brey ante a nova negativa da Consellería de non asumir a xestión directa.

Tras recibir esta comunicación da Xunta de Galicia, Represas e Fernández aseguran que “se garantirá a continuidade do servizo de comedor escolar no CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas subscribindo un novo convenio para os dous vindeiros cursos, ao ser a única opción que ofertan”.

Alcalde e concelleira trasladáronlle tamén á Xunta de Galicia a necesidade de asinar este novo convenio “coa mesma previsión de 95 usuarios, coa finalidade de manter este servizo básico para a conciliación laboral e familiar”.

Ademais, o rexedor local solicitou á Xunta que no novo convenio incremente a aportación económica dado o aumento significativo no prezo dos menús nos últimos cursos. “Estamos seguros de que a Consellería terá está sensibilidade para evitar que estas familias teñan que asumir a totalidade do incremento”.

Ante a nova negativa da Consellería, Cristina Fernández recórdalle que incumpre o seu compromiso manifestado no 2016 e tamén no 2018, “non entendemos este cambio de postura xa que no 2016 e novamente no 2018 a Consellería trasladounos que sería unha situación transitoria e que asumiría a xestión directa para que fose igual ao do resto dos comedores escolares dos centros públicos de Ponteareas, como o do Ramiro Sabell e o do Virxe dos Remedios”.

“Esta decisión da Xunta de Galicia xenera unha diferencia de trato por parte da Xunta entre o alumnado de distintos centros de ensino público de Ponteareas”, conclúe a concelleira de Educación.

Catro interesantes propostas no calendario de Andainas de Primavera 2020 da Guarda

0

O departamento de Deportes do Concello da Guarda ven de facer público o Calendario de Andainas de Primavera 2020 que constará dun total de 4 propostas a realizar entre o 21 de marzo e o 6 de xuño. As andainas, organizadas conxuntamente polo Concello guardés e Câmara Municipal de Caminha, teñen o obxectivo de dar a coñecer a paisaxe e o patrimonio da comunidade galega e o país veciño.

As persoas interesadas en participar poden xa realizar a súa inscrición contactando co Departamento de Deportes do Concello da Guarda no teléfono 690 928 751 ou remitindo un enderezo electrónico a [email protected] O pagamento das andainas é obrigatorio realizalo antes do 13 de marzo.

Sábado 21 de Marzo. Trilho dos Pastores na serra D’Arga (Portugal)

  • Distancia: 15 km
  • Saída: 9.00 h. da explanada da Sangriña
  • Hora aproximada de chegada á Guarda: 17.00 h.
  • Prezo: 9 €
  • Ruta iniciada en San Lourenzo da Montaría que presenta unha espectacular vista panorámica da Serra d’Arga e o val do río Lima. A zona posúe unha gran riqueza no referente á flora, á fauna, á xeoloxía e ao patrimonio, con multiplicidade de cruceiros e igrexas de grande interese cultural.

Sábado 18 de abril. Rota da Ribeira do Ulla (Touro)

  • Distancia: 12,8 km
  • Saída: 9.00 h. da explanada da Sangriña
  • Hora aproximada de chegada á Guarda: 18.00 h
  • Prezo: 10 €
  • A segunda ruta discorrerá de xeito lineal a a carón do río Ulla, por sendas de pescadores, camiños de carro, grandes bosques, fervenzas e carballeiras. Atoparemos restos de muíños e ouriceiras abandonadas utilizadas no pasado para recoller os ourizos das castañas e protexelos dos xabaríns, así como as ruínas do Pazo de San Cristovo.

Sábado 16 de maio. Trilho na paisagem protegida de Corno do Bico (Portugal)

  • Distancia: 15 km
  • Saída: 9.00 h. da explanada da Sangriña
  • Hora aproximada de chegada á Guarda: 17:00 h.
  • Prezo: 9 €
  • Esta ruta discorre polo santuario natural da Paisagem Protegida de Corno do Bico, unha rexión montañosa cunha paisaxe singular de aspecto caótico. Alí atoparemos poboados fortificados, monumentos fúnebres do neolítico e poderemos observar a harmoniosa mistura entre a natureza e a influencia humana.

Sábado 6 de xuño. Sendeiro natural Aciveiro-Candán (Forcarei)

  • Distancia: 15 km
  • Saída: 9.00 h. da explanada da Sangriña
  • Hora aproximada de chegada á Guarda: 18.30 h.
  • Prezo: 11 €
  • Ruta circular iniciada no Mosteiro de Aciveiro. A andaina discorre polos arredores do río Lérez, e ascende polas suaves ladeiras da Serra do Candán, pertencentes á Rede Natura 2000. Atoparemos muíños, pontes, cruceiros, bosques e prados mentres camiñaremos polo antigo camiño de carro, rodeados polos remanentes do antigo traballo de cantería da zona.

A Deputación levanta no Pazo Provincial ‘un muro de paraugas para a defensa da igualdade”

A Deputación de Pontevedra levantou onte no vestíbulo do Pazo Provincial “un muro de paraugas para a defensa da igualdade”, unha parede simbólica de arredor de 200 paraugas que ten escritas preto de 100 palabras de empoderamento das mulleres e que conforman a espectacular acción artística coa que a institución provincial conmemorou a celebración do 8M. Como sinalou a presidenta Carmela Silva, esta acción constitúe un “berro con palabras pola igualdade” e a obra, que leva por título “A Fortaleza da razón” e está acompañada dunha alfombra floral realizada con camelias pola Asociación Cultural Alfombras de Bueu, ficará desde hoxe e ata o vindeiro 31 de marzo no Pazo Provincial.

Despois de colgar da balconada da Deputación unha lona co lema escollido este ano para conmemorar o 8M, “Por nós, por todas”, a presidenta, arroupada por deputadas e deputados provinciais, concelleiros de Pontevedra e representantes de diversos colectivos de mulleres, amosou esta sorprendente e espectacular acción artística. Silva referiuse á importancia das palabras como eixo desta obra e da loita pola igualdade “porque si, as palabras cambian o mundo”. “As palabras teñen un enorme poder porque son as que constrúen o pensamento –afirmou–. Por iso nós cremos tanto na palabra e tamén no feminismo, que sempre loitou con palabras. Non hai ningún só xesto feminista que teña que ver coa violencia, pero si con unha revolución potentísima, que é cambiar o mundo para que todas e todos poidamos ser iguais e ter os mesmos dereitos”.

Máis polo miúdo, destacou a obra da artista Irene Silva como “rompedora e dinámica” e lembrou que “fala de mulleres poderosas e libres e da nosa sororidade contra os negacionistas”. “Contra eses –matizou– que pretenden dicir que non hai desigualdade e que non existe a violencia de xénero. E contra as afirmacións que negan todo o que padecemos as mulleres para acadar os nosos dereitos. Este é o noso muro para a defensa da igualdade na que eliximos como símbolo estes paraugas coa cor do feminismo. Temos moito que loitar, temos que seguir poñendo e abrindo moitos paraugas que vaian tapando esa choiva de desigualdade que sufrimos cada día”.

A presidenta fixo referencia a algunhas das palabras escritas nos paraugas e recordou así mesmo unha frase de Aldous Huxley que citaba que “as palabras son máxicas pola forma na que inflúen na mente de quen as usa”. “E nós –sinalou– queremos palabras que empoderen ás mulleres: libre, dereito, abolicionista, guerreira, científica, investigadora, forte, aguerrida, empoderada… Son palabras que falan do que as mulleres queremos que nos defina”.

Pola súa banda, Irene Silva, responsable da acción artística, amosouse “orgullosa” por participar nos actos do 8M da Deputación e insistiu en que a obra non é unha “exposición de culto ao uso”, senón “dunha acción artística, e que como toda acción humana é política, porque somos seres que creamos, elaboramos e entendemos os signos e a arte, como linguaxe universal, ten un poder brutal”. “Esta ‘Fortaleza da razón’ xorde do compromiso e da necesidade de expresar claramente a posición na que estamos –subliñou–. Porque están chovendo todos os días argumentos falaces, mentiras, contra a conquista dos dereitos en igualdade. E esa choiva diaria quere empapar as nosas conciencias, pexar o noso avance. Por iso este muro enramado con paraugas que levan os lemas das nosas fortalezas. É unha parede simbólica na que nos facemos fortes e defendemos os dereitos conquistados, e lucimos con orgullo o avance”. Engadiu que na lista de palabras, “están representadas todas as nosas individualidades pero a forza da solidariedade, que unidas nos da o poder de ser libres”.

Carmela Silva quixo rematar a súa intervención cunhas palabras da feminista María Vinyals, “a cara visible da Deputación de Pontevedra en igualdade”, escritas en 1917 e aínda plenamente vixentes. “Estou encantada –apuntou– de que hoxe outras administracións ás que non lles pasaba nin pola cabeza visibilizar ás mulleres ata hoxe, copien as accións da Deputación de Pontevedra. Encántame que isto aconteza e cantas máis persoas se sumen a visibilizar mulleres, moito mellor nos irá como sociedade”. A presidenta dedicou as palabras de Vinyals, que falaban dos dereitos que lles quedaban ás mulleres por acadar en igualdade, da supresión da prostitución ou da emancipación das mulleres, aos negacionistas. “Para que aprendan, para que se formen, para que saiban do que falan –subliñou–. Porque a ignorancia non se pode permitir nos responsables políticos, que teñen que falar con rigor. E os que negan a desigualdade son moitas cousas, entre outras, moi ignorantes”.

“Aquí estamos –afirmou– aquí estivemos, aquí seguiremos as mulleres. Xuntas, porque xuntas somos máis fortes. Que ninguén e ningún pensamento nos debilite e nos desuna. Xuntas as mulleres somos máis fortes e o camiño o faremos máis rápido porque lle guste a quen lle guste, lle desguste a quen lle desguste, a igualdade é o dereito máis fundamental do mundo e esa batalla pacífica coas palabras a imos a gañar a metade da poboación e o queremos facer acompañadas de tantos homes que tamén cren na igualdade. Polas mulleres, por nós, por todas, imos a seguir loitando todos os días do ano. E o 8M é a nosa referencia”.

A presidenta provincial rematou anunciando que os paraugas da instalación regalaranse entre as persoas que deixen anotadas no espazo reservado no vestíbulo da Deputación as palabras que as identifiquen, “porque queremos que esta sexa unha instalación viva e cando choiva sigamos movendo a igualdade con estes paraugas”. Amais dos recoñecementos á ex deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, á artista Irene Silva, e á asociación de alfombristas de Bueu que preside Carmen Santos, Carmela Silva lembrou que a provincia de Pontevedra seguirá a traballar por ser unha referencia e por “cambiar dende o local un mundo e un sistema patriarcal, que dana duramente á metade da poboación”.

