7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasO barrio da Bouzavedra, en Salceda, completará a súa rede de saneamento

    O barrio da Bouzavedra, en Salceda, completará a súa rede de saneamento

    A vindeira semana comezarán as obras do proxecto de ampliación da rede de saneamento de Bouzavedra, na parroquia de San Xurxo, que lle vai permitir a 24 casas contar con este servizo esencial. O proxecto, en marcha xa dende a lexislatura pasada, sufriu un importante retraso por mor da COVID19, pero agora por fin se fai realidade.

    Os últimos detalles para o inicio da obra concretáronse esta mañá nunha reunión presidida pola alcaldesa, Loli Castiñeira, con asistencia de parte do equipo de goberno, a empresa constructora, a directora da obra e o xerente do Consorcio do Louro.

    O concelleiro de Medio Ambinete, Rubén González, lembraba que “avanzar no saneamento integral de Salceda é unha prioridade para este equipo de goberno, dentro das limitacións orzamentarias continuaremos facendo esforzos xa sexan con fondos propios ou xestionando financiación para levar o saneamento ás vivendas do noso municipio”

    Para estes traballos prevese a construción dun colector de 760 metros de lonxitude que funcionará mediante un sistema de bombeo, conectado á rede existente actualmente na zona, e que se realizará na súa totalidade a través de terreos de titularidade pública. O proxecto, que conta cun orzamento de 157.097,18 €, foi adxudicada por unanimidade polo Consorcio do Louro a Construcciones Vale, ten un prazo de execución de 6 meses e será executada cos fondos do Consorcio de Augas do Louro dentro do libro de ruta para a construción de novos tramos de saneamento nos catro Concellos (Salceda, Mos, Porriño e Tui).

    O proxecto supón un novo paso na consecución do saneamento integral de Salceda, aínda que lembran dende o Concello que a día de hoxe a Xunta segue sen executar os proxectos de saneamento das parroquias de Soutelo e Entenza, despois de que devolvesen os fondos europeos por non poñer o 20% que lle correspondía á Xunta. Precisamente esta semana dende o Concello remitiuse unha nova solicitude de reunión coa Conselleira, e xa van catro, para tratar sobre esta cuestión, pois ata o de agora ningunha das tres solicitudes anteriores obtivo resposta.

    Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, amosou a súa satisfacción polo inicio destas obras que deixan aos veciños e veciñas do barrio de Bouzavedra en igualdade de condicións, pois ata o de agora sólo a metade alta do barrio contaba con este servizo.

    “Seguimos a traballar pola mellora das nosas parroquias –afirmou a rexedora local–, conscientes de que a vida no rural debe ter as mesmas condicións e servizos que a vida no casco urbano, polo que a aposta deste equipo de Goberno seguirá a ser a mellora das sete parroquias de Salceda”.

    Finalmente Castiñeira expresou a súa confirnaza en que “a Xunta de Galicia tome nota e poña en marcha canto antes os proxectos para as parroquias de Soutelo e Entenza, despois de que os perdesen por non asumir a súa parte de aportación”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.