O multiúsos da Xunqueira de Redondela foi escenario, na mañá de onte, do acto institucional co que o Concello redondelán abría un amplo programa de actividades con motivo do ‘8 de Marzo, Día Internacional da Muller’ e que se desenvolverán ao longo do mes de marzo “para que a reivindicación da igualdade e os dereitos das mulleres, non quede cinguido a un só día”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas.
Trala lectura do manifesto polo Día da Muller, aprobado por unanimidade polo Pleno da Corporación municipal, mulleres de distintas idades e xeracións, daban conta das súas experiencias, vivencias e historia nun programa emitido en directo por Radio Redondela e dirixido por María Xesús Queimaliños.
Foi un acto tan instrutivo coma emotivo no que as maiores –algunhas na barreira dos 90 anos– debullaron un panorama duro, de invisibilidade e non que ser muller era sinónimo de estar pechada na casa e a única tarefa “coidar dos fillos”.
Na outra banda da historia, as rapazas de 2º da ESO do IES Mendiño, quenn amais de interesarse pola vida das súas maiores, falaban da súa experiencia como mozas e do que esperaban a sociedade en materia de igualdade.
Finalmente, expoñíase ao público un significativo mural que baixo o título “A muller da miña vida” recollía fotografías achegadas por asociacións, colectivos, institutos, centros de día e nas que plasmaban as fotos das mulleres que foron representativas na vida de cada quen.
Digna Rivas adiantaba que os actos relacionados coa muller e a loita “incansable e incesante” pola igualdade, continuarán “non só ao longo deste mes, senón tamén nos vindeiros meses porque queremos que sexa unha loita de todos e todas ao longo do ano”.