Venres, 28 Marzo de 2025

O mercadillo de Sabarís reinicia a súa actividade o luns 11, de xeito parcial e só con postos do sector agroalimentario

O Goberno local opta por unha apertura gradual deste mercadiño que terá que adaptarse ás medidas de seguridade e distanciamento entre postos establecida no ‘Plan para la transición hacia una Nueva Normalidad’

O vindeiro luns, 11 de maio, o mercado de Sabarís reiniciará a súa actividade, suspendida dende a declaración do estado de alarma no pasado mes de marzo. A reapertura programada polo Goberno de Baiona, realizarase de ‘xeito escalonado’ para poder ir adaptando esta cita semanal dos luns “a esa nova normalidade que nos toca vivir e que, en moitos aspectos, marcará un antes e un despois da crise da COVID-19”, explica o alcalde, Carlos Gómez.

Este primeiro mercadiño trala súa reapertura, estará cinguido exclusivamente ao sector agroalimentario e, en total, se instalarán 20 postos. Non será a única novidade xa que tamén terá un pequeno cambio na súa ubicación, pasando a ocupar o treito da rúa Julián Valverde comprendido entre o cruce coa avenida José Pereira Troncoso e a praza de Vitoria Cadaval.

Cómpre salientar que o Plan para la transición hacia unha Nueva Normalidad sinala que os Concellos, para retomar a actividade dos mercados ao aire libre, deberán garantir “as condicións de distanciamento entre postos” e ademais especifica claramente que ditos mercadillos “deberán estar delimitados para o correcto control do aforo por parte das forzas de seguridade”.

O alcalde de Baiona explica, ademais, que os diferentes postos deberán garantir as medidas de seguridade da sua clientela “poñendo a disposición da mesma luvas e xel hidroalcohólico, dado que estamos a falar de postos agroalimentarios nos que se deben extremar as medidas hixiénicas”. O rexedor local fixo un chamamento “á responsabilidade dos veciños e veciñas” á hora de evitar aglomeracións e tentar manter, “en todo momento, as distancias de seguridade recomendadas nas disposicións do Goberno de España”.

A progresiva ampliación do mercadiño darase a coñecer aos interesados e interesadas coa suficiente antelación quedando, en todo caso, supeditada á situación sanitaria do momento é ás normas ditadas polas administracións competentes.

Estamos “nunha fase moi delicada na que a responsabilidade de todos e cada un dos veciños e veciñas, é fundamental para que poidamos ir saíndo pouco a pouco desta crise”, conclúe o alcalde de Baiona