Xoves, 15 Maio de 2025

A Concellería de Cultura de Ponteareas aposta por un Día das Letras Galegas virtual con dúas interesantes actividades

A Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas vén de animar a toda a cidadanía a participar nas iniciativas ‘Tesouros da Lingua’ e ‘Carvalho na rúa voz’, promovidas con motivo do Día das Letras Galegas que, por mor da pandemia do Covid-19, non poderá contar coas súas tradicionais actividades de rúa o vindeiro 17 de maio.

Por ese motivo, o Concello de Ponteareas aposta pola celebración dun Día das Letras Galegas virtual para lembrar á figura do homenaxeado, Ricardo Carvalho Calero, intelectual e escritor que defendeu e promoveu a cultura e lingua galega.

As iniciativas postas en marcha pola concellería de Cultura serán o concurso “Tesouros da Lingua” no que poderás enviar un debuxo coa túa palabra avorita en galego acompañado do cancelo #tesourosdalingua e a iniciativa “Carvalho na túa voz”, na que os e as participantes gravarán un vídeo coa lectura dun texto da obra ou con algunha frase sobre a súa figura.

As bases poden consultarse na páxina web do Concello ou directamente nesta ligazón https://ponteareas.gal/servizos/cultura/bases-cultura/

Os traballos deben enviarse ao enderezo electrónico [email protected]

Ademais, a programación deste Mes das Letras da Concellería de Cultura e Lingua inclúe a gravación dun vídeo cunha breve biografía de Carvalho Calero realizado por persoas de Ponteareas.

Así mesmo, a Concellería programa actividades para o tempo de lecer da infancia, como un contacontos en lingua de signos e outros contacontos, actividades musicais a cargo de grupos do noso concello, actividades relacionadas cos tradicionais maios e o anuncio dos gañadores de #OlibrodaTúaVida.

O AECT Miño consegue o compromiso da Delegación do Goberno de interceder ante os ministerios de Sanidade e Interior para a apertura de máis pasos na fronteira do Miño

O director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, manifestou a súa “satisfacción” trala reunión co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a quen trasladou a petición da apertura de máis pasos na fronteira de Portugal para aliviar a situación de milleiros de traballadores e traballadoras que só poden cruzar a ‘raia’ polo paso de Tui-Valença e realizan rodeos de ata 100 quilómetros. O delegado comprometeuse a interceder para solucionar a problemática, dixo Benítez, e agora é necesario ver como se resolven os trámites.

No encontro, Javier Losada afirmou que remitirá no día de hoxe un informe ao Ministerio de Sanidade –que capitanea o mando único no Goberno central durante a crise da pandemia–, e tamén ao Ministerio de Interior –responsable do control das fronteiras–. Nese documento, solicitarase ao Executivo madrileño que abra novas vías de conexión co país veciño e que teña en conta a problemática e particularidade da fronteira do Miño, a máis poboada e dinámica entre España e Portugal. Nese sentido, o deputado Benítez destacou que só os concellos da ribeira teñen máis de 150.000 habitantes, ampliándose ata 400.000 na área de influencia, “cidadáns europeos que viven na mesma fronteira do río e que teñen o problema de que teñen pechados os pasos fronteirizos”, lembrou.

No encontro, ademais de Benítez estivo presente o vicedirector do AECT Rio Minho e presidente da câmara municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Brito Nogueira, así como o secretario xeral da Delegación do Goberno en Galiza. O AECT comprometeuse a enviar toda a información da que dispón para xustificar a súa solicitude, principalmente o avance do estudo realizado pola Universidade de Vigo sobre o impacto socioeconómico do peche da fronteira, e un dossier sobre as casuísticas singulares que viven traballadores e traballadoras da zona. Esta documentación sumarase á xa remitida a finais de abril, coa declaración de todas as alcaldesas e alcaldes do territorio transfronteirizo, que xa entón solicitaban a apertura da fronteira e a coordinación entre os gobernos centrais de Madrid e Lisboa.

Así mesmo, o AECT trasladará tamén á Delegación do Goberno todos os pasos que vaia dando o Goberno portugués co fin de chegar a unha solución consensuada e coordinada. Nestes momentos, segundo Losada manifestou á directiva do agrupamento transfronteirizo que aínda non hai ningunha data oficial marcada para a reapertura xeral da fronteira.

Tras finalizar o encontro, Benítez manifestou a súa satisfacción pola rapidez coa que o delegado “nos deu a cita, a atención que nos prestou, e a dilixencia coa que vai remitir o informe”. Pola contra, foi crítico co presidente da Xunta, tamén presidente da Comunidade de Traballo Galiza e Norte de Portugal, ao que se lle fixo tamén o pasado sábado unha solicitude de reunión dende o AECT: “Non entendemos que non teña contestado á solicitude de reunión urxente, porque entendemos que esta problemática é clave para Galiza”, subliñou Benítez.

A Universidade de Vigo, hai que lembrar, realizou un estudo sobre o impacto económico do peche da fronteira pola COVID-19 a instancias do AECT e da Deputación de Pontevedra no que se indica que o territorio do Miño está a sufrir un doble impacto económico: polo parón na actividade xeral con motivo da pandemia e pola súa situación como fronteira. Entre outras cousas, dado que nestes momentos só está habilitado un só paso entre ambos países, traballadoras e traballadores teñen que dar rodeos de ata 100 quilómetros para acudir aos seus postos, algo que economicamente fai que nalgúns casos nin sequera sexa rendible.

Salceda de Caselas porá en marcha un Gabinete Psicolóxico

O Concello de Salceda botará a andar este ano un gabinete de atención psicolóxica que xorde ante a necesidade de proporcionar apoio e asesoramento psicolóxico individual e familiar a todas as persoas que o precisen, sendo previamente derivadas dende os Servizos Sociais. O gabinete suporá un investimento anual de 10.925 €, e estará financiado dentro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O servizo, tal e como explica a concelleira de Benestar Social, Gela Ledo, Co “da resposta a unha necesidade da poboación cada vez máis urxente, que ante as carencias do servizo ofertado polo SERGAS precisa dunha resposta máis cercana e inmediata”

O servizo está pensado para público de tódalas idades, tanto maiores como menores de idade. O gabinete servirá tamén para traballar de xeito grupal e coas familias interesadas diferentes aspectos relacionados coa educación de crianzas e adolescentes, e para sensibilizar e previr en saúde mental a través de charlas informativas dirixidas ao alumnado ou á poboación en xeral. Cabe destacar que este gabinete actuará en coordinación con outros servizos e programas que ofrece o Concello como os Servizos de logopedia e Atención Temperá, o Programa ‘Cultiva a Mente’ ou o II Plan Municipal para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes, entre outros.

Trátase dunha necesidade que o Concello de Salceda viña detectando nos últimos tempos pero que se ve acentuada en momentos de crise como o que estamos a vivir na actualidade, polo que dende o equipo de goberno se decidiu reservar unha partida do Plan Concellos para a posta en marcha do servizo.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda fixo fincape no feito que “xa ven sendo un costume que os Concellos asumamos competencias que non son nosas, e temos a responsabilidade de levalas adiante, porque coñecemos as necesidades da nosa xente e queremos coidala” polo que alcaldesa agarda “que as demáis administracións tomen nota, pois precisamos financiación para poder ofrecer este tipo de servizos tan necesarios sempre, pero agora máis que nunca”.

Os Servizos Sociais de Tui coordinan a atención as persoas vulnerables durante o estado de alarma

0

Detectar e prestar atención ás persoas en situación de vulnerabilidade, facilitar material de protección e coordinar a atención foron tres dos eixos sobre os que xirou o traballo dos Servizos Sociais Comunitarios ao longo das últimas semanas coa crise do Coronavirus. Este departamento municipal mantivo o traballo dende a casa do concello contando co apoio continuado da Policía Local e Protección Civil.

O servizo reforzouse nas últimas semana coa contratación dunha terceira traballadora social.

Coa declaración do Estado de Alarma, o pasado 14 de marzo,  dende os Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Tui púxose en marcha un procedemento de coordinación co Centro de Saúde, a través da traballadora social, as residencias de maiores, o Centro Sociocomunitario e outras entidades prestadoras de servizos socias para detectar e poder prestar atención ás persoas vulnerables ante a nova situación derivada da COVID19.

Do mesmo xeito estableceuse un sistema de coordinación do Servizo de Axuda no Fogar, o programa Cultiva a túa Mente que se realiza xunto con AFAGA e ARI.

Coas tres residencias que hai na cidade, San Telmo, Paz e Ben e Doroteas, levouse a cabo unha estreita colaboración proporcionándolles material de protección coma xel hidroalcólico, mascarillas, batas, buzos, gorros, e realizando semanalmente desinfeccións.

[su_image_carousel source=”media: 15092,15094,15095″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Do mesmo xeito facilitáronse mascarillas e batas ás traballadoras dos dous servizos de axuda no fogar, SAF, que hai no municipio, un deles de xestión municipal e outro de xestión privada. Neste estado de alarma rexistrouse a alta de dous usuarios no SAF para servizos de 20 horas para a adquisición de alimentos e acompañamento, e está en proceso unha nova alta. Tamén de forma temporal rexistráronse algunha baixas debido á permanencia no domicilio dos coidadores habituais ou para previr contaxios.

Por outra parte habilitouse un programa de vivenda, a través dun convenio de colaboración cun albergue local, para dar atención ás persoas sen teito que nese momento había na cidade, ou que debido ao peche das fronteiras se viron inmobilizados en Tui. Catro persoas permanecen neste programa.

Arranca na rede a escrita de ‘Caramomia’, a novela xuvenil interactiva promovida pola Deputación de Pontevedra

Coa presentación do primeiro dos seus catro personaxes principais, Roque, arrancou hoxe na rede Instagram a novela ‘Caramomia”, a nova iniciativa cultural que promove a institución provincial e que busca implicar á mocidade na lectura a través da publicación por entregas desta historia xuvenil de misterio. Trátase dun proxecto que está asinado a Oito Mans por dúas e dous dos autores máis recoñecidos da comunidade, Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico (pseudónimo de Miguel López) e que se pode ler tamén na propia web da Deputación de Pontevedra. Como explicara a presidenta Carmela Silva na súa presentación, esta iniciativa remarca o firme apoio e o compromiso da Deputación coa cultura e, máis particularmente, cos escritores e escritoras galegos, apostando así mesmo por “un novo modelo interactivo e dixital como instrumento de creación literaria”.

A historia de ‘Caramomia’, que vai dirixida á mocidade a partir dos dez anos, foi ideada por estes catro creadores nestes días de confinamento e a ficción transcorre tamén na corentena. Está protagonizada por catro rapaces, Roque, Brando, Mafalda e Mabel e, como apunta a súa sinopse, haberá un feito que altere a monotonía dos días de illamento: o roubo dunha valiosa peza do museo. As sospeitas das crianzas xiran en torno á “Caramomia”, para eles unha señora pouco recomendable á que cómpre vixiar moi de preto. Por iso emprenderán unha investigación na que non só van ser eles os protagonistas, senón que tamén o serán os lectores e lectoras da novela, xa que eles poderán decidir como queren que avance a trama e as accións dos personaxes.

Así, despois dos catro primeiros capítulos (amais dos luns publicaranse o mércores, o venres e o sábado), que servirán para a presentación dos protagonistas e da trama, a partir da semana que ven ao final de cada entrega establecerase, como explicou a autora Ledicia Costas, un sistema de votacións no que se darán opcións para que os e as lectoras decidan por que camiño vai avanzando a resolución do misterio. Amais, destacou tamén que a historia antiga terá “unha importancia moi relevante, de aí o título de Caramomia” e apuntou que o deseño gráfico da novela é de Daniel Landesa.

Neste primeiro capítulo lanzado na mañá de hoxe a iniciativa arrancou en Instagram con preto de 350 seguidores. A historia publicarase ata o 20 de xuño nesta rede e na web da Deputación, e iranse compartindo tamén os enlaces nos outros perfís da institución provincial nas redes sociais, Instagram, Twitter e Facebook.

Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico traballarán en equipo e iranse repartindo a escrita dos 24 capítulos desta novela interactiva nun reto que eles definiron na presentación de Oito Mans como “unha aventura” e, ao mesmo tempo, subliñaron que a proposta lles serviu para reinventarse trala situación de confinamento que detivo todas as axendas culturais.

