O Concello de Nigrán realizou hoxe un novo reparto semanal de alimentos a domicilio para paliar os efectos socioeconómicos do Covid-19 en 78 familias do municipio, nesta ocasión foron produtos non perecedoiros procedentes dunha compra de 1.000 euros realizada solidariamente pola panadería-confitería ‘La Flor de Nigrán’ e outras catro compras anónimas cun valor aproximado de 300 €. O número de beneficiarios pasou de 21 familias antes da crise sanitaria a 78 na actualidade, todos derivados de Servizos Sociais.
Esta compra altruísta de ‘La Flor de Nigrán’ incluía 80 paquetes de galletas de almorzo, 35 unidades de cacao, 150 latas de peixe en conserva, 60 paquetes de lentellas, 27 de café, 40 de pasta, leite… Todo foi achegado esta mañá aos domicilios polo equipo municipal adicado á axuda a persoas en situación de vulnerabilidade ou especial illamento ante o Covid-19, servizo formado por todo o goberno local.
A semana pasada foi ‘Sal y Laurel’, empresa de Nigrán adicada á venda online a domicilio de peixe e marisco, quen doou 80 kg de cabala fresca; ou a Asociación de Pataqueiros de Xinzo de Limia con 800 kg de patacas ou a outras empresas do municipio colaboran asiduamente desde o inicio da crise, como Huevos El Rancho ou J. A. Blanco Patatas.
“As mostras de solidariedade son infinitas e sería imposible nomear a todas as persoas e empresas que teñen colaborado. Estamos moi orgullosos do comportamento do texido social e empresarial de Nigrán nesta grave crise sanitaria e que, desgrazadamente, conleva tamén unha grave crise económica para moitas familias que están desde hai xa más de un mes sen ingresos”, subliña o alcalde, Juan González, quen incide en que o número de unidades que precisan de alimentos ascendeu de 21 antes da pandemia a 78 na actualidade “pola perda dos postos de traballo que conleva o parón dos negocios”.