A Casa do Concello de Redondela acolleu a presentación dos actos de clausura do proxecto ‘No Camiño do Vento’ que se desenvolverán, este sábado 7 de outubro a partir das 12 horas no Multiúsos da Xunqueira. Joshua Mateo, fillo de Sesé Mateo e Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, daban a coñecer tanto o final deste proxecto como o nacemento do que será o ‘Premio de Xornalismo Sesé Mateo’ co que se recoñecerán as boas prácticas xornalísticas en materia de violencia de xénero.
Nese sentido, Joshua Mateo lembraba a súa propia experiencia ao sinalar que o tratamento informativo que se dera ao asasinato da súa nai, estivera “cheo de morbo e de datos innecesarios”. “Queremos valorar o bo xornalismo coa creación deste premio que, sen o Concello de Redondela houbera sido imposible facelo”, apuntou.
A clausura do proxecto ‘No Camiño do Vento’ é, para Joshua Mateo “un xeito de pasar páxina, –afirmaba– de cambiar de capítulo na miña vida”. Joshua reafirmabase na súa intención de “seguir loitando pola igualdade, contra a violencia machista e polos dereitos dos orfos e orfas” pero “dende outra perspectiva” non dende a visión do asasinato da súa nai, senón como “unha noita na que debemos estar todos e todas comprometidos. Seguirei loitando contra a violencia de xénero pero dende unha perspectiva global e no dende a miña visión persoal de ter que contar a miña historia unha e outra vez”.
Lembraba Joshua o nacemento do proxecto ‘No Camiño do Vento’, xurdido, dixo, “no concerto que se fixo para poder recuperar a miña casa”. Logo viñeron as presentacións tanto en Galicia coma en Madrid e Barcelona e a posta á venda do libro a nivel nacional “do que xa non quedan case exemplares”, sinalou.
Destacou Joshua Mateo a presenza no acto do sábado de Belén Puñal, que presentará o seu libro ‘A prostitución no espello dos medios’, unha muller, dixo, “importante para nós porque foi a encargada de analizar todas as notas de prensa sobre o noso caso” e que explicou perfectamente “que vivimos nunha sociedade moi violenta e nun contexto no que parece que a muller é a culpable por que non fixo nada por saír do maltrato”.
‘No Camiño do Vento’ véndese ao prezo de dez euros e a recadación “axudará a nenas e nenos orfos pola violencia machista a través do Fondo Becas Soledad Cazorla, de Fundación Mujeres.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que o traballo realizado por Joshua Mateo e o destino que decidiu darlle á recadación do libro “define a Joshua como persoa” e asegurou que ese traballo “é o que pode cambiar o mundo”. “Sabendo o que viviu, a súa dura experiencia persoal, o primeiro que se lle ocurre é que a recadación deste libro vaia para outros e outras rapaces que, no caso dunha traxedia deste calibre, teñan apoio para superala. Iso o di todo sobre quen é Joshua, o seu xeito de vivir e a súa maneira de pensar”.
O acto de clausura do proxecto ‘No Camiño do Vento’ terá lugar ás 12 horas no multiúsos da Xunqueira e contarase coa participación do propio Joshua Mateo e da Fundación Mujeres e o Fondo de Becas Soledad Cazorla.
Xa pola tarde, ás 18:30 horas, terá lugar a presentación do libro La prostitución en el espejo de los medios, de Ana Belén Puñal, un traballo que analiza este problema social entre 1977 e 2012.