Carmela Silva anunciou tamén na presentación do proxecto que, unha vez rematada a súa publicación virtual, a idea é que a institución provincial edite en formato papel esta obra. “Estes proxectos tan novidosos teñen que quedar para a posteridade”, apuntou. A presidenta incidiu en que o apoio á industria cultural, “amais de ser unha convicción desta Deputación, a considero unha obriga, aínda agora máis necesaria nesta crise sanitaria, onde a cultura encheu todos os espazos da nosa vida”. E fixo un chamamento a todas as administracións “para que dediquemos unha parte relevante dos nosos recursos á cultura” e ao conxunto da sociedade “para que consumamos cultura”.

Oia reanuda o proceso selectivo para a contratación de 10 persoas ao abeiro do Plan Concellos

0

Tras a suspensión de todos os procedementos nas Administracións públicas por mor do estado de alarma para xestionar a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, este luns 11 de maio reanúdase o proceso selectivo para a contratación de 10 traballadores ou traballadoras ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O proceso selectivo retomarase co establecemento de tres días hábiles para a subsanación outorgada ao candidato excluído, a mesma fase na que se tivo que suspender o procedemento.

Rematado o prazo de subsanación publicarase a listaxe definitiva de persoas admitidas no proceso, o tribunal e as datas de baremación de méritos. O último paso do proceso será a celebración de diferentes probas selectivas.

Todo o proceso levarase a cabo durante o mes de maio, coa previsión de que as persoas que finalmente pasen o proceso selectivo comecen a traballar o próximo 1 de xuño de 2020. Todas as contratacións serán a xornada completa e terán unha duración que oscilará entre os seis e os nove meses dependendo do posto ocupado.

Estas 10 contratacións fanse ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2020, destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. En total serán 3 persoas para o posto de oficial albanel, unha persoa para o de oficial electricista, outras catro persoas que se dedicarán á recollida de lixo e limpeza viaria, unha persoa para condutor/a-operario/a de maquinaria forestal con motor en xeral e outra persoa para a ocupación de auxiliar domiciliario.

Hoxe entraron en vigor as medidas de seguridade para a reactivación do ttransporte público de competencia autonómica

Hoxe entraron en vigor as novas medidas para a reactivación do transporte público de viaxeiros de competencia autonómica en condicións de seguridade para usuarios e traballadores. A orde, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado venres, 8 de maio, recolle as medidas que se aplicarán para garantir, en todo momento, a seguridade de traballadores e viaxeiros e facilitar a atención ás necesidades de mobilidade, de acordo á evolución da situación sanitaria.

Estas medidas son de aplicación nos servizos de transporte público terrestre de titularidade da Xunta que se desenvolven integramente no territorio galego e nos de transporte marítimo que se levan a cabo entre portos ou puntos da Comunidade Autónoma.

A dita orde especifica que a reactivación paulatina da actividade no transporte se establecerá en función da evolución epidemiolóxica na que se atope Galicia para garantir en todo momento un transporte seguro e, de feito, distingue diferentes tipos de servizos de transporte e horarios (en períodos punta e val) segundo as unidades territoriais establecidas pola autoridade sanitaria.

A orde publicada detalla medidas comúns de protección da saúde e hixiénico-sanitarias que deben adoptar as persoas viaxeiras e o persoal de condución ou acompañante, pero tamén especificacións para a limpeza dos vehículos e embarcacións e para as infraestruturas de transporte (estacións de autobuses e paradas), así como a disposición de elementos de sinalización recordatorios das prohibicións, obrigas e recomendacións en materia de hixiene.

Para acceder ao transporte público e mentres permanezan no seu interior, os viaxeiros teñen a obriga de usar máscara, sendo recomendable tamén o emprego de luvas. Deben manter -na medida do posible- as distancias de seguridade (dous metros) durante o acceso e saída dos vehículos ou embarcacións e, se presentan síntomas ou consideran que teñen probabilidade de infección, deberán absterse de empregar os ditos servizos. Aconséllase que as persoas especialmente vulnerables non fagan uso do transporte público.

Ademais, recoméndase realizar o pago mediante a Tarxeta de Transporte Metropolitano ou por medios tecnolóxicos similares para evitar o contacto co persoal de condución. En calquera caso, instalaranse dispensadores de xeles hidroalcohólicos en todos os vehículos e embarcacións, sendo obrigatorio o seu uso antes e despois de realizar o pagamento cando se realice en metálico.

En canto ao persoal de condución ou acompañante, están na obriga de usar máscara ademais de dispor dos equipos de protección determinados polos servizos de prevención de riscos laborais e respectar as medidas en materia de hixiene, saúde pública e seguridade no traballo. Ademais, deben informar e orientar de xeito adecuado aos viaxeiros.

No que respecta á capacidade dos vehículos e embarcacións, a oferta de prazas dispoñibles debe limitarse á metade da súa capacidade, debendo garantir que non se ocupe máis dun asento da mesma fila, excepto por familias ou persoas que convivan xuntas, nin asentos contiguos, ademais de impedir a ocupación da primeira fila detrás do condutor.

Recoméndase, ademais, a instalación de mamparas ou pantallas transparentes que separen o dito posto da zona empregada polos usuarios. Nos vehículos con prazas de pé, deberase manter o distanciamento físico entre as persoas usuarias co fin de manterse en valores inferiores a dúas persoas por metro cadrado.

Extremaranse as medidas de limpeza: cada cambio de quenda recoméndase realizar unha limpeza, debéndose desinfectar completamente os vehículos ou embarcacións, cando menos, unha vez ao día. Ademais, sempre que sexa posible, manteranse ventilados de xeito natural.

Nas estacións de autobuses de viaxeiros e nas principais paradas disporanse elementos de sinalización que permitan o mantemento dunha distancia física de, cando menos, dous metros entre as persoas usuarias e darase a máxima difusión de todas as pautas que publiquen as autoridades sanitarias e que resulten pertinentes.

Oferta de servizos

A oferta de servizos de transporte público regular de titularidade da Xunta que se desenvolvan dentro da mesma unidade territorial será dun mínimo 80 % en horario punta, é dicir, entre as 06,00 h e as 09,30 horas e entre as 13,00 h e as 16,00 horas dos días laborais e dun 50 % en horarios val. Esta oferta de servizos reducirase nun mínimo do 50 % cando se trate de servizos de transporte a desenvolver entre dúas unidades territoriais diferentes.

As empresas concesionarias dos servizos de transporte público adaptarán a súa oferta de servizos de tal xeito que se lle garanta á cidadanía o acceso aos principais servizos básicos e centros de traballo. Ademais, poderán intensificar a súa oferta nas franxas horarias de maior demanda coa finalidade de mitigar o efecto das restricións da capacidade máxima dos vehículos e deberán dar a máxima información aos usuarios sobre a oferta de servizos.

Durante a situación do estado de alarma e ata que se retome a actividade lectiva no ensino obrigatorio, os servizos de transporte público regular de viaxeiros por estrada de titularidade da Xunta prestaranse coas condicións estipuladas para os días “non lectivos”.

Coa orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia a Xunta establece medidas para reactivar os servizos de transporte público de viaxeiros dun xeito paulatino e coa máxima seguridade de acordo á realidade das necesidades de mobilidade existentes no territorio e á evolución da situación sanitaria, garantindo, en todo caso, as medidas sanitarias e de saúde e de hixiene necesarias e que a cidadanía poida acceder aos seus postos de traballo e aos seus servizos básicos coas máximas garantías.

EU Ponteareas propón a creación dunha oficina única para todo o relacionado coa crise da COVID-19

Esquerda Unida Ponteareas vén de propoñer ao Concello de Ponteareas a creación dunha oficina única de información con respecto a todo o relacionado coa crise da COVID- 19 “á que a veciñanza de Ponteareas poda recorrer para aclarar as súas dúbidas”. Isto serviría tanto para facilitar a vida da veciñanza como para axudar a que se cumpran as normas por parte da mesma.

Dende o comezo da crise provocada pola pandemia da COVID- 19, dende as distintas administracións, tanto do estado como autonómica e local, estanse a tomar diversas medidas para dar resposta a esta situación.

Isto, apunta Esquerda Unida, “está a xerar unha cantidade inxente de leis, ordes, interpretacións, recomendacións, subvencións e demais normativa que fai que á cidadanía séxalle particularmente difícil facer un seguimento actualizado da realidade normativa na que nos atopamos”. Sendo os concellos as administracións máis achegadas á veciñanza corresponderíalle a estes resolver as dúbidas que vaian aparecendo e garantir con iso que toda a cidadanía acceda aos dereitos que lle corresponden.

Colaboración entre os concellos do Condado da Paradanta

Doutra banda, EU propuxo ao alcalde de Ponteareas que promova unha reunión cos alcaldes dos concellos do Condado e da Paradanta “co obxectivo de poñer en común as súas respectivas realidades para poder explorar as posibilidades de colaboración e de respostas conxuntas co obxectivo de que ningunha persoa quede desatendida”. Unha colaboración neste sentido podería aliviar a carga aos distintos municipios da contorna ao mesmo tempo que serviría de exemplo de traballo solidario, polo que agardamos que o alcalde e o goberno local de Ponteareas teña a ben acoller esta iniciativa.

Esquerda Unida de Ponteareas chama a atención sobre o feito de que “se algo nos está a ensinar a crise provocada pola pandemia do COVID-19, é a importancia das respostas colectivas ante novos retos”.

A actual crise provocada pola pandemia do COVID-19 está a poñer a proba a capacidade de resposta dos concellos ante as dificultades económicas e sociais polas que atravesan as súas veciñanzas nestes momentos. Ademais, hai que ter en conta que a realidade dos distintos municipios é moi diversa, tanto en capacidade económica e de recursos como na situación social. A estas alturas da crise, xa todos os concellos son conscientes das súa capacidade real de resposta ante as necesidades e das carencias materiais, de persoal e de medios en xeral que dificultan a súa xestión.

Neste contexto, o Concello de Ponteareas ten unha especial relación coas localidades da súa contorna, tanto a nosa propia Comarca do Condado como coa limítrofe da Paradanta. Deste grupo de municipios, o de Ponteareas é o que ten máis habitantes e capacidade económica e ao mesmo tempo é o que ten unha poboación menos envellecida.

O Concello da Guarda solicita a Portos de Galicia e Costas do Estado a anulación da taxa de terrazas do ano 2020

O concello da Guarda aprobou, no pleno extraordinario celebrado o 5 de maio, unha modificación da ordenanza fiscal de ocupación por terrazas. A nova redacción conleva a anulación da taxa por mesas e cadeiras en solo de competencia municipal. Trátase de tomar unha medida económica que non grave, durante este ano 2020, aos bares e restaurantes coa taxa de terrazas. 

Dado que dun bo número de terrazas atópanse en solo de competencia de Portos de Galicia e algunha de Costas do Estado, o alcalde dirixiu sendos escritos ás dúas administracións solicitando que de forma excepcional, durante o ano 2020, adopten as mesmas medidas que xa tomou o concello. En aras de facilitar a recuperación do sector da restauración, un dos máis castigados pola crise.

Compre salientar que ante a situación de emerxencia sanitaria provocada pola pandemia orixinada polo virus COVID-19 que está a provocar graves prexuízos para a economía, o concello da Guarda está tomando unha serie de medidas para favorecer a recuperación económica, entres elas está a anulación da taxa de terrazas.

Ademais o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, adquiriu o compromiso de ampliar a superficie das terrazas de competencia municipal alí onde fora posible, recurrindo incluso a peonalización dalgunhas rúas se houbera demanda por parte dos establecementos.

Redondela publica as bases para a concesión de axudas sociais específicas da COVID-19

0

O Concello de Redondela vén de anunciar a publicación das bases e convocatoria que rexerán a concesión de subvencións de Axudas Sociais COVID-19, unha iniciativa orientada a dar resposta á crise provocada pola expansión do coronavirus e a conseguinte paralización de sectores económicos que supoñen o cese da actividade laboral.

Esta situación extraordinaria fixo precisa a articulación dunha serie de medidas urxentes “capaces de dar resposta ao impacto que esta crise produciu sobre moitos traballadores e traballadoras e persoas autónomas”.

Así pois, aínda que o Concello conta cunha ordenanza de Emerxencia Social, esta nova axuda considérase como unha “ferramenta exclusiva” orientada a dar resposta a esta situación concreta. Esta liña de axudas sociais, polo tanto, constitúen “prestacións non periódicas de carácter económico a través das cales preténdese dar resposta a situacións extraordinarias de carencia e emerxencia que poidan derivar en situacións de risco de exclusión ou vulnerabilidade social tras a declaración do estado de alarma”.

Esta axuda única de carácter económico está dirixida a persoas que carezan de medios económicos suficientes ante unha situación de desemprego ou perda do seu poder adquisitivo e que causara un forte impacto económico na renda familiar a consecuencia da situación actual sobrevinda pola declaración do estado de alarma por COVID-19.

