Mércores, 9 Xullo de 2025

Artesanía de Galicia colabora nunha nova edición do Concurso Rexional de Gaitas de Ponteareas

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asiste mañá á entrega de premios do LIII Concurso Rexional de Gaitas do País, que se celebra na localidade pontevedresa de Ponteareas e que está xa consolidado como un referente no panorama da música tradicional galega. Neste certame, que é o máis antigo de Galicia destas características, participan grupos de gaitas que tocan con instrumentos tradicionais galegos.

Como noutras edicións anteriores, a Xunta colabora a través dos premios que Artesanía de Galicia achega para a agrupación que resulte gañadora desta edición. As pezas consisten nunha gaita elaborada en madeira de granadillo polo obradoiro Gaitas Gil de Ponteareas; así coma un tamboril tradicional para cuarteto elaborado por Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) en madeira de nogueira, pel de cabra, corda de cáñamo e ferraxes de latón. Con estes premios a Xunta quere apoiar aos luthiers galegos e facer promoción do labor e da calidade dos obradoiros artesáns da Comunidade.

Ponteareas adxudica axudas a autónomos e empresas por un total de 180.000 euros

Co obxecto de paliar as consecuencias derivadas da crise provocada pola Covid-19 e minimizar a grave situación económica e social á que se enfrontan os negocios da nosa Vila, as concellerías de Emprego e formación así como Comercio publicaron conxuntamente unhas axudas directas de 500 e 300 euros respectivamente para todas aquelas actividades económicas afectadas pola declaración do Estado de Alarma.

Estas axudas, que foron tramitadas dende o Centro de Desenvolvemento Local, están practicamente resoltas na súa totalidade, tan só están pendentes de resolverse 41 recursos interpostos; o que supón que foron admitidas un 80% das solicitudes presentadas.

A concelleira de emprego e formación, a socialista Vanesa Fernández, indicou que houbo un total de 540 solicitudes das cales foron concedidas 419 o que supón unha axuda directa do concello ás empresas da nosa vila de preto de 180.000 euros. A concelleira sinala que “cumprimos así o noso obxectivo de prestar apoio inmediato ás persoas autónomas e empresas da nosa vila de xeito que permita asegurar a reactivación económica do noso concello”.

Aqueles negocios que por problemas económicos con outras administracións non puideron acceder á axuda posta en marcha polo Concello de Ponteareas serán informados nos vindeiros días de outras posibilidades de axuda. Así, a concelleira socialista Vanesa Fernández sinalou que “dende o centro de desenvolvemento local chamarase a todos aqueles que por débedas non obtiveron a axuda directa pola Covid-19 para informarlles de que poden pedir cita coa asistenta social no concello e ver se encaixan as súas necesidades nas axudas de emerxencia social que se atenden durante todo o ano”. Así mesmo a concelleira de Emprego e formación adiantou que dende a súa concellería xunto coa concellería de comercio estaba a negociarse coa oposición unha nova liña de axudas para a reactivación económica.

A piques de rematar a mellora do Cemiterio Municipal de Torroso

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto co concelleiro mosense da parroquia de Torroso e edil de Urbanismo e Patrimonio, Alberto Méndez, o presidente da Comunidade de Montes de Torroso, Camilo Grandal, e o arquitecto municipal, Manuel Toucedo; visitou o Cemiterio Municipal de Torroso, para supervisar os traballos que se están a acometer no cemiterio e que se iniciaron a semana pasada. A obra marcha a moi bo ritmo e prevese que quede rematada a semana próxima.

Nestes momentos os traballos atópanse en fase de desterre e limpeza da laxa superior, necesaria como preparación previa para poder executar a impermeabilización superior dos panteóns.

A mellora do cemiterio de Torroso consiste na drenaxe de 3 grupos de panteóns pola parte traseira dos mesmos, xa que existían filtracións de auga nos nichos. Deste xeito acométese a impermeabilización da cuberta dos 3 grupos de panteóns. Un dos grupos ten 75 metros cadrados de cuberta e os outros dous 48 metros cadrados cada un. O orzamento a investir nesta obra ascende a 25.000 euros, subvencionado íntegramente pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.

Para elo asinouse un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o Concello de Mos para a execución do proxecto denominado drenaxe no Cemiterio Municipal da Gándara-Torroso.

A maiores desta obra, os veciños decidiron actuar tamén noutra zona para mellorala. Na devandita actuación, consistente en acometer a cuberta de varios panteóns, e que xa se atopa rematada, a Asociación Veciñal actuou como intermediaria, e o Concello realizou tamén a súa aportación, nesta obra que se acometeu a maiores da do drenaxe que está en execución agora.

Convenio coa Xunta

O proxecto denominado drenaxe no cemiterio municipal da Gándara-Torroso, ten como obxecto darlle solución inmediata aos problemas de filtracións e humidades nas sepulturas e nichos do cemiterio, co fin de evitar afundimentos.  A mellora é especialmente importante para a zona máis antiga do cemiterio.

Así pois, o convenio de colaboración entre a administración local mosense e a Consellería de Presidencia responde ao interese público e social que representa a acción de fomento da execución dunhas actuacións imprescindibles para o normal funcionamento da entidade local.

O Concello de Nigrán e a Comunidades de Montes de Camos habilitan un miradoiro no Piricoto do Vilar

0

O Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes de Camos veñen de habilitar un miradoiro no coñecido popularmente como o ‘Piricoto do Vilar’, no parque forestal a beira do coñecido como sendeiro das Medoñas que se inicia en Priegue, atravesa Camos e finaliza en Chandebrito. A infraestrutura de madeira de pino tratada para exterior (encargada a unha carpitentería do municipio e cun investimento de 3.000 €) mide uns 15 metros cadrados e se asenta sobre unha rocha xa frecuentada desde sempre pola veciñanza pola súa sorprendente panorámica de toda a comarca.

Desde ela pódese divisar a parroquia de Camos desde unha perspectiva moi pouco coñecida, coa rúa San Roque e o Torreiro como eixos dunhas vistas que abarcan desde o extremo esquerdo con Chandebrito ata todo o litoral de Nigrán e Baiona á dereita.

“É unha panorámica impresionante, moi pouco coñecida, onde podemos ver Camos e todo o Val Miñor desde unha perspectiva única e case diría que inédita”, incide o alcalde, Juan González, quen encadra a iniciativa na súa aposta por promover “o encanto das parroquias do interior e os seus sendeiros forestais máxicos”.

“Seguimos co noso lema de ‘Nigrán, equilibrio natural’, onde mar e montaña se dan a man en perfecta harmonía”, destaca. “Incentivamos que a xente camiñe polos nosos montes e coñeza a nosa parroquia, é un xeito máis de por Camos en valor”, engade Gerargo Ferreira, presidente da Comunidade de Montes. 

Presentado o spot publicitario promovido pola Concellería de Igualdade baixo o título “Insistir, persistir, resistir e nunca desistir”

Nun acto celebrado a tarde de onte no auditorio do Centro Cultural Municipal, a Concellería de Igualdade e Xuventude do Porriño que dirixe Cami Moreira, presentou o spot publicitario que promove a igualdade no deporte e rachar cos clichés de xénero.

O spot baixo o título “Insistir persistir, resistir e nunca desistir” quere dar a coñecer ás deportistas femininas nos deportes masculinizados como por exemplo o fútbol, e aos deportistas masculinos en deportes feminizados como por exemplo a ximnasia rítimica. Para a realización do spot contouse coa participación de deportistas porriñeses.

“A finalidade desta acción é visualizar, concienciar e loitar pola igualdade, a non discriminación por razón de xénero e erradicar a violencia machista; contribuíndo á normalización da convivencia na diversidade”, manifestou a concelleira Moreira Fontán.

Debido aos protocolos anti-Covid, restrinxiuse o aforo a este acto que se integrou no programa das Festas do Cristo 2020.

Esta actividade financiouse na súa integridade con cargo aos créditos recibidos do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade.

Rexístranse a día de hoxe 11 casos máis activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.317 deles 1.237 son da área da Coruña, 745 da de Lugo, 511 da de Ourense, 611 da de Pontevedra, 406 da área de Vigo, 631 da de Santiago, e 176 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 32 están en UCI, 209 en unidades de hospitalización e 4.076 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 16.297 persoas curadas, rexistrándose 705 falecementos. As dúas últimas persoas falecidas en centros hospitalarios foron, un varón de 89 anos que estaba ingresada no Hospital Lucus Augusti e un home de 86 anos que estaba ingresado no CHUAC. Os dous presentaban patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 416.411.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 3 de setembro, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Descenden a 15 os casos activos de Covid-19 no Rosal

0

Este xoves 17 tivo lugar a segunda reunión por videoconferencia da Consellería de Sanidade cos rexedores dos concellos do Rosal, A Guarda e Tomiño para o seguimento da situación epidemiolóxica nestes municipios. Neste encontro Sanidade facilitou os últimos datos recollidos no Rosal, que reflicten un descenso tanto no número de casos activos como no de persoas en corentena.

 Así, na actualidade no municipio hai 15 positivos e 25 persoas en estreito seguimento. Cabe destacar que se entenden como casos activos no municipio aqueles que foran positivos na proba PCR que aínda non recibiran a alta médica e que teñan o seu médico de cabeceira adscrito ao centro de saúde do Rosal.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salientou a importancia destes datos, que supoñen “unha boa nova. Imos no bo camiño pero non podemos confiarnos, debemos seguir sendo responsables  e extremando as medidas de precaución para evitar novos brotes”. É necesario recordar que o concello do Rosal mantén dende o pasado día 12 medidas restritivas co obxectivo de acoutar ao máximo a expansión do virus, restrinxindo e regulando determinadas actividades.

A Guarda continúa co reparto de material da campaña de concienciación sobre limpeza viaria para propietarios de animais

0

A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda lanzou esta semana unha Campaña de concienciación sobre limpeza viaria para os propietarios de animais que contou con dúas sesións presenciais nas que se informou a preto dun cento de veciños e se entregaron material informativo e botellas de xeito gratuíto.

