10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaA Xunta informa ao Concello de Redondela da modificación de liñas no...

    A Xunta informa ao Concello de Redondela da modificación de liñas no transporte interurbano dúas semanas despois da súa posta en marcha

    O Goberno local de Redondela considera “inaceptable” a falta de “respecto institucional” da Xunta de Galicia e a “carencia de ética” do PP local que convocou unha reunión coa veciñanza “utilizando o logotipo do Concello”

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, reuniuse onte co xefe territorial de Infraestruturas e Transporte, José Luis Díaz Yáñez, para coñecer polo miúdo os cambios de liñas no transporte interurbano e como estes afectarán ás veciñas e veciños de Redondela. A rexedora local expresoulle ao responsable provincial de Infraestruturas o seu malestar “pola falta de respecto institucional da Xunta co Concello de Redondela e coa súa veciñanza” ao informar ao Goberno local “case que dúas semanas despois do cambio de liñas” e, entretanto, “a cúpula do PP local, amosando unha preocupante falta de ética institucional”, celebrara unha “reunión informativa” cos veciños e veciñas de Cabeiro, San Estevo e Vilar no Centro Cultural desta última parroquia.

    O Equipo de Goberno considera amais “inaceptable”, que a convocatoria “partidista e claramente electoralista” fora realizada polos populares utilizando o logo do Concello de Redondela.

    Unha vez coñecidos os cambios nas liñas de transporte interurbano, o Concello de Redondela solicitara “unha reunión de carácter urxente” para ser informado sobre a repercusión que dito cambio de liñas tería na veciñanza. A reunión convócase por parte da Xunta para o para o venres 28 de febreiro “data na que eu tiña que asistir, obrigatoriamente, ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo, unha curiosa coincidencia porque era un máis que coñecido polo PP de Redondela”, explica a alcaldesa de Redondela.

    Esa mesma tarde “e faltando ás máis elementais normas ética institucional” o PP convoca unha reunión cos veciños e veciñas de Cabeiro, San Estevo e Vilar para explicar a situación, reunión na que tamén estaba presente o xefe territorial de Infraestruturas e Transportes. “É dicir, –apunta a alcaldesa– o PP convoca unha reunión en tempo preelectoral para explicar aos veciños e veciñas como solucionar un problema que os propios populares crearon dende a Xunta de Galicia”.

    Na reunión de onte con José Luis Díaz Yáñez, acordouse facer unha nova reunión cos veciños das anteditas parroquias “incluíndo tamén a veciñanza de Trasmañó e Chapela” que están afectados pola reordenación das liñas de transporte interurbano.

    Asi mesmo, facilitarase á veciñanza que fagan as súas achegas e suxestións para facelas chegar á Xunta de Galicia “previo paso polo departamento técnico do Concello”. Digna Rivas subliñaba que “este Goberno, ao contrario que facía o anterior executivo do PP, traballa sempre da man dos técnicos e técnicas”.

    A rexedora local considera “estraño á vez que irresponsable” que por parte do PP se lle diga á veciñanza que poden presentar propostas directamente “a sabendas que a veciñanza non ten os coñecementos técnicos precisos para que ditas propostas sexan tidas en conta”.

    En todo caso, Digna Rivas reafirmase na súa intención de “facer valer os dereitos dos veciños e veciñas” pese aos “burdos e torpes intentos do PP de sacarlle rendibilidade electoral a un serio problema co que se enfronta a veciñanza no que é unha clara falta de respecto a veciños e veciñas”, conclúe.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.