A Escola Profesional do Alto Miño Interior (EPRAMI) de Monção acolleu, onte sábado, a presentación oficial da que será a vixésimo novena edición da ‘Feira do Requeixo e o Mel’ das neves que se desenvolverá os días 11 e 12 de abril, e que contará cun amplo abano de actividades. O acto de presentación contou coa presenza do alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez; o vereador de Acción Social, Cultura e Turismo de Monção, João Oliveira; a concelleira de Cultura das Neves, Rocío Barreiro e o presidente da Cooperativa do Requeixo das Neves, Alejandro Martínez.
Xosé Manuel Rodríguez Méndez, que na presentación subliñaba a importancia de “dar valor ao noso produto e ás persoas que se involucran con él”, facía especial fincapé na presentación desta festa ao outro lado da raia xa que, asegurou, “somos un espacio internacional que sabe e debe aprender a convivir e a potenciar todas as cousas que temos en común”.
O alcalde das Neves, subliñaba o traballo que realizaban os profesionais da hostalaría, “para incidir intelixentemente” sobre un produto extraordinario e destacaba a importancia de incorporar, a unha festa gastronómica, “elementos que teñen que ver cos nosos sentimentos, coa nosa capacidade de sentir a música, de sentir a gastronomía… Trátase non só de facer unha festa senón de involucrar mesmo emocionalmente, a toda a sociedade”.
“Estamos de noraboa, por unha banda, por ter a capacidade de facer este acto aquí, –afirmaba Rodríguez Méndez– de ter a capacidade de ser positivos e construír o territorio que queremos e, por outra temos que estar moi felices porque somos capaces de espertar o interese da cidadanía, dos medios de comunicación que observan a celebración desta Festa como algo máis que gastronomía”.
O rexedor local nevense remataba sinalando que para o Concello das Neves, esta Festa é “un día grande” non só pola potenciación da mel e o requeixo como produtos de calidade, senón como labor “para colocarnos no foco de visión da xente que nos rodea” e, nesa liña, explicaba que as actividades que se desenvolven, “non só teñen a finalidade festiva, senón que teñen moito que ver co valor que lle damos ao produto e o valor que lle damos a todas e cada unha das persoas que se involucran na potenciación do mesmo”.
Unha unión aínda máis estreita entre As Neves e Monção
Pechou o acto oficial de presentación o concelleiro de Acción Social de Monção quen asegurou que “hoxe estamos todos na casa” e que amosou o seu orgullo porque o lar desta cita fose a Escola de Monção que “é unha referencia, no eido gastronómico, dentro e tamén fora da nosa vila”.
João Oliveira, asegurou que “quen vai As Neves á Feira do Requeixo e do Mel acaba sendo cliente dos seus produtos”, anunciou que Monção e As Neves traballan nun proxecto conxunto que vai a estreitar máis a relación entre os dous pobos e concluiu asegurando que “cando un camiña so vai máis rápido, pero quen camiña acompañado chega máis lonxe”.
Un amplo programa de actividades
As actividades do programa desre ano empezarán xa domingo 15 de marzo, coma explicou Rocío Barreiro, concelleira de Cultura do Concello das Neves, coa ‘IX Ruta BTT O Requeixo’, organizada pola ACD Sanomedio, dende as 08:30 h.
O xoves, 2 de abril ás 15:00 h, será o día do III Concurso de Receitas con Requeixo de As Neves, no Obradoiro da EFA A Cancela; o día 3, dende as 11:00 h, celébrase o ‘Requeixo Miúdo’, actividade educativa con requeixo e mel, no CEIP Marquesa do pazo da Mercé e o día 4, ás 10:00 h, a disputa do Campionato de Badminton IITTR As Neves Vila do Requeixo e Mel, no Pavillón Municipal. Ás 19:30 h, na Casa da Xuventude, apertura da Exposición Fotográfica do GDR COndado-Paradanta, ‘Visións do Territorio’, que estará aberta ata o día 19.
O martes, día 7, dende as 17:00 h, no Centro Social, Xornada técnica sobre ‘O requeixo como produto galego con indicativo de calidade’, impartida por técnicos da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, e cata comentada por técnicos de Taste-Lab. O mércores, día 8, ás 20:00 h., no Auditorio Municipal, actuación da Banda Xuvenil da Banda de Música Municipal de Rubiós.
[su_image_carousel source=”media: 12776,12774,12773,12772,12771″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Días de feira venres e sábado santos
Os actos do primeiro día da Feira do Requeixo comezarán o Venres santo, día 10 de abril, ás 11:00 h. coa apertura da Feira; seguida da Recepción na Casad do Concello; ás 12:00h., o Pregón Gastronómico, a cargo do Chef Iñaki Bretal, integrante do Grupo Nove, do Restaurante O Eirado de Leña, galardoado cun Sol Repsol no ano 2020.
De seguida entrega de premios do III Concurso de Receitas con Requeixo das Neves. Ás 12:30h. Animación musical a cargo de Cé Orquestra; ás 16:30h. Radio Bulebule, actuación infantil a cargo de Paco Nogueiras e ás 20:30h., na Praza Maior, concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.
O segundo día da feira, o sábado, 11, a apertura será ás 12:00h. que dará paso, ás 13:00h, ao Vermú, amenizado por Os Monifates e ás 18:00h. Blues do País en concerto na Praza Maior.
De xeito permanente, durante os dous días da Feira haberá unha carpa de alimentación, carpa de artesanía e espazo infantil.
A presentación deu paso a unha degustación, na zona exterior da Escola, de pratos doces e salgados, elaborados polos chefs Fran Soteliño e Rui Ribeiro, cociñados na mesma escola e maridados con viños de Monçao.