O pasado mércores día 9 de setembro a tenente de alcalde, Montserrat Magallanes, e a técnica de Medio Ambiente do Concello visitaron a Clínica Veterinaria La Guarda e a Clínica Veterinaria Alameda, así como as tendas especializadas en animais French Can Can e Geni – Perruqueria e estética canina, para informar sobre a campaña e repartir flyers. Ademais estas empresas tamén repartirán as botellas para propietarios de animais de compañía en colaboración co Concello da Guarda.

O obxectivo da campaña é visibilizar o problema e intentar que a xente sexa responsable, de xeito que cando baixe a pasear ao can, ademais das bolsiñas paras as cacas, leven tamén unhas botellas con auga e vinagre para diluír as mexadas nas rúas e espazos públicos.

Esta campaña chama a concienciar á cidadanía que ten cans do problema de limpeza viaria que supón as mexadas destes animais, indicándolles que se deberían priorizar zonas verdes e reixas de drenaxe para que os cans fagan as súas necesidades nestes espazos. Todas as persoas que o desexen poden contactar para recibir a súa botella plegable e ampliar información sobre esta campaña coa técnica de Medio Ambiente do Concello da Guarda no enderezo electrónico [email protected] ou chamando ao 676 674 837, é preciso que presenten a cartilla de vacinación ou o pasaporte do animal de compañía.

Tomiño pon en marcha a redacción do seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible

0

Respaldar a implantación do obxectivo europeo de redución de gases de efecto invernadoiro e adoptar un enfoque común para o impulso da mitigación do cambio climático, serán os fins principais do Plan de Acción polo Clima e Enerxía Sostible (PACES), cuxa redacción está xa en marcha no Concello de Tomiño.

A acción está subvencionada ao abeiro das axudas destinadas a entidades locais asinantes do Pacto das Alcaldías para frear o cambio climático, cun importe de 8.712,00 €.

Este plan incluirá un inventario de emisións de referencia para realizar o seguimento das accións de mitigación e unha avaliación dos riscos e vulnerabilidades climáticas.

Explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro que, segundo a memoria do proxecto de redacción, entre as tarefas a realizar, figura a de establecer estratexias de adaptación e mitigación do cambio climático, proporcionando unha visión a longo prazo para que o concello poida ter un futuro enerxético sostible e moldear o clima. “Nestas estratexias incluiranse todos os proxectos realizados polo Concello, ou os que estean en curso, dende o ano tomado como referencia, así como proxectos futuros que redunden nos Obxectivos Comúns de Desenvolvemento Sustentable”, comenta.

Asemade, terase que incluír información relativa ao fitos clave, sectores prioritarios (edificios municipais e residenciais, transporte, etc.); resultados desexados a nivel social, económico e medioambiental; posible beneficios e oportunidades; establecer un compromiso de redución de emisións de alo menos un 40%, para o ano 2030; coordinar e crear estruturas organizativas dentro da administración local, con persoal específico; tentar implicar á cidadanía na preparación do plan; crear un orzamento e fontes de financiación para a execución e seguimento do plan e avaliar as opcións de adaptación existentes.

O Plan atópase xa en pleno proceso de elaboración, recollida de datos, documentación e finalmente redactarase de aquí a novembro, para ser aprobado logo en pleno, rexistrado na web da oficina europea PACES e posto en marcha.

Un préstamo de 2 millóns de euros permitirá a Ponteareas pagar grandes obras antes de cobrar as subvencións

O Concello de Ponteareas contratará un préstamo de 1.925.000 euros a tan só un ano para adiantar o pago ás empresas que están executando numerosas obras subvencionadas pola Deputación e a Unión Europea. O préstamo cancelarase no intre no que eses organismos paguen ao Concello as subvencións que xa foron concedidas. A operación conta co informe favorábel da intervención municipal.

O alcalde Xosé Represas explicou que Ponteareas, segundo datos oficiais, é un dos concellos galegos con máis obra contratada e en execución e moitas desas obras están financiadas por outras administracións. “Falamos de proxectos como a humanización da rúa Redondela, a mellora do entorno da  piscina, a rede calor ou a praza Bugallal entre outras. Todas esas obras suman máis de 2,5 millóns de  euros de investimento que primeiro debemos pagar para logo recibir os fondos concedidos pola Deputación ou a Unión Europea. Por iso, para dispor desa enorme liquidez e pagar por adiantado debemos contratar un préstamo puntual que só suporá un custo para o Concello en xuros de menos de 1.000 euros”, aclarou o alcalde quen lembrou que “nunca na historia de Ponteareas se contratou tanta obra en tan pouco tempo”.

Represas salientou que conforme aos datos oficiais da contabilidade municipal e que figuran na plataforma do Ministerio de Facenda “os pagos do Concello a provedores no último trimestre reducíuse a tan só 18 dias. Coa operación de crédito que faremos agora continuaremos sendo un Concello exemplar no pago ás empresas e provedores”.

Respecto ás críticas do Partido Popular, que acusou ao goberno de endebedar ao Concello con esta operación e levalo á bancarrota, Represas afirmou que “esas críticas revelan o descoñecemento que o PP ten sobre este tipo de operacións e animounos a informarse mellor lendo os informes da Intervención municipal”. O alcalde engadíu que “o Concello goza dunha espléndida saúde económica porque conseguimos no anterior mandato sacalo da bancarrota na que nolo deixaran os que agora fan críticas infundadas”.

Riders da escola de Ciclismo A.D. Avanza, viaxarán a Valladolid e Granada para participar nos campionatos de España de XCO e BTT descenso DHI

Co ouro conseguido polo rider da escola David Fernández nos campionatos de España de Enduro  aínda quente, varios integrantes da escola entre os que se atopa o mesmo David Fernández desprazáranse ata Valladolid para participar no Campionato de España de XCO onde as cores da escolala de ciclismo Avanza estará presente da man de David Maquieira, Pablo Rodríguez, Adrian Durán, David Fernández, e Luís Fernández “Oli” que acompañaran o tamén rider da escola Gabriel Conde que viaxara a Valladolid da man da selección Galega. Os riders da escola viaxan ata Valladolid cunha boa inxección de moral co ouro obtido por David Fernández fai escasamente uns días.

Xa mais o sur, concretamente en Granada onde se pon en xogo os títulos de campións de España da modalidade BTT descenso DHI, dous riders da escola de ciclismo Avanza voaran polas pistas de descenso de Otivar para tratar de repetir  a fazaña conseguida polo seu compañeiro. Ata Granada vanse desprazar Senén Bastos que viaxara coa selección Galega e André Martínez “Taka” que levara as cores da escola.

A emoción esta servida, os riders da escola inician a súa viaxe coa emoción de emular a fazaña do seu compañeiro, aínda que saben da difilcultade non lles falta a ilusión de que si se pode soñar se pode conseguir. 

Carmela Silva na presentación Play Doc en Tui “estamos ante a mellor edición do festival”

0

“Incluso nos momentos de inquedanza, de cambios constantes, somos capaces de atopar oportunidades e innovar, ser capaces de xerar un produto mellor que antes, e isto é o que pasa este ano coa XVI edición do Play Doc”. Con estas palabras, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, participou hoxe na presentación do festival internacional de cinema, xunto ao codirector do evento, Ángel Sánchez, ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a Coordinadora de Política Audiovisual de Agadic, Dolores Meijomín.

Carmela Silva enxalzou a capacidade do evento, integrado na nova marca provincial de calidade da Deputación “Rías Baixas Film Festival”, para “ligar patrimonio, cine, historia e humanidade” e destacou o esforzo realizado pola organización este ano para manterse, “reinventarse” e adaptarse á situación xerada pola pandemia. A presidenta asegurou que “nunha situación tan complexa, co traballo conxunto das administracións públicas, traballando colaborativamente, e aplicando a cogobernanza,  puidemos conseguir que fora posible, porque había a paixón e o desexo de que Play Doc tivera a súa XVI edición”.  Play Doc, que terá lugar entre o 23 e 27 de setembro en Tui, sitúa á provincia de Pontevedra, tal e como asegurou Carmela Silva, como un espazo “referente, non soamente a nivel galego, senón nacional e internacional”. Neste eido, a presidenta provincial aproveitou a ocasión para poñer en valor ás persoas implicadas na organización do evento, “xente valente que non se rende nunca e mantén as iniciativas culturais, que cre na cultura e no cinema como un instrumento cultural transformador que nos permite analizar o mundo e desenvolver pensamento crítico” .

Neste mesmo eido incidiron tanto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, como o codirector do festival, Ángel Sánchez que destacaron, no caso do primeiro, “a sensibilidade das administracións públicas para sumar esforzos para que puidese seguir funcionado este certame que é unha das grandes fiestras para amosar a cidade de Tui”. Pola súa banda Sánchez subliñou “a empatía” das institucións para poder “adaptarnos e ver o futuro con optimismo”, facendo fincapé na marca “Rías Baixas Film Fest” e na flexibilización das axudas outorgadas pola Deputación, “fundamental para poder continuar nos momentos de incerteza”.

O Festival Play Doc, por mor da covid 19, tivo que reformularse para centrarse na seguridade das persoas asistentes. Ao respecto, contará coas ferramentas postas a disposición pola Deputación no marco do protocolo común que impulsou con medidas de seguridade para os festivais de cinema da provincia. Ademais, e tamén nesta liña de seguridade, o certame de Tui sairá máis á rúa e poderá ser mesmo seguido dende a casa, a través da plataforma de cine en streaming Filmin.

Entre as películas da sección competitiva do Play Doc, moitas delas por primeira vez en España, atópanse “Nunca subí el Provincia” de Ignacio Agüero, “Los poetas visitan a Juana Bignozzi” de Laura Citarella e Mercedes Halfon, “Victoria” de Sofie Benoot, Liesbeht de Ceulaer e Isabelle Tollenaere, e “Suzanne Daveu” de Luisa Homen. Amais, nesta edición amosarase unha das primeiras coleccións de cinema familiar do MOCA, presentarse unha proposta que combina vídeo e intervención escénica a cargo de “Límites”, haberá concertos protagonizados por Baiuca e Laura LaMontagne e unha novidosa ruta turística denominada “Cine-Percorrido. Noite á deriva”.  