Dado que o que pretende o Goberno local, explica a alcaldesa Digna Rivas, é outorgar axudas urxentes “estas deberán tramitarse á maior brevidade posible e destinándose unicamente ao dar resposta a situacións extraordinarias de carencia e emerxencia”, sempre baixo a responsabilidade da persoa solicitante “e a supervisión do persoal técnico dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos”, engade a alcaldesa.

Para esta situación extraordinaria o Goberno local destinará, inicialmente, un orzamento de 100.000 euros”, sen prexuízo, engade Digna Rivas “que a evolución da situación faga necesario incrementar esta cantidade máxima sinalada previa habilitación orzamentaria”. Ao mesmo tempo, e dado o carácter extraordinario desta subvención, “será compatible con outras subvencións, axudas ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, salvo as subvencións concedidas polo Concello”.

As bases especifican tamén que, “en ningún caso” o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras Administracións Públicas ou doutros entes públicos ou privados, “supere o custo total dos gastos xustificados nesta convocatoria”.

Persoas beneficiarias

Para poder acceder a esta liña de axudas as persoas solicitantes deberán cumprir estes requisitos:

  1. Ser maior de 18 anos ou estar emancipado legalmente, ou, no seu defecto, ter iniciado o trámite legal de emancipación.
  2. Carecer de medios económicos suficientes ante unha situación de desemprego ou perda do seu poder adquisitivo a consecuencia da situación actual sobrevinda pola declaración do estado de alarma por COVID-19.

Esta situación porase de manifesto cando nunha data posterior á declaración do estado de alarma (14 de marzo), a persoa solicitante finalizara a súa relación laboral, se lle aplicara un expediente de regulación de emprego temporal ou como traballador por conta propia cesara a súa actividade ou sufrira unha diminución da súa facturación.

  1. Estar empadroada/o no Concello de Redondela.
  2. Acreditar a situación de carencia en tempo e forma, colaborando coa administración para facilitar esa acreditación e segundo o requirido polo persoal técnico.
  3. Achegar a documentación requirida en cada caso

As solicitudes deberán ser presentadas no Rexistro Xeral da Casa do Concello de xeito presencial ou ben por medios electrónicos. No caso de presentación presencial, as persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude no modelo oficial, acompañada da documentación esixida e debidamente cuberta e asinada tendo en conta que, neste caso e mentres non se produza a finalización do proceso de desescalada, poderá ser precisa a cita previa.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude por medios electrónicos a través da sede electrónica do Concello de Redondela, debendo proceder a súa sinatura a través dos mecanismos admitidos na sede electrónica á que se pode acceder dende esta ligazón.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou a consideración “extraordinaria” destas axudas que, afirma, “deben dar resposta rápida, urxente e áxil a unha situación moi complicada pola que están a pasar moitos dos nosos veciños e veciñas”. “A nosa obriga, como administración máis próxima á cidadanía, é habilitar os recursos e as ferramentas que contribúan a paliar os efectos desta crise”.

Rivas concluíu asegurando que “todas e todos xuntos fixemos fronte a esta situación, e todos e todas xuntos sairemos dela sen que ninguén quede atrás”.

A Deputación mellora nas neves a seguridade viaria da EP-4201 no treito Setados-Ribarteme-Vide

0

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno o proxecto de execución da obra de mellora da seguridade viaria na estrada EP-4201 Setados-Ribarteme-Vide, situada no concello das Neves, entre os puntos quilométricos 0+000 e o 3+930. Deste xeito, os traballos de saneamento deste tramo contan cun orzamento de 335.501,15 euros e cun prazo de execución de seis meses.

En concreto, entre as melloras a realizar polo ente provincial, atópanse a renovación da sinalización e do firme da vía a través de saneamentos e cunetas de seguridade. En concreto, a actuación contempla o tratamento superficial, o fresado e a reposición do pavimento e a renovación de pintura. Con este investimento, a Deputación reforzará a seguranza da rede viaria de estradas enmarcada no modelo de mobilidade provincial e, á súa vez, fomentará a creación de emprego co obxectivo de dinamizar a economía e apoiar ás empresas da contorna.

O mercadillo de Sabarís reinicia a súa actividade o luns 11, de xeito parcial e só con postos do sector agroalimentario

0

O vindeiro luns, 11 de maio, o mercado de Sabarís reiniciará a súa actividade, suspendida dende a declaración do estado de alarma no pasado mes de marzo. A reapertura programada polo Goberno de Baiona, realizarase de ‘xeito escalonado’ para poder ir adaptando esta cita semanal dos luns “a esa nova normalidade que nos toca vivir e que, en moitos aspectos, marcará un antes e un despois da crise da COVID-19”, explica o alcalde, Carlos Gómez.

Este primeiro mercadiño trala súa reapertura, estará cinguido exclusivamente ao sector agroalimentario e, en total, se instalarán 20 postos. Non será a única novidade xa que tamén terá un pequeno cambio na súa ubicación, pasando a ocupar o treito da rúa Julián Valverde comprendido entre o cruce coa avenida José Pereira Troncoso e a praza de Vitoria Cadaval.

Cómpre salientar que o Plan para la transición hacia unha Nueva Normalidad sinala que os Concellos, para retomar a actividade dos mercados ao aire libre, deberán garantir “as condicións de distanciamento entre postos” e ademais especifica claramente que ditos mercadillos “deberán estar delimitados para o correcto control do aforo por parte das forzas de seguridade”.

O alcalde de Baiona explica, ademais, que os diferentes postos deberán garantir as medidas de seguridade da sua clientela “poñendo a disposición da mesma luvas e xel hidroalcohólico, dado que estamos a falar de postos agroalimentarios nos que se deben extremar as medidas hixiénicas”. O rexedor local fixo un chamamento “á responsabilidade dos veciños e veciñas” á hora de evitar aglomeracións e tentar manter, “en todo momento, as distancias de seguridade recomendadas nas disposicións do Goberno de España”.

A progresiva ampliación do mercadiño darase a coñecer aos interesados e interesadas coa suficiente antelación quedando, en todo caso, supeditada á situación sanitaria do momento é ás normas ditadas polas administracións competentes.

Estamos “nunha fase moi delicada na que a responsabilidade de todos e cada un dos veciños e veciñas, é fundamental para que poidamos ir saíndo pouco a pouco desta crise”, conclúe o alcalde de Baiona

Axentes da Policía Local do Porriño reaniman a unha nena de 2 anos que estaba atragoada e xa non respiraba

Dous axentes da Policía Local do Porriño lobraron reanimar con éxito, ao redor das 19:40 horas de onte sábado, a unha nena de 2 anos que estaba atragoada e xa non respiraba. Os pais da nena acudiron á Xefatura da Policía Local coa nena explicando que acababa de atragoarse na casa. Un dos axentes que estaban de garda, fixo a manobra de reanimación cardiorrespiratoria a que respondeu co éxito, namentres o outro axente solicitou unha ambulancia.

Cando chegaron os efectivos sanitarias, a nena xa estaba reanimada. Non obstante foi trasladada ata o Centro de Saúde do Porriño para a súa valoración.

Tanto dende a Alcaldía coma pola Concellería de Seguridade valorase moi positivamente a actuación dos axentes que ven a revalorizar a importancia da formación continua pola que aposta o goberno municipal porriñés.

Toda a plantilla da Policía Local recibiu e completou en 2019 un curso de reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibriladores (DESA) para poder atender emerxencias como a ocorrida onte. Ao mesmo tempo todos os vehículos de patrulla están equipados cun “DESA” que se engade ó restante material que levan para atender emerxencias.

De feito xa en novembro pasado, a dotación dun coche patrulla da Policía Local do Porriño atendeu a un condutor en parada cardiorrespiratoria que sufriu un accidente na rotonda do Cristo de Belén, acadando a súa estabilización ata que chegou a ambulancia do 061.

O Goberno de Redondela manterá as franxas horarias estipuladas no estado de alarma

0

A liberdade horaria anunciada pola Xunta de Galicia para 1.428 parroquias de toda a comunidade que terán liberdade horaria para pasear e facer deporte, non se aplicará no Concello de Redondela, segundo anunciaron onte a alcaldesa Digna Rivas e a segunda tenenta de alcalde e portavoz de AER, Susana Couñago, e, polo tanto, seguirán vixentes as franxas horarias establecidas no Decreto do estado de alarma.

En Redondela, segundo a comunicación da Xunta de Galicia, so manterían a restrición horaria Chapela e Redondela, anulándose no resto de núcleos rurais. O Goberno local considera que “ninguén, cun mínimo de responsabilidade, pode adoptar unha medida deste calibre, sen posuír datos fiables da evolución da COVID-19 no municipio, datos que a Xunta de Galicia nega reiteradamente a este Concello”.

A decisión do Goberno local ven motivada, asi mesmo, por outros factores como o feito de que a Secretaria do Concello non garante a seguridade xurídica da medida e que, pola súa banda, as notificacións da Policía Local, chaman a atención sobre que o comportamento da veciñanza “non está sendo todo o bo que debería ser para avanzar na desescalada”.

En todo caso, o Concello de Redondela adiantou a súa vontade de debater sobre a posibilidade de apertura de horarios nas parroquias pero, dita decisión, “aprázase ata o mércores, en que se celebrará unha xuntanza da Comisión de Seguimento, para acadar unha maior seguridade xurídica e consultar a aos grupos da oposición”, explican Rivas e Couñago.

En tanto non se celebre dita Comisión, en todo o termo municipal redondelán seguirán vixentes as franxas horarias establecidas no estado de alarma e a Policía Local manterá o seu traballo de vixilancia no cumprimento das mesmas.

O Goberno de Baiona explicará aos grupos da oposición o plan de seguridade para as praias cara ao verán

0

O vindeiro luns, o Goberno de Baiona dará a coñecer aos grupos da oposición as medidas de seguridade que se adoptarán nos areais do municipio, así como nas rúas máis céntricas do casco urbano e naquelas que maior afluencia de persoas rexistran ao longo do día. No que á seguridade nas praias fai referencia, o Concello realizará unha ‘proba piloto’ na praia de Ribeira coa intención de posteriormente, aplicala ao resto de areais con vistas ao comezo da tempada de verán e “para ir recuperando, paulatinamente e con moita precaución, a nova normalidade”, apunta o alcalde Carlos Gómez.

Trátase de buscar a forma máis eficiente de poder utilizar as praias sen que se produzan aglomeracións e podendo manter as distancias de seguridade. As medidas que adopte o Concello, subliña o alcalde de Baiona, “terán que ter o seu complemento na responsabilidade das usuarias e usuarios dos areais tendo en conta que, para chegar ata este punto, foron necesarios case que corenta días de confinamento cos prexuízos tanto sociais coma económicos que produciu esa situación”.

Doutra banda, o Goberno local tamén explicará o plan de seguridade previsto para as rúas de Baiona cara ao verán e que se centrará, especialmente, no Paseo de Alfonso IX, rúa Elduayen e as rúas do casco histórico para evitar, ao igual que nas praias, as aglomeracións de persoas.

As medidas adoptadas nas praias e rúas de cara a garantir o ‘distanciamento social’, terán a súa continuidade co estudo que realiza o Concello para que as terrazas poidan ampliar, na medida do posible, o espazo que teñen asignado.

Con esta medida o Goberno local busca “contribuír á recuperación do sector da hostalaría que, xunto ao comercio local, é un dos máis duramente golpeados por esta crise”. A ampliación das terrazas permite que os establecementos poidan manter case que o mesmo número de mesas e que, ao mesmo tempo, estas cumpran a distancia mínima de dous metros que establece a normativa “nun intento de minimizar o impacto que as normas de distanciamento social teñen sobre este sector”.

Non se pode esquecer, di o alcalde Carlos Gómez, “que estamos a falar dun dos enclaves turísticos máis importantes da provincia e de Galicia e, polo tanto, debemos adoptar medidas extraordinarias de cara a manter o nivel de excelencia que nos caracteriza extremando as medidas de seguridade”.

Para o rexedor baionés agora comézase a camiñar cara á nova normalidade “e precisamos facelo con grandes doses de sentido común e responsabilidade, a mesma da que fixeron gala, con creces, as veciñas e veciños de Baiona durante o confinamento”.

Nigrán convocará un pleno extraordinario telemático para aprobar o Orzamento 2020

0

O goberno de Nigrán convocará para este mes un pleno extraordinario telemático para presentar o orzamento de 2020 cunhas contas de 14.064.655 € e o recoñecemento extraxudicial de crédito para o pago de 100.676 € correspondentes a 141 facturas de traballos convintemente realizados.

