Sábado, 15 Febreiro de 2025

A Guarda continúa co reparto de material da campaña de concienciación sobre limpeza viaria para propietarios de animais

A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda lanzou esta semana unha Campaña de concienciación sobre limpeza viaria para os propietarios de animais que contou con dúas sesións presenciais nas que se informou a preto dun cento de veciños e se entregaron material informativo e botellas de xeito gratuíto.

O pasado mércores día 9 de setembro a tenente de alcalde, Montserrat Magallanes, e a técnica de Medio Ambiente do Concello visitaron a Clínica Veterinaria La Guarda e a Clínica Veterinaria Alameda, así como as tendas especializadas en animais French Can Can e Geni – Perruqueria e estética canina, para informar sobre a campaña e repartir flyers. Ademais estas empresas tamén repartirán as botellas para propietarios de animais de compañía en colaboración co Concello da Guarda.

O obxectivo da campaña é visibilizar o problema e intentar que a xente sexa responsable, de xeito que cando baixe a pasear ao can, ademais das bolsiñas paras as cacas, leven tamén unhas botellas con auga e vinagre para diluír as mexadas nas rúas e espazos públicos.

Esta campaña chama a concienciar á cidadanía que ten cans do problema de limpeza viaria que supón as mexadas destes animais, indicándolles que se deberían priorizar zonas verdes e reixas de drenaxe para que os cans fagan as súas necesidades nestes espazos. Todas as persoas que o desexen poden contactar para recibir a súa botella plegable e ampliar información sobre esta campaña coa técnica de Medio Ambiente do Concello da Guarda no enderezo electrónico [email protected] ou chamando ao 676 674 837, é preciso que presenten a cartilla de vacinación ou o pasaporte do animal de compañía.