Presentado o primeiro equipo do Balonmán Porriño feminino que comeza a súa tempada o vindeiro sábado

O Balonmán Porriño presentou hoxe o seu equipo que xogará unha tempada máis na “Liga Guerreras Iberdrola” da División de Honra feminina que comezará o vindeiro sábado 19 de setembro.

O acto de presentación celebrouse no patio do Centro Cultural Municipal. Por razón dos protocolos anti-covid tan só presentouse o primeiro equipo que este ano denominase “Conservas Orbe Rubensa BM Porriño”. Abel Estévez, presidente do club, agradeceu de xeito especial que o xogador do Celta de Vigo, Rubén Blanco incrementase o seu apoio económico, razón pola que a súa firma incorporase ao nome oficial do equipo xunto con Conservas Orbe que comezou a pasada campaña.

Estévez referiuse ao Concello do Porriño “ao que adicamos este acto para agradecerlle o seu apoio xa que o Concello é o noso principal soporte económico” e definiu os meses anteriores como “moi difíciles ata que soubemos que o equipo non descendería porque non puidemos pelexar pola permanencia nas canchas a causa do parón da Liga que impuxo a pandemia”.

O presidente vaticinou que “este ano se as lesións nos respectan, temos plantel para facer unha boa tempada”.

Equipo Balonmán Porriño

Na súa intervención Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, dirixíndose ás xogadoras, díxolles que “sodes o punto de mira de 10.000 deportistas, xogadores e xogadoras de balonmán que aínda non poden volver á normalidade polo que o voso comportamento e responsabilidade, amosará que o balonmán é un deporte seguro”.

O presidente da FGB garantiu que os protocolos anti-covid que se acordaron coa Secretaria Xeral do Deporte que permiten aforo reducido nos pavillóns, “van funcionar”.     

Asisten ao acto, en representación:

Daniel Benavides, xefe territorial de Deportes da Xunta de Galicia ponderou “a importancia de que levedes o nome de O Porriño, o concello do deporte, que estades mantendo e dando continuidade ao compromiso de moita xente que vos apoia como a Secretaria Xeral para O Deporte”.

Por último, pechou os discursos a alcaldesa Eva García que abundou na referencia á hostalaría local que “realiza un esforzo moi especial”. “Ten moito valor o apoio económico que dan os hostaleiros do Porriño nun intre tan durísimo a pesar de ser un dos sectores máis castigados”.

O Concello incrementa nun 56% o investimento no Servizo de Axuda ao Fogar

0

O Goberno municipal do Rosal continúa coa súa aposta pola mellora dos servizos sociais no municipio. O Concello acaba de aprobar o expediente de contratación do servizo público de axuda no fogar, que contará cun orzamento base de licitación de máis de 255.000 euros, o que suporá un incremento de investimento do 56% con respecto ao último ano natural. O contrato terá unha duración dun ano con posibilidade de prorrogalo dous máis.

A subida de máis de 65.000 euros nesta partida débese, por un lado, ao aumento de horas no servizo. A previsión previsión do Concello é que no vindeiro ano se asignen en total 14.448 horas, das que 12.828 corresponderían a dependencia ordinaria e 1.620 a extraordinaria. Serán en total 3.130 horas máis que no último ano, o que representa un incremento de arredor do 28%. Ata o de agora víñanse prestando unha media de 931,28 horas mensuais que co novo contrato subirán ata as 1.204 horas.

Xunto con este incremento no servizo tamén se rexistrará un aumento no prezo da hora que asume de forma directa o Concello. Se ata o de agora pagábase 13,93 e 15,08 euros por hora ordinaria e extraordinaria, respectivamente, agora o prezo establecerase nos 17,32 e 20,55 euros por hora.

Deste xeito o Goberno municipal segue traballando así por unha mellora continua en Servizos Sociais e na área de dependencia “por unha cuestión de ética e responsabilidade social”. “O Concello asume o incremento de custo porque queremos ofrecer aos usuarios e usuarias un servizo de calidade e chegar a todas as persoas posibles”, asegura a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. “A atención das necesidades das persoas en situación de dependencia é un dos grandes retos da política social e require dunha resposta firme por parte das administracións, sobre todo no escenario actual, cun envellecemento paulatino da poboación e cun crecemento continuo de persoas en situación de dependencia que se viu acentuado na crise sanitaria”, salienta.

O servizo de axuda no fogar constitúe unha peza clave para posibilitar a permanencia das persoas no seu domicilio e na súa contorna, axudando a previr o deterioro persoal e familiar, atendendo ás necesidades do usuario ou usuaria no seu propio fogar, completando e compensando o labor da familia e facilitando a permanencia e a autonomía das persoas nos seus domicilios.

As obras para adecuar o entorno da capela de San Xoán xa están en marcha

0

As obras inclúen a limpeza do ámbito, retirada da capa de formigón do entorno cércano a capela e a colocación de adoquín ou enlosado de granito país, colocación de bancos e dunha Varanda de protección nas escaleira de acceso peonil.

De acometer os traballos encargase unha empresa do Concello de Arbo, tal e como adiantaba o alcalde no plan de reactivación do sector local despois da crise sanitaria ocurrida por mor do COVID.

Na actualidade o entorno da capela de San Xoan atopase moi deteriorado, é por iso que o Concello de Arbo, pretende levar a cabo unha serie de actuación que permiten unha mellor accesibilidade a capela e o seu entorno, coidando as condicións estéticas da mesma.

Con esta actuación pretendese mellorar as condicións estéticas e funcionais do espazo existente no entorno da capela, e facelo máis accesible, informa o alcalde Horacio Gil. Unha serie de melloras que dan resposta a demanda dos veciños e veciñas de San Xoan e que ademais supón  a posta en valor da gran riqueza patrimonial coa que conta o municipio de Arbo e donde ademáis, pretendese evitar situación de perigo, polo que se proxecta a execución dunha pavimentación do ámbito acorde o entorno existente. 

Este sábado arranca de novo o mercadillo semanal dos sábados na Alameda da Guarda

0

O sábado 19 de setembro retómase o mercadillo semanal dos sábado na Alameda da Guarda, só coa instalación dos postos habituais de froitas e verduras, prantas e embutidos.

Dende o consistorio local apélase á responsabilidade individual para que todo funcione de xeito adecuado e coas medidas de protección e prevención axeitadas.

Ponteareas participa na Semana Europea da Mobilidade con diferentes actividades

A Semana Europea da Mobilidade é unha campaña de ámbito europeo destinada a sensibilizar á sociedade sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche nas cidades e vilas, tanto para a saúde pública como para o medioambiente e os beneficios do uso de modos de transporte máis sostíbeis coma o transporte público, a bicicleta ou os desprazamentos a pé. Celébrase desde 1999 do 16 ao 22 de setembro con actividades para promocionar a mobilidade sostíbel. O día 22 ademais celébrase todos os anos o evento “A cidade sen coche” no que en 2019 participaron 3.136 cidades europeas e á que este ano se suma por vez primeira Ponteareas.

A concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe Roberto Mera, en colaboración coas de Mocidade e Vías e Obras, dirixidas por Miguel Bouzó e Chus Garrote respectivamente, desenvolve durante esta semana diferentes actuacións e actividades a favor da mobilidade a pé e en bici.

No día de onte entrou en vigor a limitación de velocidade na Avenida de Castelao a 30 km/h, mediante substitución da sinalización vertical. Deste xeito, as vías urbanas de Ponteareas están limitadas a 20 km/h con prioridade peonil, a Avenida de Castelao dependente da Xunta a 30 km/h e a rúa Real dependente do Ministerio de Transporte a 50 km/h.

Hoxe o concelleiro de Mobilidade Roberto Mera participa na xornada “Por unha mobilidade sen emisións” organizada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Mañá venres instalaranse na nova praza situada na rúa Doutor Fernández Vega, fronte ao mercado, os primeiros aparcadoiros públicos de bicicletas da vila de Ponteareas.

A partires do venres tamén se iniciarán dúas campañas de control do tráfico dirixido a protexer ás persoas que camiñan ou que circulan en bicicleta. Por unha banda, realizaranse controis de radar en diferentes rúas e avenidas da vila para concienciar ás persoas condutoras da importancia de respectar os límites de velocidade en zona urbana. Os controis de radar estarán precedidos de información visíbel na propia calzada. Por outra banda, durante esta semana intensificarase a vixilancia dos pasos de peóns, os cebreados de seguridade para a súa visibilidade, as beirarrúas e os espazos peonís, evitando que os vehículos invadan os lugares reservados para as persoas. Xunto coa correspondente denuncia, os axentes entregarán ás persoas infractoras un folleto informativo baixo o titulo: “As persoas tamén contan, non invadas o seu espazo!” coa intención de concienciar sobre a necesidade de que as persoas condutoras respecten os espazos reservados para as persoas.

O luns a Xunta de Goberno acordará iniciar os expedientes de adhesión do Concello de Ponteareas a dúas redes municipais: a Rede de Cidades que Camiñan e a Rede de Cidades pola Bicicleta.

O martes celébrase o Día Europeo sen Coches e Ponteareas adhírese á iniciativa con varias actividades. Durante todo o día, o establecemento Toñi Porto Bicimecánica ofrece revisión de balde de bicicletas. Ás 16:30 abrirase a ciclovía da Praza da Perillana, unha rúa perimetral da praza que a partires do día 22 pasa a estar reservada de maneira permanente para o uso da bicicleta, permitíndose unicamente o acceso a garaxes a 10 km/h e con preferencia de bicis e peóns. Ás 17:30 na rúa Rogelio Groba iniciarase a actividade “Ponte no seu lugar”, en colaboración con Adapta, coa que os participantes poderán vivir a experiencia das dificultades de mobilidade nunha cadeira de rodas. A partires das 18:00 procederase a pechar ao tráfico a rúa Constitución e a Praza de Bugallal, xenerando un amplo espazo sen vehiculos xunto coa Praza Maior, Rúa da Esperanza e Rúa de Oriente. Nese espazo desenvolverase unha xincana en bicicleta en colaboración co Club Ciclista Ponteareas e Biciebike.