O multiúsos da Xunqueira, escenario dun encontro interxeracional con motivo do Día Internacional da Muller

0

O multiúsos da Xunqueira de Redondela foi escenario, na mañá de onte, do acto institucional co que o Concello redondelán abría un amplo programa de actividades con motivo do ‘8 de Marzo, Día Internacional da Muller’ e que se desenvolverán ao longo do mes de marzo “para que a reivindicación da igualdade e os dereitos das mulleres, non quede cinguido a un só día”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas.

Trala lectura do manifesto polo Día da Muller, aprobado por unanimidade polo Pleno da Corporación municipal, mulleres de distintas idades e xeracións, daban conta das súas experiencias, vivencias e historia nun programa emitido en directo por Radio Redondela e dirixido por María Xesús Queimaliños.

Foi un acto tan instrutivo coma emotivo no que as maiores –algunhas na barreira dos 90 anos– debullaron un panorama duro, de invisibilidade e non que ser muller era sinónimo de estar pechada na casa e a única tarefa “coidar dos fillos”.

Na outra banda da historia, as rapazas de 2º da ESO do IES Mendiño, quenn amais de interesarse pola vida das súas maiores, falaban da súa experiencia como mozas e do que esperaban a sociedade en materia de igualdade.

Finalmente, expoñíase ao público un significativo mural que baixo o título “A muller da miña vida” recollía fotografías achegadas por asociacións, colectivos, institutos, centros de día e nas que plasmaban as fotos das mulleres que foron representativas na vida de cada quen.

Digna Rivas adiantaba que os actos relacionados coa muller e a loita “incansable e incesante” pola igualdade, continuarán “non só ao longo deste mes, senón tamén nos vindeiros meses porque queremos que sexa unha loita de todos e todas ao longo do ano”.

Os cursos de prevención do deterioro cognitivo e benestar físico de maiores de Nigrán arranca con 131 persoas inscritas

0

O Concello de Nigrán iniciou esta semana coa totalidade das prazas cubertas (131 inscritos) o programa integral para a prevención do deterioro cognitivo e benestar físico e emocional dirixido a maiores de 60 anos e pensionistas empadroados no municipio. Nesta nova edición o Concello de Nigrán ofrece cinco talleres para exercitar a memoria con 60 persoas participantes, dous talleres de ‘Vivilo Corpo’ con 28, e finalmente, tres de informática con 60 veciños.

Agás informática, impartida polo voluntario Antonio Lago (mestre xubilado) o resto do programa corre a cargo de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheímer e outras demencias de Galicia) coas psicólogas Patricia Ruibal e Lorena Bermúdez e a fisioterapeuta Vanesa López. A edil de maiores, María Mayán, visitou aos maiores inscritos na sesión inaugural para presentarlles os cursos.

Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioros cognitivos e neles se basa este programa que ofrece o Concello de Nigrán a través da Concellería de Maiores.

Antonio Lago, mestre xubilado, será o encargado de impartir as actividades de informática

O caracter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia.

“Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón ou con cursos en Chandebrito para os que sí teñen deterioro cognitivo”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.

As Neves pon en funcionamento un moderno sistema de control horario do persoal municipal

0

Dende o pasado luns, 2 de marzo, está en funcionamento no Concello de As Neves un ‘Sistema de Control Horario’ dos traballadores e traballadoras municipais, que neste momento son 37 persoas e que no verán chegarán a 53.

O sistema, que rexistra ata 13 horarios distintos, coa xornada laboral xeneralizada de 35 horas semanais, permite ‘fichar’ dende o ordenador do traballo, dende unha aplicación móbil, dotada cun localizador GPS, ou nunha ‘tablet’ situada nas instalacións do Mercado Municipal.

Este programa, ademais do devandito control de entrada e saída de cada persoa, posibilita a consulta das solicitudes de días libres, incluídos os do alcalde e os concelleiros; facilita lograr outros dos obxectivos do mesmo: proxectar as tarefas de cada un dos departamentos municipais; saber se se cumpren as mesmas, determinar canto queda pendente e cando se vai rematar; saber si se dispón do número mínimo de profesionais en cada departamento; reformular horarios, labores e ocupacións ou facer a planificación de permisos e vacacións.

‘Casa O’Rei’ de Ibuprofeno Teatro, hoxe en Ponteareas

A auditorio municipal de Ponteareas acolle mañá sábado ás 20:30 horas, a representación da obra de teatro ‘Casa O`Rei’ de Ibuprofeno Teatro, un espectáculo escrito e dirixido por Santiago Cortegoso galardoado co premio ‘María Casares’ nas categorías de mellor actor protagonista e música orixinal.  

As entradas poderán ser adquiridas de 11 a 14 horas e de 18:30 a 20:30 horas na billeteira do auditorio municipal.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, sinala que esta “é unha das obras programadas no marco do convenio con AGADIC para este primeiro semestre do ano que suma un total de 17.460 €, financiados entre o concello e AGADIC, dependente da Xunta de Galicia, e que vén a reforzar a programación cultural estable e de calidade ofertada nos últimos anos”.

Dentro deste ciclo de actividades programado con AGADIC o público tamén poderá desfrutar do espectáculo ‘Ser e Terra’ de Nova Galega de Danza, da obra ‘Loló e Mamá’ de De Ste Xeito Produccións e de ‘Senior’ de Culturactiva.

A Xunta de Galicia desestima as alegacións presentadas contra a apertura dunha casa de apostas en Redondela

0

O Goberno local de Redondela vén de recibir un informe da Xunta de Galicia no que se comunica que, por parte da administración autonómica, procedeuse a desestimar todas as alegacións presentadas contra a instalación dunha casa de apostas na vila. Centros de escritos de asociacións e particulares, pedían “a denegación da licencia de apertura e actividades así como a revogación da autorización concedida pola Xunta en 2019”.

Un dos puntos nos que máis fincapé facía a ‘Coordinadora contra a Casa de Apostas’ era á que facía referencia á distancia mínima a centros oficiais de ensinanza regrada esixida na normativa. Sinalábase nas alegacións que o local da rúa Ernestina Otero “atópase a menos de 150 metros do Conservatorio”. Nese sentido manifestábase na prensa no mes de novembro o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ao manifestar que a casa de apostas “cumple” coa legalidade “ao estar ubicada á distancia mínima que marca a ley” da zona escolar onde se concentran tres institutos, un colexio, unha escola infantil e o Conservatorio.

A Xunta de Galicia, explica o Concello de Redondela, rexeita tamén no seu informe os outros tres argumentos esgrimidos nas alegacións: razóns de saúde pública, horario de apertura e estar en zona de dominio público marítimo terrestre explicando o informe que, no que aos ruídos atinxe, antes do inicio da actividade a empresa terá que presentar un estudo emitido por unha entidade acreditada que avale que cumpre a normativa.

Pola súa banda, o Concello de Redondela procedeu no seu momento a tramitar o expediente como licenza municipal en lugar de facelo como comunicación previa “ao entender que se trataba dun asunto de interese público que afectaba á cidadanía”. Con ese fin, abríase un período de información pública e procedía á publicación do correspondente anuncio no BOP, a fin de que interesados e interesadas puideran presentar as alegacións que considerasen oportunas.

Tralo informe da Xunta, o Concello de Redondela, como administración pública, “ten a obriga legal de tramitar cada expediente con dilixencia e, unha vez realizados todos os trámites correspondentes e emitidos os informes preceptivos, ditarse a resolución correspondente”.

A alcaldesa de Redondela Digna Rivas, que lamentou o rexeitamento das alegacións veciñais, lembrou que “non son eu a que decido que empresas exercen as súa actividades na Vila, sexan ou non do meu agrado, senón que son as leis, aprobadas nos parlamentos, as que autorizan ou impiden este tipo de actividades”. Rivas asegurou que “a nosa obriga, como representantes da cidadanía, é loitar pola modificación desas leis”.

De acordo coa licencia concedida o local contará con capacidade para 109 persoas e con 18 máquinas recreativas, así como varias ruletas ou máquinas multiposto. En canto ao horario de apertura, poderá abrir ata as 2:00 horas tal e como establece a normativa que regula este tipo de negocios, podendo ampliar o seu horario unha hora máis as vésperas de festivo e os propios festivos, así como as noites do xoves, venres, sábado e domingo.

As ‘I Xornadas sobre o Patrimonio do Condado’ superaron as expectativas da organización

O concelleiro de Innovación de Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, clausurou as I Xornadas sobre o Patrimonio do Condado arroupado polo historiador Rafael Sánchez Bargiela que foi o último conferenciante destes cinco días de coñecemento da nosa historia.

Márquez quixo agradecer esta iniciativa da concellería de Cultura que dirixe Fernando Groba e na que colaborou facendo de nexo coa Universidade de Vigo e a Facultade de Historia de Ourense, coa que aínda está vinculado como alumnos de terceiro ciclo e membro do grupo de investigación de Arqueoloxía, Antiguidade e Territorio ( GEATT) da Facultade de Historia da Universidade de Vigo.

Tamén quixo destacar o papel da Asociación do Patrimonio Cultural Val do Tea “que coa súa inquedanza puxo en marcha o xerme desta novidosa iniciativa que a concellería de Cultura amplificou a unhas xornadas polas que pasaron os estudosos e expertos en arte, historia e arqueoloxía máis relevantes de Galicia”.

Estas primeiras xornadas supuxeron un éxito de participación e de satisfacción por parte do público e dos relatores que non dubidou en trasladar aos concelleiros os seus parabéns.

Coa entrega de certificados púxose fin a esta primeira edición das Xornadas sobre o Patrimonio das que o concelleiro de Cultura destaca a heteroxeneidade do público amosando o grande interese que espertaron, “alumnado de grao, expertos, afeccionados e público en xeral enriqueceron estas xornadas e amosaron un alto nivel de interese e participación en cada unha das conferencias e das saídas didácticas programadas”.

Ámbolos dous concelleiros coinciden en agradecer a implicación das e dos traballadores dos departamentos de Cultura, da biblioteca e do Museo e agradecen fondamente a colaboración da Facultade de Historia e de cada un dos estudosos que agasallaron con xenerosidade os seus coñecementos.

As e os participantes tamén puideron cubrir unha enquisa na que deixaron os seus comentarios para comezar xa a traballar de xeito conxunto nunha nova edición.