As contas serán presentadas na comisión informativa do luns 11 de maio (que sí será presencial ao ser só de 6 persoas, gardando sempre a distancia de seguridade) e a sesión para aprobalas se celebrará na seguinte semana de xeito virtual tras adquirir o Concello o equipamento informático preciso (este programa permitirá celebrar telemáticamente plenos, aperturas de plicas, xuntas de goberno, comisións informativas, etc..)..

O documento orzamentario pasa de 15.676.749 € no 2018 aos 14.064.655 actuais ao retirarse das contas a partida destinada á construción da Biblioteca Municipal (1,8 millóns de euros) cantidade que se incorporará ao orzamento una vez aprobado, xa que a nova Biblioteca, en fase de contratación aínda que parada polo COVID-19, segue a ser unha prioridade.

Priorizar os Servizos Sociais

Novamente, o goberno de Nigrán dalle a máxima prioridade aos Servizos Sociais rexistrándose o maior incremento na partida de Axuda a Domicilio, que pasa de 165.000 € a 580.000 €, un 251 % máis. “O motivo é que queremos incluír a máis persoas beneficiarias e que os novos plegos de contratación reflexen unha suba do prezo por hora, o que sen dúbida repercutirá na calidade do servizo prestado”, explica o alcalde, Juan González, quen inciden que o contrato da concesionaria finaliza este ano.

“Cremos que, unha vez máis, teremos as mellores contas para Nigrán ao situar o benestar das persoas como eixo prioritario, aspecto fundamental nestes intres tendo en conta a forte crise económica que leva aparellada o Covid-19″, sinala o rexedor, Juan González.

Acorde co carácter progresista do goberno local e a súa política de inclusión real, as contas deixan patentes unha vez máis a prioridade na atención ás persoas incrementando os investimentos non só en Atención a Domicilio, senon tamén en emerxencia social un 50% (de 20.000 € a 35.000 €) e incorporando epígrafes novos como un campamento inclusivo co Juan María por 2.500 €, o programa Xacobeo-Autismo con Menela por 4.000 € ou unha partida de 20.000 € para a adquisición de máis equipamento deportivo adaptado que se sumará as bicicletas para persoas con diversidade. Tamén son novos os apartados que contemplan unha subvención ás comunidades de augas (10.000 €), obras de abastecemento (25.000 €), axuda á protectora Baisenpulgas (4.000 €), Xeodestino Ría de Vigo (5.650 €) ou Escolas Deportivas (35.000 €).

Aposta pola Cooperación

A aposta pola cooperación internacional deste Concello se manifesta na partida de 4.000 € de axuda ao pobo saharaui, xa que a causa do Covid-19 non se realizará o programa ‘Vacacións en Paz’ que permitía traer nenos a Nigrán e a toda España no periodo estival, por este motivo o Concello decide investir eses cartos cos que sufragaba os billetes de avión (e aumentalos de 2.500 € a 4.000 €) para destinalo a axuda humanitaria aos campamentos de refuxiados en Arxelia. “Estes nenos vivirán o verán nunhas condicións climáticas extremas que se unen a súa situación de pobreza; na súa estancia en Nigrán con familias non só acudían a revisións médicas e recibían tratamentos ou unha alimentación equilibrada, se non que levaban consigo moitos agasallos de roupa, material escolar etc. Desde o Concello de Nigrán non podemos pechar os ollos a esta realidade e abandonalos cando máis o precisan, por iso consideramos que debíamos manter a partida e aumentala co fin de achegar material humanitario a través da caravana que realizará Solidariedade Galega co Pobo Saharaui”, explica González.

A maiores, e dentro do Plan Concellos, se inclúe a reforma do paseo marítimo de Panxón por 122.332 €; os saneamentos de Carreiro, Carousa, PO-552 e Carrasca (incluíndo abastecemento) por 320.472 € en total; a restauración de sete lavadoiros (131.082 €) ou a reforma das antigas casas dos mestres de Vilameán en centro de ocio para maiores.

O coidado do Medio Ambiente é tamén unha prioridade do Concello, polo que se reflexa no borrador aumentando de 6.000 € a 15.000 € o apartado destinado á limpeza subsidiaria de fincas para evitar lumes; o mesmo sucede co eido da Igualdade a través do Centro de Información á Muller (CIM) pasando a 20.000 € (5.000 € máis que no 2018).

A Policía Local de Ponteareas detecta un “alarmante aumento” das infraccións dende a implantación das franxas horarias

A Policía Local de Ponteareas ven detectando un alarmante aumento das infraccións desde que o pasado sábado día 2 de maio se implantaron as faixas horarias de saída á rúa. Desde o inicio do estado de alarma a Policía Local levantou un total de 114 actas de denuncia das que máis de 20 se corresponden cos últimos días.

Segundo informa o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, a maioría das infraccións están relacionadas coa vulneración das normas de mobilidade. As denuncias máis habituais refírense a saídas fóra dos horarios autorizados, persoas en grupos, persoas acompañadas por outras alleas á unidade familiar e menores acompañados de dous adultos. Tamén se teñen detectado infraccións nos horarios reservados para os menores nos que se observaron nenos e nenas interactuando e compartindo xogos con moitos outros. Os seus pais ou nais foron denunciados por desentenderse dos seus fillos e fillas e do risco que corren para a súa saúde.

Entre as denuncias atópase unha a tres adultos que xunto con catro menores celebraban unha festa con bebida e música no parque de San Roque. Nestes días tamén foron denunciadas até dez persoas diferentes que se atopaban na Freixa fóra de horario e acompañados de máis persoas alleas á unidade familiar. Tamén destaca entre as denuncias a interposta contra unha persoa positiva de coronavirus e obrigada a permanecer en corentena, pero que foi inteceptada nun control da Policía. Outra persoa tivo que ser reducida e detida tras ser requirida pola Policía Local e darse á fuga pola beira do Tea. Neste caso e noutros, a infracción tramitouse como delicto e foi obxecto de xuízo nos xulgados de Ponteareas con condea ao infractor. Nun control tamén se detivo a unha persoa con orde de busca e captura que pasou a disposición xudicial. Ademais, unha media ducia de persoas foron reincidentes tras ser denunciadas varias veces.

Mera considera preocupante o nivel de incumprimento das normas por unha parte pequena da poboación, pero suficiente para “poñer en serio risco o sacrificio e o esforzo feito por toda a poboación. Co seu comportamento incívico, insolidario e inconscente as persoas infractoras están contribuindo a que se poida producir un rebrote da epidemia coas consecuencias sanitarias, sociais e económicas que tería”. O concelleiro felicitou á Policía Local que ven “actuando de forma exemplar, con risco para a súa saúde e cunha vocación de servizo público que todos e todas debemos agradecer”.

Por outra banda, a Policía Local informa que a emisión de música nos balcóns non se seguirá tolerando pois “unha vez que toda a poboación pode saír á rúa carece de calquera xustificación“. Varias persoas foron denunciadas durante o confinamento por poñer música por tempo prolongado causando molestias á veciñanza.

Diante desta preocupante situación a Policía Local reforzará nos vindeiros días a vixilancia e actuará co máximo rigor para frear as infraccións e protexer á maioría da poboación que cumpre escrupulosamente coas normas de distanciamento e seguridade.

O Concello de Redondela colabora coas mariscadoras na retirada de algas dos bancos marisqueiros

0

O concello de Redondela colabora coas mariscadoras na retirada de algas nos bancos marisqueiros. Concretamente na praia de Cesantes nunha xornada de traballo incansable das mariscadoras de Redondela retirando “abono”, como lle chaman estas mulleres do mar a esta manta de algas que se forma e que pon en perigo os cultivos dos bancos marisqueiros.

O Concello enviou un tractor para facilitar a retirada das algas e levalas a contedores para o seu traslado a un xestor autorizado. Con esta primeira actuación por parte do Goberno local, ponse un marcha unha campaña de colaboración con este sector do mar que continuará noutras xornadas onde sexa posible a retirada das algas. Cómpre salientar que hai zonas onde os medios mecánicos non poden acceder.

Unha colaboración da que se deu conta xa en diversas xuntanzas mantidas pola alcaldesa, Digna Rivas, coa Confraría de Redondela e o sector marisqueiro. Este cadro de colaboración leva estudándose dende o pasado mes de outubro por parte da Concellería de Medio Ambiente que dirixe Roberto Villar.

Este departamento que ten previsto reforzar a recollida de algas que realizan as mariscadoras, unha tarefa que se fai en días concretos e tamén en función das mareas ou das condicións meteorolóxicas.

Este reforzo realizaráse con persoal do Concello cando dean comezo as contratacións para da época estival, persoal que tamén se encargará de retirar e xestionar plásticos ou elementos contaminantes que aparezan nestas xornadas de colaboración.

Tui pon en marcha unha plataforma de venda online para o comercio local

0

O Concello de Tui ultima posta en marcha dunha plataforma de venda on line para o comercio que reúna nunha mesma tenda dixital todos os produtos que ofrecen os establecementos locais. Trátase dunha das medidas acordadas pola corporación municipal dentro do Plan de Reactivación Económica para apoiar ao comercio local e contribuír a paliar os efectos provocados pola crise da COVID-19. O concello de Tui financia e pon en marcha esta nova ferramenta coa que adaptarse aos novos tempos e aos novos hábitos de consumo e apostado pola profesionalización e a competitividade.

Trátase dunha aposta pola dixitalización nun novo escenario no que debido á pandemia do coronavirus se produciron cambios nos hábitos de compra dos consumidores. Con esta nova plataforma o produto local estará a un clic do consumidor que recibirá no seu domicilio a compra que poderá realizar dende unha mesma plataforma independentemente do tipo de produto ou comercio que o teña a disposición.

Un servizo web de carácter local e social

A Plataforma terá un mercado carácter local dunha banda porque serán os comercios tudenses os que a integren, e porque está desenvolvida por un emprededor local. Esta aplicación de venda online integrada polos establecementos tudenses prestará servizo a nivel local, pero en función da demanda poderá chegar a enviar os produtos a calquera punto do territorio nacional ou internacional.

O carácter social vén dado pola aportación que se realizará a causas sociais, destinando a este fin unha pequena parte das vendas xeradas, o que se traducirá nunha economía circular. Mensualmente se informará das aportacións realizadas e das causas cubertas.

A través deste novo espazo comercial virtual un cliente poderá mercar a través do móbil, a tablet ou o ordenador, produtos de alimentación, roupa, menaxe, ferretería… e recibilos nun mesmo envío ou en varios en función da disponibilidade do produto nese momento. Para a entrega a domicilio porase en marcha un sistema de loxística local que prestará o servizo. O pago realizarase, a través dun sistema seguro, na mesma plataforma.

Proximamente darase a coñecer o sistema para que os establecementos interesados en formar parte desta plataforma de venda on line soliciten a súa alta no mesmo.

A Deputación da un novo impulso no asesoramento TIC ao sector socioeconómico coa ampliación do programa SmartPeme

Co obxectivo de poñer en marcha novos proxectos de Smartpeme destinados a implementar as TIC en novos sectores socioeconómicos, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra da un paso máis no impulso deste programa de asesoramento tecnolóxico ás pemes e persoas emprendedoras e autónomas, coa ampliación do contrato de xestión en case 170.000 euros.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, detallou que “estes novos programas de implantación das TIC están dirixidos ao terceiro sector, ao turismo, tanto ao persoal técnico como ao sector, e tamén ao comercio minorista. Son moi potentes, engadiu, porque son sectores que van a precisar de ter instrumentos TIC que, nestes tempos, son unha ferramenta clave para poder reactivar a actividade económica, manter os empregos e seguir xerando beneficios”. Sobre a iniciativa destinada ao terceiro sector, Carmela Silva subliñou a súa importancia xa que “é o sector económico que permite que a xente máis vulnerable e a xente que está fóra do mercado laboral, por todo tipo de condicionamentos, poida ter vías de emprego, de xerar actividade e, en definitiva, ter dignidade de vida”.

Ao través desta nova inxección económica, vai desenvolverse unha carteira de servizos dirixida a entidades deste terceiro sector, impulsarase unha carteira de servizos para o comercio minorista e levaranse a cabo accións de asesoramento e de impulso ao turismo, destinado a persoal técnico dos concellos e persoal do sector. Tamén no turismo, impulsaranse, entre outras accións, novas accións entorno a Turistic, levando a cabo un novo evento Hackathon, neste caso online.

A presidenta da Deputación tamén adiantou que a mediados de maio porase en marcha un novo proxecto de asesoramento particular e permanente sobre as axudas que están en vigor tanto a nivel estatal como a nivel autonómico, destinado a pemes e persoas autónomas. “Falamos dun servizo de información práctica que permita responder ás súas dúbidas. Hai tantas axudas de diferentes administracións, tantos decretos e tantas normativas que moitas destas pequenas e medianas empresas non poden resolvelas ao non ter a capacidade para pagar a unha xestoría ou a unha consultaría”, dixo Silva.

