Mércores, 11 Decembro de 2024

Luís Bará: “O BNG é a ferramenta máis valiosa para liderar o cambio que Galiza precisa”

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, asegurou en Tomiño que “o BNG é a ferramenta máis valiosa para liderar o cambio que Galiza precisa”. Así o manifestou na inauguración do novo local do BNG en Tomiño, onde estivo acompañado pola alcaldesa Sandra González e outros membros do goberno local, afiliados e simpatizantes.

Bará subliñou que o BNG, reforzado coa experiencia e bagaxe de gobernos locais prósperos e con programas exitosos como o de Tomiño, encara o camiño cara ao 5A de maneira animosa e con moita enerxía, convencido de que será a alternativa galega para dar un tempo novo ao país. “Galiza non precisa cambios cosméticos, precisa cambios de fondo para saír desta década escura, e o BNG e o mellor antídoto e antítese contra o voto do PP”, dixo.

O nacionalista fixo fincapé en que o Bloque ten un proxecto de futuro para Galiza e unha candidata que será a mellor presidenta: “O 5A temos a opción de que Galiza sexa gobernada dende aquí, da man da única forza política coas mans libres, e coa mellor candidata, Ana Pontón, que entrará na historia por ser a primeira muller, feminista e nacionalista, que goberna na Xunta de Galiza”.

O cabeza de lista animou á mobilización e puxo sobre a mesa a importancia de que se active o voto da xente moza e das persoas rebeldes e descontentas coa situación de parálise que está a vivir Galiza. “Todas as persoas que lle queren a este país saben que poden poñer as súas esperanzas en nós para que este país teña un futuro mellor”, afirmou.

Abrirse á veciñanza

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, manifestou que o Bloque abre unha nova sede local para abrirse aínda máis á veciñanza e facer das novas instalacións un lugar de debate e encontro con vocación de permanencia. Salientou que é preciso fortalecer o espazo do BNG non só no Concello a nivel institucional, senón tamén apostando pola organización nacionalista como tal, xa que é a que define o modelo a seguir para aumentar a calidade de vida da cidadanía con propostas claras como a recuperación do espazo público.

A rexedora salientou que o BNG de Tomiño participará de maneira activa na campaña de cara ás eleccións galegas do 5A e instou á veciñanza do concello a subirse con ilusión, optimismo e confianza ao proxecto do BNG “propio, xenuíno, diferente e beneficioso para o país”.