Dende o pasado luns, 2 de marzo, está en funcionamento no Concello de As Neves un ‘Sistema de Control Horario’ dos traballadores e traballadoras municipais, que neste momento son 37 persoas e que no verán chegarán a 53.
O sistema, que rexistra ata 13 horarios distintos, coa xornada laboral xeneralizada de 35 horas semanais, permite ‘fichar’ dende o ordenador do traballo, dende unha aplicación móbil, dotada cun localizador GPS, ou nunha ‘tablet’ situada nas instalacións do Mercado Municipal.
Este programa, ademais do devandito control de entrada e saída de cada persoa, posibilita a consulta das solicitudes de días libres, incluídos os do alcalde e os concelleiros; facilita lograr outros dos obxectivos do mesmo: proxectar as tarefas de cada un dos departamentos municipais; saber se se cumpren as mesmas, determinar canto queda pendente e cando se vai rematar; saber si se dispón do número mínimo de profesionais en cada departamento; reformular horarios, labores e ocupacións ou facer a planificación de permisos e vacacións.