Máis de 500 variedades, nas XII Xornadas da Camelia de Salceda de Caselas

O Concello de Salceda presentou esta mañá as XII Xornadas da Camelia que se celebrarán os vindeiros 21 e 22 de marzo. Calcúlase que na mostra participarán unhas 75 persoas chegadas de toda a xeografía galega, Portugal e Asturias, que amosarán máis de 500 variedades desta flor de orixe oriental, que se estenderán ao longo de máis de 160 metros de exposición.

Lucía Pereira, Concelleira de Turismo e encargada da xestión da mostra, agradeceu especialmente o traballo da Asociación de Xubilados/as e Pensionistas de Salceda, “pois sen a súa axuda sería imposible levar a cabo a mostra”. Así mesmo a concelleira quixo facer extensivo o convite a participar “aos centros de ensino, asociacións e outros colectivos, moitos dos cales xa confirmaron a súa presenza nesta mostra, que se ten convertido xa na de maior dimensión de toda Galicia”. Apuntou Pereira que este ano “as persoas e entidades que participen nas xornadas recibirán un agasallo moi especial, xa que está elaborado polos usuarios e usuarias de Avelaíña, colectivo que traballa con persoas con enfermidades mentais, do cal forman parte tamén veciños e veciñas de Salceda”.

Ademais das máis de 500 variedades de flor que se poderán ver en Salceda, poderanse coñecer tamén outros produtos derivados da camelia, tales como marmelada, te, madeira ou aceite, que estarán presentes grazas á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que realiza unha labor fundamental no estudio e difusión das diferentes posibilidades que ofrece esta flor, e que cada ano ven participando na mostra de Salceda.

O domingo celebrarase ademais unha nova edición da feira de agricultura ecolóxica e mercado sostible, da man de Ekohuerta, con produtos reciclados e de segunda man, cosmética natural, oficios tradicionais, etc.

A fin de semana complétase con diversos actos de programación cultural complementaria, como o concerto de Volta e Dalle o sábado ás 16:30 no acto de inauguración, ou a animación de rúa e os xogos infantiles o domingo ás 17:00 a cargo de Cóxegas.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, agradeceu “o traballo de tódalas persoas e colectivos que fan posible a mostra: asociacións, voluntariado, colexios…” e aproveitou a ocasión para convidar a visitar Salceda durante esta fin de semana “non só ás persoas amantes da camelia, senón tamén ás que se acheguen a desfrutar da programación preparada para toda a fin de semana, facendo que Salceda siga a ser referencia polo seu dinamismo social”.

Mondariz contratará 20 persoas para obras e servizos municipais

0

O Concello de Mondariz reforzará este ano os servizos públicos municipais coa contratación de 20 persoas. A partir de abril incorporaranse dous operarios para recollida de lixo, un conductor, un auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e un albanel. A estas contratacións sumaranse outras posteriormente, como as dun animador sociocultural, un operario de ocupacións diversas, un fontaneiro, expertos forestais, peóns para a limpeza viaria e socorristas.

Serán contratos de duración variable –1 ano (1), 9 meses (8), 6 meses (8) e 3 meses (3)– financiados pola Deputación de Pontevedra, a cargo da liña 3 do Plan Concellos, e pola Xunta de Galicia, a través do plan de integración laboral para perceptores da renta autonómica de inclusión social (RISGA), do plan de cooperación e do Aprol rural. O proceso de selección iniciarase na oficina do Servizo Público de Emprego, segundo uns códigos de ocupación que o Concello de Mondariz xa comunicou públicamente a través dun bando da Alcaldía para fomentar a transparencia informativa.

“As contratacións faranse nos próximos meses, de xeito correlativo, para poder cubrir as necesidades dos servizos públicos municipais durante a maior parte do ano”, explica o alcalde, Xosé Emilio Barros.

Neste 2020, o goberno municipal tamén pretende sumar a estas incorporacións a reposición de postos vacantes sen cubrir, como son a de operario de lixo e a de auxiliar do SAF. “Dende o concello agardamos regularizar as carencias de persoal este mesmo ano”, sinala Barros.

Mondariz é un dos poucos que atende a totalidade dos servizos públicos municipais sen externalizar, polo que é preciso reforzar a plantilla de traballadores para poder atendelos con garantías. “Unha das prioridades deste goberno é mellorar os servizos municipais máis básicos”.

A Guarda prepara as primeiras ‘Xornadas sobre Saúde e Benestar’

0

O Concello da Guarda comeza cos preparativos dunha nova actividade dirixida ao público xeral e que este ano versará sobre a Saúde e o Benestar. A proposta ‘I Xornadas sobre saúde e Benestar’ permitirán, de xeito participativo, implicar á poboación da vila no coñecemento e ampliación de información sobre diversos temas de saúde do día a día.

Grazas á participación de empresas e profesionais sanitarios, as xornadas contarán con charlas, conferencias e debates abertos, nos que se tratará e falará sobre temas de interés xeral vencellados á saúde e ó benestar.

Dende o Concello da Guarda lánzase un convite “a todos os empresarios e profesionais da saúde e do benestar, nunha convocatoria aberta a participar nesta novidosa actividade, que permitirá, por unha banda, potenciar e promocionar as empresas adicadas á saúde e ao benestar da vila e, por outra banda, manter encontros con profesionais sanitarios de diversas ramas”.

As empresas e profesionais sanitarios poden realizar a súa inscrición no seguinte formulario https://forms.gle/hmV3tmL4pjv8RUMM9 ou ben contactando coa OMIX da Guarda no telefono 986 61 0000 ext.7 ou no enderezo electrónico [email protected]. Tamén se pode formalizar a inscrición a través deste formulario web:

Tui reclama igualdade real e efectiva coa campaña ‘Somos e seremos Inmarcesibles’,

0

A praza do Concello acolleu hoxe o acto institucional da campaña ‘Somos e seremos Inmarcescibles’ para conmemorar en Tui o Día Internacional da Muller. A lectura dun manifesto, poesía e a presentación dalgunhas das Mulleres Senlleiras 2020 centraron un evento que contou coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez; membros da Corporación municipal, representación de distintos centros educativos e público en xeral.

Abriu o acto a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, reivindicando unha igualdade real e efectiva para as mulleres e todos os ámbitos da vida, e reiterando o compromiso do goberno municipal coa igualdade. Explicaba o lema da campaña e da palabra inmarcescible “que non murcha, que perdura sen perder a súa forza ou intensidade”, e dicía que “precisamente esa forza ou intensidade é a que nos identifica coma mulleres, e é a que nos fai saír á rúa cada 8 de marzo para reclamar a liberdade, a nosa propia pero tamén a de todas aquelas mulleres silenciadas pola violencia, polo simple feito de ser mulleres, e sobre todo polas que virán”. Afirmaba que o obxectivo da campaña é “visibilizar a todas e cada unha das nosas mulleres”.

Ana Mª Núñez, expuña que “neste momento no que algúns pretenden alzar a voz máis forte, desacreditarnos e cuestionar os nosos dereitos e liberdades, temos que dicir alto e claro que non nos pararán, porque non imos abandonar, somos e seremos inmarcescibles”.

A pianista tudense, directora do IKFEM e unha das Top 100 Mulleres Líderes en España, Andrea González, daba lectura ao manifesto no que se indicaba que “este non é un día de celebración, é o día para tomar conciencia e ser responsables. Y non só hoxe, senón todos os días, todos os anos”. Pese aos progresos dicía o manifesto “as mulleres e nenas seguen sendo infravaloradas; traballan máis, gañan menos, e teñen menos opcións; e sofren múltiples formas de violencia no fogar e en espazos públicos”. Tamén se referiu a ameaza de reversión dos logros feministas que tanto esforzo custou conseguir.

Andrea González lee o manifesto no acto do 8M de Tui

Andrea González sinalou que “o 2020 representa unha oportunidade excepcional para mobilizar a acción mundial con miras a lograr a igualdade de xénero e a realización dos dereitos humanos de todas as mulleres e nenas”. O manifesto concluíu indicando que “a construción dunha sociedade libre e xusta esixe a erradicación de todas as formas de discriminación e de violencia que sofren as mulleres polo feito de selo”, engadindo “Porque non hai liberdade sen dereitos humanos das mulleres, porque sen mulleres libres non hai democracia”.

A poetisa tudense Emilia Rosende daba lectura a tres poemas seus coa muller coma protagonista.

Amais foron presentadas as “Mulleres Senlleiras de Tui 2020”, un proxecto para dar visibilidade a mulleres anónimas que se realiza en colaboración cos centros educativos tudenses. Hoxe deron a coñecer as súas Mulleres Senlleiras o CEIP Pazos de Reis que presentou a Vanesa Estévez Martínez de 33 anos directiva nunha empresa internacional. O seu afillado Jorge Martínez explicaba orgulloso que xa de pequena “tiña moi boas dotes para a organización” e “converteu o seu xogo de pequena no seu traballo de maior”. Tamén dende o CEP de Pazos de Reis Lucía e Ángel Benade presentaron a Natividad Nieves Claudia de la Fuente de 95 anos que tivo 10 fillo, ten 20 netos e 21 bisnetos e foi comadroa, e a Rosa Mª Velasco Puente de máis de 70 anos que foi profesora de inglés “axudando con esta lingua a moitas persoas en Tui nunha época na que case ninguén falaba esa lingua”.

Dende o CEIP de Guillarei presentaron a Chelo, de 91 anos, da que falou a súa bisneta, Lorena Rodríguez, que a cualificaba de “muller única, porque sempre loitou pola súa familia e aínda segue loitando”. Amais Gabriel Novás presentaba a súa avoa Mª Delia Dacunha Ferreira unha muller a que dicía “é única e especial” e que na súa vida tivo que percorrer un longo camiño “sen deixar de sorri, ser humilde e bondadosa”.

Dende o CEIP nº1 dúas foron as Mulleres Senlleiras Propostas. Natalia Lago Bravo, educadora ambiental que traballa no Parque Natural do Monte Aloia foi a Muller Senlleira que presentou Martín Álvarez do CEIP nº 1 da que dicía lle gusta pensar que “grazas a ela algún neno ve a natureza dun xeito distinto”. O seu compañeiro Javier del Valle falou da futbolista Sara González “Sara Tui” que vivía fronte á casa dos seus avó e que foi campioa do Mundo coa Selección Española de Fútbol Praia.

