12.8 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasArtesanía de Galicia colabora nunha nova edición do Concurso Rexional de Gaitas...

    Artesanía de Galicia colabora nunha nova edición do Concurso Rexional de Gaitas de Ponteareas

    A agrupación gañadora do certame recibirá unha gaita do obradoiro Gaitas Gil e un tamboril do obradoiro Sanín Percusión Tradicional

    A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asiste mañá á entrega de premios do LIII Concurso Rexional de Gaitas do País, que se celebra na localidade pontevedresa de Ponteareas e que está xa consolidado como un referente no panorama da música tradicional galega. Neste certame, que é o máis antigo de Galicia destas características, participan grupos de gaitas que tocan con instrumentos tradicionais galegos.

    Como noutras edicións anteriores, a Xunta colabora a través dos premios que Artesanía de Galicia achega para a agrupación que resulte gañadora desta edición. As pezas consisten nunha gaita elaborada en madeira de granadillo polo obradoiro Gaitas Gil de Ponteareas; así coma un tamboril tradicional para cuarteto elaborado por Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela) en madeira de nogueira, pel de cabra, corda de cáñamo e ferraxes de latón. Con estes premios a Xunta quere apoiar aos luthiers galegos e facer promoción do labor e da calidade dos obradoiros artesáns da Comunidade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.