Este servizo, que se activará desde o departamento de Emprego da Deputación e desde a Rede SmartPeme, analizará todas as novidades que afecten a persoas autónomas e pemes para poder facilitar este programa de asesoramento e información práctica. “Somos plenamente conscientes de que hai xente moi preocupada e con moitas dúbidas e por iso vamos a traballar para activalo o antes posible”, rematou a presidenta.

A alcaldesa de Salvaterra reunirase co comercio para deseñar unha estratexia conxunta para a promoción do sector

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, reuniuse hoxe sábado cos presidentes das dúas Asociacións de Comerciantes do municipio para explicarlles as medidas adoptadas ata o momento polo Concello na loita contra a COVID-19.

O Concello de Salvaterra de Miño desenvolveu dende o inicio da crise sanitaria medidas como o Plan de desinfección, axilizar os pagos a proveedores, aprazamentos de pagos de taxas e impostos delegados na ORAL e  a entrega de material protección a todos os establecementos que traballan directamente cara o público, consistente en mascarillas, pantallas de protección, guantes e xel desinfectante.

Ademais, Marta Valcárcel deu conta das accións que se levarán a cabo nos próximos días, como é o estudo do pagamento aprazado da taxa de auga e sumidoiros que xestiona directamento o Concello, a instalación de dispensadores de xel desinfectantes en diferentes puntos estratéxicos da Vila, a ampliación do espazo destinado a terrazas, en todos aqueles casos que sexa posible, e a adhesión do Concello a Plataforma de venta online Dbarrio, co fin de potenciar o comercio local.

Por último a Alcaldesa propúxolle as dúas asociacións un plan conxunto de promoción, ademáis de estudar o deseño de diversas accións máis ao longo dos seguintes meses.

A Feira do Viño do Rosal reinvéntase para adaptarse á nova realidade

0

Concello e adegueiros do Rosal traballan xa man a man para reinventar a Feira do Viño do Rosal e ofrecer un evento alternativo non presencial co que celebrar a XXVIIII edición os vindeiros 17, 18 e 19 de xullo. A situación pola que está a atravesar a sociedade a nivel mundial pola pandemia da COVID-19 fai que moitos eventos con alta afluencia de xente previstos para o mes de xullo non poidan celebrarse, polo menos non do mesmo xeito do que se viñan facendo ata o de agora.

“Readaptámonos á realidade que estamos a vivir e apostamos por facer un evento singular, diferente e histórico que marque un punto de inflexión na propia feira, lonxe de pensar en cancelar esta festa tan sinalada”, explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

O obxectivo da feira será continuar coa promoción do sector vinícola a través dunha experiencia innovadora, orixinal e moi participativa a través de medios non presenciais, pero mantendo a tradición e o espírito da feira. Deste xeito, Concello e adegueiros están traballando para pechar diferentes iniciativas para que as miles de persoas que adoitan acudir cada ano a esta feira poidan seguir desfrutando dela a través de canles dixitais e de ferramentas como o vídeo ou o streaming.

A organización fará un grande esforzo para implicar a toda a poboación, que xoga un papel moi importante cada ano na feira, polo que se ofrecerán alternativas para animar a participar ao maior número de xente posible. Ademais, todas as actividades buscarán tamén intensificar a labor de promoción tanto dos produtos de Denominación de Orixe Rías Baixas como das adegas que están detrás e da súa historia.

O AECT Río Minho pide unha reunión “urxente” con Núñez Feijóo para tratar as consecuencias do peche dos pasos con Portugal

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho vén de solicitar esta mañá formalmente unha entrevista urxente co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, co fin de tratar as consecuencias do peche dos pasos na fronteira con Portugal para as poboacións do Miño.

Benítez lembra que o 28 de abril os alcaldes e alcaldesas dun e outro lado da ‘raia’ asinaron unha declaración conxunta e enviáronlla ao mandatario autonómico para solicitar a súa implicación na reclamación de medidas urxentes que permitan facilitar a mobilidade de traballadores e traballadoras fronteirizos con máis pasos, así como a coordinación dos gobernos competentes para equilibrar a ambos lados as actuacións da desescalada. Sen embargo, ata o de agora a AECT non recibiu ningún contacto por parte da Xunta nin se coñece ningún movemento dado goberno autonómico para paliar os problemas no Miño, situación que contrasta coas reclamacións ante o Executivo central doutros gobernos autonómicos -como o de Extremadura-, que conseguiron más vías abertas con Portugal practicamente dende o inicio do estado de alarma.

O deputado lembra que Núñez Feijóo debe ter un importante papel nesta situación xa que alterna na presidencia e vicepresidencia da Comunidade de Traballo de Galiza-Norte de Portugal. Este organismo foi creado nos tempos de Manuel Fraga coa finalidade de favorecer unha dinámica conxunta entre Galicia e o Norte de Portugal para coordinar iniciativas e examinar as posibilidades de solucionar os problemas comúns, ou de contribuír á súa solución por medio de acordos ou de recomendacións e propostas ás autoridades competentes. “Feijóo debe actuar pola importancia que ten para a Eurorrexión Galiza Norte de Portugal o peche de fronteiras. Apelamos á súa responsabilidade neste conflito e a que deixe de estar ausente”, indicou o nacionalista.

O responsable do AECT Rio Minho explica que de celebrarse a reunión telemática urxente con Feijóo, tamén estaría presente o vicedirector da entidade e presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Brito Nogueira.

O AECT encargou á Universidade de Vigo un estudo sobre o impacto económico do peche da fronteira pola COVID-19 no que se indica que o territorio do Miño está a sufrir un doble impacto económico: polo parón na actividade xeral con motivo da pandemia e pola súa situación como fronteira. Entre outras cousas, dado que nestes momentos só está habilitado un só paso entre ambos países, traballadoras e traballadores teñen que dar rodeos de ata 100 quilómetros para acudir aos seus postos, algo que economicamente fai que nalgúns casos nin sequera sexa rendible.

Ante esta situación iniciáronse as reclamacións formalmente coa sinatura dunha declaración formal o pasado 28 de abril por parte das alcaldesas e alcaldes da raia. O documento foi remitido ao goberno central e ás delegacións, á Xunta, así como a diversas entidades co fin de buscar solucións inmediatas para a grave situación socioeconómica. Dende entón, estanse a celebrar unha serie de encontros con diferentes actores co fin de buscar unha solución inminente.

O último realizouse na tarde do xoves, cando o director e vicedirector da AECT se reuniron virtualmente co secretario xeral da Asociación de Rexiós Fronteirizas Europeas (ARFE) Martín Guillermo Ramírez, que se comprometeu a dar a coñecer a situación á responsable da CE, Ursula Von der Leyen.

O director da AECT lembra que o treito pontevedrés supón o 5% da liña de fronteira con Portugal en todo o Estado Español, se ben asume o 49% de todos os tránsitos de vehículos e persoas. É unha das áreas transfronteirizas máis dinámicas economicamente de toda Europa (ao estar no eixo Vigo-Porto), a que reúne máis poboación e, ao mesmo tempo, ten relacións sociais, culturais e lingüísticas moi profundas.

Segundo insiste o director da AECT, segundo pasan os días e a fronteira do Miño sigue mantendo un único paso aberto, a indignación medra tanto na poboación traballadora como nos representantes locais. Por iso, tamén se solicitará outra entrevista urxente co delegado do Goberno en Galicia, tamén coñecedor da declaración dos alcaldes e alcaldesas do Miño dende o pasado 30 de abril.

Redondela facilitará a ampliación das terrazas e peonalizará a zona centro durante as fines de semana

0

Persoal técnico do Concello de Redondela comezou onte cos traballos de revisión dos expedientes das terrazas dos establecementos hostaleiros de cara a estudar a ampliación do espazo que tiñan asignado. A medida ten como obxectivo permitir que poidan manter o espazo de seguridade dous metros entre as mesas “sen que iso supoña unha redución da capacidade e coa clara finalidade de beneficiar a recuperación do sector da hostalaría”, explicou a alcaldesa Digna Rivas.

Unha vez realizado o estudo dos expedientes, os servizos técnicos serán os que resolvan cada caso de xeito individualizado, para o que se terán en conta criterios urbanísticos e ambientais amais das características propias de cada establecemento.

A esta medida, explica a alcaldesa Digna Rivas, “engadirase a exención da taxa de ocupación das terrazas”. Non se pode esqueces, explica a alcaldesa, “que o sector da hostalaría xunto ao comercio de proximidade, é un dos máis duramente golpeados por esa emerxencia sanitaria logo de case que dous meses de paralización da súa actividade”.

Rivas fixo tamén un chamamento “á responsabilidade da veciñanza” a hora de afrontar esta entrada na fase 1 que previsiblemente comezará o luns 11 de maio, “un punto ao que se chegou logo de moitos esforzos e moitos sacrificios por parte da cidadanía e que non nos podemos permitir o luxo que, pola actitude inconsciente dunha minoría, teñamos que volver atrás”.

Doutra banda, a alcaldesa adiantou que o Equipo de Goberno traballa na posibilidade de peonalizar parte do centro urbano de Redondela durante as fines de semana, “de xeito que a veciñanza poida pasear mantendo a distancia de seguridade e evitando aglomeracións neses días de maior afluencia de persoas nas rúas”.

En principio, estúdase a peonalización da rúa Alfonso XII dende a Farola ata a Casa do Concello, mentres que en Chapela peonalizaríase toda o paseo de Arealonga. En todo caso, concluíu a alcaldesa de Redondela, “todas estas medidas estarían supeditadas a que, efectivamente, o luns poidamos entrar na fase 1 do ‘Plan de transición hacia una Nueva Normalidad’, establecido polo Goberno de España.

Ponteareas facilita o distanciamento social dando preferencia ao tránsito peonil no centro urbano

Trala peonalización dos sábados e festivos iniciada a pasada semana a concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe Roberto Mera dá un paso máis e adopta novas medidas de apoio á mobilidade peonil para garantir o distanciamento social na crise sanitaria. O concelleiro de Mobilidade e Tráfico lembra que “a rede peonil de Ponteareas é raquítica, ocupa só o 28 % do espazo público fronte ao 72 % que acapara o vehículo a motor. Este goberno tiña como obxectivo prioritario cambiar esta situación e a crise sanitaria obríganos agora a adiantar moitas das medidas previstas para os vindeiros anos”.

A nova medida será adoptada o luns a través dun bando do Alcalde Xosé Represas e consiste en cualificar as vías municipais do centro urbano como rúas residenciais. Esta declaración conleva a limitación da velocidade dos vehículos a motor a 20 km/h. Ademais, os condutores deberán conceder prioridade aos peóns e estes poderán utilizar a zona de circulación aínda que non deben estorbar innecesariamente aos vehículos. Os coches e motos poderán continuar estacionando nos lugares habilitados como aparcamento, agás nas zonas que se ampliarán para o tránsito peonil.

[su_image_carousel source=”media: 15016,15015,15014″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Complementando esta medida, establécese ademais que os peóns deberán camiñar pola beirarrúa da súa dereita. En consecuencia, a maioría das beirarrúas de Ponteareas serán de sentido único, pero os peóns poderán en calquera punto da calzada cambiar o seu sentido de circulación ou acceder a edificios ou establecementos situados no lado oposto. “Recomendamos que se o traxecto non é moi longo, se atravese nos pasos de peóns, pero os viandantes poderán acceder á calzada en calquera punto con coidado e os condutores deberán circular a 20 Km/h extremando as precaucións e respectando a preferencia dos peóns”, sinala Mera.

Dúas vías quedan excluídas desta regulación. Por unha banda a N-120 de titularidade estatal e, por outra, a Avenida de Castelao, de titularidade autonómica. Nesta rúa, non haberá preferencia peonil na calzada, pero a anchura das beirarrúas permite a circulación con seguridade nos dous sentidos. Con todo, o goberno local recomenda facelo pola dereita. O Concello solicitou esta semana á Xunta reducir a velocidade máxima de 50 a 30 km/h tal e como prevé o Plan de Mobilidade recentemente entregado ao Concello así como o sobreelevado de todos os pasos de peóns para o calmado da circulación.

As vías de plataforma única como Oriente, Esperanza, Enrique Troncoso ou Rogelio Groba manterán o seu carácter peonil.