Por ultimo dende o CEIP de Randufe quixeron recoñecer a Pilar Vila González e a Ana Mª Nogueira García. Xiana Sampedro falou da súa avoa Pili que “dende moi pequena tivo que facer fronte a demasiadas responsabilidades e traballos excesivos para a súa idade” pese ao que “nunca perdeu o bo humor e as gañas de loitar”. E Vera Álvarez e Uxía López explicaron que consideran que Ana Nogueira porque é “unha defensora dos dereitos dos animais, e en 1995 xunto a outras persoas fundaron unha Asociación Protectora de Animais” e levan 25 anos coidando de cans e gatos que non teñen un fogar os 365 días do ano.

Precisamente estas mulleres, xunto as propostas polos outros centros educativos tudenses, serán retratadas pola artistas Gemma Marqués, e as obras conformarán unha exposición que se abrirá o 27 deste mes.

A programación continua mañá sábado

A programación “Somos e seremos Inmarcescibles” continua mañá ás 20 h na Sala Félix Rodríguez, na Área Panorámica, co monólogo “En que pensan as mulleres”. Baia Fernández de la Torre, artista, poeta e terapeuta da risa. E ás 22 h celebrarase preto de 80 mulleres asistirán á Cea Homenaxe ás Mulleres no Parador de Turismo, organizada por mulleres de Tui na que colabora o Concello de Tui.

O domingo, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ás 12 h celebrarase unha concentración na Praza da Inmaculada. A continuación o Club de Lectura do IES San Paio levará a cabo unha lectura de poemas, e continuación Xoana presentando o seu traballo musical “Dardos”.

Ás actividades continuarán a próxima semana, o martes, 10 de marzo, ás 19 h co obradoiro ‘Mulleres fronte ao espello’ impartido pola coach Hérika Míguez. O mércores 11 de marzo ás 10 h está previsto un almorzo informativo sobre o Pacto de Estado no que intervirá Laura Seara, avogada e exsecretaria de Estado de Igualdade. Trátase dun evento dirixido a empresas, profesionais, centros educativos, administracións, e público en xeral. Ambas citas serán na Sala Xacobeo da Área Panorámica. Xa o venres, 13 de marzo, ás 19 h no Espazo Xove na rúa Sanz terá lugar o taller ioga e meditación “Equilibrio mente e corpo” a cargo de Vanesa Rodríguez Martínez. Nestas tres actividades é recomendable inscrición previa en [email protected] ou no 986 60 36 25 ext 54.

A programación continuará até o 28 deste mes.

‘SOS Porriño’ reparte 3.000 quilos de alimentos para axudar a 160 familias

Na tarde de onte remataba o reparto de 3.000 kilos de alimentos non perecedoiros que realiza ‘SOS Porriño’ no seu almacén, situado no Multiúsos de Torneiros. “Esta axuda humanitaria chega a 160 familias e polo tanto, aproximadamente, a máis de 600 persoas que teñen dificultades económicas”, explicou David Alonso, concelleiro responsable de Servizos Sociais.

Este reparto de alimentos é mensual e realizase entre familias ás que, previamente, valoranse as súas e son comprobadas polos técnicos do departamento de Servizos Sociais.

A recollida de alimentos para ‘SOS Porriño’ mantense de xeito continuado e conta coa solidariedade de diversos colectivos. David Alonso salientou “o gran pulo” que supon para o Banco SOS Porriño “as achegas dos deportistas”. O concelleiro de Servizos Sociais, que tamén é responsable da delegación de Deportes, ten establecido que nos diferentes eventos que se organizan, os participantes acheguen un kilo de alimentos non perecedoiros como volverá a acontecer coa carreira ‘Porriño 10K’ que se vai celebrar o domingo 15 de marzo.

Reparto de camas articuladas e guindastres

Por outra banda, o Concello do Porriño adquiriu, cunha partida de 15.000 euros, 10 camas articuladas e 5 guindastres para movilización de persoas con movilidade reducida ou nula e que se están a repartir en modo de préstamo a familias que o solicitan. Previamente os técnicos de Servizos Sociais realizan unha valoración de cada caso.

O concelleiro de Servizos Sociais informa que actualmente ainda hai dispoñibles no almacén do Multiusos de Torneiros para quen queira solicitar e reuna as condicións requeridas.

Ponteareas contará con catro novos axentes para a Policía Local

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, deron hoxe a benvida aos catro novos axentes de policía que superaron o procedemento de selección e escolleron Ponteareas como destino. Os axentes incorporaranse ao cadro de persoal ao longo do ano 2020 unha vez realicen o seu período de formación na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) así como o período de prácticas que efectuarán durante o verán no propio corpo da Policía Local ponteareán.

O alcalde Xosé Represas salientou o “novo paso no reforzamento do cadro de persoal da Policía Local” se da con estas catro novas incorporacións. Cómpre salientar que, hai uns meses, sumouse á plantilla un novo axente e durante este ano prevese iniciar o procedemento de selección doutros tres máis.

Actualmente, o cadro de persoal da Policía Local ponteareá conta con oito axentes activos e seis auxiliares temporais, o que obriga a que as e os axentes “realicen servizos extraordinarios para asegurar o mantemento dos tres turnos diarios de traballo”.

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, salientou que coa praza xa cuberta, máis estas catro novas incorporacións e as tres prazas a convocar este ano, “duplicaremos os efectivos actuais e poderemos mellorar sustancialmente este servizo fundamental”.

O BNG cualifica de “caótica” a situación do Centro de Saúde de Redondela

0

Malia as denuncias por parte do persoal sanitario e da propia organización nacionalista, e posicionamentos do Pleno “poucas melloras se teñen producido na Atención Primaria sanitaria en Redondela” sinala o BNG de Redondela cun Centro de Saúde, afirman, no que “continúa manténdose unha situación estresante para os e as profesionais, que incide nunha mala atención á doentes”.

Dende a organización nacionalista advirten que “pouco ou nada” tén mudado dende o verán no que se fixeron eco da falla de substitucións de persoal do Centro de Saúde. O último dos episodios vivíuse durante o pasado mércores no servizo de seguemento de anticogulantes, coñecido como ‘sintrom’. Ante a ausencia dunha das profesionais do persoal de enfermería vivíronse momentos de saturación na atención. O persoal víuse desbordado coas conseguintes molestias e queixas por parte dos e das doentes.

Para o BNG de Redondela este non é máis que “un novo exemplo da situación de strés continuo á que se ve sometido o persoal sanitario” á que “os responsábeis da Consellaría de Sanidade non lle poñen solución”.

Día a día acumúlanse as tarefas, a sobrecarga do traballo, a burocratización, a improvisación, o que leva a que os e as profesionais da mediciña, “non se sintan motivados, se vexan saturados e desbordados”, apunta a formación nacionalista.

Os nacionalistas dan conta tamén do caso dalgúns facultativos que “xa se poderían ter acollido ao seu dereito á xubilación, mais que non dan ese paso”. Ante a evidente escaseza de persoal, “sobrecargaríase no resto de compañeiros e compañeiras, como ven sucedendo habitualmente coas pediatras, onde as baixas das profesionáis cúbrese con horas a maiores das médicas activas nese momento”. “A implicación e responsabilidade profesional, mitiga a mala xestión dos responsábeis sanitarios”, subliña o BNG.

Dende o BNG consideran que o goberno de Feijóo, “pretende facer negocio coa saúde dos galegos e galegas, ao deteriorar a Atención Primaria derivando doentes aos centros hospitalarios, xestionados por empresas privadas”.

No mes de setembro presentouse unha moción no Pleno da Corporación, sobre a situación do Centro de Saúde. “Daquela, –lembra o voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González– dende SERGAS acusóusenos de alarmistas”.

O edil nacionalista enmarca a situación deste Centro de Saúde, “no deterioro que a Atención Primaria leva sendo castigada na era Feijóo, polo que considera que a única vía para mudar esta situación pasa por un cambio de modelo, cambiando o Goberno” e convida á veciñanza á Manifestación en Defensa da Sanidade que se vai celebrar o martes 17 de marzo polas rúas de Vigo”.

A Concellería de Medio Ambiente de Ponteareas chama á colaboración cidadá para evitar o lixo nas rúas

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, fai un novo chamamento á cidadanía para conseguir unha vila máis limpa e rematar co depósito de lixo fóra dos puntos axeitados. Covelo lembra que a cidadanía dispón dun amplo servizo de recollida de lixo que abrangue a recollida diaria, a recollida á demanda semanal de enseres e o punto limpo. “Un servizo completo co que poucos concellos contan e que cubre todas as necesidades que os particulares poidan precisar tan só cunha chamada de teléfono”, subliña a concelleira.

A concelleira agradece á veciñanza que traslade ás autoridades locais todos aqueles comportamentos incívicos porque considera que “todos e todas xuntas podemos rematar coa esta mala costume e desfrutar dun concello máis limpo e agradable”.

Para Rosa Covelo “non hai excusa” para deitar lixo en calquera punto da rúa ou da estrada, como o atopado esta semana na beirarrúa de Castañal ao pé dun contedor de lixo totalmente baleiro. “A cidadanía non precisa verter na vía pública porque para iso dispón dun servizo gratuíto de recollida e dun punto limpo cun amplo horario. A día de hoxe cos servizos de recollida e tratamento de lixo dos que dispón a cidadanía, non se poden consentir estas actitudes incívicas”, recalca a concelleira.

Rosa Covelo lembra que os venres a primeira hora da mañá o servizo de recollida de enseres atende á demanda da veciñanza polo que os obxectos non deben ser depositados xunto aos contedores antes dos xoves ás 21 horas. O servizo de recollida de enseres “é totalmente de balde e ofrécese de xeito semanal tan só tendo que chamar ao teléfono 986 640 307”, conclúe a responsable de Medio Ambiente.

O acto central do 8M da Deputación mesturará arte, reivindicación, palabra e igualdade

A Deputación de Pontevedra xa ten todo preparado para celebrar este venres no Pazo Provincial o acto central do Día Internacional da Muller, enmarcado na ampla programación de actividades que, baixo o nome de ‘Por nós, por todas’, se está a desenvolver nas sedes provinciais de Pontevedra e Vigo.

Este venres, o hall do Pazo acollerá unha espectacular acción que mesturará arte, reivindicación, palabra e igualdade e que, como anunciou a pasada semana a presidenta Carmela Silva, “non deixará a ninguén indiferente, falará de mulleres poderosas e libres, e da nosa sororidade contra os negacionistas”.

