8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaO Goberno de Baiona explicará aos grupos da oposición o plan de...

    O Goberno de Baiona explicará aos grupos da oposición o plan de seguridade para as praias cara ao verán

    O vindeiro luns, o Goberno de Baiona dará a coñecer aos grupos da oposición as medidas de seguridade que se adoptarán nos areais do municipio, así como nas rúas máis céntricas do casco urbano e naquelas que maior afluencia de persoas rexistran ao longo do día. No que á seguridade nas praias fai referencia, o Concello realizará unha ‘proba piloto’ na praia de Ribeira coa intención de posteriormente, aplicala ao resto de areais con vistas ao comezo da tempada de verán e “para ir recuperando, paulatinamente e con moita precaución, a nova normalidade”, apunta o alcalde Carlos Gómez.

    Trátase de buscar a forma máis eficiente de poder utilizar as praias sen que se produzan aglomeracións e podendo manter as distancias de seguridade. As medidas que adopte o Concello, subliña o alcalde de Baiona, “terán que ter o seu complemento na responsabilidade das usuarias e usuarios dos areais tendo en conta que, para chegar ata este punto, foron necesarios case que corenta días de confinamento cos prexuízos tanto sociais coma económicos que produciu esa situación”.

    Doutra banda, o Goberno local tamén explicará o plan de seguridade previsto para as rúas de Baiona cara ao verán e que se centrará, especialmente, no Paseo de Alfonso IX, rúa Elduayen e as rúas do casco histórico para evitar, ao igual que nas praias, as aglomeracións de persoas.

    As medidas adoptadas nas praias e rúas de cara a garantir o ‘distanciamento social’, terán a súa continuidade co estudo que realiza o Concello para que as terrazas poidan ampliar, na medida do posible, o espazo que teñen asignado.

    Con esta medida o Goberno local busca “contribuír á recuperación do sector da hostalaría que, xunto ao comercio local, é un dos máis duramente golpeados por esta crise”. A ampliación das terrazas permite que os establecementos poidan manter case que o mesmo número de mesas e que, ao mesmo tempo, estas cumpran a distancia mínima de dous metros que establece a normativa “nun intento de minimizar o impacto que as normas de distanciamento social teñen sobre este sector”.

    Non se pode esquecer, di o alcalde Carlos Gómez, “que estamos a falar dun dos enclaves turísticos máis importantes da provincia e de Galicia e, polo tanto, debemos adoptar medidas extraordinarias de cara a manter o nivel de excelencia que nos caracteriza extremando as medidas de seguridade”.

    Para o rexedor baionés agora comézase a camiñar cara á nova normalidade “e precisamos facelo con grandes doses de sentido común e responsabilidade, a mesma da que fixeron gala, con creces, as veciñas e veciños de Baiona durante o confinamento”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.