15.8 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaArranca na rede a escrita de 'Caramomia', a novela xuvenil interactiva promovida...

    Arranca na rede a escrita de ‘Caramomia’, a novela xuvenil interactiva promovida pola Deputación de Pontevedra

    O lanzamento da historia, que escriben xa a 'Oito mans' Ledicia Costas, Daniel Landesa, María Lado e O Hematocrítico, iniciouse en Instagram e se pode ler tamén por entregas na páxina web da institución provincial

    Coa presentación do primeiro dos seus catro personaxes principais, Roque, arrancou hoxe na rede Instagram a novela ‘Caramomia”, a nova iniciativa cultural que promove a institución provincial e que busca implicar á mocidade na lectura a través da publicación por entregas desta historia xuvenil de misterio. Trátase dun proxecto que está asinado a Oito Mans por dúas e dous dos autores máis recoñecidos da comunidade, Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico (pseudónimo de Miguel López) e que se pode ler tamén na propia web da Deputación de Pontevedra. Como explicara a presidenta Carmela Silva na súa presentación, esta iniciativa remarca o firme apoio e o compromiso da Deputación coa cultura e, máis particularmente, cos escritores e escritoras galegos, apostando así mesmo por “un novo modelo interactivo e dixital como instrumento de creación literaria”.

    A historia de ‘Caramomia’, que vai dirixida á mocidade a partir dos dez anos, foi ideada por estes catro creadores nestes días de confinamento e a ficción transcorre tamén na corentena. Está protagonizada por catro rapaces, Roque, Brando, Mafalda e Mabel e, como apunta a súa sinopse, haberá un feito que altere a monotonía dos días de illamento: o roubo dunha valiosa peza do museo. As sospeitas das crianzas xiran en torno á “Caramomia”, para eles unha señora pouco recomendable á que cómpre vixiar moi de preto. Por iso emprenderán unha investigación na que non só van ser eles os protagonistas, senón que tamén o serán os lectores e lectoras da novela, xa que eles poderán decidir como queren que avance a trama e as accións dos personaxes.

    Así, despois dos catro primeiros capítulos (amais dos luns publicaranse o mércores, o venres e o sábado), que servirán para a presentación dos protagonistas e da trama, a partir da semana que ven ao final de cada entrega establecerase, como explicou a autora Ledicia Costas, un sistema de votacións no que se darán opcións para que os e as lectoras decidan por que camiño vai avanzando a resolución do misterio. Amais, destacou tamén que a historia antiga terá “unha importancia moi relevante, de aí o título de Caramomia” e apuntou que o deseño gráfico da novela é de Daniel Landesa.

    Neste primeiro capítulo lanzado na mañá de hoxe a iniciativa arrancou en Instagram con preto de 350 seguidores. A historia publicarase ata o 20 de xuño nesta rede e na web da Deputación, e iranse compartindo tamén os enlaces nos outros perfís da institución provincial nas redes sociais, Instagram, Twitter e Facebook.

    Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico traballarán en equipo e iranse repartindo a escrita dos 24 capítulos desta novela interactiva nun reto que eles definiron na presentación de Oito Mans como “unha aventura” e, ao mesmo tempo, subliñaron que a proposta lles serviu para reinventarse trala situación de confinamento que detivo todas as axendas culturais.

    Carmela Silva anunciou tamén na presentación do proxecto que, unha vez rematada a súa publicación virtual, a idea é que a institución provincial edite en formato papel esta obra. “Estes proxectos tan novidosos teñen que quedar para a posteridade”, apuntou. A presidenta incidiu en que o apoio á industria cultural, “amais de ser unha convicción desta Deputación, a considero unha obriga, aínda agora máis necesaria nesta crise sanitaria, onde a cultura encheu todos os espazos da nosa vida”. E fixo un chamamento a todas as administracións “para que dediquemos unha parte relevante dos nosos recursos á cultura” e ao conxunto da sociedade “para que consumamos cultura”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.