Os actos darán comezo ás 11.15 horas, cando se despregará a lona co lema da Deputación para este 8M, “Por nós, por todas”, da balconada da fachada principal do Pazo Provincial de Pontevedra. Esta pancarta permanecerá colgada durante todo o mes de marzo, ao igual que a que se despregará na sede da Deputación en Vigo.

A continuación, ás 11.30 horas, o vestíbulo do edificio será o escenario da devandita acción artística, que será “rompedora, vangardista e chea de cor”, en palabras de Carmela Silva, e que está dirixida pola creadora Irene Silva. A este acto está prevista á asistencia de representantes de colectivos e asociacións de mulleres da provincia.

Amais, pola noite, o Pazo Provincial e a sede da Deputación en Vigo iluminaranse de morado, a cor da igualdade de xénero, que tinguirá ambas as dúas sedes ata o 31 de marzo para unirse ás reivindicacións feministas do 8M.

Despois do acto institucional, tanto a presidenta da Deputación como deputadas e deputados do goberno provincial, participarán ao longo desta fin de semana en diversas actividades e actos reivindicativos pola igualdade ao abeiro do Día da Muller, entre elas, os actos do Foro Universo Muller en Pontevedra; a mostra das federacións deportivas; ou a carreira pola igualdade do domingo á que asistirá Carmela Silva e na que a Deputación fará un reparto de camisetas.

Por outra banda, tamén esta fin de semana a presidenta da Deputación asistirá ao ciclo de cine en feminino que se está a desenvolver na sede de Vigo. Tamén intervirá o sábado na apertura no salón de plenos do Pazo da décimo terceira edición do Encontro da Muller Xorda, organizado conxuntamente pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e a Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra (APXP). O lema da convocatoria é Na educación comeza o cambio. Igualdade para todas.

Amais destes actos, a Deputación continuará coa súa extensa programación para este mes, conformada por unha vintena de actividades, entre as que se atopan exposicións, proxeccións cinematográficas, encontros de mulleres, accións artísticas, actos literarios, eventos de denuncia artística e reivindicación que tratan de poñer o foco sobre a desigualdade en todas as súas manifestacións.

Así, a vindeira semana os concellos de Redondela e Cangas acollerán as novas accións do programa ‘Mulleres en acción: Violencia Zero’. O luns 9 Sheyla Fariña actuará no IES María Soliño de Cangas (13 horas) e o martes 10 a praza do Concello de Redondela será escenario ás 12.30 horas da actuación de Somdolilá. A Deputación tamén presentará o día 11 o libro ‘María Vinyals. A muller do porvir’, de Diego Piay, no Museo do Pobo Galego en Santiago (19.30 horas).

Curso en Ponteareas sobre o control do gorgullo do eucalipto

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) organiza este venres e sábado en Ponteareas un curso orientado a propietarios forestais, comunidades de montes e técnicos para asesoralos sobre unha das principais pragas que preocupa nas masas de eucalipto, o ‘Gonipterus platensis’, coñecido popularmente como gorgullo ou gorgojo (en castelán esta última), un insecto que se alimenta das follas de eucalipto.

O control efectivo da praga esixe avaliar os seus danos en monte, para proceder á loita biolóxica en tempo e forma cando se acada un nivel de danos que aconsella os tratamentos. O curso que organiza a Asociación Forestal de Galicia, en colaboración coa COSE (Confederación de Organizaciones de Silvicultores de España), centrarase en explicar como avaliar correctamente os danos que sofre un eucaliptal, así como as posibles medidas a adoptar contra a praga.

A actividade formativa contará con sesións teóricas na tarde do venres 6, que se desenvolverán no centro cultural de Xinzo (Ponteareas) e cunha saída ó monte, o sábado 7, para aplicar ‘in situ’ os coñecementos aprendidos no curso. O curso enmárcase dentro do proxecto GOSSGE (Grupo Operativo Suprautonómico de Sanidad sobre Gonipterus en Eucalipto), no que participa a Asociación Forestal de Galicia (AFG).

Venres 6 – Centro Cultural de Xinzo (Ponteareas)

  • 18 h. Presentación do proxecto GOSSGE. Julio Ruiz (AFG)
  • 18:10 h. O ciclo biolóxico do insecto. Julio Ruiz (AFG).
  • 18:30 h. Sistema oficial de control da Xunta. José Manuel Regueiro (AFG).
  • 18.45 h. Avaliación de danos en monte. José Manuel Regueiro (AFG).
  • 19 h. Control biolóxico: detección e época de tratamento. (Belén Reboreda, GALCA).
  • 19.30 h. Tratamento integrado, normativas, aspectos básicos da aplicación e custos (Belén Reboreda, GALCA).
  • 19.45 h. Outros problemas sanitarios (Belén Reboreda, GALCA).

Sábado 7 – Sesión práctica no monte de Xinzo

  • 10 – 12 horas Avaliación de danos e práctica de aplicación (Julio Ruiz e Belén Reboreda).

Visita guiada e andaina, no Día da Muller de Oia

0

O Concello de Oia programa, este ano, dúas actividades para conmemorar e celebrar o Día da Muller. Este sábado día 7 de marzo haberá unha visita guiada de temática feminina, mentres que para o domingo 15 organizase a Andaina pola Igualdade que percorrerá a nova ruta circular do Mosteiro.

A programación co gallo do 8 de Marzo se abrirá este sábado 7 cunha visita guiada polo barrio histórico. Baixo o título “Arrabal en feminino”, o itinerario permitirá descubrir distintos espazos femininos con valor patrimonial, as pegadas da muller na toponimia e lembrar algunhas das figuras femininas presentes na memoria colectiva local.

Así, nas distintas paradas irán descubríndose historias e lendas sobre veciñas ilustres, raíñas, santas e heroínas anónimas co obxectivo de divulgar o a riqueza patrimonial de Oia, visibilizar as contribucións das mulleres ao longo da historia e, ao mesmo tempo, renderlles unha merecida homenaxe.

A visita guiada do 7 de marzo é gratuíta e non require inscrición. O punto de encontro será o edificio do Concello de Oia ás 17.00 horas.

Andaina

O domingo día 15 se desenvolverá a “Andaina pola Igualdade”, que percorrerá a recentemente sinalizada ruta circular do Mosteiro, un itinerario de sendeirismo de dificultade media e 7,8 km de lonxitude. A ruta sairá ás 10.00 horas do Mosteiro de Oia. Trátase dunha actividade gratuíta, pero cómpre inscribirse previamente no Concello antes do día 12 (teléfonos de información 986.36.21.25 e 639.32.94.93).

A ruta circular do Mosteiro inclúe puntos de interese natural, paisaxístico e cultural como os petróglifos da Pedreira (Santa María de Oia), o lugar do Viveiro (Pedornes), un tramo do Camiño Portugués da Costa ao seu paso polas parroquias de Pedornes e Santa María de Oia, o barrio histórico do Arrabal e o Mosteiro de Santa María de Oia, entre outros. 

O camiño presenta dificultade media e está totalmente sinalizado.
A información da ruta está dispoñible na seguinte ligazón de Wikiloc: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-do-mosteiro-43036952

Contacto:

Alcaldesa de Oia.

Cristina Correa Pombal 619.40.99.68

Nigrán rematará este mes as obras de saneamento en Areíña, Parada

0

O Concello de Nigrán rematará este mes as obras para a instalación de saneamento no barrio de Areíña (Parada). O proxecto, de 46.823 € con cargo ao Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra, comprende só viais de titularidade pública e dá resposta a vellas demandas dos veciños.

Os traballos consisten en executar unha rede separativa con colectores para fecais de 315 mm en PVC, o que obrigará a abrir gabias e repoñer posteriormente o asfaltado. O obxectivo é conectar á rede existente as decenas de vivendas que non dispoñen do servizo, en tódolos casos se trata dunha rede separativa cunha lonxitude total de 410 metros e que discorre por terreros de titularidade pública.

“Temos o compromiso de que o saneamento chegue a todo o municipio porque sabemos que non é só un dereito dos veciños, se non tamén unha medida de protección cara o medio ambiente”, indica o alcalde, Juan González.

Os montes das Neves recuperan cor coa plantación de 1.800 árbores autóctonas máis

0

As Neves sigue collendo cor e pintando de verde a súa paisaxe que, dous anos e medio despois, aínda lembra os terribles incendios de outubro de 2017 que arrasaron o 95 % do concello. O sábado 14 de marzo, impulsado por ONE OAK, o Concello de As Neves, a Comunidade de Montes de Santa Olaia e Voluntariado As Neves, está programada a plantación de 1.800 árbores autóctonas, entre elas 1.000 castiñeiros, na Parroquia de Batalláns.

Esta actividade, que empezará ás 09:30 h, está aberta a cantas persoas queiran sumarse a ela que poden anotarse á mesma entrando nesta ligazón de Internet ou neste enderezo electrónico: [email protected].  

O proxecto ‘Renacer das Cinzas’, posto en marcha en 2018 por ONE OAK da man do Concello de As Neves, tiña coma obxectivo a plantación nos montes do municipio –que foran arrasados polo lume en outono de 2017– de 10.000 árbores,freixos, castiñeiros e  bidueiros, unha iniciativa que xuntou a máis de 200 voluntarios en decembro de 2018 e uns 300 en febreiro de 2019 unidos para lograr a creación de ‘cortalunes verdes’  que protexan o patrimonio natural de As Neves no caso de posíbeis incendios.

Ao rematar o traballo, na Asociación de Veciños Coto do Castro terán esperando un churrasco, ao que quen queira pode anotarse por so 10 € ou, un menú vexetariano para aquelas persoas que o prefiran.

Logo da sobremesa e de compartir experiencias, o Concello ten programada, dentro do ciclo ‘Cine de Inverno’, a proxección do filme O que arde, dirixida por Oliver Laxe, gañadora do premio do público no Festivas de Cannes e de dous Premios Goya, á Mellor Fotografía e Mellor Actriz Revelación, para a lucense Benedicta Sánchez, será ás 20:00 h. con entrada de balde, no Auditorio Municipal.

A Xunta informa ao Concello de Redondela da modificación de liñas no transporte interurbano dúas semanas despois da súa posta en marcha

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, reuniuse onte co xefe territorial de Infraestruturas e Transporte, José Luis Díaz Yáñez, para coñecer polo miúdo os cambios de liñas no transporte interurbano e como estes afectarán ás veciñas e veciños de Redondela. A rexedora local expresoulle ao responsable provincial de Infraestruturas o seu malestar “pola falta de respecto institucional da Xunta co Concello de Redondela e coa súa veciñanza” ao informar ao Goberno local “case que dúas semanas despois do cambio de liñas” e, entretanto, “a cúpula do PP local, amosando unha preocupante falta de ética institucional”, celebrara unha “reunión informativa” cos veciños e veciñas de Cabeiro, San Estevo e Vilar no Centro Cultural desta última parroquia.