Tras a interrupción por mor da crise sanitaria da COVID-19 a obra da casa que ardera en Pereiras está xa case rematada

0

A familia de Pereiras que quedou sen o seu fogar debido a un grave incendio a finais do ano pasado poderá regresar a ela durante este outono. Os traballos de rehabilitación da vivenda estaba previsto que estiveran rematados no primeiro trimestre deste 2020, o que non puido ser debido á crise sanitaria da COVID-19 e ao estado de alarma derivado da mesma, que obrigou a interromper a obra.

Os devanditos traballos retomáronse tan pronto como se puido e avanzaron a moi bo ritmo durante os últimos meses, atopándose nestes momentos case rematadas, quedando tan só pendentes a cociña e a carpintería.

Para supervisar a obra e comprobar o gran avance da mesma que xa se atopa tocando ao seu fin visitaron onte pola tarde a casa de Pereiras a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro da parroquia de Pereiras, Leo Costas, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, a propietaria da casa, Rosa Groba, xunto cos Presidentes da Comunidade de Montes de Pereiras e da Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, Jorge Lorenzo e Marcos Tourón, respectivamente, membros de Cáritas Pereiras-Petelos, e o veciño da zona que fai as veces de albañil encargado da obra, Raimundo Pérez Rodríguez.

A rehabilitación desta vivenda, afectada por un grave incendio, foi posible grazas á colaboración mediante aportacións altruistas e desinteresadas de empresas, voluntarios, veciñanza, Asociación de Veciños, Comunidade de Montes, Concello e traballadores municipais.

Ademais, o domingo 1 de decembro de 2019 ás 18.00 horas da tarde no Multiusos das Pozas celebrouse un Festival Solidario para recaudar fondos no que se contou coas actuacións tamén altruistas e desinteresadas da Banda de Música Xuvenil de Torroso, A Coral Polifónica Ventos do Val, o grupo de acordeóns Argonat Band e Os Chavellos de Pereiras. Alejandro Pérez foi o mestre de cerimonias, participando tamén de xeito totalmente altruista.

O incendio produciuse na noite do domingo 3 de novembro do pasado ano, afectando á casa de Rosa e a súa familia cun feroz lume que a destruiu case por completo. Desde entón un gran movemento solidario púxose en marcha e veciños, voluntarios de Protección Civil e traballadores municipais volcáronse no desescombro, retirada de entullos, limpeza e posterior inicio da rehabilitación da edificación, que xa se atopa prácticamente rematada. Pola súa banda tamén o Concello de Mos, xunto coa Comunidade Montes de Pereiras, a A.V.V. Nosa Terra e Cáritas organizaron o dispositivo para a volta a normalidade desta familia canto antes.

Na visita realizada onte pola tarde á casa de Rosa a rexedora local mosense agradeceu unha vez máis neste senso o “gran apoio de tantas persoas e desta parroquia de Pereiras que se volcou por completo coa familia e, unha vez máis, demostrou que é todo un exemplo e un símbolo de solidariedade”.

Nigrán propondrá no vindeiro pleno que a IX Edición dos Premios Nigrán se adique a iniciativas solidarias contra a Covid-19

0

O goberno de Nigrán proporá no vindeiro pleno ordinario do 28 de setembro que a IX Edición dos Premios Nigrán se adique a recoñecer públicamente as iniciativas solidarias contra o Covid-19 no municipio para retomar xa no 2021 o formato habitual. Deste xeito, o goberno plantexa que a gala correspondente a este ano (e que non se celebrou en maio debido ao confinamento) se realice no vindeiro mes de outubro e ao aire libre para unha maior seguridade sanitaria, trasladando ao 2021 as propostas de premiados realizadas en xaneiro por diferentes entidades (o goberno trasladou esta petición a inicios de ano a asociacións e partidos políticos, presentando candidatos a premios a A. V. Camoesa, A.V. Monteferro, Partido Socialista, Racing Vilariño, Fútbol   Sala Panxón-Nigrán e OVALMI). 

Asi o explica o goberno local na moción trasladada xa a oposición:

“O 2020 está sendo un ano que quedará marcado na Historia e na memoria de cada un de nos, especialmente os días de confinamento  decretados durante o Estado de Alarma. Vivimos momentos moi difíciles que puidemos sobrelevar e superar grazas a persoas dispostas a arriscar as súas vidas e a amosar o seu lado máis solidario ante as circunstancias máis adversas, motivo polo que, consideramos, o seu compromiso debe ser recoñecido publicamente por este Concello.

Por iso, ante a magnitude desta crise sanitaria sen precedentes, consideramos que, de xeito excepcional, neste ano 2020 debe modificarse a gala dos Premios Nigrán para dedicala integramente á loita contra o Covid-19 no municipio pese que en xaneiro o goberno local xa pedira a partidos políticos e entidades do municipio propostas para a IX edición dos Premios Nigrán.

Consecuentemente e a tenor do exposto, consideramos que as propostas realizadas anteriormente á crise sanitaria por A. V. Camoesa, A.V. Monteferro, Partido Socialista, Racing Vilariño, Fútbol   Sala Panxón-Nigrán e OVALMI deben ser as protagonistas da edición 2021 para realizar nesta de 2020 unha gala especial con seguintes premiados:

  • SOCIAL: Persoal Axuda Domicilio e Traballadores Residencias de maiores de Nigrán
  • SANITARIO: Persoal Sanitario
  • EMPRESARIAL: Pequeno comercio – Caixeiras de Supermercados
  • COMPROMISO: Persoal de Cespa e Aqualia, Policía Local, Garda Civil e Protección Civil
  • EDUCATIVO: Plataforma Solidaria Didáctica Val Miñor – Voluntarias Colexios
  • SOLIDARIEDADE: Empresas e persoas doadoras de alimentos e EPIS
  • PREMIO ESPECIAL: Infancia e maiores de Nigrán

Andainas pola biodiversidade da enseada, novas xornadas na Rede Natura 2000

0

Debido a gran demanda de participantes para as actividades educativas e medioambientais na Rede Natura 2000 a concellería de medio ambiente amplía datas e temario para o mes de Outubro.

Para comprender o seu valor, hai que coñecer e analizar o patrimonio natural.

A ciencia separase en investigación é divulgación. Mentres a investigación fai avanzar o coñecemento, a divulgación intenta expandir na sociedade este novo coñecemento. Neste grupo de expansión atópase a cidadanía, a cal temos que chegar cunha linguaxe próxima e achegada.

Natura 2000 é unha rede europea de áreas de conservación natural. A súa finalidade é asegurar a protección  a longo prazo das especies e o seu hábitat en Europa, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade.

Nos paseos dinamizados por FAIA Educación Medioambiental o participante poderá observar, tocar e escoitar temas sobre a formación das rías, dunas, ecosistemas mariños, grupos de algas, avifauna costeira, as marismas de Soutoxuste, historia evolutiva, xeoloxía e outros temas que que protagonizan a biodiversidade da Rede Natura 2000 da Enseada.

Actividades de balde con prazas limitadas por mor da pandemia da Covid-19.

Tema: “As algas na intermareal”

Datas e prazas dispoñibles :

  • Actividade programada en agosto para o Sábado 19 de Setembro quedan 5 prazas de reserva ( saída 10:30 dende lonxa de Cesantes).
  • Nova data para o domingo 20 de setembro quedan 2 prazas dispoñibles (o resto cubriuse coas persoas de reserva das actividades pasadas) e 5 prazas de reserva dispoñibles (saída 10:30 dende a lonxa de Cesantes).

Novo tema: “A flora das Dunas de Cesantes e o Litoral de Soutoxuste”

Datas e prazas dispoñibles:

  • Nova actividade o Sábado 3 de Outubro todas as prazas dispoñibles máis 5 prazas de reserva ( saída 10:15 dende a punta de Cesantes).
  • Nova actividade o Sábado 10 de Outubro todas as prazas dispoñibles máis 5 prazas de reserva ( saída 10:15 dende a punta de Cesantes).
  • Nova actividade o Sábado 17 de Outubro todas as prazas dispoñibles máis 5 prazas de reserva ( saída 10:15 dende a punta de Cesantes).
  • Nova actividade o Sábado 24 de Outubro todas as prazas dispoñibles máis 5 prazas de reserva ( saída 10:15 dende a punta de Cesantes).

Inscrición de balde

  • En [email protected].
  • No 986 400 300 -Turismo, horario de 11h a 14h
  • Presencial, na Oficina de Turismo do Concello de 11h a 14h e de 15h a 19h.

“ A nosa biodiversidade o seu legado”. Por iso agardámosvos na Rede Natrura 2000 da Enseada para dar un paseo educativo con FAIA Educación Ambiental que dinamizará as actividades.

O número de casos activos por cononavirus en Galicia mantéñense ao redor dos 4.300

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.306 deles 1.236 son da área da Coruña, 772 da de Lugo, 503 da de Ourense, 584 da de Pontevedra, 394 da área de Vigo, 635 da de Santiago, e 182 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 28 están en UCI, 201 en unidades de hospitalización e 4.077 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 16.064 persoas curadas, rexistrándose 701 falecementos. As tres últimas persoas falecidas en centros hospitalarios foron, unha muller de 56 anos que estaba ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro, un home de 56 anos que estaba ingresado no CHOP, e unha muller de 77 anos que estaba ingresada no HULA. Todos eles presentaban patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 410.517.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Na xornada de onte rexistrouse un falecemento en centro residencial. Este tivo lugar na residencia de maiores DomusVi Lugo (Outeiro de Rei).

