A Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas vén de animar a toda a cidadanía a participar nas iniciativas ‘Tesouros da Lingua’ e ‘Carvalho na rúa voz’, promovidas con motivo do Día das Letras Galegas que, por mor da pandemia do Covid-19, non poderá contar coas súas tradicionais actividades de rúa o vindeiro 17 de maio.
Por ese motivo, o Concello de Ponteareas aposta pola celebración dun Día das Letras Galegas virtual para lembrar á figura do homenaxeado, Ricardo Carvalho Calero, intelectual e escritor que defendeu e promoveu a cultura e lingua galega.
As iniciativas postas en marcha pola concellería de Cultura serán o concurso “Tesouros da Lingua” no que poderás enviar un debuxo coa túa palabra avorita en galego acompañado do cancelo #tesourosdalingua e a iniciativa “Carvalho na túa voz”, na que os e as participantes gravarán un vídeo coa lectura dun texto da obra ou con algunha frase sobre a súa figura.
As bases poden consultarse na páxina web do Concello ou directamente nesta ligazón https://ponteareas.gal/servizos/cultura/bases-cultura/
Os traballos deben enviarse ao enderezo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.gal
Ademais, a programación deste Mes das Letras da Concellería de Cultura e Lingua inclúe a gravación dun vídeo cunha breve biografía de Carvalho Calero realizado por persoas de Ponteareas.
Así mesmo, a Concellería programa actividades para o tempo de lecer da infancia, como un contacontos en lingua de signos e outros contacontos, actividades musicais a cargo de grupos do noso concello, actividades relacionadas cos tradicionais maios e o anuncio dos gañadores de #OlibrodaTúaVida.