A Asociación Forestal de Galicia (AFG) organiza este venres e sábado en Ponteareas un curso orientado a propietarios forestais, comunidades de montes e técnicos para asesoralos sobre unha das principais pragas que preocupa nas masas de eucalipto, o ‘Gonipterus platensis’, coñecido popularmente como gorgullo ou gorgojo (en castelán esta última), un insecto que se alimenta das follas de eucalipto.
O control efectivo da praga esixe avaliar os seus danos en monte, para proceder á loita biolóxica en tempo e forma cando se acada un nivel de danos que aconsella os tratamentos. O curso que organiza a Asociación Forestal de Galicia, en colaboración coa COSE (Confederación de Organizaciones de Silvicultores de España), centrarase en explicar como avaliar correctamente os danos que sofre un eucaliptal, así como as posibles medidas a adoptar contra a praga.
A actividade formativa contará con sesións teóricas na tarde do venres 6, que se desenvolverán no centro cultural de Xinzo (Ponteareas) e cunha saída ó monte, o sábado 7, para aplicar ‘in situ’ os coñecementos aprendidos no curso. O curso enmárcase dentro do proxecto GOSSGE (Grupo Operativo Suprautonómico de Sanidad sobre Gonipterus en Eucalipto), no que participa a Asociación Forestal de Galicia (AFG).
Venres 6 – Centro Cultural de Xinzo (Ponteareas)
- 18 h. Presentación do proxecto GOSSGE. Julio Ruiz (AFG)
- 18:10 h. O ciclo biolóxico do insecto. Julio Ruiz (AFG).
- 18:30 h. Sistema oficial de control da Xunta. José Manuel Regueiro (AFG).
- 18.45 h. Avaliación de danos en monte. José Manuel Regueiro (AFG).
- 19 h. Control biolóxico: detección e época de tratamento. (Belén Reboreda, GALCA).
- 19.30 h. Tratamento integrado, normativas, aspectos básicos da aplicación e custos (Belén Reboreda, GALCA).
- 19.45 h. Outros problemas sanitarios (Belén Reboreda, GALCA).
Sábado 7 – Sesión práctica no monte de Xinzo
- 10 – 12 horas Avaliación de danos e práctica de aplicación (Julio Ruiz e Belén Reboreda).