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 3 de setembro, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

María Xosé Queizán convida a “pensar, gozar e profanar” nunha exposición inédita na sede da Deputación en Vigo

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu a tarde de onte a inauguración da exposición Materiais para pensar, gozar e profanar, unha mostra inédita da obra plástica da escritora, poetisa e ensaísta María Xosé Queizán na que mestura pezas conceptuais e collages con obxectos cotiás, persoais e familiares. “Cambiei o meu modo de comunicar, que é a lingua, por materiais pobres e tanxibles. Expreso ideas tratadas con humor ou retranca, e están presentes a admiración ou a crítica sarcástica”, explicou a autora durante o acto.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou na súa intervención “o talento, a enerxía creativa e o compromiso social” de Queizán. “Vemos de novo o espírito libre, valente e innovador dunha muller extraordinaria. Esta exposición permítenos coñecer unha parte máis das súas inquedanzas persoais, neste caso non mediante a palabra que tan ben manexa, senón por medio doutras ferramentas artísticas”, sinalou a presidenta. 

No acto, con aforo limitado a 30 persoas debido ás medidas de seguridade fronte á Covid-19, ofreceu un pequeno recital musical de Cristal Méndez Queizán, filla da escritora, acompañada á guitarra por Bieito Álvarez Carrero. A mostra, que pode verse na sala Rosalía de Castro da sede, está composta por medio cento de pezas. A súa orixe remóntase a hai máis dunha década, cando a autora empezou a recompilar materiais de todo tipo (caixas, pezas de porcelana, metal, cartóns,…), e con eles deu forma a inusuais e sorprendentes obras de arte ás que outorgou un novo significado. “Entre os obxectos expostos está a bandurria do meu pai, o suxeitador de voda da miña nai, o retrato da tía Marucha ou o coador de café do tíoi Moncho”, contou Queizán, para engadir que a través da exposición “maniféstanse os meus criterios e a miña vida”.

A exposición, que poderá visitarse ata o 29 de outubro na sede viguesa da Deputación (situada na Rúa Eduardo Chao do Casco Vello), descobre unha nova faceta da narradora, ensaísta, columnista e poetisa, que complementa o perfil, xa de por si poliédrico, desta pioneira da narrativa feminina en galego.

“Voz literaria imprescindible e referente feminista”

A presidenta da Deputación resaltou a contribución de Queizán á cultura de Galicia e cualificouna como “unha voz imprescindible na literatura en galego, e un referente no pensamento feminista, unha muller pioneira que marcou o camiño para moitas outras”. Carmela Silva animou á veciñanza a adentrarse no universo persoal da autora a través desta mostra e destacou tamén a aposta da Deputación pola cultura, o compromiso social e a igualdade na súa nova sede en Vigo.

Desde a súa apertura en xaneiro a sala Rosalía de Castro acolleu as exposicións “Sempre marzo” e “8M: a palabra empoderada das mulleres”. Agora estrea “Materiais para pensar, gozar e profanar”, e a súa programación incluirá pronto novas actividades. “Esta é unha sede dinámica, integrada na cidade, que quere contar con todas e todos, e ser un novo referente da participación e dinamización da vida social e cultura de Vigo”, subliñou a presidenta provincial.

Inclúese unha comunidade de augas máis no reparto de subvencións do Concello do Porriño

Finalmente son dez as comunidades de augas de consumo que acadaron subvencións do Concello do Porriño para realizar control sanitario, mantemento de instalacións e reparacións na rede de distribución durante este ano 2020.

Sumouse a comunidade de Chan-Casal-Orbenlle ás nove comunidades de augas beneficiadas das que informamos a finais de xullo e que son: Cerquido; Rozadas-Eirís; Atios; Torneiros; San Jorge-Mosende; Chenlo; Carracido; Budiño-Cruz e Cans.

A comunidade de Chan-Casal-Orbenlle quedou fora por un erro burocrático e atendeuse a reclamación que formulou. Concédenselle 7.813 € de subvención para financiar o 80% do proxecto presentado.

Deste xeito, finalmente, suman un total 59.976 euros as achegas municipais que se repartirán entre as dez comunidades solicitantes, conforme resolución final e definitiva da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.

As achegas maiores corresponden a Cerquido, San Jorge-Mosende, Chenlo e Cans que recibirán o importe máximo que estaba limitado nas bases da convocatoria a 8.000 euros. 

As restantes recibirán: Chan-Casal-Orbenlle, 7.813 €; Atios, 7.647; Rozadas-Eiris, 5.914 €; Torneiros, 2.800 €; Carracido, 2.542 €; e Budiño-Cruz, 1.258 €.

Tui precinta e vala a zona inferior do parque infantil dos xardíns de Troncoso ante os numeros actos vandálicos rexistrados

0

O Concello de Tui procedeu onte ao precintado e vallado da parte inferior do Parque Infantil situado a carón dos Xardíns de Troncoso, no Paseo Familia Álvarez Blázquez. Esta decisión vén motivada polos reiterados actos vandálicos que estaban a rexistrarse nos distintos elementos do parque que foran renovados recentemente tras o seu acondicionamento para cativos e cativas de 0 a 5 anos, cun investimento de 13.752,38 €, e que estaban aínda pendentes de rematar polo que esta zona estaba xa precintada. Pese a iso rexistrábanse pintadas nos elementos de xogo, numerosos desperfectos nos mesmos coa substracción mesmo de parafusos co conseguinte risco que isto pode supor, amais de lixo tirado pola superficie desta área de lecer infantil. É por iso que dende hoxe á cinta de precinto que xa estaba colocada e que reiteradamente era rota, hoxe dende o Concello colocáronse tamén vallas.

[su_image_carousel source=”media: 21135,21134,21132″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Dende o Concello de Tui faise un chamamento á responsabilidade e ao civismo, para que estas instalacións non volvan ser obxecto de actos vandálicos.

[su_image_carousel source=”media: 21125,21127,21128,21129,21130,21131,21136,21137,21138,21139″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Por outra parte dende o equipo de goberno infórmase que a diario se realiza a desinfección dos parques infantís nos municipio, e dos seus elementos, continuando así co protocolo COVID que se puxo en marcha dende a reapertura destas zonas. Lémbrase amais as normas de uso dos mesmos coma desinfección de mans co xel hidroalcóholico, para o que hai dispensadores instalados nas entradas, distancia de seguridade e limitación de aforo cun máximo de dous nenos por xogo infantil e un máximo de 2 persoas por banco público. Nos parques foron colocados dende a súa reapertura o pasado 1 de xullo carteis informativos coa normativa en vigor debido á covid-19.

A Escola de Música de Mos comeza o curso con todas as medidas anti Covid-19 e sen sufrir disminución de alumnado

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto co Presidente da Comunidade de Montes de Torroso, Camilo Grandal, a concelleira de Educación, Julia Loureiro, a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, e o edil da parroquia de Torroso, Alberto Méndez; visitou esta tarde a Escola  de Música de Mos e o Conservatorio Profesional de Música de Torroso, sitos no Centro Dotacional de Torroso, con motivo do comezo do novo curso 2020/2021 que hoxe se inicia “con ilusión e afrontándoo con todas as medidas de seguridade protocolarias ante a COVID-19” segundo declaran desde a directiva do Centro Cultural Recreativo de Torroso.

Pola súa banda a rexedora local mosense quixo expresar “a miña gratitude como alcaldesa, admiración e respecto a todo o equipo humano que traballa na Escola de Música de Mos e no Conservatorio Profesional para ter un icono da música en Mos, concretamente no Centro Dotacional de Torroso”.

O curso musical comeza en Torroso ademais con máis alumnos que o ano pasado, 510 en total, 442 da Escola e 68 do Conservatorio. Mentres que no curso 2019-2020 houbo matriculados un total de 501: 487 na Escola de Música e 14 no Conservatorio Profesional.

Ademais o presente curso comeza cunha importante novidade, consistente en que este ano implántase 5º de Conservatorio con 10 alumnos/as matriculados/as. E ademais, por outra banda, no caso dos máis pequenos da Escola, o curso de ‘Pasiños 1’, conta nesta ocasión con 13 alumnos/as matriculados/as novos/as; trátanse de nenos e nenas de 4 anos de idade, nacidos en 2016.

Neste senso destacar que a directiva do Centro Cultural Recreativo de Torroso inverteu en medidas de protección para garantir a saúde e o benestar dos máis 500 alumnos con que contan.

Visita á Escola de Música

O Centro dispón de dispensadores automáticos, alfombras desinfectantes con zona de secado, mesas individuais para o alumnado, sinalización de entradas e saídas, produtos de desinfección en todas as aulas, equipos de ventilación, mamparas de protección para as aulas onde se imparten as especialidades de vento, contedores con tapa para todas as aulas, carteis informativos e contratación dunha persoa para axudar ó alumnado na entrada e saída das aulas.

Así mesmo a dirección do Centro pide  a colaboración e responsabilidade dos pais e nais para que todo funcione dacordo as normas establecidas e segundo o protocolo.

A dirección quere  recordar que toda a información do Centro,  Escola de Música e o Conservatorio faise a través da aplicación Whastapp para que chegue máis rápido a todos e todas aportando así a nosa axuda o medio ambiente  evitando gastos de papel, por iso a dirección roga a todos os socios que non estean recibindo dita información se poñan en contacto co Centro.

Destacar tamén que o Centro conta cun protocolo de actuación no caso de detección dalgún caso positivo ou sospeitoso, seguindo as instrucións da Xunta de Galicia para centros de ensino, o que suporá unha pronta intervención. Durante a pasada fin de semana un gran equipo humano estivo limpando e desinfectando o Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso polo que quixeron agradecer todo o esforzo realizado.

O pasado mes de xullo asinábase o convenio anual de colaboración entre o Concello de Mos e o Centro Recreativo e Cultural de Torroso para o funcionamento da Escola de Música de Mos (sita no Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso) durante o ano 2019, que implica unha subvención municipal ó Centro como xestor da Escola de 45.000 euros. O importe da axuda establécese en función do número de alumnos da Escola, en concreto a contía anual concedida é a que corresponde ao superar os 140 alumnos/as matriculados/as. Actualmente o número de alumnos da Escola de Música de Mos ascende a 510.

O obxectivo desta subvención de carácter nominativo a favor do Centro Recreativo e Cultural de Torroso para o funcionamento da Escola de Música que leva a cabo dita entidade é o de proporcionar formación musical á cidadanía mosense, así como fomentar entre a mesma a difusión da cultura musical, tan rica no Concello de Mos.

