18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas facilita o distanciamento social dando preferencia ao tránsito peonil no centro...

    Ponteareas facilita o distanciamento social dando preferencia ao tránsito peonil no centro urbano

    Os peóns deberán camiñar pola dereita, a velocidade dos vehículos limítase a 20 km/h e os condutores deberán conceder prioridade aos peóns en calquera punto da calzada. Amplíanse as zonas peonís.

    Trala peonalización dos sábados e festivos iniciada a pasada semana a concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe Roberto Mera dá un paso máis e adopta novas medidas de apoio á mobilidade peonil para garantir o distanciamento social na crise sanitaria. O concelleiro de Mobilidade e Tráfico lembra que “a rede peonil de Ponteareas é raquítica, ocupa só o 28 % do espazo público fronte ao 72 % que acapara o vehículo a motor. Este goberno tiña como obxectivo prioritario cambiar esta situación e a crise sanitaria obríganos agora a adiantar moitas das medidas previstas para os vindeiros anos”.

    A nova medida será adoptada o luns a través dun bando do Alcalde Xosé Represas e consiste en cualificar as vías municipais do centro urbano como rúas residenciais. Esta declaración conleva a limitación da velocidade dos vehículos a motor a 20 km/h. Ademais, os condutores deberán conceder prioridade aos peóns e estes poderán utilizar a zona de circulación aínda que non deben estorbar innecesariamente aos vehículos. Os coches e motos poderán continuar estacionando nos lugares habilitados como aparcamento, agás nas zonas que se ampliarán para o tránsito peonil.

    Complementando esta medida, establécese ademais que os peóns deberán camiñar pola beirarrúa da súa dereita. En consecuencia, a maioría das beirarrúas de Ponteareas serán de sentido único, pero os peóns poderán en calquera punto da calzada cambiar o seu sentido de circulación ou acceder a edificios ou establecementos situados no lado oposto. “Recomendamos que se o traxecto non é moi longo, se atravese nos pasos de peóns, pero os viandantes poderán acceder á calzada en calquera punto con coidado e os condutores deberán circular a 20 Km/h extremando as precaucións e respectando a preferencia dos peóns”, sinala Mera.

    Dúas vías quedan excluídas desta regulación. Por unha banda a N-120 de titularidade estatal e, por outra, a Avenida de Castelao, de titularidade autonómica. Nesta rúa, non haberá preferencia peonil na calzada, pero a anchura das beirarrúas permite a circulación con seguridade nos dous sentidos. Con todo, o goberno local recomenda facelo pola dereita. O Concello solicitou esta semana á Xunta reducir a velocidade máxima de 50 a 30 km/h tal e como prevé o Plan de Mobilidade recentemente entregado ao Concello así como o sobreelevado de todos os pasos de peóns para o calmado da circulación.

    As vías de plataforma única como Oriente, Esperanza, Enrique Troncoso ou Rogelio Groba manterán o seu carácter peonil.

    O concelleiro sinalou que nos vindeiros días instalarase a sinalización tanto vertical como horizontal que recolle a nova regulación. Ademais, engadíu que “estamos revisando todos os itinerarios peonís para que teñan continuidade. Onde non hai beirarrúas ou son escasas estamos creando pasos peonís delimitados”. É o caso de tramos de Emilio Rodríguez, Amado Garra, Rúa Redondela, Concha Brey, Carballos, Castañal, Paseo Matutino, Constitución ou Castiñeira, entre outros, onde se están comezando a delimitar espazos para o paso de peóns e zonas de estancia para as quendas dos establecementos. A medida de coexistencia entre peóns e vehículos implicará o mantemento da meirande parte das prazas de aparcamento.

    Mera adiantou que as seguintes fases de actuación a implementar progresivamente nos vindeiros meses irán referidos a dar seguridade a todos os pasos de peóns, crear novos aparcamentos periféricos e reordenar os sentidos de circulación de diferentes rúas. No primeiro caso os pasos de peóns disporán, como marca a normativa, de 10 metros libres de atrancos visuais como colectores ou coches estacionados.

    Respecto aos aparcamentos periféricos prevese ao longo do ano a creación dun novo aparcamento con varios centos de prazas e a ampliación do de Granitos de Galicia. E en canto aos sentidos de circulación reordenaranse dacordo co previsto no Plan de Mobilidade para gañar espazo a favor dos peóns e evitar o chamado tráfico de axitación, vehículos que en lugar de estacionar nos aparcamentos exteriores entran no centro e dan voltas de forma continua.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.