O II Enduro das Rosquillas traerá a Ponteareas a máis de 250 corredores e corredoras que percorrerán o monte da Picaraña nunha proba que forma parte do campionato de Enduro BTT da copa de Galicia. A ADC Picaraña xunto con Biziebike, organizadores do evento deportivo, subliñaron o éxito de inscrición desta segunda edición da proba “que cubriu todas as prazas ofertadas” e mesmo obrigando a moitos interesados e interesadas “a quedar en lista de agarda” polo que quiseron agradecer “a todas e a todos eles o interese amosado e convidámolos a que veñan a Ponteareas e gocen igualmente desta xornada”.
A saída terá lugar dende o Pavillón Álvaro Pino este domingo ás 08:30 horas finalizando no mesmo punto sobre as 14:15, onde se procederá coa cerimonia de entrega dos trofeos nas distintas categorías de participantes.
Os corredores e corredoras ascenderán en 4 ocasións a cota da Picaraña, para proceder, de forma individual, a descender noutras tantas ocasións por circuítos específicos e trazados nas ladeiras da Picaraña, sendo este descenso cronometrado e o que marcará as posicións finais dos corredores.
A organización, coa que colabora a Concellería de Deportes que dirixe Nahir Covelo, quere agradecer aos patrocinadores e comunidades de montes de Arcos, Bugarín, Oliveira e Ponteareas o seu apoio.