9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasAs 'I Xornadas sobre o Patrimonio do Condado' superaron as expectativas da...

    As ‘I Xornadas sobre o Patrimonio do Condado’ superaron as expectativas da organización

    Conferenciantes e participantes salientan o alto nivel dos contidos e das visitas guiadas

    O concelleiro de Innovación de Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, clausurou as I Xornadas sobre o Patrimonio do Condado arroupado polo historiador Rafael Sánchez Bargiela que foi o último conferenciante destes cinco días de coñecemento da nosa historia.

    Márquez quixo agradecer esta iniciativa da concellería de Cultura que dirixe Fernando Groba e na que colaborou facendo de nexo coa Universidade de Vigo e a Facultade de Historia de Ourense, coa que aínda está vinculado como alumnos de terceiro ciclo e membro do grupo de investigación de Arqueoloxía, Antiguidade e Territorio ( GEATT) da Facultade de Historia da Universidade de Vigo.

    Tamén quixo destacar o papel da Asociación do Patrimonio Cultural Val do Tea “que coa súa inquedanza puxo en marcha o xerme desta novidosa iniciativa que a concellería de Cultura amplificou a unhas xornadas polas que pasaron os estudosos e expertos en arte, historia e arqueoloxía máis relevantes de Galicia”.

    Estas primeiras xornadas supuxeron un éxito de participación e de satisfacción por parte do público e dos relatores que non dubidou en trasladar aos concelleiros os seus parabéns.

    Coa entrega de certificados púxose fin a esta primeira edición das Xornadas sobre o Patrimonio das que o concelleiro de Cultura destaca a heteroxeneidade do público amosando o grande interese que espertaron, “alumnado de grao, expertos, afeccionados e público en xeral enriqueceron estas xornadas e amosaron un alto nivel de interese e participación en cada unha das conferencias e das saídas didácticas programadas”.

    Ámbolos dous concelleiros coinciden en agradecer a implicación das e dos traballadores dos departamentos de Cultura, da biblioteca e do Museo e agradecen fondamente a colaboración da Facultade de Historia e de cada un dos estudosos que agasallaron con xenerosidade os seus coñecementos.

    As e os participantes tamén puideron cubrir unha enquisa na que deixaron os seus comentarios para comezar xa a traballar de xeito conxunto nunha nova edición.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.