O concelleiro sinalou que nos vindeiros días instalarase a sinalización tanto vertical como horizontal que recolle a nova regulación. Ademais, engadíu que “estamos revisando todos os itinerarios peonís para que teñan continuidade. Onde non hai beirarrúas ou son escasas estamos creando pasos peonís delimitados”. É o caso de tramos de Emilio Rodríguez, Amado Garra, Rúa Redondela, Concha Brey, Carballos, Castañal, Paseo Matutino, Constitución ou Castiñeira, entre outros, onde se están comezando a delimitar espazos para o paso de peóns e zonas de estancia para as quendas dos establecementos. A medida de coexistencia entre peóns e vehículos implicará o mantemento da meirande parte das prazas de aparcamento.

Mera adiantou que as seguintes fases de actuación a implementar progresivamente nos vindeiros meses irán referidos a dar seguridade a todos os pasos de peóns, crear novos aparcamentos periféricos e reordenar os sentidos de circulación de diferentes rúas. No primeiro caso os pasos de peóns disporán, como marca a normativa, de 10 metros libres de atrancos visuais como colectores ou coches estacionados.

Respecto aos aparcamentos periféricos prevese ao longo do ano a creación dun novo aparcamento con varios centos de prazas e a ampliación do de Granitos de Galicia. E en canto aos sentidos de circulación reordenaranse dacordo co previsto no Plan de Mobilidade para gañar espazo a favor dos peóns e evitar o chamado tráfico de axitación, vehículos que en lugar de estacionar nos aparcamentos exteriores entran no centro e dan voltas de forma continua.

A ‘feira dos sábados’ de Ponteareas abre mañá a venda de produtos agrícolas na praza de Bugallal

O Concello de Ponteareas deu conta hoxe da reapertura paulatina da actividade da ‘feira dos sábados’ que mañá reiniciará a súa actividade coa apertura de postos de produtos agrícolas (hortalizas, plantas, froitas…). Estes primeiros postos de venda ambulante de produción agrícola estarán ubicados na praza Bugallal para poder cumprir as esixencias de seguridade e distancia, estando os espazos delimitados e vixiados por Protección Civil.

O Concello lembra a todas e todos os veciños a importancia de “aterse ás recomendacións sanitarias e saír nas condicións e nos casos recollidos na normativa”.

Por outro banda, o goberno local lamenta o criterio “errático” da Delegación do Goberno. O luns día 4 de maio a Xunta de Galicia autorizou a celebración dos mercados e o Concello “comezou a contactar cos produtores e a preparar a loxística e organización da feira do sábado día 9”, explica o Goberno que preside Xosé Represas.

Porén, o xoves día 7 “a Delegación do Goberno, contra a decisión da Xunta de Galicia de permitir os mercados, anuncia a prohibición de celebración dos mesmos obrigando ao  Concello a desconvocar aos produtores”.

Vintecatro horas máis tarde, é dicir hoxe, a Delegación do Goberno “mudou o seu criterio e anuncia que agora “si” se permite a celebración véndose de novo o Concello obrigado a convocar a última hora aos e ás produtoras interesados en vender na praza Bugallal.

Nigrán realiza un novo reparto de alimentos non perecedoiros coa doazón de 1.000 euros de ‘La Flor de Nigrán’ e catro compras anónimas

0

O Concello de Nigrán realizou hoxe un novo reparto semanal de alimentos a domicilio para paliar os efectos socioeconómicos do Covid-19 en 78 familias do municipio, nesta ocasión foron produtos non perecedoiros procedentes dunha compra de 1.000 euros realizada solidariamente pola panadería-confitería ‘La Flor de Nigrán’ e outras catro compras anónimas cun valor aproximado de 300 €. O número de beneficiarios pasou de 21 familias antes da crise sanitaria a 78 na actualidade, todos derivados de Servizos Sociais.

Esta compra altruísta de ‘La Flor de Nigrán’ incluía 80 paquetes de galletas de almorzo, 35 unidades de cacao, 150 latas de peixe en conserva, 60 paquetes de lentellas, 27 de café, 40 de pasta, leite… Todo foi achegado esta mañá aos domicilios polo equipo municipal adicado á axuda a persoas en situación de vulnerabilidade ou especial illamento ante o Covid-19, servizo formado por todo o goberno local.

A semana pasada foi ‘Sal y Laurel’, empresa de Nigrán adicada á venda online a domicilio de peixe e marisco, quen doou 80 kg de cabala fresca; ou a Asociación de Pataqueiros de Xinzo de Limia con 800 kg de patacas ou a outras empresas do municipio colaboran asiduamente desde o inicio da crise, como Huevos El Rancho ou J. A. Blanco Patatas.

“As mostras de solidariedade son infinitas e sería imposible nomear a todas as persoas e empresas que teñen colaborado. Estamos moi orgullosos do comportamento do texido social e empresarial de Nigrán nesta grave crise sanitaria e que, desgrazadamente, conleva tamén unha grave crise económica para moitas familias que están desde hai xa más de un mes sen ingresos”, subliña o alcalde, Juan González, quen incide en que o número de unidades que precisan de alimentos ascendeu de 21 antes da pandemia a 78 na actualidade “pola perda dos postos de traballo que conleva o parón dos negocios”.

Agora Cañiza propón uns Pactos pola Reconstrucción económica e social do municipio

0

O voceiro de Agora Cañiza, Alexandre Iglesias, remitiu un escrito aos líderes de todos os grupos políticos do municipio na que propón a elaboración duns ‘Pactos pola Reconstrucción Económica e Social da Cañiza’. Iglesias considera que “é fundamentl deixar a un lado as diferencias políticas e traballar dende a unidade para saír adiante fortes”.

O portavoz de Agora Cañiza propón, nese escrito, a creación dunha Mesa de Traballo na que figuren representantes políticos, sociais, económicos e de todos os sectores da Cañiza. Dita mesa, explica Alexandre Iglesias, sería a encargada “de elaborar un borrador de propostas para afrontar a crise xerada pola COVID-19.

Asi mesmo, Iglesias tamén propón que a número 2 de Agora Cañiza, Vanesa Reza, licenciada en Dereito Económico e exconcelleira do PSOE, forme parte de dita mesa “á que podería aportar moito”.

O Rosal reanuda o luns 11 a atención ao público de xeito presencial

0

O Concello do Rosal xa está a tomar as medidas necesarias para a súa reapertura ao público o vindeiro luns 11 de maio. Ese día reanudaranse os servizos de atención ao público de xeito presencial, aínda que seguirá tendo carácter prioritario a atención telefónica e telemática, como viña sucedendo ata o de agora dende o comezo do estado de alarma.

Así, agás no Rexistro, todas as persoas que precisen acudir á Casa do Concello a resolver trámites nos distintos departamentos deberán pedir cita previa chamando ao 986 652 000. Tanto os veciños e veciñas que acudan ao Rexistro como aqueles que vaian á cita concertada con anterioridade deberán respectar os niveis de seguridade marcados no momento de acceder ás instalacións municipais.

Haberá en todo momento aforo limitado e o horario de atención presencial e telefónica será de 09 h a 14 horas. O teléfono de atención telefónica xeral será tamén o 986 652 000 e o correo electrónico de atención cidadá o [email protected].

Por outro lado, o Concello garantirá a reincorporación gradual e asimétrica dos centros de traballo de xeito presencial, que convivirá co teletraballo nalgúns casos e departamentos. Ademais, como medida de precaución, adaptarase a disposición do mobiliario dos servizos nos que resulte necesario para garantir a distancia de dous metros entre postos de traballo ocupados ou co público que acuda ao Concello e farase un esforzo extra no servizo de limpeza na Casa do Concello para garantir a desinfección periódica das instalacións.

Todas estas medidas, así como outras que se vaian implementando segundo necesidade, tómanse seguindo as recomendacións das autoridades competentes para a transición e volta á nova normalidade nas instalacións municipais garantindo a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras presenciais e das citas atendidas.

Toda a información será ampliada ou actualizada a través da web municipal, concellodorosal.es, e das páxinas oficiais do Concello do Rosal en Facebook e Twitter.

Tomiño aproba novas axudas de emerxencia por alimentos chegando a axudar, ata o de agora, a un cento de persoas

0

O Departamento de Benestar Social de Tomiño, vén de aprobar esta semana novas axudas de emerxencia por valor de 860 euros, destinadas a cubrir gastos de alimentos, transporte e internet para cinco novas familias(9 persoas, 340 euros) e tamén prórroga por alimentos para outras 4 familias (16 persoas 520 euros).

Deste xeito, dende que comezou o Estado de Alarma, o Concello aprobou axudas de emerxencia por alimentos para un total de 30 familias, 99 usuarios e usuarias, por un importe de 4640 euros.

Por outra banda, e sempre coa colaboración desinteresada da Agrupación de Protección Civil de Tomiño, repartiuse unha segunda remesa das máscaras hixiénicas confeccionadas pola rede de costureiras voluntarias en colaboración con ADETO e o Concello. Esta vez repartíronse 2.372 unidades, entre os mesmos 16 comercios asociados, que recibiron a primeira entrega, co fin de repartir as máscaras entre os seus clientes, recomendando sempre un uso responsable das mesmas.

A concelleira responsable da área de Benestar Social, Cristina Martínez, explicou que queda pendente “un terceiro reparto de máscaras previsto para a vindeira semana, cando se cumprirán dos meses desde a declaración do estado de alarma”.

A problematica do peche da fronteira do Miño chega á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen

A problemática do peche da fronteira no Miño con motivo do COVID-19 chegará á mesa da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. O secretario xeral da Asociación de Rexiós Fronteirizas Europeas (ARFE) Martín Guillermo Ramírez, comprometeuse co deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, a dar a coñecer de maneira inmediata e directa á responsable da CE o grande impacto económico que está a sufrir o territorio transfronteirizo do Miño polo mantemento dun único paso na fronteira para as traballadoras e traballadores da zona, unha das máis dinámicas de toda Europa. Martín Guillermo sinalou é preciso abrir máis pasos de maneira urxente, ademais de adoptar medidas e políticas de apoio para paliar os danos nos sectores produtivos.

Uxío Benítez e Martín Guillermo Ramírez reuníronse telematicamente na tarde de onte, ao abeiro dos encontros impulsados polo AECT Rio Minho con diferentes actores, nun encontro no que tamén participou o vicedirector do AECT e presidente da câmara municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Brito Nogueira. A Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa foi contactada como medio de facer presión para abrir a fronteira, xa que é a responsable de representar os intereses das rexións limítrofes ante as organizacións europeas e as autoridades estatais. Na actualidade reúne a máis dun cento de rexións fronteirizas e outras unidades territoriais rexionais e locais dos Estados membros da Unión Europea ou do Consello de Europa.

Benítez explicou a Ramírez as primeiras conclusións do estudo encargado á Universidade de Vigo pola entidade transfronteiriza, que apunta que o territorio da fronteira está a sufrir doblemente a situación derivada da COVID-19 tanto pola restrición de movementos xerais máis polo feito de ser fronteira. O nacionalista puxo sobre a mesa que o treito pontevedrés supón o 5 % da liña de fronteira con Portugal en todo o Estado Español, se ben asume o 49 % de todos os tránsitos de vehículos e persoas, xa que é unha das áreas transfronteirizas máis dinámicas economicamente de toda Europa (ao estar no eixo Vigo-Porto), a que reúne máis poboación e, ao mesmo tempo, ten relacións sociais, culturais e lingüísticas moi profundas.

Martín Guillermo Ramírez loubou a iniciativa da AECT de ter solicitado un estudo de impacto socioeconómico urxente á Universidade de Vigo, unha entidade que considerou relevante, e quedou impresionado polos datos presentados. Recoñeceu, de feito, que con motivo da COVID-19 os maiores problemas polos peches das fronteiras estanse a producir nos territorios nos que existen estruturas de cooperación estables e nos que as dinámicas de relación son máis intensas.

Ante a situación, o secretario xeral da ARFE comprometeuse a interceder directamente ante a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, para trasladarlle a problemática das rexións que están a sufrir unha situación tan grave como a de Pontevedra e o Norte de Portugal coa limitación no tránsito de persoal laboral en Europa. Ramírez sinalou que exemplificará a difícil situación das fronteiras concretando no caso do Miño transfronteirizo e nas eurorrexións xermano-polacas dentro dun amplo dossier, xa que lle parecen os casos máis significativos. Tamén sinalou que se porá encontacto con todos os ministros de Exteriores e de Política Territorial dos países da Unión Europea para tratar de buscar unha solución aos tránstitos transfronteirizos que involucre a toda a cúpula política europea.

