14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación da un novo impulso no asesoramento TIC ao sector socioeconómico...

    A Deputación da un novo impulso no asesoramento TIC ao sector socioeconómico coa ampliación do programa SmartPeme

    Carmela Silva: “Nestes tempos as TIC son unha ferramenta clave para poder reactivar a actividade económica, manter o emprego e seguir xerando beneficios”

    Co obxectivo de poñer en marcha novos proxectos de Smartpeme destinados a implementar as TIC en novos sectores socioeconómicos, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra da un paso máis no impulso deste programa de asesoramento tecnolóxico ás pemes e persoas emprendedoras e autónomas, coa ampliación do contrato de xestión en case 170.000 euros.

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, detallou que “estes novos programas de implantación das TIC están dirixidos ao terceiro sector, ao turismo, tanto ao persoal técnico como ao sector, e tamén ao comercio minorista. Son moi potentes, engadiu, porque son sectores que van a precisar de ter instrumentos TIC que, nestes tempos, son unha ferramenta clave para poder reactivar a actividade económica, manter os empregos e seguir xerando beneficios”. Sobre a iniciativa destinada ao terceiro sector, Carmela Silva subliñou a súa importancia xa que “é o sector económico que permite que a xente máis vulnerable e a xente que está fóra do mercado laboral, por todo tipo de condicionamentos, poida ter vías de emprego, de xerar actividade e, en definitiva, ter dignidade de vida”.

    Ao través desta nova inxección económica, vai desenvolverse unha carteira de servizos dirixida a entidades deste terceiro sector, impulsarase unha carteira de servizos para o comercio minorista e levaranse a cabo accións de asesoramento e de impulso ao turismo, destinado a persoal técnico dos concellos e persoal do sector. Tamén no turismo, impulsaranse, entre outras accións, novas accións entorno a Turistic, levando a cabo un novo evento Hackathon, neste caso online.

    A presidenta da Deputación tamén adiantou que a mediados de maio porase en marcha un novo proxecto de asesoramento particular e permanente sobre as axudas que están en vigor tanto a nivel estatal como a nivel autonómico, destinado a pemes e persoas autónomas. “Falamos dun servizo de información práctica que permita responder ás súas dúbidas. Hai tantas axudas de diferentes administracións, tantos decretos e tantas normativas que moitas destas pequenas e medianas empresas non poden resolvelas ao non ter a capacidade para pagar a unha xestoría ou a unha consultaría”, dixo Silva.

    Este servizo, que se activará desde o departamento de Emprego da Deputación e desde a Rede SmartPeme, analizará todas as novidades que afecten a persoas autónomas e pemes para poder facilitar este programa de asesoramento e información práctica. “Somos plenamente conscientes de que hai xente moi preocupada e con moitas dúbidas e por iso vamos a traballar para activalo o antes posible”, rematou a presidenta.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.