8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Goberno de Redondela explica á oposición todas as medidas adoptadas dende...

    O Goberno de Redondela explica á oposición todas as medidas adoptadas dende o comezo da crise sanitaria da COVID-19

    As iniciativas desenvolvidas polo executivo que preside Digna Rivas prestaron unha especial atención aos sectores de poboación máis sensibles á enfermidade é as familias e persoas máis vulnerables

    “Dende o minuto un da crise sanitaria, o Concello de Redondela puxo en marcha todos os mecanismos precisos centrados nun único obxectivo: salvagardar a saúde dos nosos veciños e veciñas e axudar aos sectores máis vulnerables”, asegurou a alcaldesa de Redondela Digna Rivas quen explicou aos grupos da oposición, de xeito detallado, todas as medidas que o seu Goberno desenvolvera ante unha situación de emerxencia “nunca antes dada e que, nalgúns aspectos, marcará un antes e un despois”.

    A alcaldesa de Redondela, que fixo un percorrido cronolóxico polas medidas adoptadas, lembrou que no mesmo momento da declaración do estado de alarma “que abría un panorama totalmente descoñecido para as administracións locais”, o Concello procedeu a limitar a entrada aos cemiterios municipais, pechar todas as fontes públicas e interromper todos os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público.

    Tamén, dende o primeiro momento da alerta sanitaria, púxose a disposición do persoal municipal que non podía acollerse ao teletraballo polas características do seu posto, xeles, máscaras e luvas para a súa protección.

    O día 17 de marzo, púxose en marcha o protocolo de actuación do Centro de Información á Muller (CIM) pasando as tres profesionais que traballan nese servizo –psicóloga, avogada e técnica de igualdade– “a unha situación de comunicación permanente por se fora precisa a súa actuación nunha emerxencia tanto de xeito presencial como de atención telefónica ou a través de correo electrónico”.

    Un día despois, o 18 de marzo, e a maiores das medidas de protección que se adoptaron dende o primeiro día, habilitouse un protocolo especial para tanto para a Policía Local, como para o SEIS (Servizo de Emerxencias e Incendios), medida que establecía controis de temperatura corporal, á entrada e saída de cada quenda, a maiores de limpeza e desinfección de vehículos e patrullas compostas sempre polos mesmos/as axentes.

    Neses primeiros días procedíase xa a limpeza e desinfección a fondo dos espazos públicos na contorna de establecementos e servizos que podían abrir as súas portas –ao ser considerados como “esenciais” polo decreto de estado de alarma– e que, polo tanto, tiñan maior afluencia de persoas.

    O 20 de marzo, habilitábase o permiso para que, persoas con discapacidade e un acompañante, puideran circular polas vías de uso público e, un día despois, o 21 de marzo o Concello comunicaba a suspensión de prazos no ámbito tributario.

    Pasados eses primeiros días, o Concello puxo en marcha case que cunha periodicidade diaria, novas accións destinadas a prestar servizos á cidadanía, protexer os sectores máis vulnerables da sociedade e frear a expansión da COVID-19 e, citaba a alcaldesa, entre outras moitas a de determinar que as accións que precisasen a participación de voluntarios e voluntarias “se fixeran por parte de entidades dedicadas e constituídas específicamente para esas accións de voluntariado, ao contar con persoal voluntario debidamente preparado e capaz de facer fronte as diversas situacións que se podían presentar”, explicou a alcaldesa Digna Rivas.

    Asimesmo, o Concello habilitaba a campaña #EstamosConVós, cun teléfono 24 horas para a atención específica de persoas maiores –e polo tanto máis vulnerables– ou pertencentes a colectivos de risco, servizo que se facía coa colaboración de Protección Civil. Do mesmo xeito, púñase en marcha o servizo telefónico de “escoita activa” coa colaboración da Cruz Vermella, para aliviar a situación emocional das persoas durante o confinamento.

    Nesa mesma liña para facer máis doada a estraña situación de confinamento, púxose en marcha a iniciativa solidaria interxeracional coa que se enviaban cartas, debuxos, mensaxes de ánimo, etc,

    Doutra banda, o Concello puxo en marcha campañas dirixidas a fomentar as compras na praza de abastos, posibilitando facer pedidos dende a casa e recolléndoos posteriormente sen esperas nin colas e mesmo con entrega a domicilio. Tamén, coa finalidade de axudar aos establecementos non considerados como “servizos básicos” e que, polo tanto, non podían abrir as súas portas, o Concello de Redondela habilitou unha plataforma online que, baixo o nome de ‘Redondela merca na casa’, permite mercar nos establecementos e que as mercadorías sexan levadas ao domicilio do ou da compradora.

    Pola súa parte, os Servizos Sociais municipais habilitaron dende o primeiro momento, cheques comedor a través dun supermercado de Redondela, para que os nenos e nenas beneficiarios do comedor escolar puideran recibir, nos seus domicilios, menús equilibrados que garantisen unha correcta alimentación unha vez pechados os comedores escolares.

    Tamén pensando nos nenos e nenas, o Concello en coordinación cos centros escolares e seguindo as directrices marcadas polas titoras e titores, encargouse da impresión e distribución a domicilio, das tarefas escolares para o alumnado que non dispuxese na súa casa de ordenador ou conexión a internet. Ese servizo sería ampliado posteriormente co reparto dos ordenadores que os centros escolares fixeron chegar ao alumnado que carecía deles e complementándoo coa compra, por parte do Concello, de routers de conexión a internet para os que careceran deste servizo e facéndose cargo das cotas de conexión ata o remate do curso escolar.

    Pensando nas persoas que, pola súa idade ou o seu estado de saúde, eran “grupo de risco”, foron as destinatarias dunha primeira entrega de máscaras cirúrxicas homologadas que se fixo coa estreita colaboración das farmacias de todo o municipio, reparto que tamén se fixo, casa por casa, á poboación do rural para que puideran contar con medios de protección.

    A maiores de todas as medidas adoptadas, o Goberno local de Redondela seguirá traballando en medidas dirixidas a diminuír o impacto desta crise sanitaria e económica nos sectores máis vulnerables da poboación, motivo polo que en breve procederáse á publicación das bases e convocatoria para a concesión de Subvencións de Axudas Sociais COVID-19.

    Esta iniciativa, explicou a alcaldesa Digna Rivas, “permitirá articular unha serie de medidas urxentes para responder ás necesidades das persoas traballadoras e autónomos máis prexudicados polo dese da actividade laboral provocada pola COVID-19”.

    A alcaldesa Digna Rivas adiantou que “ante o novo panorama que se debuxa coa chamada ‘desescalada’ o Concello irá adaptando, nuns casos, e poñendo en marcha noutros, novas medidas encamiñadas sempre á protección das nosas veciñas e veciños”.

    A alcaldesa de Redondela asegurou que, agora, “toca pensar no futuro” e traballar “na dinamización da economía local” para o que adiantou a posta en marcha de diferentes medidas encamiñadas a axudar a Pemes e traballadores e traballadoras autónomos “medidas que serán consensuadas cos representantes dos sectores produtivos do municipio porque ten que ser un traballo non só do Goberno local, senón de toda a cidadanía no seu conxunto”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.