A indignación medra

O AECT Rio Minho, pola súa banda, xa iniciara os seus contactos europeos previamente. De feito, remitiu xa o pasado 30 de abril á Comisaria de Política Rexional, Elisa Ferreira, a declaración asinada por todos os alcaldes da fronteira -tanto da parte pontevedresa como da parte portuguesa- defendendo a apertura de novos pasos fronteirizos, así como un programa de paliación dos efectos económicos e sociais da Covid-19 na fronteira. Este documento fora xa remitido tamén aos gobernos centrais español e luso, ao delegado de Goberno, ao presidente da Xunta, así como a diferentes representantes de entidades relacionados cos intereses do territorio da ‘raia’.

Segundo explica o director da AECT, segundo pasan os días e a fronteira do Miño sigue mantendo un único paso aberto, a indignación medra tanto na poboación traballadora como nos representantes locais polo “agravio” con respecto a outros territorios ante a inacción dos responsables políticos. Como exemplo, Uxío Benítez, expuxo o da comunidade autónoma de Extremadura que dende o inicio do Estado de Alarma mantivo varios pasos activos na fronteira e abriu outro este pasado luns, a pesares de que o número de traballadoras e traballadores que deben circular entre Extremadura e Portugal apenas chega á cuarta parte dos do territorio do Miño.

O Goberno de Redondela explica á oposición todas as medidas adoptadas dende o comezo da crise sanitaria da COVID-19

0

“Dende o minuto un da crise sanitaria, o Concello de Redondela puxo en marcha todos os mecanismos precisos centrados nun único obxectivo: salvagardar a saúde dos nosos veciños e veciñas e axudar aos sectores máis vulnerables”, asegurou a alcaldesa de Redondela Digna Rivas quen explicou aos grupos da oposición, de xeito detallado, todas as medidas que o seu Goberno desenvolvera ante unha situación de emerxencia “nunca antes dada e que, nalgúns aspectos, marcará un antes e un despois”.

A alcaldesa de Redondela, que fixo un percorrido cronolóxico polas medidas adoptadas, lembrou que no mesmo momento da declaración do estado de alarma “que abría un panorama totalmente descoñecido para as administracións locais”, o Concello procedeu a limitar a entrada aos cemiterios municipais, pechar todas as fontes públicas e interromper todos os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público.

Tamén, dende o primeiro momento da alerta sanitaria, púxose a disposición do persoal municipal que non podía acollerse ao teletraballo polas características do seu posto, xeles, máscaras e luvas para a súa protección.

O día 17 de marzo, púxose en marcha o protocolo de actuación do Centro de Información á Muller (CIM) pasando as tres profesionais que traballan nese servizo –psicóloga, avogada e técnica de igualdade– “a unha situación de comunicación permanente por se fora precisa a súa actuación nunha emerxencia tanto de xeito presencial como de atención telefónica ou a través de correo electrónico”.

Un día despois, o 18 de marzo, e a maiores das medidas de protección que se adoptaron dende o primeiro día, habilitouse un protocolo especial para tanto para a Policía Local, como para o SEIS (Servizo de Emerxencias e Incendios), medida que establecía controis de temperatura corporal, á entrada e saída de cada quenda, a maiores de limpeza e desinfección de vehículos e patrullas compostas sempre polos mesmos/as axentes.

Neses primeiros días procedíase xa a limpeza e desinfección a fondo dos espazos públicos na contorna de establecementos e servizos que podían abrir as súas portas –ao ser considerados como “esenciais” polo decreto de estado de alarma– e que, polo tanto, tiñan maior afluencia de persoas.

O 20 de marzo, habilitábase o permiso para que, persoas con discapacidade e un acompañante, puideran circular polas vías de uso público e, un día despois, o 21 de marzo o Concello comunicaba a suspensión de prazos no ámbito tributario.

Pasados eses primeiros días, o Concello puxo en marcha case que cunha periodicidade diaria, novas accións destinadas a prestar servizos á cidadanía, protexer os sectores máis vulnerables da sociedade e frear a expansión da COVID-19 e, citaba a alcaldesa, entre outras moitas a de determinar que as accións que precisasen a participación de voluntarios e voluntarias “se fixeran por parte de entidades dedicadas e constituídas específicamente para esas accións de voluntariado, ao contar con persoal voluntario debidamente preparado e capaz de facer fronte as diversas situacións que se podían presentar”, explicou a alcaldesa Digna Rivas.

Asimesmo, o Concello habilitaba a campaña #EstamosConVós, cun teléfono 24 horas para a atención específica de persoas maiores –e polo tanto máis vulnerables– ou pertencentes a colectivos de risco, servizo que se facía coa colaboración de Protección Civil. Do mesmo xeito, púñase en marcha o servizo telefónico de “escoita activa” coa colaboración da Cruz Vermella, para aliviar a situación emocional das persoas durante o confinamento.

Nesa mesma liña para facer máis doada a estraña situación de confinamento, púxose en marcha a iniciativa solidaria interxeracional coa que se enviaban cartas, debuxos, mensaxes de ánimo, etc,

Doutra banda, o Concello puxo en marcha campañas dirixidas a fomentar as compras na praza de abastos, posibilitando facer pedidos dende a casa e recolléndoos posteriormente sen esperas nin colas e mesmo con entrega a domicilio. Tamén, coa finalidade de axudar aos establecementos non considerados como “servizos básicos” e que, polo tanto, non podían abrir as súas portas, o Concello de Redondela habilitou unha plataforma online que, baixo o nome de ‘Redondela merca na casa’, permite mercar nos establecementos e que as mercadorías sexan levadas ao domicilio do ou da compradora.

Pola súa parte, os Servizos Sociais municipais habilitaron dende o primeiro momento, cheques comedor a través dun supermercado de Redondela, para que os nenos e nenas beneficiarios do comedor escolar puideran recibir, nos seus domicilios, menús equilibrados que garantisen unha correcta alimentación unha vez pechados os comedores escolares.

Tamén pensando nos nenos e nenas, o Concello en coordinación cos centros escolares e seguindo as directrices marcadas polas titoras e titores, encargouse da impresión e distribución a domicilio, das tarefas escolares para o alumnado que non dispuxese na súa casa de ordenador ou conexión a internet. Ese servizo sería ampliado posteriormente co reparto dos ordenadores que os centros escolares fixeron chegar ao alumnado que carecía deles e complementándoo coa compra, por parte do Concello, de routers de conexión a internet para os que careceran deste servizo e facéndose cargo das cotas de conexión ata o remate do curso escolar.

Pensando nas persoas que, pola súa idade ou o seu estado de saúde, eran “grupo de risco”, foron as destinatarias dunha primeira entrega de máscaras cirúrxicas homologadas que se fixo coa estreita colaboración das farmacias de todo o municipio, reparto que tamén se fixo, casa por casa, á poboación do rural para que puideran contar con medios de protección.

A maiores de todas as medidas adoptadas, o Goberno local de Redondela seguirá traballando en medidas dirixidas a diminuír o impacto desta crise sanitaria e económica nos sectores máis vulnerables da poboación, motivo polo que en breve procederáse á publicación das bases e convocatoria para a concesión de Subvencións de Axudas Sociais COVID-19.

Esta iniciativa, explicou a alcaldesa Digna Rivas, “permitirá articular unha serie de medidas urxentes para responder ás necesidades das persoas traballadoras e autónomos máis prexudicados polo dese da actividade laboral provocada pola COVID-19”.

A alcaldesa Digna Rivas adiantou que “ante o novo panorama que se debuxa coa chamada ‘desescalada’ o Concello irá adaptando, nuns casos, e poñendo en marcha noutros, novas medidas encamiñadas sempre á protección das nosas veciñas e veciños”.

A alcaldesa de Redondela asegurou que, agora, “toca pensar no futuro” e traballar “na dinamización da economía local” para o que adiantou a posta en marcha de diferentes medidas encamiñadas a axudar a Pemes e traballadores e traballadoras autónomos “medidas que serán consensuadas cos representantes dos sectores produtivos do municipio porque ten que ser un traballo non só do Goberno local, senón de toda a cidadanía no seu conxunto”.

O PP de Ponteareas doa o 50 % do salario para axudas a autónomos e empresas do municipio afectados pola crise da COVID-19

O PP de Ponteareas anunciou o ingreso do 50 % do salario correspondente aos meses de marzo e abril para axudas axudas aos afectados pola Covid-19. Os populares aseguran que para poder facer o ingreso “tiveron que insistir” para que o Concello lles facilitase o número de conta no que realizar dito ingreso.

Esta axuda será destinada, segundo o PP ponteareán, aos afectados pola crise sanitaria do Covid-19 en Ponteareas, “nun momento no que todo o mundo está a arrimar o ombreiro, vimos necesario estar á altura da situación” e lamentou que os demáis grupos da corporación “non se sumaran a esta baixada salarial para contribuír a axudar aos nosos veciños ”.

As críticas recibidas polo PP veñen dadas, ao entender da formación que encabeza Belén Villar, “porque non están dispostos a ser solidarios cos veciños do municipio e moléstalles que o PP cumprise este compromiso” e aseguran que “a cantidade podería ser moito maior se todos os grupos políticos aceptasen esta medida, lamentamos que non quixesen sumarse”.

Os populares seguirán descontando o 50% do salario mentres dure o Estado de Alarma. “Seguiremos facendo esta achega. Tiñamos outra opción que era doala ao número de conta habilitado polo Partido Popular tamén para axudar á causa, pero preferimos este método de doar o diñeiro ao noso municipio directamente”.

A Guarda abre o prazo para solicitar praza na Escola Infantil Municipal para o curso 2020/2021

0

O departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda deu conta as persoas interesadas da apertura do prazo de inscrición na Escola Infantil Municipal para o vindeiro curso 2020/21. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 11-22 de maio para nenos e nenas matriculados e con praza no curso anterior (2019/2020) e do 25 de maio ó 5 de xuño para nenos e nenas de novo ingreso.

A escola infantil municipal da Guarda é un centro de atención diurna de carácter socio educativo para os nenos e nenas de 3 meses a 3 anos de titularidade municipal.

Entre os seus obxectivos destacan a promoción e o fomento do desenvolvemento integral dos nenos e nenas e a aprendizaxe das habilidades cognitivas e creativas do neno e nena, facilitar a conciliación familiar entre a vida familiar e laboral, facilitar o desenvolvemento de valores individuais e sociais básicos: cooperación, solidariedade, respecto, etc…, lograr un equilibrio afectivo satisfactorio, respectar a singularidade e diversidade de cada menor, entre outros.

As familias interesadas deberán presentar a súa solicitude e a documentación requirida dentro do prazo establecido no regulamento de organización e funcionamento da escola infantil municipal publicado no BOP o 9 de outubro de 2009.

A documentación e impresos poderán descargala na web municipal e nas dependencias municipais ou nestas ligazons: documento para novo ingreso, documento para renovación. Para maior información dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda no teléfono 986 61 4507.

Cen familias de Mos recibiron hoxe a axuda alimentaria do programa ‘Mos Axuda’

0

Tras os repartos de alimentos a familias usuarias dos Servizos Sociais municipais a raíz desta crise da COVID-19 dos pasados días 3 e 8 de abril, o Concello de Mos realizou hoxe a terceira entrega de alimentos a familias do municipio no que vai de estado de alarma. O reparto hoxe fíxose entre 100 familias beneficiarias grazas ás doazóns a Mos Axuda de AFAMSA que doou 1.000 euros en leite, El Mar 500 Kg de conxelados, Noribérica 500 Kg de peixe conxelado, Rodicut3 caixas de alimentos doados polos seus propios traballadores/as, Montiño-Dicarvi 500 Kg de lacón e pavo e o Club de Leones 1.000 euros en tarxetas para compra en Eroski e Gadis. Co transporte dos alimentos colaborou tamén o hosteleiro Santiago Puertas.

Ademais dos habituais voluntarios/as cos que conta Mos Axuda, participaron no reparto de hoxe como voluntarios/as outros/as cidadáns e traballadores/as municipais; xunto con membros dos Servizo Municipal de Emerxencias de Mos e Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos e a alcaldesa e concelleiros mosenses.

[su_image_carousel source=”media: 14975,14973″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Nidia Arévalo, alcaldesa de mos, destacou que todo este gran número de persoas “que está ao pé do canón, tanto voluntarios como traballadores municipais”, non dubidaron en arrimar o ombro nestes momentos difíciles “e lles agradecemos enormemente a entrega total e absoluta a todos e cada un dos integrantes de toda esta cadea humana sen a cal isto non sería posible”.

Tanto voluntarios como empresas doantes fan posible altruísta e desinteresadamente que as familias mosenses máis necesitadas e con situacións máis sensibles e delicadas teñan cubertas as súas necesidades básicas durante esta pandemia.