O Equipo de Goberno considera amais “inaceptable”, que a convocatoria “partidista e claramente electoralista” fora realizada polos populares utilizando o logo do Concello de Redondela.

Unha vez coñecidos os cambios nas liñas de transporte interurbano, o Concello de Redondela solicitara “unha reunión de carácter urxente” para ser informado sobre a repercusión que dito cambio de liñas tería na veciñanza. A reunión convócase por parte da Xunta para o para o venres 28 de febreiro “data na que eu tiña que asistir, obrigatoriamente, ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo, unha curiosa coincidencia porque era un máis que coñecido polo PP de Redondela”, explica a alcaldesa de Redondela.

Esa mesma tarde “e faltando ás máis elementais normas ética institucional” o PP convoca unha reunión cos veciños e veciñas de Cabeiro, San Estevo e Vilar para explicar a situación, reunión na que tamén estaba presente o xefe territorial de Infraestruturas e Transportes. “É dicir, –apunta a alcaldesa– o PP convoca unha reunión en tempo preelectoral para explicar aos veciños e veciñas como solucionar un problema que os propios populares crearon dende a Xunta de Galicia”.

Na reunión de onte con José Luis Díaz Yáñez, acordouse facer unha nova reunión cos veciños das anteditas parroquias “incluíndo tamén a veciñanza de Trasmañó e Chapela” que están afectados pola reordenación das liñas de transporte interurbano.

Asi mesmo, facilitarase á veciñanza que fagan as súas achegas e suxestións para facelas chegar á Xunta de Galicia “previo paso polo departamento técnico do Concello”. Digna Rivas subliñaba que “este Goberno, ao contrario que facía o anterior executivo do PP, traballa sempre da man dos técnicos e técnicas”.

A rexedora local considera “estraño á vez que irresponsable” que por parte do PP se lle diga á veciñanza que poden presentar propostas directamente “a sabendas que a veciñanza non ten os coñecementos técnicos precisos para que ditas propostas sexan tidas en conta”.

En todo caso, Digna Rivas reafirmase na súa intención de “facer valer os dereitos dos veciños e veciñas” pese aos “burdos e torpes intentos do PP de sacarlle rendibilidade electoral a un serio problema co que se enfronta a veciñanza no que é unha clara falta de respecto a veciños e veciñas”, conclúe.

Mostra de Cultivos de Tomiño, “máis profesional para as empresas e máis participativa e dinámica para o público”

0

A Mostra de Cultivos do Baixo Miño chega á súa décimo séptima edición renovada e con moitas novidades no peto. Organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño e o Concello de Tomiño, a mostra celebrarase os vindeiros 13, 14 e 15 de marzo no pavillón municipal de Goián tras un intenso esforzo por “reinventarse” e por ofrecer un amplo e atractivo programa tanto para profesionais como para público xeral, como destacaron durante a presentación este xoves no salón de plenos do concello tomiñés.

“As necesidades da sociedade e do sector van mudando cos anos e cremos que era o momento de repensar a Mostra, de apoiar de xeito máis decidido o ámbito profesional e de reforzar tamén a súa visión social. Seguimos representando ao sector agro do Baixo Miño, pero ofreceremos unha nova perspectiva da que poderá desfrutar toda as persoas que se acheguen a un pavillón transformado en xardín verde”, salientou a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez.

Xa consolidada a nivel galego, coa nova programación “a Mostra da un paso máis que nos parece moi importante. Convértese nun evento máis profesional para as empresas e moito máis participativa, máis dinámica, máis aberta e máis lúdica para a veciñanza”, sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

A Mostra abrirá as súas portas ao público xeral o venres 13 ás 17.30 h e celebrará o seu acto de inauguración oficial o sábado 14 ás 12.30 h coa presenza de distintas autoridades.

Novidades

Así, por primeira vez haberá dobre xornada de portas abertas en diferentes viveiros, unha con obxectivo profesional para empresas do sector da comarca e de fóra o venres 13 e outra aberta ao público en xeral o domingo 15, “unha oportunidade única para que a xente nos coñeza de primeira man pasando unha tarde en familia. Deste xeito tamén mesturamos agro e turismo, un nicho de mercado no que vimos traballando dende hai tempo e que acabará sendo unha realidade”, explicou Rodríguez.

Atendendo a unha cuestión que visitantes e veciñanza viña demandando dende hai tempo, a Mostra contará por primeira vez cun espazo de venda ao público durante os tres días que dura o evento. Na “Tenda da Mostra” todas as persoas interesadas poderán comprar produtos das empresas participantes no evento e levar a casa un anaco do Baixo Miño de xeito sinxelo e solidario, xa que unha parte da recadación irá destinada a San Xerome Emiliani.

Tamén por primeira vez habilitarase un lugar de encontro, o bar-cafetería ‘EntrePlantas’ “que achegará moito dinamismo á Mostra e que servirá para que os profesionais do sector que acoden a ela poidan facer negocios dun xeito máis distendido pero tamén para que as persoas visitantes desfruten doutra forma do evento”. Este espazo complementarase cunha sesión vermú o sábado coa música en directo de Acevedos Delgados (13.30 h) e o domingo de Hourglass (13.30 h), así como co concerto de Awen Music o sábado ás 20.30 h.

Obradoiros prácticos sobre trampas de vespa velutina, ‘hoteis de insectos’, arranxos florais ou sobre como facer o teu propio xardín vertical ou o teu propio compost serán o complemento perfecto a dúas conferencias impartidas por profesionais recoñecidos:

  • Belén Varela, experta en organización do traballo e recursos humanos, falará sobre ‘Felicidade responsable: a ciencia e a práctica do bo traballo’ durante a conferencia inaugural da Mostra (venres 13, 18.00 h).
  • Pedro Pablo Gallego, profesor do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo explicará ‘Os retos de futuro do sector agro: agricultura 4.0’ (sábdo 14, 11.00 h).

A sorpresa para os máis pequenos e pequenas da casa chegará da man do LEGO Corner, que estará na Mostra da man da Cámara Municipal de Paredes de Coura, “unha das poucas cidades de Europa habilitadas como punto LEGO”. Ademais, a Eurocidade Cerveira e Tomiño celebrará unha mesa de traballo sobre asociacionismo e o sector agro o domingo 15 (13.00 h), coñeceranse algunhas das novidades do sector con acuBam innovación, coñecerase ao gañador ou gañadora da segunda edición dos Premios Xardín Galego, postos en marcha por acuBam e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR), e todas as persoas visitantes poderán desfrutar dunha exposición do Colectivo Somosarte, composto por artistas, escultores e pintores locais que amosarán obras vinculadas á temática do agro no Baixo Miño.

Toda a información ao completo na web de acubam.org ou en mostradecultivos.eu

AporM insta ao goberno local a que deixe de acumular biomasa no campo de fútbol da Lagoa

0

Xoán Carlos Montes Bugarín, portavoz do grupo municipal de Alternativa por Mondariz, vén de presentar un escrito no Rexistro do Concello de Mondariz solicitando a retirada da biomasa que “unha empresa contratada polo Concello” está a almacenar dentro do recinto do campo de fútbol da Lagoa.

Considera Montes Bugarín “totalmente inadecuado” que se utilicen ditas instalacións xuntar biomasa “por canto pode provocar accidentes entre os deportistas así como incendios (fortuítos ou provocados” que poñan en risco a integridade dos nenos e nenas que alí practican deporte”.

Doutra banda, Xoán Carlos Montes solicita que os traballos de recollida e limpezas periódicas dos puntos verdes do concello “se faga con medios municipais xa que o Concello posúe un camión para ese fin” e, engade “coa periodicidade precisa para evitar a acumulación de biomasa que padecemos na actualidade”.

O PSOE de Ponteareas lamenta que o PP “amose a súa cara máis antidemocrática” con motivo da folga estudantil do 6 de marzo

A folga estudantil convocada para o vindeiro 6 de marzo con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, vén de amosarse como un novo motivo de enfrontamento entre o PSOE e o PP logo de que as Novas Xeracións populares cuestionasen “o dereito á folga e a información que os sindicatos estudiantís difunden nos centros esducativos”.

A folga, lembra o presidente da Xestora socialista ponteareá, Alfonso Porto, “constitúe unha medida máis de apoio contra a violencia machista, que no que vai de ano leva xa a frioleira cifra de 14 mulleres asasinadas”. Lamenta Porto que o PP “fale de adoutrinamento ante unha folga feminista que trata de amosar a necesidade de que todos xuntos loitemos porque non sigan asasinando a mais mulleres no noso país”.

“O Partido Popular parece que perdeu o rumbo e vai sen control, –afirma Alfonso Porto– falando absolutos dislates que deixan relucir o espírito ditatorial e antidemocrático dos seus dirixentes e integrantes”, e amosa a súa esperanza que o Partido Popular “reflexione e retire as verbas ferintes para todo o alumnado e xuventude do noso pobo, ao que non dubidan de tachar de manipulables e carentes de pensamento crítico”.

Para o Partido Socialista a “xuventude da nosa vila é valor en alza, preparada, consciente dos problemas da nosa sociedade e implicada na súa solución, moi a pesar do pensamento do Partido Popular”.

Éxito de inscrición no ‘II Enduro das Rosquillas’ de Ponteareas con máis de 250 deportistas na saída

O II Enduro das Rosquillas traerá a Ponteareas a máis de 250 corredores e corredoras que percorrerán o monte da Picaraña nunha proba que forma parte do campionato de Enduro BTT da copa de Galicia. A ADC Picaraña xunto con Biziebike, organizadores do evento deportivo, subliñaron o éxito de inscrición desta segunda edición da proba “que cubriu todas as prazas ofertadas” e mesmo obrigando a moitos interesados e interesadas “a quedar en lista de agarda” polo que quiseron agradecer “a todas e a todos eles o interese amosado e convidámolos a que veñan a Ponteareas e gocen igualmente desta xornada”.

A saída terá lugar dende o Pavillón Álvaro Pino este domingo ás 08:30 horas finalizando no mesmo punto sobre as 14:15, onde se procederá coa cerimonia de entrega dos trofeos nas distintas categorías de participantes.

