“Incluso nos momentos de inquedanza, de cambios constantes, somos capaces de atopar oportunidades e innovar, ser capaces de xerar un produto mellor que antes, e isto é o que pasa este ano coa XVI edición do Play Doc”. Con estas palabras, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, participou hoxe na presentación do festival internacional de cinema, xunto ao codirector do evento, Ángel Sánchez, ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a Coordinadora de Política Audiovisual de Agadic, Dolores Meijomín.
Carmela Silva enxalzou a capacidade do evento, integrado na nova marca provincial de calidade da Deputación “Rías Baixas Film Festival”, para “ligar patrimonio, cine, historia e humanidade” e destacou o esforzo realizado pola organización este ano para manterse, “reinventarse” e adaptarse á situación xerada pola pandemia. A presidenta asegurou que “nunha situación tan complexa, co traballo conxunto das administracións públicas, traballando colaborativamente, e aplicando a cogobernanza, puidemos conseguir que fora posible, porque había a paixón e o desexo de que Play Doc tivera a súa XVI edición”. Play Doc, que terá lugar entre o 23 e 27 de setembro en Tui, sitúa á provincia de Pontevedra, tal e como asegurou Carmela Silva, como un espazo “referente, non soamente a nivel galego, senón nacional e internacional”. Neste eido, a presidenta provincial aproveitou a ocasión para poñer en valor ás persoas implicadas na organización do evento, “xente valente que non se rende nunca e mantén as iniciativas culturais, que cre na cultura e no cinema como un instrumento cultural transformador que nos permite analizar o mundo e desenvolver pensamento crítico” .
Neste mesmo eido incidiron tanto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, como o codirector do festival, Ángel Sánchez que destacaron, no caso do primeiro, “a sensibilidade das administracións públicas para sumar esforzos para que puidese seguir funcionado este certame que é unha das grandes fiestras para amosar a cidade de Tui”. Pola súa banda Sánchez subliñou “a empatía” das institucións para poder “adaptarnos e ver o futuro con optimismo”, facendo fincapé na marca “Rías Baixas Film Fest” e na flexibilización das axudas outorgadas pola Deputación, “fundamental para poder continuar nos momentos de incerteza”.
O Festival Play Doc, por mor da covid 19, tivo que reformularse para centrarse na seguridade das persoas asistentes. Ao respecto, contará coas ferramentas postas a disposición pola Deputación no marco do protocolo común que impulsou con medidas de seguridade para os festivais de cinema da provincia. Ademais, e tamén nesta liña de seguridade, o certame de Tui sairá máis á rúa e poderá ser mesmo seguido dende a casa, a través da plataforma de cine en streaming Filmin.
Entre as películas da sección competitiva do Play Doc, moitas delas por primeira vez en España, atópanse “Nunca subí el Provincia” de Ignacio Agüero, “Los poetas visitan a Juana Bignozzi” de Laura Citarella e Mercedes Halfon, “Victoria” de Sofie Benoot, Liesbeht de Ceulaer e Isabelle Tollenaere, e “Suzanne Daveu” de Luisa Homen. Amais, nesta edición amosarase unha das primeiras coleccións de cinema familiar do MOCA, presentarse unha proposta que combina vídeo e intervención escénica a cargo de “Límites”, haberá concertos protagonizados por Baiuca e Laura LaMontagne e unha novidosa ruta turística denominada “Cine-Percorrido. Noite á deriva”.