A Escola de Música de Mos é tamén Conservatorio e conta, dende o ano 2003, coa súa propia Banda Orquestra Sinfónica Escola de Música de Mos B.O.S.E.M.M.

A Policía Local de Redondela denuncia a 19 persoas por non contemplar as mínimas medidas de seguridade fronte á COVID-19

0

No espazo de poucas horas, a Policía Local de Redondela procedeu a denunciar a un total de 19 persoas por non adoptar as mínimas medidas de seguridade sanitaria fronte á COVID-19 e non utilizar máscaras de protección. A maior parte das denuncias interpostas tiveron lugar na Avenida Mendiño, nas inmediacións do skatepark, lugar onde “xúntanse case que a diario un cento de mozos e mozas que non manteñen as máis elementais medidas de seguridade establecidas”.

Na mesma liña de intensificación da vixilancia sobre o cumprimento das medidas de prevención contra a COVID-19, os axentes tamén denunciaron a outras persoas en diferentes lugares do casco urbano.

Cómpre salientar que o Concello de Redondela está a desenvolver, en colaboración coa Policía Local, un dispositivo especial de vixilancia con axentes uniformados e de paisano nas zonas máis concorridas e, polo tanto, de maior risco.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, apelou “ao sentido común” á hora de respectar as medidas de prevención “como medio máis efectivo de evitar a propagación do coronavirus”.

O Goberno local lembra que, nestes momentos, Redondela ten un total de 11 casos activos de coronavirus, “unha cifra moi baixa tendo en conta que se está a falar dun municipio de preto dos 30.000 habitantes”.

Esa baixa taxa de contaxios débese, en boa parte, ás medidas preventivas e campañas de información e concienciación realizadas dende o Concello “pero sobre todo, a responsabilidade que amosa a inmensa maioría da cidadanía á hora de observar as normas sanitarias establecidas”.

En todo caso, o goberno de Redondela asegura que non van consentir “que a insensatez e irresponsabilidade dunha minoría poña en risco a saúde de todas as veciñas e veciños” polo que lamentablemente e de ser preciso “pecharíase o skatepark”.

O Concello saca a licitación as obras de reforma da Praza de Abastos do Rosal

0

O Concello vén de sacar a licitación o contrato das obras de reforma da Praza de Abastos do Rosal, unha remodelación interior do mercado sen afección estrutural coa que se busca adecuar o espazo aos novos estándares de confort mediante a redistribución dos postos, o cambio de materiais e de iluminación e a transformación dos servizos existentes. A licitación publicarase este xoves 17 de setembro no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra coas correspondentes especificacións e criterios de selección.

As obras da primeira fase da reforma actual do edificio terán un prazo de execución de dous meses e comezarán a finais de 2020. O valor estimado do contrato supera os 207.000 euros financiados a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, da subvención para proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais de venda de produtos alimentarios de Agader e de fondos propios do Concello.

Con esta remodelación, enmarcado no plan de desenvolvemento local municipal, o Concello aposta “polo comercio de proximidade e pola concepción do mercado como un punto de dinamización económica e social do Rosal”. “Queremos que o Mercado sexa un polo de atracción para novas persoas emprendedoras, para o comercio local e para a propia veciñanza”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O proxecto é froito dun proceso participativo no que praceiros e praceiras, produtores, comerciantes e outros usuarios e usuarias do mercado achegaron o seu punto de vista sobre as necesidades detectadas. A partir de aí elaboráronse os plans de mellora e de usos encamiñados a converter a praza nun mercado de excelencia, o selo posto en macha pola Xunta de Galicia que recoñece a modernización dos mercados e identifica a todas aquelas prazas de abastos capaces de responder aos actuais retos de modernización e innovación sen perder autenticidade e tradición, a proximidade e o trato personalizado.

O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita, horta e flores e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría, despacho de pan e espazo para venda e promoción de produtos locais.

Redondela fai públicos os resultados da enquisa veciñal sobre festivos locais e peche de rúas

0

Dende a Concellaría de Participación Cidadá do Concello de Redondela que xestiona Susana Couñago, realizouse unha consulta popular do 15 de xullo ao 15 de agosto pasados para pulsar a opinión da cidadanía sobre dúas cuestións: a peonalización das rúas do centro e os festivos locais. Esta era a primeira vez que o Concello de Redondela activaba mecanismos formais para preguntar a opinión da veciñanza sobre algún tema.

Festivos Locais

Na enquisa sobre os días Festivos Locais participaron máis de 2.200 persoas finalmente, sendo a opción maioritaria a presentación da enquisa no rexistro do Concello de Redondela con mais de 1.700 rexistros presentados, mentres que máis de 510 persoas cubriron a enquisa de modo telemático. Neste sentido hai que destacar que o Presidente da Irmandade do Santo Cristo dos Navegantes presentou no rexistro do Concello 1.487 enquisas cubertas polos veciños e veciñas de Redondela.

O resultado desta enquisa, e segundo a orde de votación foi o seguinte:

  • Xoves da Coca con 2.124 votos
  • Luns do Cristo con 1.870 votos
  • Martes de Entroido con 287 votos
  • 24 de xuño, San Xoán (Solsticio de Verán), con 129 votos.

Analizando o resultado pode extraerse que a práctica totalidade das persoas que cubriron a enquisa marcaron o Xoves da Coca como día festivo, pero hai diferenzas entre a enquisa presencial, presentada no rexistro do Concello e a enquisa telemática en canto ao segundo día festivo, posto que na enquisa presencial o segundo día foi o Luns do Cristo, mentres que na enquisa telemática o segundo festivo mais votado foi o Martes de Entroido.

Indicar que o establecemento dos días festivos é unha decisión que debe establecer o Pleno do Concello, sendo necesaria a votación maioritaria dos concelleiros/as para a fixación dos días a gozar para o ano 2021.

Peche de rúas

Na enquisa do peche das rúas Alfonso XII e Rúa Ribeira, opinaron un total de 504 persoas, das cales:

  • 284 están de acordo co peche das rúas
  • 220 consideran que a rúa non se debe pechar.

Pódese destacar, da consulta realizada, que a maioría das persoas que votaron a favor de pechar as rúas consideran como fin de semana para pechar as rúas o sábado e o domingo (282 votos), e que a gran maioría está conforme con que se peche o sábado pola tarde (210) e o domingo todo o día (211).

As opinións expresadas pola veciñanza deben ser analizadas co fin de que as medidas que se adopten no futuro sexan o menos prexudiciais posibles.

A concellería de Participación Cidadá quere amosar “o seu agradecemento ás persoas que participaron nestas enquisas, sendo un modo a maiores de participar na vida política e nas cuestións que lles afectan”.

Finalmente, hai que mencionar que todos os grupos políticos do Concello de Redondela tiveron e teñen acceso ao expediente no que constan todos os rexistros presentados polos veciños e veciñas de Redondela

Ernesto Iglesias Alemida, cronista oficial de Tui, presenta hoxe xoves dous novos libros

0

Este xoves, 17 de setembro, ás 20 h no Edificio “Francisco Sánchez” (antiga Área Panorámica) terá lugar a presentación das últimas publicacións editadas polo investigador tudense Ernesto Iglesias Almeida. Trátase de ‘Historia militar de Tui a través de los siglos’ e ‘Os muíños do concello de Tui’.

Con estas obras o cronista oficial da cidade de Tui continúa ampliando o ámbito das súas achegas ao coñecemento da historia e do patrimonio cultural da localidade, combinando sempre o rigor baseado no amplo coñecemento da documentación e a divulgación para achegar a todos os interesados o coñecemento deste amplo acervo patrimonial.

Ernesto Iglesias ten editado máis de vinte libros e innumerables artigos de investigación e xornalísticos nos que aborda diversos aspectos da historia, da arte, da cultura… sempre relacionados con Tui e a súa contorna. Grazas ao seu labor investigador, ligado ao seu traballo no Museo e Arquivo Histórico Diocesano, o coñecemento da historia tudense é moito máis amplo.

En recoñecemento a este amplo bagaxe o Concello de Tui acordou, no ano 2004, o seu nomeamento como Cronista Oficial e entregoulle a medalla de ouro da cidade tudense.

A presentación destas dúas publicacións estará presidira polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González.

Tui acolle este venres un curso sobre a xestión de xuntas reitoras de comunidades de montes

0

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) está a desenvolver este segundo semestre do ano un amplo programa formativo dirixido a mellorar o manexo silvícola do monte. Esta semana ten previsto un curso en Tui no que se abordará a xestión de xuntas reitoras de comunidades de montes. Será o venres 18 en horario de tarde no local social Monte das Penizas.

O obxectivo do curso sobre xestión de xuntas reitoras é revisar os aspectos básicos de cara a mellorar o funcionamento das comunidades. A acción formativa aborda as seguintes cuestións, entre outras: organización e administración da comunidade, lexislación aplicable, planificación da xestións dos recursos do monte e réxime fiscal ó que están sometidas as comunidades de montes.

De cara a garantir a correcta prevención de riscos, todas as persoas asistentes deberán levar mascarilla en todo momento. Haberá ademais xel hidroalcohólico a disposición das persoas asistentes e procurarase no posible manter axeitadas distancias de seguridade.

Os cursos, que contan co apoio de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, son gratuitos, pero é precisa a inscripción previa, ben a través do enderezo electrónico [email protected], ben a través dos teléfonos 986 660 864, 981 564 011 ou 618 752 214.

Na comarca de Vigo, tamén se desenvolverá outro curso o sábado 26 en Redondela, estando aberto xa o prazo de inscripción.

Igualdade informa da apertura do prazo para participar no proceso de selección do programa “Emprégate dende a igualdade”

0

O Concello de Baiona abre o prazo para participar no proceso de selección do  programa Emprégate dende a Igualdade, promovido polo Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades coa colaboración do Concello de Baiona, e a financiación do Fondo Social Europeo.

Dirixido a mulleres paradas de longa duración, vítimas de violencia de Xénero, maiores de 45 anos sen titulación, mulleres con diversidade funcional, inmigrantes, mulleres xoves  e sen cualificación , mulleres responsables de núcleos familiares e pertencentes a minorías étnicas.

