Mércores, 15 Xaneiro de 2025

Mondariz contratará 20 persoas para obras e servizos municipais

A partir de abril incorporaranse dous operarios para recollida de lixo, un conductor, un auxiliar do SAF e un albanel

O Concello de Mondariz reforzará este ano os servizos públicos municipais coa contratación de 20 persoas. A partir de abril incorporaranse dous operarios para recollida de lixo, un conductor, un auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e un albanel. A estas contratacións sumaranse outras posteriormente, como as dun animador sociocultural, un operario de ocupacións diversas, un fontaneiro, expertos forestais, peóns para a limpeza viaria e socorristas.

Serán contratos de duración variable –1 ano (1), 9 meses (8), 6 meses (8) e 3 meses (3)– financiados pola Deputación de Pontevedra, a cargo da liña 3 do Plan Concellos, e pola Xunta de Galicia, a través do plan de integración laboral para perceptores da renta autonómica de inclusión social (RISGA), do plan de cooperación e do Aprol rural. O proceso de selección iniciarase na oficina do Servizo Público de Emprego, segundo uns códigos de ocupación que o Concello de Mondariz xa comunicou públicamente a través dun bando da Alcaldía para fomentar a transparencia informativa.

“As contratacións faranse nos próximos meses, de xeito correlativo, para poder cubrir as necesidades dos servizos públicos municipais durante a maior parte do ano”, explica o alcalde, Xosé Emilio Barros.

Neste 2020, o goberno municipal tamén pretende sumar a estas incorporacións a reposición de postos vacantes sen cubrir, como son a de operario de lixo e a de auxiliar do SAF. “Dende o concello agardamos regularizar as carencias de persoal este mesmo ano”, sinala Barros.

Mondariz é un dos poucos que atende a totalidade dos servizos públicos municipais sen externalizar, polo que é preciso reforzar a plantilla de traballadores para poder atendelos con garantías. “Unha das prioridades deste goberno é mellorar os servizos municipais máis básicos”.