21.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Concello asina a carta de adhesión ao manifesto 'Bibliotecas en Igualdade'

    O Concello asina a carta de adhesión ao manifesto ‘Bibliotecas en Igualdade’

    Redondela é a terceira institución de Galicia que se adhire a este proxecto, de tres anos de duración e que conta financiamento do Ministerio de Cultura

    A alcaldesa de Redondela e concelleira de Igualdade, Digna Rivas, asinou esta mañá a adhesión do Concello ao manifesto ‘Bibliotecas en Igualdade’, un proxecto posto en marcha pola ‘Asociación Clásicas y Modernas’, asociación de carácter nacional que ten como obxectivo acadar a igualdade no eido da cultura.

    No acto de sinatura, a alcaldesa estivo acompañada polo concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa e por Mariana Carballal, socia e representante en Galicia da Asociación Clásicas y Moderna e, de xeito telemático dende Madrid, pola secretaria xeral da asociación, Marina Gilabert.

    Coa sinatura deste convenio que terá validez ata 2022 e que conta co financiamento do Ministerio de Cultura, o Concello de Redondela comprométese a activar unha mirada crítica coa perspectiva de igualdade no eido das bibliotecas e a contribuír a dar unha maior visibilidade ás escritoras.

    Do mesmo xeito promoverase a adquisición de obras de lectura e consulta procurando equilibrio na autoría para reparar o esquecemento e facilitar o acceso ás novidades asinadas por homes e mulleres. Igualmente potenciarase a cooperación e creación de alianzas entre bibliotecas e outros axentes implicados para a optimización dunha nova perspectiva que acabe coa fenda de xénero.

    Redondela convértese na terceira institución galega que participa neste proxecto xunto co Concello de Verín e a Universidade de Vigo. “Non podía ser doutro xeito –afirmou a alcaldesa Digna Rivas– nun concello que ten a igualdade por bandeira e que loita, día a día, por que non sexa só unha palabra senón unha actitude de toda a veciñanza”.

    Esta iniciativa, na que o Concello participará con persoal político e técnico das concellerías de Igualdade e Cultura, é plenamente coincidente coa ‘transversalidade’ que o Goberno local busca en todas e cada unha das súas accións, xa que o traballo de ‘Bibliotecas en Igualdade’ integrará tamén ás concellerías de Educación, Servizos Sociais, Maiores, Normalización Lingüística e Mocidade, amais de axentes externos como centros educativos, servizos sociais e colectivos culturais e veciñais.

    Trátase, explica Rivas, “de involucrar a toda a cidadanía na loita pola igualdade para poder seguir construíndo unha sociedade máis xusta”.

    Como remate ao acto oficial de sinatura, as actrices Casilda Alfaro e Sonia Rúas interpretaron a lectura dramatizada dun fragmento de Voaxa e Carmín de Ester Carrodeaguas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.