Luns, 24 Marzo de 2025

EU Ponteareas propón a creación dunha oficina única para todo o relacionado coa crise da COVID-19

Esquerda Unida Ponteareas vén de propoñer ao Concello de Ponteareas a creación dunha oficina única de información con respecto a todo o relacionado coa crise da COVID- 19 “á que a veciñanza de Ponteareas poda recorrer para aclarar as súas dúbidas”. Isto serviría tanto para facilitar a vida da veciñanza como para axudar a que se cumpran as normas por parte da mesma.

Dende o comezo da crise provocada pola pandemia da COVID- 19, dende as distintas administracións, tanto do estado como autonómica e local, estanse a tomar diversas medidas para dar resposta a esta situación.

Isto, apunta Esquerda Unida, “está a xerar unha cantidade inxente de leis, ordes, interpretacións, recomendacións, subvencións e demais normativa que fai que á cidadanía séxalle particularmente difícil facer un seguimento actualizado da realidade normativa na que nos atopamos”. Sendo os concellos as administracións máis achegadas á veciñanza corresponderíalle a estes resolver as dúbidas que vaian aparecendo e garantir con iso que toda a cidadanía acceda aos dereitos que lle corresponden.

Colaboración entre os concellos do Condado da Paradanta

Doutra banda, EU propuxo ao alcalde de Ponteareas que promova unha reunión cos alcaldes dos concellos do Condado e da Paradanta “co obxectivo de poñer en común as súas respectivas realidades para poder explorar as posibilidades de colaboración e de respostas conxuntas co obxectivo de que ningunha persoa quede desatendida”. Unha colaboración neste sentido podería aliviar a carga aos distintos municipios da contorna ao mesmo tempo que serviría de exemplo de traballo solidario, polo que agardamos que o alcalde e o goberno local de Ponteareas teña a ben acoller esta iniciativa.

Esquerda Unida de Ponteareas chama a atención sobre o feito de que “se algo nos está a ensinar a crise provocada pola pandemia do COVID-19, é a importancia das respostas colectivas ante novos retos”.

A actual crise provocada pola pandemia do COVID-19 está a poñer a proba a capacidade de resposta dos concellos ante as dificultades económicas e sociais polas que atravesan as súas veciñanzas nestes momentos. Ademais, hai que ter en conta que a realidade dos distintos municipios é moi diversa, tanto en capacidade económica e de recursos como na situación social. A estas alturas da crise, xa todos os concellos son conscientes das súa capacidade real de resposta ante as necesidades e das carencias materiais, de persoal e de medios en xeral que dificultan a súa xestión.

Neste contexto, o Concello de Ponteareas ten unha especial relación coas localidades da súa contorna, tanto a nosa propia Comarca do Condado como coa limítrofe da Paradanta. Deste grupo de municipios, o de Ponteareas é o que ten máis habitantes e capacidade económica e ao mesmo tempo é o que ten unha poboación menos envellecida.