O programa persegue os seguintes obxectivos:

  • Incrementar a empregabilidade  das mulleres a través da sua cualificación para o emprego.
  • Promover unha maior participación social.
  • Fomentar a súa autonomía persoal e económica.

O Programa desenvolvese a través dun itinerario integrado e personalizado para a inserción social e laboral, a través de diferentes fases que se suceden a medida que as participantes acadan os obxectivos propostos en cada fase. As actividades desenvolverase  a través do traballo grupal participativo e de titorías individuais .Ten unha duración aproximadamente de 8-10 meses  e desenvolverase nas seguintes fases:

Fase de motivación

A súa finalidade é mellorar a situación inicial coa que parten as mulleres . Nesta fase traballarase a autoestima, adquisición de habilidades sociais e para a aprendizaxe, a autonomía persoal e a motivación  para o emprego.

Fase de información e orientación para a definición do perfil  profesional

O obxectivo é orientar ás participantes no seu proxecto profesional.

Fase de Formación

Nesta fase proporcionase formación regrada e/o ocupacional , en función do perfil profesional das mulleres participantes . Esta fase incluirá tamén prácticas non laborais en empresas de sectores relacionados coa formacion recibida co fin de promover un achegamento práctico ao mercado laboral.

Fase de búsqueda de emprego

As actividades nesta fase estarán dirixidas a informar e asesorar no proceso de inserción laboral no mercado de traballo.

 Máis información contactar co Centro Municipal de Información á Muller (CIM) no telefono 986 35 75 54 .

O barrio da Bouzavedra, en Salceda, completará a súa rede de saneamento

A vindeira semana comezarán as obras do proxecto de ampliación da rede de saneamento de Bouzavedra, na parroquia de San Xurxo, que lle vai permitir a 24 casas contar con este servizo esencial. O proxecto, en marcha xa dende a lexislatura pasada, sufriu un importante retraso por mor da COVID19, pero agora por fin se fai realidade.

Os últimos detalles para o inicio da obra concretáronse esta mañá nunha reunión presidida pola alcaldesa, Loli Castiñeira, con asistencia de parte do equipo de goberno, a empresa constructora, a directora da obra e o xerente do Consorcio do Louro.

O concelleiro de Medio Ambinete, Rubén González, lembraba que “avanzar no saneamento integral de Salceda é unha prioridade para este equipo de goberno, dentro das limitacións orzamentarias continuaremos facendo esforzos xa sexan con fondos propios ou xestionando financiación para levar o saneamento ás vivendas do noso municipio”

Para estes traballos prevese a construción dun colector de 760 metros de lonxitude que funcionará mediante un sistema de bombeo, conectado á rede existente actualmente na zona, e que se realizará na súa totalidade a través de terreos de titularidade pública. O proxecto, que conta cun orzamento de 157.097,18 €, foi adxudicada por unanimidade polo Consorcio do Louro a Construcciones Vale, ten un prazo de execución de 6 meses e será executada cos fondos do Consorcio de Augas do Louro dentro do libro de ruta para a construción de novos tramos de saneamento nos catro Concellos (Salceda, Mos, Porriño e Tui).

O proxecto supón un novo paso na consecución do saneamento integral de Salceda, aínda que lembran dende o Concello que a día de hoxe a Xunta segue sen executar os proxectos de saneamento das parroquias de Soutelo e Entenza, despois de que devolvesen os fondos europeos por non poñer o 20% que lle correspondía á Xunta. Precisamente esta semana dende o Concello remitiuse unha nova solicitude de reunión coa Conselleira, e xa van catro, para tratar sobre esta cuestión, pois ata o de agora ningunha das tres solicitudes anteriores obtivo resposta.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, amosou a súa satisfacción polo inicio destas obras que deixan aos veciños e veciñas do barrio de Bouzavedra en igualdade de condicións, pois ata o de agora sólo a metade alta do barrio contaba con este servizo.

“Seguimos a traballar pola mellora das nosas parroquias –afirmou a rexedora local–, conscientes de que a vida no rural debe ter as mesmas condicións e servizos que a vida no casco urbano, polo que a aposta deste equipo de Goberno seguirá a ser a mellora das sete parroquias de Salceda”.

Finalmente Castiñeira expresou a súa confirnaza en que “a Xunta de Galicia tome nota e poña en marcha canto antes os proxectos para as parroquias de Soutelo e Entenza, despois de que os perdesen por non asumir a súa parte de aportación”.

O PP da Cañiza denuncia que o goberno local contratou as luces de Nadal de 2019 a unha empresa que acometeu a obra de forma supostamente ilegal

0

O Partido Popular denuncia que a empresa que instalou o ano pasado as luces de Nadal na Cañiza, Ximénez, foi sancionada pola Consellería de Industria por non contar co Certificado de Instalación correspondente, xa que se trataba de unha instalación ilegal.

O voceiro local do PP, Miguel Domínguez, afirma que dende o principio existiron moitas irregularidades sobre este contrato: “Piña adxudicou un contrato menor a Ximénez, que á súa vez subcontratou a Iluminaciones Alvaz, que colocou máis luces das contratadas e que foron facturadas aparte”. Polo tanto, segundo Domínguez “pode existir unha clara ilegalidade ao superar o límite de contratación dun contrato menor ou existir un fraccionamento do contrato para evitar sacar a colocación das luces en aberto, o que permitiría que puidese presentarse a concurso calquera empresa”.

Supervisión iluminaciones Alvaz

Por todo isto, INSTALECTRA (asociación de empresarios eléctricos) presentou unha denuncia ante a Consellería de Industria, que realizou unha inspección da instalación feita por Alvaz. As conclusións do informe elaborado tras esa inspección din que non existe solicitude nin autorización para a conexión eléctrica por parte da empresa suministradora ENERGY; que non existen os boletíns da instalación eléctrica para presentar en Industria; tampouco existe certificación da instalación; e que non contaba con toma de terra, co perigo que isto conleva para os veciños, que puideron sufrir un accidente con datos irreparables, valoran os populares.

“Sendo coñecedor desta denuncia, Luis Piña permitiu facer unha instalación ilegal no noso Concello que puxo en perigo aos veciños e veciñas, mentres eles estaban alleos á realidade, con tal de presumir da contratación de Ximénez dicindo que era a mesma empresa que poñía as luces en Vigo.”

A Consellería de Industria sancionou a Ximénez por realizar o alumeado navideño da Cañiza sen o Certificado de Instalación. “Pediremos explicacións ao pleno e veremos si a responsabilidade de Piña queda só aí”, declara Domínguez, que entende que o concello non garantiu a seguridade das instalacións contratadas e feitas en solo público, e polo tanto, a seguridade dos veciños. “A garantía dáse presentando o boletín de instalación en industria, cousa que non se fixo e que o Concello tampouco requiriu á empresa, poñendo en risco a seguridade de todos”.

Aberta a inscrición para as actividades na biblioteca Xela Arias de Chapela

0

Os vindeiros días procederase á realización de dúas actividades na biblioteca de Xela Arias en Chapela, Redondela. O primeiro obradoiro está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos de idade e o segundo é un espectáculo familiar para nenos/as de entre 5 e 10 anos.

Ambas actividades desenvolveranse con todas as medidas de seguridade e hixiene frente ao Covid-19, e terán lugar dentro do programa “Ler conta moito” da Consellería de Cultura e Turismo para a Rede de Bibliotecas de Galicia.

Martes 22 de setembro, de 18:00 a 19:30 h.: Obradoiro de robótica, coa escola Átomos

Robótica na biblioteca é unha actividade que procura a achega dos máis novos e novas ás tecnoloxías do futuro desde o centro cultural que é a biblioteca. Ademáis de aprender fundamentos básicos e coñecer o fondo científico-técnico dispoñible, os e as participantes poderán levar o seu propio robot para a casa.   Dirixido a nenos e nenas de 8 a 12 anos. Entradas limitadas. Inscrición na biblioteca Xela Arias

+ INFO: https://bibliotecasredondela.blogspot.com/2020/09/obradoiro-de-robotica-para-nenos-e.html

Xoves 1 de Outubro, de 18:30 a 19:30 h.: Conto-concerto “Como montar a túa banda”, con Xoán Curiel.

Na biblioteca Xela Arias festexamos o noso 15 aniversario co artista Xoán Curiel, e farémolo no exterior da mesma, no parque do Piñeiral do Crego.

Xoán Curiel ofreceranos un espectáculo participativo onde se mesturan música de diversos estilos (funk, rock, pop, reagge) con elementos teatrais ou “clown”, conducido a través da narración dunha historia moi divertida que orixina o nacemento dunha banda musical.

Espectáculo infantil e familiar, recomendado para nenos/as entre 5 e 10 anos.
É preciso inscribirse na biblioteca.

A Policía Local e Protección Civil de Tomiño reciben formación especializada en violencia de xénero

0

Os integrantes da Policía Local e protección Civil de Tomiño asistiron durante dous días a un obradoiro de formación contra a violencia de xénero, organizado pola Oficina Municipal de Igualdade, co fin de proporcionar aos axentes destes colectivos as ferramentas teórico-prácticas para enfrontarse aos casos de violencia doméstica ou familiar que se produzan no municipio.

Deste xeito, o Concello continúa traballando contra esta lacra da sociedade que cada día se cobra novas vítimas. O taller tivo lugar os días 15 e 16 deste mes, no salón de plenos do Concello.A actividade estivo financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género.

Por outra banda, Tomiño acollerá a inauguración das primeiras Xornadas de formación en LGTBIfobia nos corpos e forzas de seguridade, actividade que foi presentada o pasado venres no Salón de Plenos de Tomiño coa presenza de Xermán Cordero Verde, coordinador da Asociación Trans Miño-LGTBIQ+, organizadora destas xornadas (coa colaboración dos concellos de Tomiño, O Rosal e A Guarda); a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o concelleiro de da Área de Seguridade, Ismael Troncoso.

