Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Ponteareas garante a continuidade do comedor escolar do ‘Fermín Bouza Brey’

Será en base a un convenio coa Xunta que rexeitou asumir a xestión directa tal e como comprometera

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a Concelleira de Educación, Cristina Fernández, veñen de comunicarlle á Consellería de Educación da Xunta de Galicia que, unha vez máis, están na disposición de asumir a xestión do comedor escolar do colexio público Fermín Bouza Brey ante a nova negativa da Consellería de non asumir a xestión directa.

Tras recibir esta comunicación da Xunta de Galicia, Represas e Fernández aseguran que “se garantirá a continuidade do servizo de comedor escolar no CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas subscribindo un novo convenio para os dous vindeiros cursos, ao ser a única opción que ofertan”.

Alcalde e concelleira trasladáronlle tamén á Xunta de Galicia a necesidade de asinar este novo convenio “coa mesma previsión de 95 usuarios, coa finalidade de manter este servizo básico para a conciliación laboral e familiar”.

Ademais, o rexedor local solicitou á Xunta que no novo convenio incremente a aportación económica dado o aumento significativo no prezo dos menús nos últimos cursos. “Estamos seguros de que a Consellería terá está sensibilidade para evitar que estas familias teñan que asumir a totalidade do incremento”.

Ante a nova negativa da Consellería, Cristina Fernández recórdalle que incumpre o seu compromiso manifestado no 2016 e tamén no 2018, “non entendemos este cambio de postura xa que no 2016 e novamente no 2018 a Consellería trasladounos que sería unha situación transitoria e que asumiría a xestión directa para que fose igual ao do resto dos comedores escolares dos centros públicos de Ponteareas, como o do Ramiro Sabell e o do Virxe dos Remedios”.

“Esta decisión da Xunta de Galicia xenera unha diferencia de trato por parte da Xunta entre o alumnado de distintos centros de ensino público de Ponteareas”, conclúe a concelleira de Educación.