Os corredores e corredoras ascenderán en 4 ocasións a cota da Picaraña, para proceder, de forma individual, a descender noutras tantas ocasións por circuítos específicos e trazados nas ladeiras da Picaraña, sendo este descenso cronometrado e o que marcará as posicións finais dos corredores.

A organización, coa que colabora a Concellería de Deportes que dirixe Nahir Covelo, quere agradecer aos patrocinadores e comunidades de montes de Arcos, Bugarín, Oliveira e Ponteareas o seu apoio.

A ‘III Festa dos Callos de Tomiño’ despachará, este domingo, máis de 3.600 racións

0

O Tomiño F.C. organiza o vindeiro domingo, 8 de marzo, a terceira edición da Festa dos Callos, unha festa gastronómica nacida co fin de recadar fondos para o club, e á vez ampliar a oferta de actividades da axenda da vila. O éxito das anteriores edicións fixo que a organización teña incrementado tanto os quilos de produto coma o número de racións. Así o manifestaron este mediodía, durante a presentación da festa, celebrada na Praza do Seixo, aproveitando a celebración do mercado ambulante dos mércores.

Tras a boa acollida das anteriores edicións, a festa segue a ser concibida coma “unha forma de encher de vida e dinamizar a vila, ao tempo que se apoia ao deporte tomiñés”, segundo salientou a alcaldesa Sandra González durante a presentación, á que tamén asistiron os concelleiros de Deportes, Fran Campo, e de Servizos Públicos, Lois Vázquez, así coma o presidente do club, Manuel Vila e outros membros da organización. Vila agradeceu o apoio de todas as entidades implicadas e amosouse satisfeito polo respaldo popular acadado e o feito de poder dar continuidade á cita gastronómica e mellorala cada ano.

Nesta liña, apuntou que esta 3ª edición conta coa colaboración do Concello de Tomiño e da empresa Coren; Comunidade de Montes VMC Barrantes; panaderías Manuel López, Camiño Novo, Parroquiñas, Currás, Tomipan e Flor y Nata; e firmas coma MRDixital, Día Tomiño e Quicelco, sumándose tamén a asociación de comerciantes (ADETO).

Unha novidade desta edición é que non haberá plásticos, polo que as racións para levar terán que ir en envases proporcionados polos clientes. Ademais, ADETO colabora entregando vales do 10% de desconto para as consumicións, a aqueles clientes que compran no comercio local durante estes días.

3600 racións

A organización espera repartir sobre 3.600 racións durante a festa, arredor de 1.440 quilos de callos, que poderán empezar a degustarse este domingo a partir das 10 da mañá.

En caso de que o tempo non acompañe, e para maior comodidade dos comensais, a organización habilitará unha carpa no centro de Tomiño, na rúa Daniel Calzado Poceiro, moi próxima á Praza do Seixo.

A festa terá prezos populares, dando á xente que se achegue, a posibilidade de comer os callos na propia carpa, ou ben, de compralos para levar. No primeiro caso o prezo será de 9 euros, incluído callos, pan, viño ou auga, e cazola e cunca conmemorativas de barro. As racións para levar, costarán 6 euros e incluirán o mesmo que as outras, menos cazola e cunca. Neste sentido, deberase traer un táper de casa.

Amenizará a festa a Treboada “Baixo Miño” e, se o tempo o permite, actuará ás 12 do mediodía, a Escola de Danza “Adeixa Dance School” de Vila Nova de Cerveira.

O Rosal pon en marcha un ciclo de charlas para que “a reciclaxe non soe a chino”

0

O Concello do Rosal porá en marcha este mes o ciclo de charlas ‘Li-xo, que non che soe a chino’, unha serie de encontros por diferentes barrios do municipio para explicar á veciñanza como funciona a xestión do lixo que se produce nas casas e resolver calquera tipo de dúbida sobre a reciclaxe.

“Queremos compartir coa veciñanza o noso interese e compromiso na xestión sustentable do lixo no Concello, unha cuestión moi importante dado que a xestión do lixo supón o 10% do gasto municipal”, aseguran dende o departamento de Medio Ambiente.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández (á dereita) e a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente, na presentación da campaña

Serán en total once charlas abertas a todos os públicos que comezaron onte, día 3 de marzo no Centro Social de Eiras e rematarán o vindeiro 2 de abril na Escola de Pías. O calendario será o seguinte:

  • Xoves 5 de marzo (11:00 h). Escola do Maio (Tabagón).
  • Xoves 5 de marzo (19:00 h). Sociedade de Veciños de San Miguel.
  • Martes 10 de marzo (11:00 h). Escola de Marzán.
  • Xoves 12 de marzo (17:00 h). Escola de Novás.
  • Martes 17 de marzo (11:00 h). Escola de San Xián.
  • Martes 24 de marzo (11:00 e 17:00 h). Biblioteca Municipal (Calvario).
  • Xoves 26 de marzo (17:00 h). Asociación de Veciños Río Folón (Fornelos).
  • Martes 31 de marzo (20:00 h). Bar San Martiño (Martín).
  • Xoves 2 de abril (19:00 h). Escola de Pías.

Estes horarios poden estar suxeitos a modificacións. No caso de que algún deles cambie, o novo horario comunicarase á veciñanza coa suficiente antelación.

Obras na rúa Galicia da Guarda, un paso máis na accesibilidade e mobilidade peonil

0

O Concello da Guarda deu inicio, esta semana, ás obras dunha das ‘Áreas de Actuación’ comprendidas no ‘Plan de mellora da Accesibilidade na vila da Guarda’ que abarca o treito da rúa Galicia comprendido entre o cruce con República Dominicana e o cruce con Concepción Arenal.

Esta primeira ‘Área de Actuación’ vén a resolver problemas puntuais de accesibilidade neste tramo de rúa e supoñerá un investimento de 47.900 € con cargo ao Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.

A obra consiste na adecuación dun tramo da rúa Galicia comprendido entre a intersección con República Dominicana e Ramón Sobrino, onde se inclúe a sinalización sensorial para persoas con discapacidades visuais e a priorización e continuidade dos tránsitos peonís sobre os vehículos.

Pretendese adecuar un tramo urbano moi importante para a vila da Guarda, coa colocación de pavimentos de botóns, eliminación de vados en mal estado, eliminación de resaltes, redución de desniveis, instalación de bolardos para a protección dos peóns, elevación de pasos de peóns e colocación de pavimentos direccionais.

As obras teñen un prazo de execución de dous meses e será preciso o corte de rúas en momentos puntuais para acometer certos traballos.

Nas actuacións de humanización, recuperación e mellora de rúas, espazos e edificios públicos que se veñen realizando no concello da Guarda, a accesibilidade ten un peso importante hora de redactar os proxectos e executar obras.

Neste senso o concello ten realizado actuacións singulares como: a rampla de acceso a parte alta do auditorio de San Bento, o acceso a praia da Area Grande ou o ascensor e baños da paza de abastos, entre outras. Tamén se levan executado multitude de obras de humanización en plataforma única entre as cales destaca a rúa Concepción Arenal.

Precisamente a obra de humanización de Concepción Arenal seguiu os criterios marcados no ‘Plan de mellora da Accesibilidade na vila da Guarda’, redactado no ano 2018. Concretamente, a obra de Concepción Arenal, resolve a mellora da accesibilidade de dúas das ‘Areas de Consideración Especial’ marcadas como tales no mencionado plan: a zona ente a rúa Galicia e Avelino Vicente, e a zona entre a rúa Brasilino Álvarez e a rúa do Porto. Estas dúas zonas de actuación veñen marcadas como as primeiras fases a executar.

Salvaterra de Miño convoca unha nova edición dos ‘Campamento de conciliación’ de Semana Santa

O Concello de Salvaterra de Miño vén de convocar, un ano máis e dentro do seu programa de conciliación, o ‘Campamento de conciliación de Semana Santa’ que se desenvolverá os días 6, 7, 8 e 13 de abril en horario de 9:00 h a 14:00 h. A iniciativa oferta, ademáis, un servizo de aula matinal dende as 7:30 horas.

O campamento está aberto á participación dos nenos e nenas nados entre os anos 2088 e 2016 e supón un xeito de axudar á conciliación da vida familiar e laboral, “unha liña de traballo na que o Concello ven traballando dende hai moitos anos”, lembra a alcaldesa Marta Valcárcel.

As inscricións estarán abertas do 16 ao 20 de marzo e, para máis información, interesados e interesadas poden dirixirse ao Concello de Salvaterra de Miño ou a páxina

Máis información no Concello de Salvaterra de Miño ou en na páxina web do Concello. Inscricións poden realizarse no Rexistro da Casa do Concello ou por vía electrónica nesta ligazón.

As mulleres de Nigrán, protagonistas dunha mostra de fotografías anteriores a 1970

0

O Concello de Nigrán conmemora o 8-M, Día Internacional da Muller, coa inauguración este venres ás 19:00 horas no Auditorio Municipal da mostra fotográfica ‘Mulleres de Nigrán -1970’, unha exposición propia froito de recompilar entre a veciñanza durante case un ano centos de imaxes antigas. Nesta escolma de 150 fotos os asistentes poderán ver a mulleres de Nigrán labregas, costureiras, mestras, nais de familia, coidadoras, perruqueiras, mulleres festeiras, amigas cómplices… En definitiva, mulleres comúns e valerosas ás que a ONU adica cada 8 de marzo e ás que o consistorio consagra esta exposición.

“No pasado 8-M, coincidindo coa inauguración da exposición de Ruth Matilda Anderson ‘Unha mirada de antano’, lanzamos o reto de identificar á muller de Camos que aparece nunha das súas fotos máis señeiras. A tarefa resultou imposible. Sen embargo, a historia non escrita da anciá de Ruth Matilda alentou ao Concello a organizar esta mostra que reivindica ás mulleres coma ela, mulleres correntes e silenciadas, secularmente ignoradas pese a ser artífices do desenvolvemento económico, social e cultural do municipio e, en esencia, de toda a Humanidade”, resume o alcalde, Juan González, quen incide en que, co obxectivo de fixar esta memoria e que permaneza, o Concello editou o seu correspondente catálogo, que se repartirá gratuitamente entre as persoas que aportaron imaxes e pasará a ocupar un papel destacado na biblioteca de Nigrán.

