8.3 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui reclama igualdade real e efectiva coa campaña 'Somos e seremos Inmarcesibles',

    Tui reclama igualdade real e efectiva coa campaña ‘Somos e seremos Inmarcesibles’,

    A tudense Andrea González deu lectura ao manifesto, e presentáronse as primeiras Mulleres Senlleiras 2020

    A praza do Concello acolleu hoxe o acto institucional da campaña ‘Somos e seremos Inmarcescibles’ para conmemorar en Tui o Día Internacional da Muller. A lectura dun manifesto, poesía e a presentación dalgunhas das Mulleres Senlleiras 2020 centraron un evento que contou coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez; membros da Corporación municipal, representación de distintos centros educativos e público en xeral.

    Abriu o acto a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, reivindicando unha igualdade real e efectiva para as mulleres e todos os ámbitos da vida, e reiterando o compromiso do goberno municipal coa igualdade. Explicaba o lema da campaña e da palabra inmarcescible “que non murcha, que perdura sen perder a súa forza ou intensidade”, e dicía que “precisamente esa forza ou intensidade é a que nos identifica coma mulleres, e é a que nos fai saír á rúa cada 8 de marzo para reclamar a liberdade, a nosa propia pero tamén a de todas aquelas mulleres silenciadas pola violencia, polo simple feito de ser mulleres, e sobre todo polas que virán”. Afirmaba que o obxectivo da campaña é “visibilizar a todas e cada unha das nosas mulleres”.

    Ana Mª Núñez, expuña que “neste momento no que algúns pretenden alzar a voz máis forte, desacreditarnos e cuestionar os nosos dereitos e liberdades, temos que dicir alto e claro que non nos pararán, porque non imos abandonar, somos e seremos inmarcescibles”.

    A pianista tudense, directora do IKFEM e unha das Top 100 Mulleres Líderes en España, Andrea González, daba lectura ao manifesto no que se indicaba que “este non é un día de celebración, é o día para tomar conciencia e ser responsables. Y non só hoxe, senón todos os días, todos os anos”. Pese aos progresos dicía o manifesto “as mulleres e nenas seguen sendo infravaloradas; traballan máis, gañan menos, e teñen menos opcións; e sofren múltiples formas de violencia no fogar e en espazos públicos”. Tamén se referiu a ameaza de reversión dos logros feministas que tanto esforzo custou conseguir.

    Andrea González lee o manifesto no acto do 8M de Tui

    Andrea González sinalou que “o 2020 representa unha oportunidade excepcional para mobilizar a acción mundial con miras a lograr a igualdade de xénero e a realización dos dereitos humanos de todas as mulleres e nenas”. O manifesto concluíu indicando que “a construción dunha sociedade libre e xusta esixe a erradicación de todas as formas de discriminación e de violencia que sofren as mulleres polo feito de selo”, engadindo “Porque non hai liberdade sen dereitos humanos das mulleres, porque sen mulleres libres non hai democracia”.

    A poetisa tudense Emilia Rosende daba lectura a tres poemas seus coa muller coma protagonista.

    Amais foron presentadas as “Mulleres Senlleiras de Tui 2020”, un proxecto para dar visibilidade a mulleres anónimas que se realiza en colaboración cos centros educativos tudenses. Hoxe deron a coñecer as súas Mulleres Senlleiras o CEIP Pazos de Reis que presentou a Vanesa Estévez Martínez de 33 anos directiva nunha empresa internacional. O seu afillado Jorge Martínez explicaba orgulloso que xa de pequena “tiña moi boas dotes para a organización” e “converteu o seu xogo de pequena no seu traballo de maior”. Tamén dende o CEP de Pazos de Reis Lucía e Ángel Benade presentaron a Natividad Nieves Claudia de la Fuente de 95 anos que tivo 10 fillo, ten 20 netos e 21 bisnetos e foi comadroa, e a Rosa Mª Velasco Puente de máis de 70 anos que foi profesora de inglés “axudando con esta lingua a moitas persoas en Tui nunha época na que case ninguén falaba esa lingua”.

    Dende o CEIP de Guillarei presentaron a Chelo, de 91 anos, da que falou a súa bisneta, Lorena Rodríguez, que a cualificaba de “muller única, porque sempre loitou pola súa familia e aínda segue loitando”. Amais Gabriel Novás presentaba a súa avoa Mª Delia Dacunha Ferreira unha muller a que dicía “é única e especial” e que na súa vida tivo que percorrer un longo camiño “sen deixar de sorri, ser humilde e bondadosa”.

    Dende o CEIP nº1 dúas foron as Mulleres Senlleiras Propostas. Natalia Lago Bravo, educadora ambiental que traballa no Parque Natural do Monte Aloia foi a Muller Senlleira que presentou Martín Álvarez do CEIP nº 1 da que dicía lle gusta pensar que “grazas a ela algún neno ve a natureza dun xeito distinto”. O seu compañeiro Javier del Valle falou da futbolista Sara González “Sara Tui” que vivía fronte á casa dos seus avó e que foi campioa do Mundo coa Selección Española de Fútbol Praia.

    Por ultimo dende o CEIP de Randufe quixeron recoñecer a Pilar Vila González e a Ana Mª Nogueira García. Xiana Sampedro falou da súa avoa Pili que “dende moi pequena tivo que facer fronte a demasiadas responsabilidades e traballos excesivos para a súa idade” pese ao que “nunca perdeu o bo humor e as gañas de loitar”. E Vera Álvarez e Uxía López explicaron que consideran que Ana Nogueira porque é “unha defensora dos dereitos dos animais, e en 1995 xunto a outras persoas fundaron unha Asociación Protectora de Animais” e levan 25 anos coidando de cans e gatos que non teñen un fogar os 365 días do ano.

    Precisamente estas mulleres, xunto as propostas polos outros centros educativos tudenses, serán retratadas pola artistas Gemma Marqués, e as obras conformarán unha exposición que se abrirá o 27 deste mes.

    A programación continua mañá sábado

    A programación “Somos e seremos Inmarcescibles” continua mañá ás 20 h na Sala Félix Rodríguez, na Área Panorámica, co monólogo “En que pensan as mulleres”. Baia Fernández de la Torre, artista, poeta e terapeuta da risa. E ás 22 h celebrarase preto de 80 mulleres asistirán á Cea Homenaxe ás Mulleres no Parador de Turismo, organizada por mulleres de Tui na que colabora o Concello de Tui.

    O domingo, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ás 12 h celebrarase unha concentración na Praza da Inmaculada. A continuación o Club de Lectura do IES San Paio levará a cabo unha lectura de poemas, e continuación Xoana presentando o seu traballo musical “Dardos”.

    Ás actividades continuarán a próxima semana, o martes, 10 de marzo, ás 19 h co obradoiro ‘Mulleres fronte ao espello’ impartido pola coach Hérika Míguez. O mércores 11 de marzo ás 10 h está previsto un almorzo informativo sobre o Pacto de Estado no que intervirá Laura Seara, avogada e exsecretaria de Estado de Igualdade. Trátase dun evento dirixido a empresas, profesionais, centros educativos, administracións, e público en xeral. Ambas citas serán na Sala Xacobeo da Área Panorámica. Xa o venres, 13 de marzo, ás 19 h no Espazo Xove na rúa Sanz terá lugar o taller ioga e meditación “Equilibrio mente e corpo” a cargo de Vanesa Rodríguez Martínez. Nestas tres actividades é recomendable inscrición previa en igualdade@tui.gal ou no 986 60 36 25 ext 54.

    A programación continuará até o 28 deste mes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.