O concello de Redondela colabora coas mariscadoras na retirada de algas nos bancos marisqueiros. Concretamente na praia de Cesantes nunha xornada de traballo incansable das mariscadoras de Redondela retirando “abono”, como lle chaman estas mulleres do mar a esta manta de algas que se forma e que pon en perigo os cultivos dos bancos marisqueiros.
O Concello enviou un tractor para facilitar a retirada das algas e levalas a contedores para o seu traslado a un xestor autorizado. Con esta primeira actuación por parte do Goberno local, ponse un marcha unha campaña de colaboración con este sector do mar que continuará noutras xornadas onde sexa posible a retirada das algas. Cómpre salientar que hai zonas onde os medios mecánicos non poden acceder.
Unha colaboración da que se deu conta xa en diversas xuntanzas mantidas pola alcaldesa, Digna Rivas, coa Confraría de Redondela e o sector marisqueiro. Este cadro de colaboración leva estudándose dende o pasado mes de outubro por parte da Concellería de Medio Ambiente que dirixe Roberto Villar.
Este departamento que ten previsto reforzar a recollida de algas que realizan as mariscadoras, unha tarefa que se fai en días concretos e tamén en función das mareas ou das condicións meteorolóxicas.
Este reforzo realizaráse con persoal do Concello cando dean comezo as contratacións para da época estival, persoal que tamén se encargará de retirar e xestionar plásticos ou elementos contaminantes que aparezan nestas xornadas de colaboración.