Este xoves, 17 de setembro, ás 20 h no Edificio “Francisco Sánchez” (antiga Área Panorámica) terá lugar a presentación das últimas publicacións editadas polo investigador tudense Ernesto Iglesias Almeida. Trátase de ‘Historia militar de Tui a través de los siglos’ e ‘Os muíños do concello de Tui’.
Con estas obras o cronista oficial da cidade de Tui continúa ampliando o ámbito das súas achegas ao coñecemento da historia e do patrimonio cultural da localidade, combinando sempre o rigor baseado no amplo coñecemento da documentación e a divulgación para achegar a todos os interesados o coñecemento deste amplo acervo patrimonial.
Ernesto Iglesias ten editado máis de vinte libros e innumerables artigos de investigación e xornalísticos nos que aborda diversos aspectos da historia, da arte, da cultura… sempre relacionados con Tui e a súa contorna. Grazas ao seu labor investigador, ligado ao seu traballo no Museo e Arquivo Histórico Diocesano, o coñecemento da historia tudense é moito máis amplo.
En recoñecemento a este amplo bagaxe o Concello de Tui acordou, no ano 2004, o seu nomeamento como Cronista Oficial e entregoulle a medalla de ouro da cidade tudense.
A presentación destas dúas publicacións estará presidira polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González.