[su_image_carousel source=”media: 12618,12617,12616,12615,12614″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Juan González: “Con esta exposición quixemos facer visible o papel da muller como artífice do desenvolvemento económico, social e cultural de Nigrán; por iso editamos tamén o seu correspondente catálogo, co obxectivo de fixar esta memoria e que permaneza”

“A veciñanza respondeu masivamente á petición do Concello buscando no arquivo familiar para rescatar fotos antigas de mulleres co obxectivo de renderlles unha homenaxe pública. Recibimos centos de tesouros que temos dixitalizados pero para esta exposición, por motivos de espazo, foi preciso realizar unha selección de 150 na que atendemos a criterios de antigüidade, calidade da imaxe recibida, valor documental da mesma…”, explica María Villar, responsable da organización da mesma xunto con Olalla Fernández no deseño gráfico e o Centro Ocupacional Juan María no enmarcado.

“Son imaxes espectaculares, que de seguro van sorprender e emocionar á maioría dos asistentes porque significan unha viaxe a nosa historia máis recente e invisible da man de mulleres fundamentais nas vidas de todos nos e, por suposto, do municipio”, resume o alcalde, Juan González.

Redondela perpetúa a memoria de Sesé Mateo a través dun premio de xornalismo

0

A Casa do Concello de Redondela acolleu a presentación dos actos de clausura do proxecto ‘No Camiño do Vento’ que se desenvolverán, este sábado 7 de outubro a partir das 12 horas no Multiúsos da Xunqueira. Joshua Mateo, fillo de Sesé Mateo e Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, daban a coñecer tanto o final deste proxecto como o nacemento do que será o ‘Premio de Xornalismo Sesé Mateo’ co que se recoñecerán as boas prácticas xornalísticas en materia de violencia de xénero.

Nese sentido, Joshua Mateo lembraba a súa propia experiencia ao sinalar que o tratamento informativo que se dera ao asasinato da súa nai, estivera “cheo de morbo e de datos innecesarios”. “Queremos valorar o bo xornalismo coa creación deste premio que, sen o Concello de Redondela houbera sido imposible facelo”, apuntou.

A clausura do proxecto ‘No Camiño do Vento’ é, para Joshua Mateo “un xeito de pasar páxina, –afirmaba– de cambiar de capítulo na miña vida”. Joshua reafirmabase na súa intención de “seguir loitando pola igualdade, contra a violencia machista e polos dereitos dos orfos e orfas” pero “dende outra perspectiva” non dende a visión do asasinato da súa nai, senón como “unha noita na que debemos estar todos e todas comprometidos. Seguirei loitando contra a violencia de xénero pero dende unha perspectiva global e no dende a miña visión persoal de ter que contar a miña historia unha e outra vez”.

Lembraba Joshua o nacemento do proxecto ‘No Camiño do Vento’, xurdido, dixo, “no concerto que se fixo para poder recuperar a miña casa”. Logo viñeron as presentacións tanto en Galicia coma en Madrid e Barcelona e a posta á venda do libro a nivel nacional “do que xa non quedan case exemplares”, sinalou.

Destacou Joshua Mateo a presenza no acto do sábado de Belén Puñal, que presentará o seu libro ‘A prostitución no espello dos medios’, unha muller, dixo, “importante para nós porque foi a encargada de analizar todas as notas de prensa sobre o noso caso” e que explicou perfectamente “que vivimos nunha sociedade moi violenta e nun contexto no que parece que a muller é a culpable por que non fixo nada por saír do maltrato”.

‘No Camiño do Vento’ véndese ao prezo de dez euros e a recadación “axudará a nenas e nenos orfos pola violencia machista a través do Fondo Becas Soledad Cazorla, de Fundación Mujeres.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que o traballo realizado por Joshua Mateo e o destino que decidiu darlle á recadación do libro “define a Joshua como persoa” e asegurou que ese traballo “é o que pode cambiar o mundo”. “Sabendo o que viviu, a súa dura experiencia persoal, o primeiro que se lle ocurre é que a recadación deste libro vaia para outros e outras rapaces que, no caso dunha traxedia deste calibre, teñan apoio para superala. Iso o di todo sobre quen é Joshua, o seu xeito de vivir e a súa maneira de pensar”.

O acto de clausura do proxecto ‘No Camiño do Vento’ terá lugar ás 12 horas no multiúsos da Xunqueira e contarase coa participación do propio Joshua Mateo e da Fundación Mujeres e o Fondo de Becas Soledad Cazorla.

Xa pola tarde, ás 18:30 horas, terá lugar a presentación do libro La prostitución en el espejo de los medios, de Ana Belén Puñal, un traballo que analiza este problema social entre 1977 e 2012.

Salceda contará con fibra óptica no 85 % do seu territorio

Electra Alto Miño, principal empresa comercializadora de electricidade no concello de Salceda de Caselas leva meses acometendo un importante proxecto de instalación de fibra óptica tanto no casco urbano como en diferentes puntos das sete parroquias. Pero EAM segue a proxectar novos tramos para executar de xeito inminente, cun investimento que dende o 2017 achégase xa aos dous millóns de euros, e que permitirá levar este servizo no mes de xuño ao 85 % do territorio do municipio.

O investimento lévase a cabo integramente a cargo da empresa comercializadora, sen contar con subvencións de administracións públicas. O servizo ofrece unha velocidade estándar de 100 megas de baixada e de subida, aínda que a empresa está a ofertar tamén outras condicións adaptándose ás necesidades das persoas e entidades usuarias.

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, subliñou a importancia de “aproveitar as vantaxes da tecnoloxía que cada día dá pasos axigantados” ao mesmo tempo que alegrábase polo feito de que “EAM teña elexido o noso Concello para desenvolver a súa rede de fibra óptica, e sobre todo por levala ata as parroquias, que non sempre poden disfrutar deste tipo de avances. Esta é unha aposta clara polo rural, e un bo aliciente para que a xente opte por vivir no entorno”.

A expansión da fibra óptica por parte de EAM ten tamén un especial relevo no que fai referencia á creación de emprego xa que a empresa duplicou o seu cadro de persoal para poder acometer o desplegue. Así mesmo abríronse tendas a pé de rúa para poder mellorar o servizo e a atención directa ás persoas usuarias.

A instalación de fibra óptica supón enormes vantaxes sobre o uso do ADSL, destacando o feito de que manteña sempre a velocidade constante independentemente do número de persoas conectadas, xa que é moi difícil que sufra interferencias. Ademais alcanza sempre o máximo de velocidade contratada, a diferenza do que ocorre co ADSL, que no mellor dos casos chega ao 80 ou 90% da velocidade contratada.

O proxecto é, sen dúbida, unha moi boa nova para Salceda, sobre todo o feito de que tamén as zonas rurais do concello poidan ir beneficiándose da fibra que ata o de agora podían disfrutar os veciños e veciñas do casco urbano.

O Concello de Ponteareas inviste máis de 95.000 euros na renovación de oito parques infantís

O Goberno local de Ponteareas procede, nestes días, á renovación de 8 áreas infantís do do municipio, traballos que se desenvolven no marco do Plan de Renovación de Parques Infantís Municipais iniciado xa no anterior mandato, segundo sinalou o alcalde ponteareán, Xosé Represas.

Nestas semanas, a empresa adxudicataria dos traballos procede á retirada dos elementos deteriorados e á colocación dos novos xogos. O contrato para a mellora e renovación destas áreas infantís ten un custe total de 95.787,70 €, IVE incluído, financiado con fondos propios a través do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.

Xosé Represas explicou esta actuación “abrangue tanto aos parques infantís do centro urbano como aos das parroquias, procurando sempre a equiparación de servizos entre o rural e o centro urbano para que toda a cidadanía poida acceder en igualdade aos mesmos”.

En concreto no Parque das Pombas colocaránse un balancín doble, catro muelles doble, un columpio nido, un tobogán, dous conxuntos multixogo, un columpio bipraza mixto, un rocódromo e unha valla.

No parque de Angoares un tobogán e unha zona multixogo, no de Arnoso un columpio bipraza mixto, un muelle e un columpio multixogo e no parque infantil de Cumiar un tobogán e un columpio bipraza mixto ademais dunha nova valla.

No parque de San Roque procedeuse á colocación de dous conxuntos multixogo e un mulle e no parque de Manuel Rodríguez un conxunto multixogo, un muelle, un tobogán e un columpio.

Ademais, o parque da Freixa conta xa con tres muelles, un columpio e tres tobogáns.

O parque da Praza da Música tamén foi obxecto de renovación e na semana pasada colocáronse un conxunto multixogo e unha caseta.

Todas estas actuacións permitirán ás familias contar con espazos renovados nos que as nenas e os nenos poidan desfrutar de tempo para compartir xogos.

Os diferentes elementos colocados dan cobertura ás diferentes idades infantís dende os 2 aos 12 anos.

O alcalde ponteareán subliñou que o Goberno local “traballa en colaboración cos colectivos e veciñanza en xeral para que Ponteareas sexa un fogar no que toda a cidadanía poida atopar cubertas as súas necesidades e executar infraestruturas de futuro planificadas”.

Aberto o prazo de solicitude de admisión para os centros educativos de Ponteareas

A concelleira de Educación e tenenta de alcalde do Concello de Ponteareas, Cristina Fernández, vén de lembrar a interesados e interesadas que ata o vindeiro 20 de marzo está aberto o prazo de solicitude de admisión tanto nos centros de infantil e primaria coma nos institutos de ensino secundario do concello de Ponteareas.

Mil cincocentos alumnos/as de infantil e primaria estudan nos cinco CEIPS e no Centro Rural Agrupado (CRA A Picaraña) de Ponteareas. Grazas á colaboración da concellería de Ensino todos os centros contan con servizo de aula matinal facilitando a conciliación familiar e laboral.

Ademais, os tres CEIPs do centro urbano ofrecen o servizo de comedor e a través das ANPAs todos os centros educativos de primaria desenvolven actividades extraescolares para que as familias poidan ter un amplo abano de servizos de formación regrada e non regrada.

Ao alumnado de infantil e primaira haille que sumar os 1.178 alumnos e alumnas dos tres Institutos de Ensinanzas Secundarias do noso concello. Cristina Fernández salienta os bos resultados acadados nas probas de selectividade do curso anterior cunha media do 98,7 % de aprobados, mostra do bo traballo realizado polo equipo educativo e do alto nivel dos nos IES. En contínua evolución para cubrir as inquedanzas e necesidades educativas da mocidade, este curso ofreceuse xa a modalidade do bacherelato de Artes para o que o alumnado xa pode solicitar tamén a admisión.

A concelleira de Educación subliña que os centros educativos de Ponteareas “ofrecen unha ensinanza cercana ás familias, participativa e involucrada tanto na súa contorna como no día a día do propio concello a través da participación no Consello da Infancia e da Mocidade como nas actividades deseñadas para o alumnado”.