Segundo expuxo o coordinador da asociación, con sede na Guarda,o obxectivo principal é “o achegamento entre as persoas vítimas dunha agresión por LGTBIfobia e os corpos de seguridade, así coma a formación para recoller os datos necesarios para que a fiscalía poida actuar (FCS). Outros dos fins dos organizadores é “romper cos estereotipos e medos das persoas que sofren este tipo de agresións, por exemplo, á hora de ir a unha comisaría.

As xornadas terán lugar os vindeiros días 22,23 e 24 de setembro nos concellos de Tomiño, O Rosal e A Guarda. O día martes 22, ás 10:30 h será a inauguración no Auditorio de Goián, seguida da primeira sesión formativa. O día 23, ás 11 da mañá impartirase a 2º sesión, no Centro Polivalente de O Rosal, e xa o 24, ás 10:30 h comezará a última xornada formativa, seguida (ás 18.30 h) dunha xornada de portas abertas, e da entrega de diplomas e peche.

O temario das xornadas versará sobre delitos de odio e discriminación, policía e diversidade; método de traballo e boas prácticas policiais, e suposto práctico sobre Análise de custoria. As persoas que desexen apuntarse poden enviar un correo electrónico a [email protected], ou chamar ao 626.420.874.

O Concello do Porriño manifesta o seu orgullo de que unha empresa local sexa a primeira de España en producir unha vacina contra a Covid-19

O Concello do Porriño manifesta “o seu orgullo de que unha empresa asentada neste termo municipal” sexa a primeira de España en producir unha vacina contra a Covid-19. Trátase de “Biofabri”, filial do grupo “Zendal” que foi elixida pola compañía norteamericana “Novavax” para realizar a produción da vacina para a Unión Europea, segundo o acordo anunciado.

“Para Porriño constitúe un motivo de ledicia e satisfacción que unha fábrica asentada en Torneiros reciba esta encarga o que acredita o alto grao de especialización e recoñecemento a nivel mundial que ten a nosa industria”, valorou Eva García, alcaldesa de O Porriño.

Hai que lembrar que no pasado mes de xullo, o ministro de Ciencia, Pedro Duque visitou as instalacións de “Biofabri” en Torneiros, despois da concesión de preto dun millón de euros en subvencións do Goberno de España para continuar esta investigación en vacinas.

A alcaldesa subliñou que a actual fábrica de “Biofabri” e o grupo empresarial “Zendal” ao que pertence “ten as súas raíces nos proxectos de familias como os Fernández López que crearon o grupo Zeltia hai máis de 80 anos”.

Eva García ofreceu a “Biofabri” “toda a colaboración que sexa posible dende o Concello do Porriño”.

A Biblioteca de Nigrán ofrece, dende este venres e ata o 8 de outubro, catro sesións de contacontos infantís no auditorio municipal

0

A Bilioteca Municipal de Nigrán ofrece desde este venres e ata o 8 de outubro catro sesións de contacontos infantís a través do programa de dinamización á lectura ‘Ler conta Moito’. Por cuestións de seguridade sanitaria este ano terán lugar todos no Auditorio Municipal e será imprescindible a incrición previa na propia biblioteca, no correo [email protected] ou no 986 383 979.

O ciclo comezará este venres 18 ás 18:00 horas (todos serán a esa mesma hora) a cargo de ‘Donde viven los cuentos’ coa sesión ‘Daniela Pirata e as mozas pirata’, dirixido a crianzas de 4 a 8 anos. Trátase dun contacontos interactivo baseado no conto ‘Daniela y las chicas pirata’ de Susana Isern, segunda de parte de ‘Daniela Pirata’. A nosa pirata preferida, Daniela, vivirá unha nova aventura co Caimán Negro. Nesta ocasión, coñeceremos ás Pirañas Intrépidas, un equipo de piratas mulleres que conseguirán cumprir as misión de Daniela con máis rapidez e eficacia. Daniela tratará de competir con elas para darse conta ó final de que xuntas son mellores. Unha aventura de cooperación trepidante. Na actividade os nenos acompañarán a Daniela na súa viaxe e experimentarán todas as dificultades que deberá superar.Para iso, xogarán, bailarán e se emocionarán nunha nova aventura pirata con valores moi actuais.

O venres 25 continúa con ‘Unha viaxe para cantar e contar’ tamén a cargo de ‘Donde Viven los cuentos’ e para idades de 0 a 5 anos. Este contacontos é unha viaxe polos sentidos. A través de diferentes contos e xogos con teas, obxectos, luces, sons e música, os máis cativos irán recorrendo na súa barquiña unha chea de illas nas que viviremos aventuras trepidantes o mesmo tempo que aprenderemos conceptos como: as cores, os números, as formas, as partes do corpo.

A terceira sesión será o xoves 1 de outubro con ‘Cinema Marabillas. Ver para ler’, a cargo de Raquel Queizás e para crianzas a partir de 5 anos. Descubriremos a amizade entre o cine e a literatura infantil e xuvenil. Gozaremos coa proxección de fragmentos das primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas nos contos marabillosos e nos libros clásicos da literatura. O obxectivo e facerlles ver que esas historias que coñecen poden contarse de diferentes maneiras. Non faltará aventura, misterio, tenrura, maxia, fantasía e sobre todo moita imaxinación.

Finalmente, Raquel Queizás remata o ciclo con ‘Travesías. Aventuras de libro’ para crianzas a partir de 3 anos. Agardan por nós viaxes cheas de aventuras nas que coñeceremos a nenas e mulleres bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir os seus soños. Ata fai moi pouco tempo os contos infantís reflectían un mundo onde os mozos eran sempre os heroes que salvaban a unha débil princesa. E case nunca aparecían mozas decididas e resoltas. Pero agora podemos contar con contos que transmiten valores de igualdade, de respecto e convivencia entre nenas e nenos e entre mulleres e homes.

Abertas as inscricións para o ‘Trail do Trega’ 2020

0

O  Trail  do Trega, que se celebrará na Guarda o día 11 de outubro, nunha das probas máis importantes polo desafío que afrontarán os participantes nos 14 quilómetros de percorrido. As inscricións xa están abertas na web  traildotrega.com a partir de hoxe e tamén para o roteiro de sendeirismo.

Os organizadores adoptaron todas as medidas de seguridade para os deportistas. Así, estableceuse que as inscricións non poden superar as 300 persoas. As saídas serán graduadas e por quendas. Ademais, a cada participante tomaráselle a temperatura.

Serán 14 quilómetros de percorrido, cun desnivel de 800 metros. Esas son as dificultades que se deben superar. Cada un ao seu ritmo. O aspecto deportivo é importante, pero tamén o turístico. O roteiro na que se desenvolve este acontecemento deportivo é espectacular, unha das mellores vistas que se poden ofrecer en Galicia e tamén no resto de España.

Ademais da proba atlética, tamén se desenvolverá un roteiro de sendeirismo de 10 quilómetros de longo. Unha actividade menos esixente para aqueles que queiran gozar a un ritmo máis lento da aventura.

As inscricións para ambas as actividades pódense realizar xa na web traildotrega.com.

O Concello das Neves cumpre co seu compromiso de asumir as limpezas adicionais e desinfeccións dos centros de ensino

0

O Goberno Local, vai custear os gastos derivados das limpezas e desinfeccións necesarias para cumprir coas necesidades de seguridade actuais. O embolso, por un total de 3.970 € mensuais de gasto adicional ao que xa se vén facendo, inclúe actuacións no colexio, nas escolas unitarias, no Pavillón Municipal, e no Centro de Día.

Faranse 25 horas semanais adicionais de limpeza de reforzo con produtos desinfectantes, no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, e nas Escolas de Educación Infantil de Taboexa e Rubiós. Ademais, quincenalmente levarase a cabo un tratamento desinfección e posterior limpeza á nebulización nestes centros de ensino e no Pavillón Municipal.

Igualmente, tamén se actuará no Centro de Día, onde se realizará un tratamento desinfección e posterior limpeza á nebulización cada quince días.

Pilar González Casas, Concelleira de Ensino e Servizos Sociais, lembra o firme compromiso do goberno en materias clave como Ensino e Sanidade, e que, “a pesar de ser competencias da Xunta de Galicia, non se recibiu ata o momento ningún tipo de apoio económico ou de persoal para poñer en marcha os traballos de limpeza e desinfección necesarios actualmente”.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda segue denunciando o deterioro “dun servizo público esencial para a cidadanía”

0

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda vén de chamar a atención, unha vez máis, polas deficiencias que, dende hai meses padece o Centro de Saúde da Guarda que, dun cadro de persoal de 8 médicos e médicas, na actualidade “dispón soamente de catro e ás veces menos”. A situación que asegura a plataforma, “nunca pode ser aceptable” transfórmase neste momento de pandemia do coronavirus “nunha auténtica irresponsabilidade por parte das autoridades sanitarias da Xunta de Galicia”.

A falta de persoal sanitario –denuncia a Plataforma– “está xerando unha sobrecarga de traballo aos profesionais do centro de saúde que provoca unha atención aos pacientes deficitaria con moitos días de espera para poder ter unha consulta” e aseguran que a veciñanza está a asistir a un “deterioro moi grave dun servizo público esencial para a poboación como é a sanidade”.

“Compartimos o enfado da sociedade guardesa diante desta situación e pedímoslle que dirixa as críticas contra o verdadeiro responsábel, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia” porque, engaden, “sería absolutamente erroneo orientar a nosa indignación contra os traballadores e traballadoras da sanidade” que son, en todo caso, “víctimas igual que os usuarios, dun proceso de recortes na sanidade pública galega”. Nese sentido, lembra a Plataforma, as e os traballadores da sanidade “deben ser os nosos aliados na defensa e na reivindicación dunha sanidade pública galega de calidade”.

Doutra banda, a plataforma quere anunciar a desconvocatoria da concentración que se tiña pensado celebrar mañá xoves, 17 de setembro, “por mor do estado epidemeolóxico da Guarda” se ben adiantan que, en canto a situación o permite “temos previsto realizar unha grande mobilización para denunciar a situación que vivimos e para esixir da Xunta de Galiza o persoal necesario para que o centro de saúde funcione dentro duns parámetros de calidade aceptabeis”.