O Goberno local de Redondela vén de recibir un informe da Xunta de Galicia no que se comunica que, por parte da administración autonómica, procedeuse a desestimar todas as alegacións presentadas contra a instalación dunha casa de apostas na vila. Centros de escritos de asociacións e particulares, pedían “a denegación da licencia de apertura e actividades así como a revogación da autorización concedida pola Xunta en 2019”.
Un dos puntos nos que máis fincapé facía a ‘Coordinadora contra a Casa de Apostas’ era á que facía referencia á distancia mínima a centros oficiais de ensinanza regrada esixida na normativa. Sinalábase nas alegacións que o local da rúa Ernestina Otero “atópase a menos de 150 metros do Conservatorio”. Nese sentido manifestábase na prensa no mes de novembro o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ao manifestar que a casa de apostas “cumple” coa legalidade “ao estar ubicada á distancia mínima que marca a ley” da zona escolar onde se concentran tres institutos, un colexio, unha escola infantil e o Conservatorio.
A Xunta de Galicia, explica o Concello de Redondela, rexeita tamén no seu informe os outros tres argumentos esgrimidos nas alegacións: razóns de saúde pública, horario de apertura e estar en zona de dominio público marítimo terrestre explicando o informe que, no que aos ruídos atinxe, antes do inicio da actividade a empresa terá que presentar un estudo emitido por unha entidade acreditada que avale que cumpre a normativa.
Pola súa banda, o Concello de Redondela procedeu no seu momento a tramitar o expediente como licenza municipal en lugar de facelo como comunicación previa “ao entender que se trataba dun asunto de interese público que afectaba á cidadanía”. Con ese fin, abríase un período de información pública e procedía á publicación do correspondente anuncio no BOP, a fin de que interesados e interesadas puideran presentar as alegacións que considerasen oportunas.
Tralo informe da Xunta, o Concello de Redondela, como administración pública, “ten a obriga legal de tramitar cada expediente con dilixencia e, unha vez realizados todos os trámites correspondentes e emitidos os informes preceptivos, ditarse a resolución correspondente”.
A alcaldesa de Redondela Digna Rivas, que lamentou o rexeitamento das alegacións veciñais, lembrou que “non son eu a que decido que empresas exercen as súa actividades na Vila, sexan ou non do meu agrado, senón que son as leis, aprobadas nos parlamentos, as que autorizan ou impiden este tipo de actividades”. Rivas asegurou que “a nosa obriga, como representantes da cidadanía, é loitar pola modificación desas leis”.
De acordo coa licencia concedida o local contará con capacidade para 109 persoas e con 18 máquinas recreativas, así como varias ruletas ou máquinas multiposto. En canto ao horario de apertura, poderá abrir ata as 2:00 horas tal e como establece a normativa que regula este tipo de negocios, podendo ampliar o seu horario unha hora máis as vésperas de festivo e os propios festivos, así como as noites do xoves, venres, sábado e domingo.