A Deputación inxecta máis de 2,2 millóns de euros para a conservación de firmes nas estradas provinciais

O Goberno da Deputación de Pontevedra deu hoxe luz verde a unha inxección de máis de 2,2 millóns de euros destinada á conservación de firmes nas estradas provinciais. Esta adxudicación de contratos, distribuída en tres lotes por zonas xeográficas da provincia, completarase proximamente con outras dúas que permitirán seguir achegando recursos aos concellos para manter a rede viaria e impulsar a economía.

A presidenta, Carmela Silva, resaltou que “É fundamental facilitar a mobilidade e seguridade das persoas que empregan as estradas de titularidade provincial pero, ademais, con esta adxudicación de máis de 2,2 millóns, imos permitir que se reactive a actividade económica, o que significa tamén o mantemento do emprego”.

En concreto os máis de 2,2 millóns de euros aprobados pola Xunta de Goberno están distribuídos en tres lotes que afectan a tres zonas da provincia de Pontevedra. Así, preto de 712.000 € irán para estradas provinciais dos concellos de Ponte Caldelas, A Lama, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela, Soutomaior, Ponteareas, Salvaterra, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente. Nesta zona actuarase na EP 2900 Redondela-Ventosela (Redondela); EP 2908 Arcade-Amoedo (Soutomaior); EP 4102 Leirado-Lira (Salvaterra); EP 4202 Tortoreos-Rubiós-Carrasqueira (As Neves); EP 4303 Mondariz-Meirol (Mondariz); EP 4402 Mondariz Balneario-Vilasobroso (Mondariz-Balneario); EP 5006 enlace A Cañiza-Arbo-Crecente (A Cañiza); EP 5105 Covelo-Paraño (Covelo); EP 5205 Lomba- Albeos (Arbo) e EP 5304 Villar-Albeos (Crecente).

Por outra banda máis de 800.000 € distribuirase na zona que abrangue os concellos de Vigo, Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Salceda de Caselas, Mos, Redondela, Tui, Tomiño, Oia, O Rosal, A Guarda e Ponteareas. Nesta zona actuarase na EP 2001 Calvario-La Garrida, EP 2003 Coruxo-Canido, EP 2004 Beade-Carneiras e EP 2005 Meixoeiro-CUVI (Vigo); na EP 2501 Salceda-Picoña, EP 2503 Cerquido-Borralliño, EP 2504 Entenza-Soutelo e EP 2505 Salceda-Caldelas (Salceda de Caselas) e na EP 3102 Tomiño-Sabarís (Tomiño).

Finalmente preto de 700.000 € irán para estradas provinciais de Valga, Pontecesures, Catoira, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova e A Illa. Nesta zona as actuacións terán lugar na EP8504 Forno-Cernadas e EP 8505 Ferreirós-Vilar (Valga); na EP 8702 Catoira-Torres do Oeste (Catoira); EP 9001 Castrelo-Couto de Abaixo e EP 9005 Corbillón-Tremoedo (Cambados); EP 9101 O Grove-Igrexa de San Vicente, EP 9102 acceso mirador Siradella e EP 9103 rampla Meloxo (O Grove); EP 9205 Sanxenxo-Meaño, EP 9208 Noalla-Aios e EP 9212 Noalla-Praia da Lanzada (Sanxenxo); EP 9303 Meaño-Dena (Meaño); EP 9403 Santo Tomé-San Salvador (Meis); EP 9508 Lois-A Goulla e EP 9509 Os Muíños Novos-Tabueiros (Ribadumia); EP 9803 Vilanova-Pontearnelas (Vilanova) e EP 9801 Ponte-Laxes (A Illa de Arousa).

A presidenta provincial informou que aínda quedan pendentes dúas contratacións máis, para poder cubrir os 1.500 quilómetros de vías provinciais e garantir que se manteñan en “perfecto estado”. Neste eido, proximamente se adxudicará o contrato para estradas de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Moraña e Campo Lameiro. Tamén xa está todo preparado para a resolución do contrato do mantemento nas estradas da comarca de Deza, onde a maiores se están executando xa obras de reposición de firme por valor de máis de 500.000 € en Rodeiro e Agolada. “Con iso, subliñou Carmela Silva, aumentaremos os máis de 2,2 millóns de euros aprobados, e haberá moitos máis recursos a disposición da provincia, para as empresas, a reactivación da economía e o mantemento do emprego”.

Deputación e CSIC asinan un convenio para impulsar un estudo sobre a biodiversidade e os produtos locais da provincia

A posta en valor da investigación e da ciencia e a necesidade de coidar a biodiversidade para evitar problemas presentes e futuros, foron hoxe dúas das conclusións compartidas pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a vicepresidenta de Organización e Relacións Institucionais do CSIC, Rosina López-Alonso, na firma dun convenio entre as dúas institucións para impulsar un estudo sobre os produtos tradicionais locais da provincia. Na sinatura, na que tamén participou a deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente Iria Lamas, ambas dirixentes destacaron a necesidade de impulsar investigacións científicas para solucionar problemas que están a incidir e incidirán na vida humana e que sirvan de ferramenta para tomar “decisións intelixentes”.

Carmela Silva quixo facer un recoñecemento ao CSIC. “Sempre foi unha institución imprescindible e orgullo de país pero, agora nestes tempos de COVID, a sociedade xa tomou conciencia diso. É fundamental que o discurso da ciencia chegue á cidadanía”. A presidenta provincial lembrou que “levades moito tempo alertando de que a perda de biodiversidade estaba a afectar moito á sociedade, e que podía a crear problemas como o que temos. Hai que tomar conciencia, engadiu, de que a biodiversidade é un elemento fundamental para loitar contra pandemias presentes ou futuras”.

A presidenta da Deputación tamén enxalzou a importancia do convenio asinado, “moi relacionado ademais co cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030 que para nós é unha prioridade de goberno, e por outro lado nos vai permitir investigar sobre produtos galegos propios da nosa provincia, saudables e de proximidade”.

Pola súa banda a vicepresidenta de Organización e Relacións Institucionais do CSIC Rosina López-Alonso destacou o importante papel da investigación para facer fronte á novas necesidades e crisis que van vir provocadas pola atención que prestemos ao medio ambiente e á biodiversidade. “Se non atopamos unha solución desde a investigación aos problemas que nós temos creado na nosa contorna natural, imos ter unha situación moi difícil”. “A imaxe da investigación revalorizouse coa pandemia terrible que vivimos pero non ten que ser por moda, ten que quedar para sempre”. Respecto ao convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, López Alonso fixo fincapé na necesidade de revalorizar as especies autóctonas galegas, e sinalou que este estudo terá unha aplicación directa en temas como a agricultura, a gastronomía e tamén nas tradicións e cultura de Galicia.

En liñas xerais o convenio asinado entre a Deputación e o CSIC, a través da Misión Biolóxica, que ten un importe de 50.000 euros, permitirá impulsar unha investigación sobre produtos autóctonos e tradicionais galegos como as coles, brécol, nabicol, millo corvo, leguminosas, vide e oliveira, para manter o seu aproveitamento tendo en conta a súa importancia na prevención de pragas e enfermidades. O convenio permitirá xestionar, manter e multiplicar as coleccións de variedades locais galegas; estudios de viabilidade de sementes; planificación de ensaios en campo, invernadoiro e cámaras de crecemento; xestión e control das cámaras de xermoplasma e climáticas de crecemento; multiplicación en campo e invernadoiro de variedades con pouco poder xerminativo; conservación e caracterización da biodiversidade mediante a toma de datos vexetativos e reprodutivos de ensaios en campo e invernadoiro; optimización da colección eliminando duplicados e informatización e documentación de datos.

Nigrán conclúe este venres a entrega a domicilio de fotocopias ao estudantado ante a apertura o luns das copisterías

0

O Concello de Nigrán conclúe este venres o seu servizo de realización de fotocopias e posterior entrega a domicilio para todos aqueles alumnos sen medios técnicos ante a apertura o día 11 das copisterías e a ampliación da mobilidade.

A entrega a familias sen medios económicos será canalizada a través de Servizos Sociais. Ao longo deste tempo a concelleira de Educación realizou máis de 150 achegas á casa dos estudantes de todos os centros educativos do municipio (os propios titores facilitaban ao correo electrónico da edil os documentos que precisaba cada alumno sen medios).

O Punto Limpo do Rosal reabre a vindeira semana con cita previa

0

O Concello do Rosal reabrirá a partir da vindeira semana o Punto Limpo despois de que tivera que ser pechado durante o estado de alarma para evitar e previs contaxios por COVID-19 tanto do persoal municipal como dos usuarios e usuarias. Para evitar aglomeracións e posibles contaxios, o Concello porá en marcha diferentes medidas de precaución, entre elas a necesidade de pedir cita previa para poder acudir a levar os residuos. As persoas interesadas en empregar o Punto Limpo deberán chamar a partir do luns 11 de maio ao teléfono do Concello 986 625 000 extensión 3002 para pedir día e hora no que poderán achegarse ata estas instalacións.

As persoas usuarias deberán acudir ao Punto Limpo no día e hora acordados na cita previa e terán que agardar fóra do portal das instalacións ata que o persoal municipal que os atenda lles indique que poden entrar. Soamente poderá acudir a entregar os residuos unha persoa por vez e, unha vez dentro das dependencias, deberán desinfectar as mans ou as luvas que leven co gel desinfectante dispoñible na propia entrada. Recoméndase ademais o uso de máscaras para unha maior protección.

Por outra banda, os residuos que se vaian levar ao Punto Limpo deben ir separados axeitadamente por tipoloxías para que o persoal municipal indique ao usuario ou usuaria onde teñen que ser depositados procurando garantir sempre a distancia de seguridade.

Dende o Concello agradeceron de antemán “a comprensión e colaboración da veciñanza para que poidan retomarse as tarefas habituais sen correr riscos e contribuíndo a evitar contaxios”.

Así mesmo o Concello do Rosal lembrou á veciñanza que o abandono de residuos como entullo de obras, televisores, pneumáticos, voluminosos, madeira, roupa, chatarra… na rúa “está prohibido e que as persoas infractoras poderán ser sancionadas con multas que van dende os 30 aos 300 euros”.

As alcaldesas e alcaldes do Baixo Miño piden a colaboración da veciñanza para manter limpa a fronte das súas fincas

0

As alcaldesas do Rosal e Tomiño, Ánxela Fernández Callís e Sandra González, e os seus homólogos de Tui e A Guarda, Enrique Cabaleiro e Antonio Lomba, mantiveron esta semana unha nova reunión virtual no marco da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, na que acordaron sacar un bando para apelar á responsabilidade da veciñanza para que esta bote unha man na limpeza das frontes de parcelas que dean á vía pública, habida conta de que, debido á crise do coronavirus, os municipios aínda non teñen funcionando ás persoas contratadas a través do Plan Concellos da Deputación para traballar na rúa, desbrozando ou limpando. A esta situación súmase o feito de que en moitos concellos algúns dos operarios de limpeza son persoal de risco e víronse reducidas as plantillas municipais.

Na videoconferencia houbo tempo tamén para compartir os plans de reactivación económica nos que cada concello está a traballar, e coordinar accións comúns de cara a conseguir a apertura do pass fronteirizo de Cerveira-Goián, que permita ir e vir aos traballadores e traballadoras transfronteirizos, sen ter que desprazarse até a ponte internacional de Tui-Valença. “Continuamos moi preocupados pola situación das persoas que traballan do outro lado da fronteira e o que pedimos é que se habilite outro paso, controlado eficazmente para que só estas persoas poidan cruzar e desempeñar a súa labor profesional, como ocorreu en Villanueva del Fresno (Extremadura), grazas ás peticións do presidente desa Comunidade”, comentaron os rexedores tras a xuntanza.

Asemade, na reunión, os mandatarios falaron das medidas de desescalamento que van tomar respecto dos traballadors municipais; entre elas, a de favorecer o teletraballo, tentando conciliar a vida laboral e familiar dos empregados municipais e ao mesmo tempo volver á normalidade para atender á cidadanía, tanto ás persoas que o necesitan polo tema da crise, coma a aquelas que requiren acompañamento e apoio para reactivar ás súas actividades empresariais e profesionais.

Por último, abordouse o tema dos mercados ambulantes, “que nos parece un lugar complicado para cumprir con todas as medidas de seguridade e desinfección, tal como están configurados eses mercados nos nosos concellos por iso agardamos ter máis instruccións. Estamos dacordo en que as actividades que se vaian reanudando o fagan con todas as garantías para evitar posibles contaxios”, sinalaron os alcaldes e alcaldesas nunha valoración posterior á videoconferencia.-